Mai 16 2006

Hai debate

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:32 am

O bo do Día das Letras (Galegas, refírome) é que se promove un debate ausente o resto do ano, como no Día da Fibromialxia se fala da fibromialxia. Curiosamente, o debate non é sobre a forma (a literatura galega), senón sobre o fondo (o idioma no que se constrúe esa literatura). E se a forma vai como unha moto, máis ou menos, todos os indicadores apuntan a que o fondo vai cara o ídem. Hai unha chea de estatísticas que o evidencian, pero abonda con unha: en cada xeración o seu uso baixa un 20% con respecto á anterior. E hai un dato pouco científico, pero para min revelador: o descenso na utilización é máis acusado nas mulleres. Elas son na maioría das sociedades as que se encargan da transmisión de valores, elas foron as que pasaron de inculcar mercadorías caducadas como o ardor guerreiro, así que se agora lle empezan a tomar o número ó idioma, que se vaia preparando.

A maiores, segundo outra enquisa, para a xuventude urbana, quen fala galego ou é de aldea ou do Bloque, o que en abstracto quizais non deixe de ser unha realidade, o que pasa é que en concreto as dúas razóns estaban consideradas como negativas. Se sumamos que boa parte dos vellos, por influencia franquista ou por experiencia, consideran o galego como unha desgracia máis que lles caeu enriba, o que temos é a curiosa situación de que todo o mundo está a favor do galego, sempre que non haxa que falalo ou deixar de criticar a quen o fala porque o impón. O mesmo que se podía querer que ascendera o Dépor, sempre que iso non supuxera deixar de ser do Madrid. A este estado da cuestión chamáronlle, nun debate no que participei a noite pasada, “bilingüismo harmónico” cando sería máis exacto definilo como “bilingüismo agónico”, no que os verdadeiramente bilingües son os galegofalantes que o son mentres non se lles cruza alguén –médico, parente da cidade, compañeiro de cuarto no hospital ou colega no traballo- que exerce de monolingüe en castelán.
Así, a noticia da creación dun cento de garderías presentadas como “galescolas” en vez de ser recibida como dúas boas oportunidades –a primeira, a creación de cen escolas infantís; a segunda a de que haxa nenos que escoitarán falar nun dos idiomas cuio dominio se lles esixe teoricamente ó remate da educación obrigatoria- foi acollida coa sospeita de que a ver se van ser “bloquescolas” ou ikastolas, esquecendo que as ikastolas naceron como entidades privadas cando o ensino público excluía o euskera, que o malo non é que ensinaran euskera senón algunhas actividades “extraescolares”, e que en definitiva estamos falando de nenos de menos de tres anos, ós que soamente se lles pode adestrar en que vaian facer pipí ó baño. Que eu saiba, en 16 anos de goberno Fraga ninguén falou de “ppescolas”, e as “cristoescolas” nas que ensinan que o divorcio e o condón son pecados están subvencionadas con diñeiro público.
Pero en, definitiva, que ben que hai debate, e desde aquí eu aporto a miña opinión sobre o futuro do galego. En castelán, para que non me adxectiven: Entre todos lo mataron y él solito se murió.

(martes, 16 de maio de 06)


Mai 15 2006

Bilingüismo harmónico/armónico

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:21 am

Baiona-Bayona


Mai 12 2006

Desmentido

Categoría: Matrix Press, Non sei eu...sihomesi @ 3:07 am

CGAI (by La Opinión)

Sobre os rumores que últimamente sobrevoan o CGAI, teño que asegurar que entre DX Manolo (o director xeral de Promoción Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias) e eu soamente hai a posibilidade do comezo dunha boa amistade.


Mai 11 2006

Timo da estampilla

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:58 am

“350.000 españoles afectados, los Reyes en el Fútbol, Zapatero diciendo que España marcha muy bien y Zaplana preocupándose que castiguen a los policías y 350.000 familias con sus ahorros perdidos, más de uno sin dormir en la noche. Yo le digo al presidente que arregle este tema y por lo menos que nos entreguen lo pagado porque si no lo hace perderá las próximas elecciones”. Esta é unha das opinións verquidas na caixa de desafogos que abriu a edición dixital dun periódico sobre o rebumbio económico filatélico. O asinante non tería moito discernimento á hora de investir, pero é espilido como un allo á hora de resumir o estado da cuestión.

