Abr 27 2006

14, 25, 26

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:41 am


Abril é o mes máis cruel, reza o verso quizais máis popular de T.S. Eliot. Onte a antonte, 25 e 26, foron días de efemérides, e tamén houbo outra o 14. Para os eses amantes das cifras redondas impulsadas por organizadores de conmemoracións e publicistas, os 75 anos da proclamación da II República Española, os 32 da Revoluçao dos Cravos en Portugal e os 160 dos Mártires de Carral en Carral (Galicia). En España e Portugal celebran dúas eclosións de esperanza, remataran como remataran. Aquí, unha derrota, para variar.
mártires de carral
O único deses momentos históricos que vivín, claro, foi o 25 de abril. Era un rapaz tan rapaz que nin viaxar puiden a Portugal, como os meus maiores, e limiteime a mirar cos ollos abertos e co nariz pegado ó cristal do televisor, como un neno ó escaparate dunha pastelería, aquelas sorprendentes imaxes de militares amados pola xente á que liberaran. Daquilo quedoume o arreguizo de emoción que aínda sinto cando escoito Grândola, vila morena. As sensacións que teño do que foi a II República, que debeu ser en España un momento de euforia semellante, están mesturadas coas da tristeza de como rematou, ou máis ben de como a remataron, á República e a moitos con ela. Tamén se me siguen poñendo os ollos de guerra cando vexo imaxes daquela, ou falo con sobreviventes.
Onte estiven nos actos de conmemoración dos Mártires de Carral e é difícil describir o sentimento que me produciron.

En primeiro lugar quizais por unha certa confusión conceptual. A celebración organízaa tradicionalmente a Real Academia Galega, a pesar que non tén unha connotación cultural, senón política. O parto sanguento do galeguismo, unha revolta liberal que uns intelectuais converteron en algo máis. En segundo, porque é un feito histórico relevante que non sae na historia. Na de España, por suposto, igual que recordo que os comuneros Padilla, Bravo y Maldonado saían no libro da asignatura correspondente, mesmo con ilustración, todos dignos subindo ó cadalso, pero os Irmandiños non aparecían nin polo forro. Padilla & co. teñen unhas excelentes rúas no barrio de Salamanca de Madrid, e os Irmandiños unha un tanto cotrosa –con perdón- en Vigo, que coñecemos gracias á que está na zona das copas. Tampouco está no imaxinario colectivo (a revolta, non a rúa), quizais por un fallo do chamada industria cultural. A revolta de 1846 produciu apenas a obra teatral de Manuel María Abril de lume e ferro. Noutro sistema cultural, a historia duns románticos que durante un mes escaso pretenden erguer unha rebelión polas libertades, o relato das idas e vidas duns exércitos e doutros por Galicia adiante, o retrato descritivo do asalto final a Compostela, casa por casa, e final dramático do asunto, daría para un peliculón. A historia da independencia norteamericana que sae en Revolución non é máis interesante, e tamén comezou como unha revolta contra uns impostos. Pero, claro, alí o chico era Mel Gibson.
braveheart
Evidentemente, a culpa non é de Mel Gibson ou da súa falta, ou de que escollera a figura de Braveheart e non a de Pardo de Cela para facer unha superproducción. Quizais é que a ninguén lle apeteza conmemorar derrotas. Pero o bo de non ter victorias que celebrar é que tampouco tés víctimas ás que procurar esquecer.

(xoves, 27 de abril de 06)


Abr 25 2006

Pedir

Categoría: Si home sisihomesi @ 11:34 am

A Xunta debería axudar á musica galega. Non é menos certo que a Administración ten que facer unha aposta decidida polos proxectos de investigación punteiros. E non cabe dúbida de que as institucións deberían apoiar as empresas que levan por aí adiante a bandeira da nosa creatividade. Todos de acordo, supoño, incluído eu. De feito, estaba de acordo con todas estas peticións cando as escoitei días pasados das respectivas bocas dos interesados. Pero algo debeu pasar, quizais escoitei demasiadas e demasiado xuntas, que non as dei dixerido de todo, e aínda me repiten.

