Mai 01 2006

Día do traballador

Categoria: Si home sisihomesi @ 3:27 pm

Estou nunha terraza tan pancho, entre familia e colegas, rodeado de xente contenta que recolle bandeiras e bártulos de se manifestar, sen máis achaque que ter que botar man dun periódico atrasado porque os do día están pillados. No meu exemplar, unha grande empresa proclama a todo trapo que se determinado departamento autonómico non lle dá vía libre a un proxecto que ten medio paralizado, irase co multimillonario investimento a outra parte. Ou sexa, algo que podería estar entre a denuncia da inoperatividade administrativa, que é como o presenta a información, e a chantaxe empresarial, que é o que ven sendo no fondo.

En concreto, a queixosa é unha das nosas multinacionais galegas, que co chapapote do Prestige aínda petroleando as nosas costas, acudiu en auxilio da sociedade e da Xunta anunciando a súa intención de construír na Costa da Morte unha piscifactoría que nunca tal se vira. Pasados catro anos, os tempos son chegados de facer efectiva a promesa, pero a Administración non está polo labor, quizais porque, como argumentaba o añorado portavoz Pita, hai xente que non quere que Galicia progrese. Pois a miña máis sincera felicitación ós que non soltan o papeliño da autorización, mentres dure. Porque unha cousa é o progreso, e outra o rostro, se que sexa incompatible. Porque é rostro coller uns terreos que son espacio natural e comprárllelos a un euro/metro cadrado ós propietarios que non poden alí poñer unha granxa de porcos ou un taller mecánico, e logo conseguir a autorización administrativa para construír o que lles pete co engado dos postos de traballo. Así pasa nese proxecto de Touriñán e pasou con outro en Ribadeo que promoveu un cuñado de Cascos. Non sei cantos empregos están previstos, pero si os reais dun proxecto similar ó que asistín a inauguración hai ano e pico. Os terreos saíranlle de balde, a Xunta puxo a metade dos cartos do investimento, o concello aínda tivo que preitear para que lle pagaran a licencia de obras e agora están colocados 12 veciños. Á vez que me daba os datos (quitado o do preito) o conselleiro do ramo facíame un canto á iniciativa privada. En efecto, é de recoñecer que hai auténticos linces á hora de muxir os tetos públicos. Calculo que cos cartos que custou todo o tenderete podíase retirar de por vida con salarios de alto executivo a medio cento de habitantes.
Por riba, cando esas nosas grandes empresas atravesan momentos delicados, a Administración non tén reparo en inxectarlles unha presada de pasta, nin elas en admitila. Ou moito me equivoco ou, fóra Inditex, pasou con todas e cada unha delas, e por suposto, tamén fóra de Galicia. A maiores, unha empresa ten posibilidade de declararse en suspensión de pagos e outros recursos xurídicos que a lei nega a un particular que se vexa na mesma apurada situación. De ser un deses pequenos empresarios que teñen que busca un baixo comercial ou unha nave pola súa conta e negociar como pode coas institucións financeiras –privadas, por suposto- eu mosquearíame bastante. Pero son un asalariado, e por riba, teño que traballar facendo isto en pleno 1 de maio.

(para martes, 2 de maio de 06)

12 comentarios a “Día do traballador”

  1. María dixo:

    A min tamén me gusta moito a historia urbanística tipo Concello de Miño e outros máis. Decídese que se vai urbanizar un monte ou unha fraga, exprópiaselles por catro cans ós veciños que non queren regalar os seus terreos debido ó grande interese público que ten, por exemplo, un campo de golf. Polo camiño fórranse a maioría dos concelleiros (co cal, no caso de Miño, incluso tivo que saír do pleno no que se votou a adxudicación agora ilegal o alcalde por ter intereses económicos no asunto) e logo venden por unha millonada non só os chalés adosados senón incluso parcelas sen construír que che acaban de roubar pola cara. É fantástico!

  2. sihomesi dixo:

    Si, é ben curioso que esas cousas pasen cando toda a opinión publicada aquí está en contra de feísmos, construccións masivas na costa… Un fenómeno paranormal, vamos

  3. eSedidió dixo:

    Benquerid@s amiguit@s: esta e non outra é a proba do nove do goberno da xunta. Se non frean vía moratoria ou o que sexa o que está a pasar nas nosas costas (véxase o caso carnota, o de miño, etc) é que non pagou a pena que marchara o vello.