Eu, de neno, coleccionei selos. Pedíallos ós fillos de emigrantes e buceaba na súa procura nos caixóns das casas dos avós. Supoño que era un sistema de ter nun álbum anacos de todas partes do mundo, recordos de xente pasada que contaba a súa vida por carta. Para min, que o auxe da filatelia tivo que ver coa época en que xa se sabía do moito mundo que había, pero había poucas posibilidades de visitalo. Agora que hai micropaises que teñen na edición de selos para coleccionistas a súa principal fonte de divisas, e que as rarezas antigas deben estar xa a bo recaudo, non entendo como o mercado filatélico dá para que invista nel case un de cada cen españois. Claro que tampouco penso moito no asunto: o meu problema non é onde meto o diñeiro, senón máis ben de ónde o saco.
Con todo, o presunto estafado e declarado queixoso ten razón en disparar cara arriba. Coa tradición española dos macropufos (o estraperlo, Matesa, Sofico, Gescartera, Marbella…) é sorprendente que unha empresa que está entre as cen primeiras de España por facturación, un sector sobre o que xa había alertas de expertos e de organizacións de consumidores e unhas sociedades que entregaban intereses mensuais coma un banco (ben, máis ca un banco) camparan alegremente, reguladas pola mesma normativa de consumo ca unha charcutería pouco escrupulosa coa hixiene dos productos. Neste caso, e nunha chea deles máis (algúns ben próximos) parece que en cuestións legais o tamaño si importa: as leis soamente che afectan se non es o bastante grande. Como cidadán solidario, agradézolle ó Goberno iniciativas como autorizar o matrimonio homosexual, pero como cidadán egoísta rogaría que centrase agora a súa acción en medidas de igual cariz progresista e europeo pero de maior esforzo, como evitar que nos rouben a maioría das grandes empresas de servicios. E así de paso, evitariamos que pasara o que apunta a outra liña de pensamento do queixoso de marras: que o Estado –todos nós, aforradores ou gastadores- estea obrigado a resarcilos. No devandito foro dixital, alguén que se identificaba como asesor financeiro de Inditex (e non o debía ser, porque desapareceu ou non dei atopado o comentario) aseguraba que os activos de Fórum eran de 3.000 millones de euros, que cubren o 446% das obrigas contraídas cos seus clientes. Pero si se confirma que o Fórum e Afinsa eran dous negocios piramidais, no que os primos vellos cobraban co diñeiro dos primos novos vai pasar como pasou con Banesto, que teremos que apandar coas consecuencias dunha cegueira dobre: a dos controis da administración e a da prudencia dos accionistas.
Como me dixo na miña época coleccionista un tío meu, filatélico de verdade, “tes algúns exemplares que valen algo, sempre que haxa quen chos compre”.

(xoves, 11 de maio de 06)


Mai 10 2006

Solidariedade con M

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:47 am

Deberiamos facer algo para axudar a casenada


Mai 09 2006

Eco-jet

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:00 am

baronesa, alcaldesa
Posiblemente non sexa nada grave, pero debería facermo mirar. Tampouco é que teña malestar ningún, pero síntome raro estando de acordo con xente como Carmen Cervera ou o príncipe Carlos de Inglaterra. Xa sei que tanto pode ser unha síntoma pasaxeira como que me estou facendo urbanoconservador.