Non sei por que, dado que calquera sociedade civilizada considera lóxico promover as actividades culturais, claro que dependendo. Por exemplo, os escritores non reclaman que se cubran as súas necesidades, posto que é xente que se apaña cun bolígrafo e uns folios, e danse por contentos se hai unha certa actividade de conferencias e congresos para verse cos colegas e liberarse momentaneamente da dura soidade da mesa. Ídem de lenzo –nunca mellor dito- os pintores, a pesar de que o material é considerablemente máis caro, ou os músicos, en igual situación. Todos estes solicitan, como moito, oportunidades de formación e infraestructuras para que os resultados da súa creatividade cheguen ó público, e xa postos, uns premios para tapar buratos (económicos ou de inseguridade). Xa sei que a realidade concreta de cada sector é ben máis complicada, pero en xeral non se me ocurre que outras axudas precisan (ben, por exemplo, unha si: locais de ensaio para os grupos). En todo caso, hai proxectos determinados –por novedosos ou por arriscados- que paga a pena apoiar economicamente, igual que non queda outra, tal e como está a cousa aquí, que subvencionar xéneros enteiros como a ópera ou a música clásica, pero ignoro a eficiencia cultural de gravarlles discos a grupos para logo andar amolando administrativamente os sitios de concertos en directo. Ou en correr coas seguras perdas de actuacións de fenómenos comerciais de por si omnipresentes como Shakira.
Evidentemente, os cartos gastados no que se considera cultura son o chocolate do loro, o mesmo que os dedicados á investigación. Pero eu supoño que quen precisan axuda –axuda e non o que hai- son os investigadores, ou proxectos ou liñas de investigación concretos, e ignoro a razón de que haxa que subvencionar ás empresas que satisfan as demandas de ocio do persoal e non ás que remedian as necesidades alimenticias. Claro que a historia recente, e moito me temo que o presente, está chea de exemplos de que se lle deu a quen lle petou ó que daba. E que as institucións financeiras á hora de prestar miran máis os apelidos que as iniciativas. E por riba, que aquel prócer que máis se significara nos últimos tempos contra as subvencións descubríronlle un buratiño de mil millóns de pesetas sachado precisamente a base de axudas públicas. Ou sexa que posiblemente en non teña razón ningunha.
(Por certo, por se a algunha institución lle interesa, facer estas trangalladas de indubidable interese cultural e de investigación social pioneira suponme unha chea de tempo e esforzos. Máis vale pedir que roubar)

(martes, 25 de abril de 2006)


Abr 24 2006

Outra vez

Categoría: Non sei eu...sihomesi @ 10:35 am

Esta noite, HAI DEBATE outra vez (a ver que pasa coa perna)


Abr 22 2006

Vente pa Galicia, Bassi!

Categoría: Xeralsihomesi @ 3:34 am

Como din os medios serios, unha aportación ó debate (espero que permanente) da marbellización


Abr 20 2006

Especificidades

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 12:30 am

o home da macheta
Estes días rexurdiu o eterno debate da especificidade ou non especificidade –a maneira non insolidaria e non excluínte de dilucidar se somos diferentes ou non- a conta dos accidentes. Se nos matamos máis por ser específicos sen recoñecer ou por directamente burros ó volante. Como o asunto dará moito máis de si cando o ministro Sevilla dea permiso, eu poño riba da mesa unha especificidade clara e indiscutible que descubrín mesmo antonte, aínda que xa había síntomas: os nosos sucesos son completamente específicos e propios, singulares sen deixar de ser plurais.

