Xuñ 29 2006

Era visto

Categoría: Destafoi, Si home sisihomesi @ 7:53 am

Hai desenlaces con menos suspense que unha serie policial de producción española. Non falo da brillante traxectoria da selección de Luís Aragonés e o seu firme compromiso coa historia mundialística, senón do debate do Estatuto Galego, aínda que os dous procesos teñen algo en común: todo o mundo sabe como van acabar, pero os implicados negan o evidente e os medios de comunicación argallan caceroladas, conxurados na misión de que non decaia o espectáculo.

Tamén na competición estatutaria houbo unhas previas máis ben desalentadoras. O PP, equipo clásico e grande sabedor de que non se tén por que matar moito para pasar, foi obediente á consigna de seguir co catenaccio e nada de aventuras. O PSdeG e o BNG, no seu papel de equipos animosos e pequenos, preparáronse por siascaso. Entón producíronse varias circunstancias non previstas. Unha, que Aznar deixou de ser presidente da Federación e en consecuencia, empezou a correr o aire. Dúas, que tamén a Federación catalana cambiou de mans e, como pasa sempre, quixeron facer o que non fixeron os anteriores. Tres, que as demais federacións territoriais puxéronse a correr detrás. E (sobre todo) catro, que aquí tamén pasou o que parecía imposible, despois de tanto tempo de rematar por fóra. En consecuencia todo o proceso pillou ó equipo clásico e grande co pe cambiado, e máis aínda cando os equipos pequenos e animosos presentaron unha proposta conxunta. Algo inédito porque, por un lado era exactamente o que lles pedía o PP (que sabe por experiencia que en política non hai como que os contrarios che pidan algo para que non llelo deas) e polo outro chocaba co argumento tranganillo de que se levaban fatal entre eles.
E por que se sabe que vai pasar?, preguntarán os que seguiron o fío deste proceso estatutario explicado ós seguidores do Mundial. Porque no fondo, uns por experiencia de goberno e outros por ganas atrasadas, máis ou menos todos están de acordo na análise das necesidades que debería resolver a reforma do Estatuto. O PP insiste en que ten a chave, pero tampouco quere ser como o que non solta o balón cando todos queren xogar. O PSOE non quere quedar como o que non consigue o que os seus lles deron a outros. O BNG está na posición do xogador ó que lle fixeron un penalti e non lle deixan tiralo (se o meten ben, e se non, foi pena). É o compromiso colectivo en manter o espectáculo o que provoca ese debate teoricamente a morte sobre como chamarlle a isto. Porque se todos coinciden en aspirar a todo, e se antes estabamos na Primeira Histórica e os compañeiros de liga reclaman ser División Nacional, e os que estaban en regional queren ser de Primeira, ou ascendes ou, se te quedas onde estabas, descendes.
O único que pode amolar o asunto é o comportamento dos que non xogan este partido. Dos que queren que aquí sexamos o último reducto do catenaccio e da España da Enciclopedia Álvarez e os que poden considerar que temos que dar menos dar a lata, que están moi ocupados co transcendental partido que teñen que librar no País Vasco. É decir, os que poden facer ese papel energúmeno da afición máis hortera e máis tópica do Mundial.

(LA OPINIÓN, xoves, 29 de xuño de 06)


Xuñ 28 2006

A por ellos!

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:36 am

Oé!


Xuñ 27 2006

Drogas

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:57 am

cocaine wineOnte celebrouse en todo o mundo o Día Internacional Contra El Uso Indebido Y El Tráfico De Drogas. Non sei como o celebraron por aí (sei que, en China, executando a catro narcotraficantes) pero aquí celebrouse coma sempre, con consellos, estatísticas estarrecedoras, declaracións públicas, folletos, e sen recoñecemento ningún de estar fracasando absolutamente.