Evidentemente, pódense facer todas as coñas que se queira co súpeto furor ecoloxista que espertou na señora Cervera o proxecto de reforma do Paseo do Prado que levará por diante uns centos de árbores. Mesmo nalgúns medios, informativos e dos outros, agora refírense a ela como se fose Tita Cervera (a) “Baronesa Thyssen”. E posiblemente no fondo da súa postura teña algo que ver a futura negociación da súa colección pictórica. Todo o que queiran, pero desde o meu particular e provinciano punto de vista, ten razón. E non porque teña analizado o moderno proxecto ó que se opón, senón pola experiencia que teño nesas actuacións. No Berbés de Vigo vin o outro día unha horrenda explanada/escalinata que, deseñada sen dúbida para “valorizar” o entorno, o que resalta é por unha parte o abandono do conxunto “valorizado” e por outra un caseto de información turística. Co conto da actuación urbanística valorativa, no porto de Muxía perpetraron unha especie de Vallecito de los Caídos/andén de estación á espera de que poñan o tren, e máis grande que a metade das casas que ten detrás. En Sarria tiraron un piñeiro de cen anos para facer… un xardín. E hai tempo, en Santiago o mesmo recoñecido arquitecto autor do polémico proxecto madrileño fixo un parque precioso de mirar e pouco útil para usar. O problema nestes casos é que se xuntan a fame de pasar á posteridade das institucións que fan os encargos, as gañas de inmortalidade dos que os reciben e a fartura de cartos que lles saen ata polas orellas ás administracións cando se trata de facer paseos, terminais aéreas e outras infraestructuras transeúntes. (Nese sentido é revelador que o alcalde Gallardón fale de que o Prado converteráse “en el mejor paseo de Europa”. De momento, o resultado de tanta obra foi a reflexión que fixo hai un tempo Danny DeVito nunha visita: “Es una ciudad preciosa, y lo será más cuando encuentren el tesoro”). Nestes casos hai que fiar con xeito, porque o malo son os extremos. O prestixio musical de Stockhausen está fora de cuestión, pero quizais non sexa o autor máis adecuado se do que se trata é de encargarlle uns arreglos actualizadores de Y digo Deportivo de Ghandi. E ó revés, deprimentes urbanizacións dos anos 70 están pespuntadas de farolas fernandinas que lle acaen tanto como ó Cristo de Fisterra un traxe de Supermán, pero das que os veciños están perfectamente orgullosos. En concluíndo, non é o mesmo facer unha intervención en Matogrande ca na Praza das Bárbaras, e se non hai a –sempre relativa- seguridade de que o resultado vai mellorar o que xa había, é mellor pensalo dúas veces, sobre todo porque nas maquetas sempre queda todo moi bonito.
Así que da un chisco folclórica actuación da baronesa Cervera saco tres conclusións: 1.- Que sociedade é a madrileña, que soamente dá xuntado mil persoas nunha protesta da que nos enteramos ata aquí. 2.- Que importante é todo o que pasa en Madrid que a unha concentración de mil persoas lle dan un par de páxinas nos periódicos nacionais, mentres en Vigo andan a romperse a crisma, e non pasa de conflicto “autonómico”. 3.- Que porra de jet temos aquí que non saca os pés do tiesto desde Pardo de Cela (coa excepción do difunto tenente xeneral Gabeiras, que se mollou contra a regasificadora de Mugardos.

(martes, 9 de maio de 06)


Mai 05 2006

Envexa

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:48 am

Estes sketchs da ETB xa son coñecidos dabondo, pero ilustran que, a maiores da fenda dixital, hai outra catódica, e nas dúas nós estamos do lado malo.



Mai 04 2006

Hispanos

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:40 am

latino bueno latino malo

Estes días, todos os que opinamos de algo non porque saibamos senón porque nolo piden, largamos sobre dous acontecementos: o Evazo, a nacionalización dos hidrocarburos que decretou o presidente de Bolivia, Evo Morales, e o hispanazo , a protesta que os hispanos que viven nos Estados Unidos fixeron en demanda dos seus dereitos. Dous fenómenos coincidentes na terra (América) e no tempo (o 1 de maio) e que son as dúas caras da mesma moeda, aínda que se presenten como o paradigma do hispano bo e o hispano malo.
O hispano bo, aplaudido por tirios de aquí e mesmo boa parte dos troianos de alí, é o que se ergueu nos USA para facerse presente como forza laboral real, por moi oculta ou irregular que sexa teoricamente. O millón de inmigrantes que se manifestaron en data tan demonizada alí como o 1 de maio. Os que non foron ó traballo, nin á igrexa para deixar patentes os ocos laborais e sociais que cobren a cotío (e de paso esixir ser norteamericanos como os demais). O hispano malo para as forzas vivas, económicas e mediáticas, é Evo. Para as progresistas, un desagradecido que paga así os desvelos e o cariño que lle demos cando o elixiron. Para as conservadoras, que xa non lle tiñan cariño ningún , un dictador (sic, escoiteino con estas orellas) populista máis, deses que van levar a América do Sur ó desastre (como se o punto de partida non fose xa a máis absoluta ruína). A primeira das reaccións é de dolorida sorpresa, igual que a dunha ONG á que se lle rebelaran os axudados. A segunda é un capítulo máis da historia universal da infamia. Consista no que consista a tal nacionalización que ninguén parece telo moi claro, aínda que iso non impida que se rachen máis vestiduras que camisas na voda de Farruquito a verdade é que eu non teño demasiadas esperanzas de que vaia mellorar a vida dos bolivianos. Tampouco penso que a poida empeorar, porque os cartos son os cartos, anque se repartan mal. Pero o que non se lles pode negar é o dereito de tentalo, habida conta que as anteriores solucións, as dictaduras promovidas pola CIA e as solucións economicistas patrocinadas polo FMI deixaron o asunto tal cal estaba: uns poucos abarrotando e uns moitos lampando. E non hai razóns obxectivas para que sexa así: un país pobre é Chad, Bolivia é un país rico con xente paupérrima. Os rachadores de vestiduras, ademais da postura imbécil de defender a unha empresa que nos está cobrando cada día ó prezo actual o combustible que compraron máis barato hai seis meses, e sen baixalo nunca, sitúanse non eurocentrismo parvo. Mófanse de usos e costumes claramente folclóricos (meter ós militares nas instalacións petroleiras) esquecendo vigas no ollo propio como a toma de posesión de Bono, a despedida de Paco Vázquez ou a práctica política de Berlusconi. Ou poñendo en dúbida a legalidade democrática de gobernantes que ganaron unhas eleccións máis limpamente que Bush as súas.