A nosa crónica negra non é específica, etc. nos resultados, evidentemente, xa que a morte é do que máis iguala. Pero si en como son asumidos polos protagonistas e polos que no argot se chama “testigos presenciales (é decir, todo aquel que pasa por alí e se deixa entrevistar). Sabido é que nas zonas do centro-sur, de clima cálido e grande consumo televisivo, a tendencia natural de protagonistas/transeúntes é asumir o seu papel e facer declacións sentidas, chorar, escenificar trifulcas e mesmo nunha hemorraxia de protagonismo, aplaudir nos enterros das víctimas. Aquí sempre se cultivou, tanto polos medios como polos p/p o que se chama unha tradicional reserva. Xa non é así, o mundo evoluciona, pero non cara os usos meridionais. O outro día fun a X, fermosa vila mariñeira, a ver que pasaba cun truculento suceso. Segundo as primeiras informacións A denunciara a B e C por telo dous días secuestrado na casa de C, sometidos a abusos sexuais e torturado. Un amigo veciño de X levoume a onda C, que estaba agardando o coche de liña para ir á capital comarcal a pola dose de metadona cotiá. Mentres o meu colega lle pedía ó chófer do bus que agardara un chisco, C contou á cámara con todo luxo de detalles e de descricións e que tiña fotos comprometedoras de A, e que A lle tiña proposto facer de cómplice nunha actividade de serial killer (deglución post mortem de membro apuntado incluída). Como lle dixo que non, apareceulle pola noite á casa, fíxolle outra boca dunha navallada e teríao matado se non fose porque B, que estaba vendo a tele dentro, acudiulle, e entre os dous, coa axuda dunha macheta (“démoslle, sentín un crac, e pensei que fora a perna del, pero fora o mango”) dérono reducido ata que chegou a garda civil. Todo isto mentres os demais viaxeiros agardaban pacientemente.
No tendal exterior da humilde casa dos feitos, en efecto, penduraba unha cazadora vaqueira lavada pero con manchas de sangue aínda evidentes (o marxinal non quita o limpo). A veciña e moi amiga da nai de C, unha señora de idade, dixo na porta o que vira, que era pouco, pero mandounos pasar dentro para contarnos como a atracara había un mes o irmán de B, como a atou e tirou con ela (“a baticóns”, na súa expresión) mentres ela lle decía “coñézote como a ruda, eres o neto de X, e de aquí non saes rico”. Tanto llo dixo, que o irmán de B, farto, contestoulle: “non señora, non son tal, que son de fóra”. En fin, unha de Tarantino, en expresión do meu colega.
Pois estes son ben pouco específicos, que se explican de medo, dirán vostedes. Non. Non había drama ningún nos relatos (“a verdade é que eu tomeino a coña”, decíame a vella) e sobre todo, cando lle preguntei ó meu amigo que se comentaba no lugar, díxome: “a xente esmendréllase de risa. Como non houbo mortes…” Como ven, non hai materia para magazine matinal.

(xoves, 20 de abril de 06)


Abr 18 2006

Tráfico

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:33 am

meis

A todos se nos encolleu o espírito cos accidentes de tráfico desta semana santa, incluso cos espíritos previamente encollidos polo despliegue de capuchóns, sangue, fervor e lágrimas que inundou as televisións estes días. Como estas vacacións non teñen fío conductor ningún –nin o sol/mar do verán, nin a familia/regalos do Nadal- o tráfico e as súas circunstancias –número de desprazamentos, puntos negros, operacións antes de entrar deixen saír- etc., é o protagonista mediático desta época, pero aínda así, a sinistralidade que houbo estes días é unha traxedia.

De feito, a campaña da DGT, (“¿ten pensado morrer de accidente nestas vacacións”) era ben besta, tanto porque era real no fondo como algo frívola na forma. O mesmo que aquela mensaxe nos letreiros electrónicos que indicaba “105 mortos Semana Santa 2005”, que parecía tanto unha advertencia como unha chamada á competitividade. “A campaña é algo salvaxe, pero é que non hai maneira de meterlle na cabeza á xente que a maior responsabilidade é dela”, decíame un experto do sector. De feito, no máis tremendo dos accidentes en Galicia, nese no que un mozo de 18 anos sen carné pero con coche propio matou a catro motoristas e á súa propia nai, polo que se sabe é difícil atopar outro culpable que el propio. Ben, el e quen lle mercou o coche, e o deixaba guiar habitualmente, mesmo para levar á súa irmá pequena ó colexio, segundo calaron os veciños. Por non falar deses compañeiros seus, que pasaron o trago do enterro ameazando polo baixo á televisión, como se desta vez tivera a culpa de algo. Non parece que en casos coma este sirvan de moito campañas, clases de educación viaria e similares medidas preventivas.
Por esta razón, porque é un problema irresoluble, é sorprendente que a actual Xunta (a anterior debería reflexionar sobre ese modelo de vías rápidas que construíu no Salnés e no Barbanza) solicite as competencias de tráfico, aínda que habería que ver se neste tema, como nos demais, aquí nos dan os medios proporcionais ó tamaño do problema ou para ir tirando-total-como-non-se-queixan. En Galicia teño claro que as competencias de tráfico deberían ser transferidas ós concellos, sobre todo ós pequenos. A maioría das mortes de rapaces prodúcense cando van ou veñen –normalmente veñen- das copas, actividade que nunha cidade se pode acometer a pé ou en taxi, pero no rural ou semiurbano, non. Así que ninguén mellor que as autoridades locais, que coñecen as idas e vidas, atallos e pistas, para controlar os desprazamentos da mocidade.
-¡Alto aí, Menganiño!” –pararía o alcalde ou concelleiro de Tal á xente nova que se dispuxera a montar no GTI- ¿Onde pensas que vas? -Vou un momentiño a Cal, que quedei cos colegas -respondería o sorprendido rapaz.
-Diso nada, pousa o coche e quedas por aquí a mazarte, se queres.
-E que aquí non hai ambiente ningún -rosmaría o contrariado
-Claro, ¿como o vai haber se vos ides todos por aí? –concluiría, chea de razón, a autoridade.
E así paliaríanse dous problemas: o dos accidentes e o da falta de dinamización das pequenas vilas, aínda que quizais repuntase o da escaseza de vodas e a caída demográfica. A algúns esta proposta pareceralles unha frivolidade, pero as medidas de verdade, como os controis automatizados das infraccións, endurecemento do código penal, transporte público en serio, son máis caras e menos populares.