  4. F. Miguez dixo:

    Bravo por eSedidió. Deu coas palabras axeitadas unha por unha.
    Respecto á cuestión de Pescanova e outras, o mal de fono é ese clientelismo que debemos herdar dos pobos xermánicos… ou algunha clase de síndrome de estocolmo colectivo, que nos fai crer dependentes dos viven forrados á conta do traballo dos demáis.

  5. Olloavizor dixo:

    Inditex tamén tivo o seu regalo da Xunta do PP. seis millóns de euros nún préstamo case sen intereses,respaldado pola administración.Logo foi Aznar a coller cartos para financiar a campaña do 2000. Negocios así fainos calquera que non lle moleste a mala conciencia.

  6. sihomesi dixo:

    Home, tanto como que non pagara a pena que marchara o vello…

  7. mourullo dixo:

    E todos estes empresarios subvencionadísimos son os que logo predican a relixión ultraliberal: as bondades dos contratos-lixo, do despedimento libre, do aforro en gasto social, etc.

  8. Alfonso Pardo dixo:

    Moi boa analise economica! Deberian utilizar artigos coma este nos master de empresa ou nos cursos de doutoramento en teoria economica.
    …So podo poner un pero:iso de traballar no primeiro de maio,non lle impedira subir ao ceo dos asalariados?

  9. Mouro dixo:

    O caso de Muxía é de libro de texto. Nunca se saberán todas as falcatruadas das que se fala neste pobo. Se conseguen que Pescanova non vaia a Toutñán non vai a ser sen veleno abondo por parte dos do concello, que foron os primeiros promotores da invasión da cetárea de Pescanoca cando o alcalde andaba convencendo os vecinños que venderan porcatro reás, que as terras aquilas non valían para nada.

  10. eSedidió dixo:

    Pois si. Poida que soe a exabrupto, pero non paga a pena a viaxe se o conto vai consistir en gilipolleces para consumo interno. Explícome: con todos os respetos para os que non pensan iso, a mín parécenme gilipolleces a/s selección/s galega/s, os equipos de ciclismo, a substitución de “encontros” por programas culturais presentados por xente de pelo asimétrico, e mesmo que definan a Galicia/Galiza como nación, como rexión ou como comunidade veciñal. Eu o que ESIXO do esforzo colectivo que supuxo o novo Goberno é que se discuta e deseñe dunha vez un modelo territorial que teña en conta que somos como somos (incluíndo claro está modelos comerciais, de transporte e de infraestruturas), que se depuren dunha vez os verquidos das rías e que se faga dunha vez un deseño de ordeación de usos agrarios que impida que tododiós poña o que lle sae das piiiiii, xa sexan pinos, eucaliptos ou carballos, en terras que deberían estar dedicadas a cultivo, que se tolere que ao persoal lle saia gratis ter as terras “a monte” (curioso eufemismo de ter as terras en abandono) agardando especular con elas, e un longo etcétera. Se iso se fai, benvidas sexan as seleccións, etc, pero se non é así, vamos acabar empachados de tanta guinda sen térmonos comido antes o pastel.(joder que descansado queda ún….)

  11. F. Miguez dixo:

    ¡Amén! Coido que non fai falta que copie textualmente o comentario do Sr. eSedidió para demostrar que estou totalmente de acordo con él. Eu so engadiría, no que cita sobre agricultura, a pesca, o marisqueo e outras actividades que poderían meterse no mesmo saco… e unha industria orientada a eses sectores.

  12. Matías Bruñulf dixo:

    São Paulo é unha cidade cemento. Nunha xanela entre milleiros delas, mora un rapaz que acaba de sair do armario, aínda que a primeira vez que se lle puxo dura cun (si)home(si) foi con doce anos, asistindo un combate de boxeo. Bótenlle unha ollada aos seus relatos. Para saber máis, vaian a:

    http://www.bestiario.com/mvcuc/d.php?id=377

    P.S.- Aprovecho para saludar: ei, Alfonso Pardo, facía xa tempo que non sabía de vostede. Terei que colle-lo coche con maior frecuencia e deixarme caer por aquí. Reciba o autor similares apertas.

Deixa un comentario