Abr 07 2006

TVE (2)

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 2:06 am

A risco de contradicir e defraudar a todas as persoas e institucións que mostran a súa solidariedade no asunto este da reestruturación de RTVE, teño que aclarar que, na miña modesta opinión, o problema non o teñen os traballadores. Ou polo menos a gran parte dos traballadores de RNE e TVE. O problema é para o resto da sociedade, por moi ampuloso que pareza. Aceptando como hipótese que recoñezo que xa é aceptar a promesa da patronal, sexa a dirección, a SEPI ou quen mande, de que non se vai ir quen non queira irse, o problema non é dos que se van, senón do que parece que vai quedar: unha cadea teoricamente pública que na práctica carecerá das ferramentas para selo, e que non terá outra que competir en inferioridade de condicións coas chamadas privadas (en realidade, concesións dun servizo público) ofrecendo máis do mesmo. Ata que, dentro dun tempo, sobreveña a conclusión tan inevitable como que se chove, ou te pos a cuberto ou móllaste: hai que pechala.
Nas situacións de crise, todas as partes teñen a súa parte alícuota de responsabilidade, pero hai uns máis alícuotas ca outros. Os traballadores, e/ou os seus representantes puideron pecar de ter contribuído a manter estruturas e comportamentos caducos. Pero os éxitos e os fracasos
dunha empresa son de quen a xestiona, non de quen fai o que lle mandan, e curiosamente, no primeiro caso os mandados quedan como están e no segundo pagan as consecuencias. Un programa chamado La noche de los castillos custou tanto que tería sido mellor e máis barato construír un castelo de verdade (durou catro programas). Operación Triunfo deu perdas económicas (por non falar do estrago no gusto musical). Nos dous casos, non se fusilou a ningún responsable. En RTVE, no chamado Ente, o que non é nin a radio nin a tele nin produce nada, traballan 900 persoas. Entre as tres sociedades, hai 752 direccións, subdireccións e xefaturas de servizos. Os departamentos dedicados a diversas contabilidades suman polo menos un par de ducias. Pero os que sobran son redactores, cámaras, montadores… Sen saír do sector, está o exemplo de Antena 3. Cando chegaron os novos propietarios e comprobaron a mala situación, despediron a unha chea de mandados, e a quen os mandou, Ernesto Sáenz de Buruaga, premiárono con seis millóns de euros polos servizos prestados.
En definitiva, a solución que ten RTVE é a mesma que no famoso caso da 497.entry”>formiguiña ou dos remeiros. A directiva dun club de remo, preocupada polos cativos resultados, decidiu reestruturalo. A primeira medida foi substituír a un dos dez remeiros por un xefe de equipo. Como a cousa non mellorou, incluíron dous auditores de calidade total e un supervisor de downsizing. Tampouco deu resultado, e apostaron por designar a un analista de procedementos, un contralor, dous xefes de sección e un apuntador de tempos. O rendemento foi a peor, e contrataron os servizos dunha prestixiosa auditoría, que concluíu que o que pasaba era que o persoal non estaba incentivado dabondo e carecía de espírito de empresa. Así que botaron ó remeiro.

(venres, 7 de abril de 2006)


Abr 06 2006

TVE (1)

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 12:59 am

Onte estiven en folga (cometín folga, gustaríame escribir), creo que a primeira que fago por motivos estrictamente laborais desde hai unha chea de tempo. Foi esa convocada en RTVE contra o plan de reestructuración ou como lle queiran chamar porque en realidade é desfacerse de parte do morto que entre uns e outros foron matando, e que agora supoño que estará de actualidade non polo fondo da cuestión, senón pola forma en que afectou á emisión do TD1, interrumpíndoo. Non é unha queixa, esa é a esencia da televisión actual, co que a actitude dos interrumpintes pasa de laboralmente non moi correcta a impecable desde o punto de vista mediático.

Incumprindo a norma básica do folguista consciente (as folgas fanse no centro de traballo), logo de cumprir coas obrigas familiares do transporte escolar pasei a mañá tipo os martes ó sol, durmindo, lendo e paseando. Pola tarde, e realidade laboral da que zafei veume enriba en forma de entrevista de Gemma Nierga a Fernando Argenta, o creador de Clásicos populares de RNE que estes días cumpre 30 anos (o programa) e logo nunha conversa cun político local. En escenarios e interlocutores tan dispares, latexaba o mesmo pensamento implícito que incluso está de fondo en persoas e institucións que estes días mostran a súa solidariedade : comprendo o seu drama, amigo, pero coincidirá en que hai que rematar con esa sangría económica. Coincido porque ben sei que en España, cando cambalea un dinosauro empresarial, o espiñazo social estremécese cun arreguizo colectivo, con compoñentes de morbo e de axuste de contas, do que non se salva nin a minería. Pero disinto do resto.
A televisión non é unha industria obsoleta incapaz de competir co que se fabrica en sitios con salarios miserables, senón un sector de futuro do que cada día vive máis xente e algúns moito mellor. E tamén, con perdón, a Garda Civil ou a Sanidade son deficitarias, pero se fala de achicalas coa escusa de que xa hai vixilantes privados ou seguros médicos. A plantilla de RTVE (9.000 traballadores) é a máis pequena das televisións públicas europeas (a RAI ten 11.800 traballadores; France TV, 13.500; a BBC, máis de 20.000 e as alemanas ARD e ZDF, uns 40.000). Se é moita ou pouca, depende. Se do que se trata é de facer uns informativos de ir tirando para salvar a cara de servicio público e logo encargarlle o resto da programación a productoras privadas para que fagan o que fan os demais, non é que sobre un de cada dous traballadores, sobra un de cada dez. Se do que se trata é de afrontar dunha vez o reto dun servicio audiovisual público que aposte por incremente a oferta e non que se apunta a satisfacer a demanda, igual e cos mesmos productos que as outras, falta xente. A que hai agora, ou outra. Pero o asunto é que ninguén –sabios, goberno, oposición- sabe que se quere ou de que se trata (aínda que eu apostaría polo primeiro), e polo tanto, apóstase polo punto medio, que non sirve nin para unha alternativa (por exceso de persoal) nin para a contraria (por escaseza) pero dá a impresión de facer que se fai.
A todo esto, a min ocúrreseme algo parecido a unha solución. Cóntollela mañá.