(martes, 18 de abril de 06)


Abr 17 2006

Dinamización do interior

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:30 am

dinamic

Aproveitando a Semana Santa, comprobei os primeiros resultados das políticas de revitalización da Galicia interior


Abr 13 2006

Submundo

Categoría: Si home sisihomesi @ 8:40 am

Esta semana tiven unha especie de revelación, ou mellor, de confirmación do que xa intuía. Resulta que o gañador do concurso de blogs ou diarios persoais en internet que organiza o xornal gratuíto 20minutos, na categoría –de título un tanto esferolítico- de “Mejor blog en otras lenguas constitucionales distintas del castellano” foi Días estranhos, de Martín Pawley. Tamén que saíu o número 7 de Barsowia, a revista de cómic que edita o grupo Polaqia. Nunha intranscendente conversa de pub souben que o último disco da banda de rock sureño Sugar Mountain lévao unha distribuidora norteamericana, así como da existencia de dúas interesantes longametraxes independentes feitas. Non, non é que caira no vicio gremial de aproveitar as columnas para promocionar productos culturais dos amigos. De feito, á maioría nin os coñezo. Nin vostedes tampouco. E aí está o caso: do mellor e do máis creativo de Galicia vive no submundo.

Por se non me expliquei ben unha vez máis, o tal Martin Pawley é un rapaz coruñés que si conquistou os votos dos chamados cibernautas de España toda non foi porque teña unha web moi mona chea de cibertrebellos, senón porque fai critica cinematográfica, musical, literaria, política, social e persoal con máis coñecemento e máis gracia que a media dos profesionais, e por riba, de balde. Un pozo de ciencias que ata hai un mes en que comezou a colaborar no programa Extrarradio da Radio Galega, non aproveitou ningún medio convencional. Por certo, entre os outro catro finalistas dos blogs escritos en “autonómico” estaban dous galegos, Vía Anti-Colonial Activa e Mensaxe nunha botella –elaborado colectivamente no IES David Buján de Cambre- e eso que por cada web en galego hai dez en catalán.
Polaqia, pese ó nome tampouco teñen nada que ver nin con Cataluña nin con PRISA. Son un grupo de debuxantes e guionistas galegos que autoeditan –literalmente, sen un can oficial ou oficioso- a revista Barsowia, unha das propostas de cómic máis emerxentes e de mais calidade do panorama peninsular. Por certo, a única referencia a eles co seu nome correcto que aparece no buscador de internet Google News é nun xornal de Santander. E Sugar Mountain son de Pontevedra, e se os distribúen nos USA é por que aquí ninguén quixo. E os das películas, como as fixeron aquí como poideron, tampouco saíron en lado ningún nin tiveron a publicidade que nestes casos lles dá quen os subvenciona para polo menos recuperar algo dos cartos. E os días laborables, no programa Aberto por reformas que dirixe Xurxo Souto escóitanse agora bandas incribles como GalegoZ ou DiosketeCrew que antes non tiñan nin ese pequeno lugar no planeta radiofónico ocupado por eses omnipresentes grupos de ardores xuvenís con solistas con tendencia ó sobrepeso e á sobreactuación ou polas interminables e insoportables secuelas de estopas aflamencadas.
Insisto, non estou falando de amigos, nin de persoas creativas en xeral, nin digo que os citados sexan os mellores no seu xénero, senón simplemente os exemplos que me saen nun momento de reflexión Tampouco ando a reclamar axudas, subvencións ou oportunidades para ninguén, e menos cando eles propios non as reclaman. Estou falando de productos culturais altamente competitivos que non coñece nin a sociedade na que se crean e para a que se crean. A única explicación que se me ocorre é que despois dunha época en que agachar a realidade era a norma, xa non se nos pasa pola cabeza que debaixo desa ficción cutre que nos construíron puidera haber algo, e moito menos algo bo.

