Abr 25 2006
Pedir
A Xunta debería axudar á musica galega. Non é menos certo que a Administración ten que facer unha aposta decidida polos proxectos de investigación punteiros. E non cabe dúbida de que as institucións deberían apoiar as empresas que levan por aí adiante a bandeira da nosa creatividade. Todos de acordo, supoño, incluído eu. De feito, estaba de acordo con todas estas peticións cando as escoitei días pasados das respectivas bocas dos interesados. Pero algo debeu pasar, quizais escoitei demasiadas e demasiado xuntas, que non as dei dixerido de todo, e aínda me repiten.
Non sei por que, dado que calquera sociedade civilizada considera lóxico promover as actividades culturais, claro que dependendo. Por exemplo, os escritores non reclaman que se cubran as súas necesidades, posto que é xente que se apaña cun bolígrafo e uns folios, e danse por contentos se hai unha certa actividade de conferencias e congresos para verse cos colegas e liberarse momentaneamente da dura soidade da mesa. Ídem de lenzo –nunca mellor dito- os pintores, a pesar de que o material é considerablemente máis caro, ou os músicos, en igual situación. Todos estes solicitan, como moito, oportunidades de formación e infraestructuras para que os resultados da súa creatividade cheguen ó público, e xa postos, uns premios para tapar buratos (económicos ou de inseguridade). Xa sei que a realidade concreta de cada sector é ben máis complicada, pero en xeral non se me ocurre que outras axudas precisan (ben, por exemplo, unha si: locais de ensaio para os grupos). En todo caso, hai proxectos determinados –por novedosos ou por arriscados- que paga a pena apoiar economicamente, igual que non queda outra, tal e como está a cousa aquí, que subvencionar xéneros enteiros como a ópera ou a música clásica, pero ignoro a eficiencia cultural de gravarlles discos a grupos para logo andar amolando administrativamente os sitios de concertos en directo. Ou en correr coas seguras perdas de actuacións de fenómenos comerciais de por si omnipresentes como Shakira.
Evidentemente, os cartos gastados no que se considera cultura son o chocolate do loro, o mesmo que os dedicados á investigación. Pero eu supoño que quen precisan axuda –axuda e non o que hai- son os investigadores, ou proxectos ou liñas de investigación concretos, e ignoro a razón de que haxa que subvencionar ás empresas que satisfan as demandas de ocio do persoal e non ás que remedian as necesidades alimenticias. Claro que a historia recente, e moito me temo que o presente, está chea de exemplos de que se lle deu a quen lle petou ó que daba. E que as institucións financeiras á hora de prestar miran máis os apelidos que as iniciativas. E por riba, que aquel prócer que máis se significara nos últimos tempos contra as subvencións descubríronlle un buratiño de mil millóns de pesetas sachado precisamente a base de axudas públicas. Ou sexa que posiblemente en non teña razón ningunha.
(Por certo, por se a algunha institución lle interesa, facer estas trangalladas de indubidable interese cultural e de investigación social pioneira suponme unha chea de tempo e esforzos. Máis vale pedir que roubar)
(martes, 25 de abril de 2006)


o 25 de Abril, 2006 ás 8:02 pm
Ultimamente un dos lugares comúns máis socorridos en calquera discurso (exceptuando o cambio climático, o efecto invernadoiro e o desenvolvemento sostible que dios confunda) estriba en sacurdirnos coa palinodia esa do importante que é investir en I+D+I+nonseiqué, que hai que multiplicar os recursos dedicados á investigación, que eso de subsidiar ao sector primario é un atraso, patatín, patatán….