(xoves, 6 de abril de 06)


Abr 04 2006

Marbelladas

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:02 am

Agardo que ó recibo da presente estean recuperados dos seus problemas óseo-musculares. Tanto aqueles de vostedes que teñan maniotas nos abdominais de tanto rir, como aqueloutros que optaron por indignarse e aínda teñen resentida a mandíbula por renxer os dentes, ou as articulacións dos dedos de apertar os puños. Váianse tranquilizando e non abusen dos sedantes nin dos antiinflamatorios porque o de Marbella efectivamente é para rir, para chorar ou para tirarse ó monte, pero haberá que facer reserva de paciencia, porque aínda queda.

Para non sufrir eses achaques, eu procuro non mergullarme nos océanos de información sobre o escándalo. Tampouco presto demasiada atención ós coros xeremíacos de queixa e rachar de vestiduras que inzan o aire como a música navideña nuns grandes almacéns. Pero de todo o pouco que lin/escoitei, o máis coherente foi a doída declaración, non sei se da alcaldesa-pantalla ou do Doutor No da asesoría urbanística, expresando a súa sorpresa de que non os tiveran trincado antes. Efectivamente, se un ionqui que roubase radiocasetes dos coches tivera enriba tal morea de evidencias delictivas e andara solto, os veciños terían asaltado o posto das forzas e corpos de seguridade máis a man. E en calquera país europeo –quitado Italia, pero esa é outra- que se descubrira semellante pastelón non terían outra opción que dimitir desde o ministro de Xustiza ata o comandante de posto da Garda Civil, por inútiles, e ós seus antecesores abriríanlles un expediente investigador para ver se o seu foi neglixencia ou implicación dolosa. (Por exemplo, aquel prestixioso maxistrado, membro do Consello do Poder Xudicial que protexeu baixo ás súas alas á representante da mafia marbellí na xudicatura). Pero aquí os representantes do Estado de Dereito durmen perfectamente todas as noites coa satisfacción do deber cumprido logo de entalegar tironeiros e vendedores de haxís.
E cando, ós dez anos de entrar en política, un señor que era camareiro, empregado de banca ou taxista antes de dedicarse ó servicio público, ou unha señora que era verdulera ou ama de casa na vida civil, acumulan un patrimonio superior a un dentista, a sociedade en xeral dáse por satisfeita coa explicacións. “Negocios”, xustifican uns. “Unha herdanza”, aseguran os menos imaxinativos. Alguén debería analiza cientificamente como a entrada en política dun individuo estimula a habilidade empresarial da súa señora, dos seus señores pais ou dos cuñados, ou a súa capacidade para perpetrar braguetazos con efectos retroactivos. Porque o dos chaíñas eses de Marbella gardando os billetes en bolsas de Alcampo ou facéndose cun parque móbil particular fai moita gracia, pero –sen aproximarnos demasiado aquí- o caso da estación do AVE de Guadalajara que non está en Guadalajara senón no medio dun latifundio da familia de Esperanza Aguirre, ou a da familia –sempre a familia! -de Zaplana facéndose con terreos onde casualmente despois se construíu Terra Mítica son especulacións (periodísticas).
Agora, o debate político anda polas alturas éticas de se en Marbella, logo de disolver o concello, hai que poñer unha xestora ou convocar eleccións, sen baixar á vulgaridade de analizar por que pasou o que pasou. Eu, seguindo ó Alberto Moravia que se estrañaba de que, curiosamente, os votantes non se senten responsables dos gobernos que votaron, o que propoño é disolver ó electorado.

(martes, 4 de abril de 06)


Abr 02 2006

A vaidade matou ó gato

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 1:21 pm

armando lexionario

Emotivo acto, polo que se ve. O malo é que, efectivamente, alguén viu de máis, e gracias ás novas tecnoloxías, puido comentalo:

Vaya caradura tienes Armando
Escrito por Un CONTRIBUYENTE de Teo el 2006-04-02 18:31:00
Revisen ustedes las fotos de la ceremonia, y fijense en los Sillones “barrocos” que se hallan detrás de los invitados. Para los que no los sepan, esos sillones ! LOS COMPRÓ EL CONCELLO DE TEO PARA EL SALÓN DE PLENOS CON EL DINERO DE TODOS!. ¿Alguien me puede explicar por que se encuentran en una propiedad privada del señor Armado (en Teo todo el mundo sabe que el hotelito es suyo, no de su familia). Si en este país los fiscales hicieran su trabajo…. “


« Páxina anterior