(xoves, 13 de abril de 06)


Abr 11 2006

B&B

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:17 am

berlusconi

“O meu máis sentido pésame polo de Bono” díxome recentemente un amigo. “Gracias”, dixen, apreciando o seu apoio nestes momentos difíciles. Porque estes son momentos difíciles para todos aqueles que traballamos en sacarlle punta ás cousas. Xa sei que hai unha morea de inxustizas que desvelar, unha chea de costumes sociais contra as que turrar e todo o que queiran, pero que xente como Bono e Berlusconi abandonen os escenarios, polo menos os políticos, non deixa de ser unha perda. E xa bastante pao levamos coas defeccións de clásicos como Aznar, Fraga e Vázquez.

B & B eran ademais persoas cun grande sentido mediático. Berlusconi, aparte de ser o propietario da maioría dos medios italianos (e de boa parte das televisións españolas) é un home espectáculo –pouco edificante, pero espectáculo- e suponse que tivo durante cinco anos o favor electoral dos seus cidadáns porque estaban fartos dunha clase política ademais de ineficaz, aburrida. Se agora se resignan a volver ó aburrimento de sempre é porque empezaba a dar espectáculo de máis, aínda que en Italia nunca se sabe porque non é que lle falte sentido do espectáculo ó propio electorado. Pola súa parte, Bono levou sempre con el unha requitropa de xornalistas, o día do seu cese organizou unha maratón de entrevistas como unha star-system en xira promocional (“tienes X minutos y no te pases que hay compañeros esperando”) e mesmo cando a vicepresidenta De la Vega compareceu con el en rolda de prensa e loou o seu traballo e o seu compromiso, un periodista rompeu a aplaudir.

bono bandera

Como pasa sempre coas perdas, agora boto de menos non ter aproveitado oportunidades para facer columnas. Por exemplo, aquela toma de posesi&#243;n de Bono como ministro que parec&#237;a unha escena de <em>La escopeta nacional </em>con folcl&#243;ricas e marqueses. Te&#241;o a escusa de que era un pol&#237;tico envolto nunha bandeira &#8211;un ministro t&#233;xtil, como escribiu algu&#233;n-, que &#233; o m&#225;is parecido a unha blindaxe, porque meterse coas bandeiras &#233; pisar areas movedizas. Xa cando era presidente manchego sacaba &#225; m&#237;nima a bandeira (&#8220;El &#233;xito de los deportistas es la bandera y el eje que vertebra Castilla-La Mancha&#8221;, &#8220;Bono pide a la afici&#243;n galguera que levante con orgullo la bandera del juego limpio&#8221;, son titulares que atopei daquela &#233;poca), as&#237; que po&#241;elo &#243; mando do ex&#233;rcito foi como po&#241;er a un fetichista de encargado dunha corseter&#237;a. Episodios que aqu&#237; pasaron desapercibidos, como cando se negou a cumprir o <a href=\"http://www.larazon.es/noticias/noti_nac17419.htm\">acordo </a>de devolver o castelo barcelon&#233;s de Montju&#239;c mentres non lle garantiran que hab&#237;a ondear sempre a bandeira espa&#241;ola al&#237;, como territorio espa&#241;ol que era. A relaci&#243;n Bono-bandeira era tan estreita que ata argallou un acto <a href=\"http://www.noticiaspyme.com/sec/sec.actu/noti_nac.asp?idn=91694&pon=1&ids=25\">nunca visto </a>para <a href=\"http://www.estrelladigital.es/a1.asp?sec=esp&fech=10/04/2006&name=bono_integro\">despedirse </a>dela. &#8220;Nadie ha pronunciado tantas veces Espa&#241;a como t&#250; lo has hecho, nadie se ha emocionado m&#225;s que t&#250; ante nuestra bandera&#8221; resumiu atinadamente nese acto o xefe do Estado Maior da Defensa.
Alfonso Guerra, outro que dixo que abandonara a pol&#237;tica, confes&#225;base hai pouco abraiado de que houbese socialistas que pensasen como se fosen nacionalistas, perplexidade que comparto, porque haber, haberaos, pero os que saen nas portadas e lles fan entrevistas son os que se <a href=\"http://www.elsemanaldigital.com/arts/49016.asp\">conducen </a>como se fosen de dereitas.

(martes, 11 de abril de 2006)


Abr 10 2006

Cousas veredes

Categoría: Non sei eu..., Xeralsihomesi @ 4:25 am

Furando, o outro día descubrin que escribira un libro en portugués, editado por Anaya, en 2005… (por certo, de best buy, nadiña. A hipotética versión portuguesa custa case o dobre que o orixinal galego nas librerías)


Seguinte páxina »