Sr. pereiro, o día que á un xornalista agudo coma vostede lle dea por investigar polo miúdo en qué se gastan os cartos de investigación neste pais imos todos levar unha sorpresa. E non falo de corrupción, que tamén, senón de que a gran maioría dos proxectos de investigación están deseñados e enfocados á maior gloria e loor do fulano de turno, falo de que a inmens maioría dos proxectos carecen do menor interese para a sociedade e/ou algunha aplicación económica, non teñen a menor relación coa sociedade, e cando a teñen quedan arramblados nun curruncho, pois que xa cumplioron a súa función (comprar material e alimentar becarios), para qué carallo se van molestar en darlle desenvoovemento comercial. Da cacarexada colaboración empresa-universidade mellor non falo que teño hernia de hiato e o paso fatal cando me río.
Eu, francamente, e xa postos, prefiro que gasten os cartos na festa do caldo de osos de taboada, que polo menos está rico…
E sinto non haberme enterado da súa nova aparición na teletonecho, mágoa..
o 25 de Abril, 2006 ás 8:23 pm
Non perdeu nada, todo o mundo me dixo que non daba rematado as frases e falaba moi baixo
o 26 de Abril, 2006 ás 5:48 am
Cumpleu vostede moi dinamente, señor Pereiro. E as veces é dificil falar ó caso cando se pasas tres segundos sen dicir nada xa hai catro persoas falando cada unha dunha cousa distinta.
Quería apuntar, para matizar un pouco a esedio, que non é certo que a xente sexa así na Universidade. Hai xente moi traballadoriña, pero claro, tamén catro sen vergonzas. Pero non se pode cuestionar algo tan importante como a laboura que fai a universidade por tres persoas, o que hai é que esixir que se fagan ben as cousas, que cartos, como di Pereiro, non sobran.
E aprobeito para felicitalo tamén pola reportaxe da machada; moito rin. A señora que o explica todo estivo incrible.
o 26 de Abril, 2006 ás 8:55 am
Como melhor pode apoia a Xunta à música galega é programando-a na Rádio Galega e na TVG. Nesses meios há muito pouca música galega e muita música em castelhano, que no meu entender sobra toda já que há muitas outras emissoras que emitem todo ou grande parte da música em castelhano.
o 26 de Abril, 2006 ás 9:04 am
O problema nas universidades galegas nom é a falta de trabalho, dalguns nom da maioria, senom a falta de direcçom. É certo que a pesquisa científica nom pode dirigir-se rigidamente, já que nunca se sabe por onde vai aparecer algo importante. Mas também é certo que há temas com mais interesse para Galiza e outros com menos interesse. E após 25 anos de autonomia ainda nom se definírom quais campos de pesquisa som os mais prioritários para a nossa terra, ou caso de terem-se definido nom se explicitam e priorizam claramente.
o 26 de Abril, 2006 ás 10:53 am
Xa sei que simplificar as cousas é moi sinxelo, pero insisto en que os supostos méritos e prestixios da investigación na universidade non deixan de ser cando menos un lugar común, que ninguén pon en cuestión, cando habería moito que mirar debaixo da alfombra. E:
1.- Non digo que non curren, sobre todo o persoal novo. pero ás veces resulta demasiado parecido á historia aquela do tipo condeado a subir e baixar un pedrolo do monte.
2.- O sistema de promoción profesional na universiade está viciado, coa complacencia e a complicidade da maioría dos seus partícipes. A avaliación dos méritos repousa case que sempre en algo tan artificial como as publicacións ou as ponencias, e así os proxectos de investigación convírtense moitas veces en factorías de artigos, teñan ou non interese obxectivo. To publish or to perish, dicia hai moitos anos un membro da comunidade…
3.- Unha gran maioría dos fondos dos plans galegos de I+D van a proxectos da universidade (moitas veces por desidia ou descoñecemento das empresas, tamén é verdade). Reto a calquera que analice a concorrencia entre o destiño deses fondos e os seus resultados prácticos no desenvolvemento económico do pais.