O pavero do asunto é a contradicción de criticar que en Bolivia tenten atallar as causas e aplaudir que os inmigrantes nos EEUU se rebelen contra as consecuencias. Máis ou menos, o mesmo que criticar que se limpe o monte e despois pedir máis medios antiincendios. Claro que defender o idioma propio é bo se o fan en Porto Rico e malo si se fai aquí.

(xoves, 4 de maio de 06)


Mai 01 2006

Día do traballador

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:27 pm

Estou nunha terraza tan pancho, entre familia e colegas, rodeado de xente contenta que recolle bandeiras e bártulos de se manifestar, sen máis achaque que ter que botar man dun periódico atrasado porque os do día están pillados. No meu exemplar, unha grande empresa proclama a todo trapo que se determinado departamento autonómico non lle dá vía libre a un proxecto que ten medio paralizado, irase co multimillonario investimento a outra parte. Ou sexa, algo que podería estar entre a denuncia da inoperatividade administrativa, que é como o presenta a información, e a chantaxe empresarial, que é o que ven sendo no fondo.

En concreto, a queixosa é unha das nosas multinacionais galegas, que co chapapote do Prestige aínda petroleando as nosas costas, acudiu en auxilio da sociedade e da Xunta anunciando a súa intención de construír na Costa da Morte unha piscifactoría que nunca tal se vira. Pasados catro anos, os tempos son chegados de facer efectiva a promesa, pero a Administración non está polo labor, quizais porque, como argumentaba o añorado portavoz Pita, hai xente que non quere que Galicia progrese. Pois a miña máis sincera felicitación ós que non soltan o papeliño da autorización, mentres dure. Porque unha cousa é o progreso, e outra o rostro, se que sexa incompatible. Porque é rostro coller uns terreos que son espacio natural e comprárllelos a un euro/metro cadrado ós propietarios que non poden alí poñer unha granxa de porcos ou un taller mecánico, e logo conseguir a autorización administrativa para construír o que lles pete co engado dos postos de traballo. Así pasa nese proxecto de Touriñán e pasou con outro en Ribadeo que promoveu un cuñado de Cascos. Non sei cantos empregos están previstos, pero si os reais dun proxecto similar ó que asistín a inauguración hai ano e pico. Os terreos saíranlle de balde, a Xunta puxo a metade dos cartos do investimento, o concello aínda tivo que preitear para que lle pagaran a licencia de obras e agora están colocados 12 veciños. Á vez que me daba os datos (quitado o do preito) o conselleiro do ramo facíame un canto á iniciativa privada. En efecto, é de recoñecer que hai auténticos linces á hora de muxir os tetos públicos. Calculo que cos cartos que custou todo o tenderete podíase retirar de por vida con salarios de alto executivo a medio cento de habitantes.
Por riba, cando esas nosas grandes empresas atravesan momentos delicados, a Administración non tén reparo en inxectarlles unha presada de pasta, nin elas en admitila. Ou moito me equivoco ou, fóra Inditex, pasou con todas e cada unha delas, e por suposto, tamén fóra de Galicia. A maiores, unha empresa ten posibilidade de declararse en suspensión de pagos e outros recursos xurídicos que a lei nega a un particular que se vexa na mesma apurada situación. De ser un deses pequenos empresarios que teñen que busca un baixo comercial ou unha nave pola súa conta e negociar como pode coas institucións financeiras –privadas, por suposto- eu mosquearíame bastante. Pero son un asalariado, e por riba, teño que traballar facendo isto en pleno 1 de maio.

(para martes, 2 de maio de 06)


« Páxina anterior