Mai 09 2006
Eco-jet

Posiblemente non sexa nada grave, pero debería facermo mirar. Tampouco é que teña malestar ningún, pero síntome raro estando de acordo con xente como Carmen Cervera ou o príncipe Carlos de Inglaterra. Xa sei que tanto pode ser unha síntoma pasaxeira como que me estou facendo urbanoconservador.
Evidentemente, pódense facer todas as coñas que se queira co súpeto furor ecoloxista que espertou na señora Cervera o proxecto de reforma do Paseo do Prado que levará por diante uns centos de árbores. Mesmo nalgúns medios, informativos e dos outros, agora refírense a ela como se fose Tita Cervera (a) “Baronesa Thyssen”. E posiblemente no fondo da súa postura teña algo que ver a futura negociación da súa colección pictórica. Todo o que queiran, pero desde o meu particular e provinciano punto de vista, ten razón. E non porque teña analizado o moderno proxecto ó que se opón, senón pola experiencia que teño nesas actuacións. No Berbés de Vigo vin o outro día unha horrenda explanada/escalinata que, deseñada sen dúbida para “valorizar” o entorno, o que resalta é por unha parte o abandono do conxunto “valorizado” e por outra un caseto de información turística. Co conto da actuación urbanística valorativa, no porto de Muxía perpetraron unha especie de Vallecito de los Caídos/andén de estación á espera de que poñan o tren, e máis grande que a metade das casas que ten detrás. En Sarria tiraron un piñeiro de cen anos para facer… un xardín. E hai tempo, en Santiago o mesmo recoñecido arquitecto autor do polémico proxecto madrileño fixo un parque precioso de mirar e pouco útil para usar. O problema nestes casos é que se xuntan a fame de pasar á posteridade das institucións que fan os encargos, as gañas de inmortalidade dos que os reciben e a fartura de cartos que lles saen ata polas orellas ás administracións cando se trata de facer paseos, terminais aéreas e outras infraestructuras transeúntes. (Nese sentido é revelador que o alcalde Gallardón fale de que o Prado converteráse “en el mejor paseo de Europa”. De momento, o resultado de tanta obra foi a reflexión que fixo hai un tempo Danny DeVito nunha visita: “Es una ciudad preciosa, y lo será más cuando encuentren el tesoro”). Nestes casos hai que fiar con xeito, porque o malo son os extremos. O prestixio musical de Stockhausen está fora de cuestión, pero quizais non sexa o autor máis adecuado se do que se trata é de encargarlle uns arreglos actualizadores de Y digo Deportivo de Ghandi. E ó revés, deprimentes urbanizacións dos anos 70 están pespuntadas de farolas fernandinas que lle acaen tanto como ó Cristo de Fisterra un traxe de Supermán, pero das que os veciños están perfectamente orgullosos. En concluíndo, non é o mesmo facer unha intervención en Matogrande ca na Praza das Bárbaras, e se non hai a –sempre relativa- seguridade de que o resultado vai mellorar o que xa había, é mellor pensalo dúas veces, sobre todo porque nas maquetas sempre queda todo moi bonito.
Así que da un chisco folclórica actuación da baronesa Cervera saco tres conclusións: 1.- Que sociedade é a madrileña, que soamente dá xuntado mil persoas nunha protesta da que nos enteramos ata aquí. 2.- Que importante é todo o que pasa en Madrid que a unha concentración de mil persoas lle dan un par de páxinas nos periódicos nacionais, mentres en Vigo andan a romperse a crisma, e non pasa de conflicto “autonómico”. 3.- Que porra de jet temos aquí que non saca os pés do tiesto desde Pardo de Cela (coa excepción do difunto tenente xeneral Gabeiras, que se mollou contra a regasificadora de Mugardos.
(martes, 9 de maio de 06)


o 9 de Maio, 2006 ás 11:07 am
E o tenente xeneral tiña, ademais, unha filla blogueira, aínda que agora xa non exerza na rede (a min débeme un post desde hai anos, de feito).
o 9 de Maio, 2006 ás 11:16 am
¿A que estaba de “pública” na TVG?
o 9 de Maio, 2006 ás 1:42 pm
Pois eu teño escoitado nalgures á tal baronesa-viúva de tarzán que non fixera alegacións ao plan porque “claro, las alegaciones había que hacerlas en agosto, y yo, como todo el mundo, lo dedico a descansar” (ou en xullo ou en setembro, engado eu, que había tres meses). Ou sexa que á nosa ecoloaristócrata consorte vai ser que lle pesa máis o amor polo embrujo marbellí que polos Platanus Acerifolia (vulgo plátano de paseo) do Prado. I é que o conto ven sendo un remedo da Revolución Francesa: aristócratas por vía matrimonial como a baronesa Von Thyssen-Bornemysza ou a condesa de Murillo contra burgueses ilustrados como o pianista Ruiz-G. e o arquitecto Siza. Eu neste caso fago de vulgo e escojónome.