4.- Unha cousa é a investigación básica e a referente a materias que implican o noso autocoñecemento, que concordo en que están infradotadas, e outra ben distinta a I+D+I (non esquecamos as compoñentes innovación e desenvolvemento…). A miña crítica, que espero non a tomen a mal, vai xustamente nese último aspecto.
o 26 de Abril, 2006 ás 1:37 pm
Formar investigadores para que marchen despois polo mundo adiante e menos prático que subvencionar orquestras autóctonas, da caste de Joam Pardo e as Nais da Inovación.
Sabia que o senhor Pereiro fixera uma version indireita do Zeca Afonso mas surpreendeume que dixera onte na Rádio Galega que ainda lhe prestava o Grândola, Vila Morena.
o 26 de Abril, 2006 ás 3:14 pm
A min o panorama nas universidades paréceme arrepiante.Hai unha chea de tipos inútiles e corruptos que fan citas recíprocas e por non saber,nin tan siquera saben facer esnobismo intelectual.A meirande parte das veces un novo rico presumindo dun mercedes ten máis dignidade que algún profesor universitario presumindo de doutoramento…..
Home, é verdade que algo hai que facer e non é cousa de mandar a estes “intelectuais” a sachar patacas como facía Mao(coas cousas de comer non se xoga)….
PD.Tamén é verdade que un coche contamina máis que un doutoramento….
o 26 de Abril, 2006 ás 3:28 pm
Con Zeca Afonso coincidín un par de veces, por medio dun amigo, e durmiu unha vez na casa que compartiamos ese colega e eu, entre outros. Paréceme dos mellores músicos que produciu Europa no século XX e incluilo no saco dos cantautores é como meter ó Gulliver no da literatura infantil (Por certo, Galeidoscopio, unha maldade: era moi contrario ó achegamento do galego ó portugués)
o 26 de Abril, 2006 ás 5:57 pm
Eu véxoo así: Na iniciativa cultural, ese Submundo do que falaba o outro día, está a ser unha bo medio para a maoiría das actividades, polo menos, para empezar.
Agora, si ben é certo que a maoiría dos inventos saen de iniciativas particulares, e a miúdo sin apenas recursos (o que innova é porque necesita pero non pode mercar, e isto vale en tódolos eidos), pouco poden ter que ver os gastos de un escritor cos de quen pretenda desenrolar ciencias ou tecnoloxías no seu alboio (dígollo eu). “Disque” hai axudas a calquera que presente patentes de interese, e outras cousas, pero como non hai publicidade ningunha do choio, hai que moverse bastante para enterarse; para conseguilas, xa non sei.
O problema, que me podería inchar a dar exemplos de creatividade tecnóloxica galega, pero despoís falla a fe en nos mesmos e, naturalmente, a capacidade dos administradores políticos e financieiros.
Da universidade, francamente, pouco agardaría eu; ou se fai unha purga maoísta, como dice alfonso pardo, de chupóns e de listillos, ou que se adiquen exclusivamente á ensinanza. Personalmente, eu preferiría a primeira, claro.
o 26 de Abril, 2006 ás 8:29 pm
Señores Pardo e Míguez, miren que Jiménez Losantos foi maoísta e rematou como rematou…
o 27 de Abril, 2006 ás 7:25 pm
Concordo totalmente, Pereiro: de Europa e de África. E o asunto do galego e o português é cuestión opinável. Como poderia ser o caso do espanhol, o castelhano, o arxentino, o boliviano e o chiapaneco. Saúde.
o 28 de Abril, 2006 ás 8:55 am
Concordo co seu argumento. Coa precisión de que o chiapaneco sería o portugués actual, non o galego, alomenos cronolóxicamente.
o 29 de Abril, 2006 ás 9:57 am
Mais que argumento, queria desbotar a visión da excepcionalidade do caso galego e confrontalo con outra realidade mais ou menos conhecida, sen entrar en profundidades.
Se convencemos à xente lusófona, por min, podemos chamalo galego.
o 4 de Maio, 2006 ás 4:34 pm
Non sei que tería que opoñer a xente lusófona. A maioría da xente hispana chámalle castellano ó español.