Mai 16 2006

Odio ser de aquí

Categoría: Estoume quitandosihomesi @ 9:02 am

Ben, o titular é para que picaran, pero non é que estea precisamente contento con ser galego. Non é que me desguste a comida, ou a bebida. Ó revés, o ser humano é unha construcción a base de herdanzas e costumes, e se os nosos pais, a sociedade na que medramos, se fixeron a base de porco e sardiñas, o normal é que nos gusten a nós, quitado traumas infantís ou indixestións. Ata tal punto que eu recordo ter entrevistado a un fotógrafo cubano moi famoso, David Corral, o que fixo as imaxes de Fidel entrando na Habana, e recordaba que os pais eran de Lugo, e a pesares de que sempre foran pobres, nunca comían millo, porque decían que era para os porcos, cando veciños seus emigrantes da Coruña ou Pontevedra non tiñan problema ningún.

A min o que me mata é o noso pensamento dominante, o que lle chaman mainstream, o deixarse levar pola corrente. Por exemplo, os galegos somos nacionalistas de máis. Sobre todo –e quizais exclusivamente- fóra. Xente que aquí pide perdón se diante dun primo de Madridsi se lle escapa unha frase en galego (“manda carallo na Habana”, por exemplo), empéñase en comer empanada se vai de viaxe a New York. Eu mesmo fíxenme cuns chourizos de Lugo en lata nunha tenda para turistas en Cayo Largo, logo dunha semana farto das exquisiteces do buffet libre incluído no paquete de viaxe, por aquilo que comentei da idiosincrasia da paparota. Pero é que, posto na praia de Copacabana, o galego medio apreciará a fermosura e as dimensións do areal, pero seguro que acabará rosmando: “ben, mal non está, pero está mellor a da Lanzada/As Catedrais, e a de Riazor/Samil é moito máis cómoda”.
Tamén me parecemos excesivamente liberais. Non soamente liberais nos costumes, que é unha cousa que está ben, senón no económico, que está depende. Paul Lafarge, xenro de Carlos Marx, xa falaba mal de nós como adictos irremediables ó traballo no seu libro O dereito á preguiza. Para os galegos, todo esforzo é pouco, e o traballo é fonte de toda salvación e remedio dos males todos (“se traballaras…” é a resposta máis habitual a quen nos conta algunha desgracia). E temos unha concepción tan ultraliberal do que é público que, ó noso lado, Emilio Botín é un stalinista de plan quinquenal. Somos tan anti-estado que a propiedade pública non se supón que é de todos, senón de ninguén.
E somos tamén unha xente demasiado progresista, contra o que se pensa. Conservadores son os xaponeses, os británicos, e se me apuran, os asturianos ou os vascos, pero aquí non se conserva nada. Os xaponeses levan facendo a mesma cerimonia do té desde antes de inventarse as tazas, pero aquí chegou o invento de electrocutar os porcos e xeneralizouse ata que se comprobou que prexudicaba o sabor da carne (progresistas si, pero sempre que o progreso non afecte ás esencias). E hai pouco, os veciños dun lugar tiraron o muro de pedra dun camposanto que tiña 300 anos “porque pensamos que non valía nada” (progresistas si, sempre que non afecte á economía) e na cosmopolita Coruña derruban edificios catalogados arquitectonicamente porque non son modernos bastante como para ter garaxe. Sinceramente, penso que se algún día un desastre nuclear arrasase un sitio, calquera veciño que volvese comentaría satisfeito: “¡Como cambiou todo!” (de feito é o que comentan cando volven a sitios desfeitos por construccións horrendas).
En resumo, somos tan idiosincráticos que apreciamos as cousas cando xa non as temos, e somos tan progresistas que pensamos que somos demasiado conservadores. E así non hai maneira de identificarse con esta xente.

(Revista CAÑA, maio 06)


Mai 16 2006

Hai debate

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:32 am

O bo do Día das Letras (Galegas, refírome) é que se promove un debate ausente o resto do ano, como no Día da Fibromialxia se fala da fibromialxia. Curiosamente, o debate non é sobre a forma (a literatura galega), senón sobre o fondo (o idioma no que se constrúe esa literatura). E se a forma vai como unha moto, máis ou menos, todos os indicadores apuntan a que o fondo vai cara o ídem. Hai unha chea de estatísticas que o evidencian, pero abonda con unha: en cada xeración o seu uso baixa un 20% con respecto á anterior. E hai un dato pouco científico, pero para min revelador: o descenso na utilización é máis acusado nas mulleres. Elas son na maioría das sociedades as que se encargan da transmisión de valores, elas foron as que pasaron de inculcar mercadorías caducadas como o ardor guerreiro, así que se agora lle empezan a tomar o número ó idioma, que se vaia preparando.

A maiores, segundo outra enquisa, para a xuventude urbana, quen fala galego ou é de aldea ou do Bloque, o que en abstracto quizais non deixe de ser unha realidade, o que pasa é que en concreto as dúas razóns estaban consideradas como negativas. Se sumamos que boa parte dos vellos, por influencia franquista ou por experiencia, consideran o galego como unha desgracia máis que lles caeu enriba, o que temos é a curiosa situación de que todo o mundo está a favor do galego, sempre que non haxa que falalo ou deixar de criticar a quen o fala porque o impón. O mesmo que se podía querer que ascendera o Dépor, sempre que iso non supuxera deixar de ser do Madrid. A este estado da cuestión chamáronlle, nun debate no que participei a noite pasada, “bilingüismo harmónico” cando sería máis exacto definilo como “bilingüismo agónico”, no que os verdadeiramente bilingües son os galegofalantes que o son mentres non se lles cruza alguén –médico, parente da cidade, compañeiro de cuarto no hospital ou colega no traballo- que exerce de monolingüe en castelán.
Así, a noticia da creación dun cento de garderías presentadas como “galescolas” en vez de ser recibida como dúas boas oportunidades –a primeira, a creación de cen escolas infantís; a segunda a de que haxa nenos que escoitarán falar nun dos idiomas cuio dominio se lles esixe teoricamente ó remate da educación obrigatoria- foi acollida coa sospeita de que a ver se van ser “bloquescolas” ou ikastolas, esquecendo que as ikastolas naceron como entidades privadas cando o ensino público excluía o euskera, que o malo non é que ensinaran euskera senón algunhas actividades “extraescolares”, e que en definitiva estamos falando de nenos de menos de tres anos, ós que soamente se lles pode adestrar en que vaian facer pipí ó baño. Que eu saiba, en 16 anos de goberno Fraga ninguén falou de “ppescolas”, e as “cristoescolas” nas que ensinan que o divorcio e o condón son pecados están subvencionadas con diñeiro público.
Pero en, definitiva, que ben que hai debate, e desde aquí eu aporto a miña opinión sobre o futuro do galego. En castelán, para que non me adxectiven: Entre todos lo mataron y él solito se murió.

(martes, 16 de maio de 06)