Polo demais, o resto do seu artigo coma sempre: leendolle a mente ao persoal e expresando DPM o que todos pensamos. Parabéns. Só unha ampliación: esqueceu vostede as estatuas con antorcha votiva colocadas no medio e medio de prazas maiores.
o 9 de Maio, 2006 ás 2:09 pm
Home, confesando a verdade
confésase a mentira?tirei pola viuva de tarzán como enganche para novos públicos. Como non sei usar o technoratibrón e esas cousas, tiro dos vellos trucos profesionais (“en el segundo párrafo, en el segundo párrafo… ¡quien demonios lee el segundo párrafo!” Walter BurnsWalter Matthauen ‘The Front Page’)o 9 de Maio, 2006 ás 6:49 pm
esto, don Xosé, e disculpe a miña ignorancia… o do techoratibrón, qué ven sendo?? É que non viñendo no gugle nin na wikipedia esgotei as miñas fontes de información.
o 9 de Maio, 2006 ás 7:43 pm
Prezado eSedidió, creo que o tal don Xosé refírese ao Technocrati.
o 10 de Maio, 2006 ás 5:07 am
O do Berbés, aparte do “impacto ambiental” é de matarse: esas lousas que puxeron cando chove son de perigo mortal e xa son varias as persoas lesionadas. Queixaronse os veciños, si, pedindo un granulado, un algo de adherencia para non iren derrapando a dereita e sinistra pero non sei, eso de estropear os acabados das obras non, non está previsto.
o 10 de Maio, 2006 ás 6:46 pm
Home, non lle é novidade, iso da famosa veterana comprometida co medio. Fíxese no caso de Brigitte Bardot. O caso da Sra. Cervera quizáis sexa un pouco máis interesado, un pouco máis folclórico, e un pouco máis esaxerado mediáticamente ¿por qué non?
Pero mentres non chegue o día que arquitectos, urbanistas, políticos e contratistas de obra non cobren unha pasta gansa (eu non creo tanto no afán de posteridade) por dicir “tal e como está, isto vale ben” (que ademáis é o normal), seguirá sendo necesario encadearse ás árbores, botárse diante das excabadoras ou convencendo ó paisano de turno que A) o que lle pagaron pola súa leira é un roubo; B) o progreso non ven coas obras senon coas ideas. Ademáis, as boas ideas suelen ser baratas e aproveitan o que xa existe, pero iso xa nos leva a un mundo imaxinario.
o 10 de Maio, 2006 ás 7:26 pm
Sexamos optimistas:os madrileños teñen á Cervera,pero nós temos a Rosalía Mera.
PD.E máis aínda:quen sabe se o xenro de Paco Vázquez malia estar enchufado en Caixa Galicia non é un hippy ecoloxista?…
o 10 de Maio, 2006 ás 9:12 pm
Pois si, arruinando pequenas empresas (de xardinería, estudios de grabación), a conta dos contratos e subvencións que consegue para as súas “por ser ella quien es”. ¡Hai que jorobarse con los mecenas!
o 11 de Maio, 2006 ás 4:29 am
Home, sr. Pardo, e con todos os respetos, non me vai comparar o glamúr dunha baronesa-viúva co dunha divorciada dun propietario de clubes de saltos de cabalo….
de facer un paralelismo penso que debería ser coa nosa outra condesa-viúva. Fíxese vostede que o título da baronesa está relacionado cunha coñecida marca de ascensores e o da nosa condesa cunha subministradora eléctrica. Cando decidan nomear ao devandito marqués do pret-a-porter falaremos; mentres tanto as comparacións son odiosas.
o 11 de Maio, 2006 ás 7:45 am
Se cadra ten razón,eSedidió,pero non será vostede víctima da ideoloxía colonialista-espanoleira?
Como eu estou disposto a ser un irreductible,vou afirmar que a jet galega está ao mesmo nivel que a madrilena.
PD.En calquera caso,moitas grazas polo exemplo da condesa,pode ser un elemento importante para darlle pulo á nosa autoestima nacional…
PD.HOLA galego xa!
o 11 de Maio, 2006 ás 10:02 am
Sería o Ola!
Por certo, en Portugal ó “¡Hola!”chámanlle o “Ihola”, coidando que o ¡ é un i.
o 11 de Maio, 2006 ás 11:52 am
Estivo na TVG, si. A lenda di que tamén fixo de modelo en Xapón.
o 11 de Maio, 2006 ás 2:16 pm
¡Desde Ferrol para o mundo!
o 12 de Maio, 2006 ás 6:02 am
Sr Pardo, sintome desenmascarado: non solo son víctima da ideoloxía colonialista-españoleira. Eu mesmo sentome polas mañás de resaca igualiño que unha colonia. En canto ao da galician jet-a, hummmm… o malo é que os mellores exemplares emigran para Madrid. Vexamos se non o exemplo arquetípico: Directivo de clube de futbol con glamúr (e non mo vai comparar cos looks de Augustus lendoiro ou Horatius Gómez) él, alto él, bronceado él, naviero (alguén debería investigar o tipo e número de cascos dos barcos) él, con alcume eufónico (como era? te-té, ye-yë?? que memoria a miña)él, con divorcios sonados él, con affaires amorosos (fotos incluídas) con afamadas modelis él…. merda de emigración, que nos fai perder os nosos mellores valores!!
o 12 de Maio, 2006 ás 3:12 pm
Sr eSedidió,a min o ff ese pareceume sempre un macarra de pouca categoría.Pero vostede ten razón,a emigración deixa ao país sen os fillos millores.Unha lembranza para o máis grande,o doutor Iglesias,macho e galego universal RIP.
o 26 de Maio, 2007 ás 3:44 pm
marcelino domingo…..¡colócanos a toos!