A historia das drogas é tan vella como o mundo, e todas as sociedades admitiron algunhas e condenaron outras. Por esta contorna, o alcohol tivo desde sempre a mesma acollida popular e o mesmo apoio oficial (dos reis ós curas) do que agora disfruta o fútbol. O tabaco e o café presentáronse hai cinco séculos e foron furando. A súa condición de legais (o tabaco, de momento) non puido agachar a súa non menos evidente condición de prexudiciais, pero ese detalle, que o seu abuso sexa pernicioso serviu como moito para que o alcohol e o tabaco se inclúan no catálogo teórico de substancias non recomendables, mentres gozan na práctica dun respaldo inoxidable (eu, por exemplo, veño de cubrir unha cata de viños). Outras caeron en desgracia por razóns que se me escapan porque non sei onde teño metido Historia general de las drogas, de Antonio Escohotado. A coca, por exemplo, que despois de formar parte de viños (do Viño Mariani feito en Italia foron agradecidos consumidores a raíña Victoria de Gran Bretaña, Alfonso XIII de España, Alejandro Dumas, Julio Verne, Thomas Edison, os irmáns Lumière e os papas Pío X e León XII) e de xaropes parafarmacéuticos (no que vostedes están pensando deixaron de botarlle coca en 1906, oito anos antes de que se ilegalizara a cocaína en EEUU) pasou a ser unha praga moderna, como se pode comprobar en moitos guións televisivos.
O caso é que, por unhas razóns ou outras, quitado a priva, o tabaco, o café e algúns fármacos, as demais son ilegais, non como os coches. E aquí entra a razón de ser do tal Día Internacional. Non importa que desde que se celebra (1987), e desde que a loita contra a droga é Obxectivo Mundial Número 1 (en realidade, número 2 desde que irrompeu Al Qaeda no ranking) os seus consumos se teñan incrementado a ritmo de Ibex 35, en paralelo ás ganancias dos seus distribuidores e en inverso ás economías dos usuarios. En calquera outra actividade, o normal sería cambiar de estratexia, pero nesta non, por falta de imaxinación ou porque hai moita xente que vive dela, tamén no campo dos bos. En concreto, que aquí baixe imparablemente a idade (ós 14 anos) de iniciarse nas toxicomanías, legais e ilegais, sirve para que se dupliquen os berros de alarma, pero non para que se dobre o esforzo de reflexionar sobre si se está enfocando ben o asunto (os 10 minutos diarios que preconiza o alcalde Javier Losada perécenme claramente escasos). Mesmo cando, no mesmo famoso Día, a directora xeral de Instituciones Penitenciarías recoñece que é imposible controlar o consumo nas prisións. Pois se é imposible nas prisións, das que non se pode entrar nin saír así como así, xa me dirán como se vai controlar noutros ámbitos nunha sociedade que non é nin capaz de impedir que os nenos vexan a televisión de madrugada.


Xuñ 22 2006

Ir presos

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:38 am

Hai xente que está grandemente preocupada por decisións do Goberno como o Estatut (aínda que non sexa unha decisión gobernamental), as negociacións con ETA (aínda que, polo que se ve, tamén dependen bastante dalgúns xuíces) ou o porvir da selección do Mundial de fútbol (aínda que Zapatero cumpre aí o mesmo papel que Rappel). Eu si estou enormemente preocupado por decisións que si toma o Goberno: a prevista modificación do Código Penal en materia de tráfico.

As medidas que anunciou o Ministro Fernando López Aguilar con ese salero que o caracteriza van desde penas de cárcere para quen supere os 90 kilómetros por hora nas vías urbanas limitadas a 50, os 160 km/h en estradas prohibidas a máis de 90 e os 190 kilómetros nas autoestradas e autovías. Ir a 160 nunha estrada e 190 nunha autoestrada paréceme, en efecto, unha machada. Non tanto ir a 90 nunha vía urbana porque o límite de 50 penso que obedeceu máis a unha xeneralización que a unha análise de cada vía concreta, sobre todo en Galicia, que hai traxectos dun cento de kilómetros que discurren enteiros por teóricas travesías urbanas. O destacado salero do ministro do ramo non nos debería deixarnos enganar sobre que estas medidas non son “de seguridade viaria”, senón sancións de faltas e delictos na circulación, como o demostra a intención de penalizar con dous puntos de carné o estacionamento en dobre fila, actitude tan escasamente cívica como cativamente atentatoria contra a seguridade viaria. Paradoxicamente, son medidas intervencionistas por un lado e que polo outro cargan todo o peso da culpa na responsabilidade dos conductores. Un coche ten a potencia letal dunha arma, e nos dous casos, que mate ou non depende do usuario. Sen embargo, non se pode ter un arma, pero si un automóbil. E as pistolas fabrícanas con seguro para evitar que o propietario se pegue un tiro nun pé, pero os coches fanos para que vaian a todo meter. Ademais, as leis son efectivas na medida en que hai unha probabilidade razoable de impoñelas. Sacase ben máis proveito dalgúns delictos contra a propiedade que de ir a 190, e con penas similares, pero non se cometen porque a probabilidade de que te collan é moito mais elevada.
Hipóteses: 1.- A poboación carceraria en España é das meirandes de Europa. 2-. A construcción e o motor da economía española –e o reactor da economía dalgúns españois concretos-. 3.- Parece ser que as autoridades están firmemente decididas a salvar a costa da especulación urbanística. Tese: A única explicación lóxica deste furor apresandi consiste en que hai que construír unha chea de establecementos penitenciarios. Como lle decía a unha señora do PP moi agradable coa que discuto radiofonicamente unha vez á semana, en vez de andar de aprendices de Nostradamus, profetizando cada mes e medio desastres bíblicos que non se producen nunca, o que debería facer a oposición é aproveitar as ocasións que lles ofrece o goberno de defender o sentido común.

(LA OPINIÓN, xoves, 22 de xuño de 06)


Xuñ 20 2006

Botos

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:27 am

O luns 19, día de análise do referendo do Estatuto Catalán, cumpríase un ano de outro referendo, aquel no que Galicia decidiu se lle concedía unha moratoria ó fraguismo ou daba por liquidado o contrato. Nos dous casos saíu que si, e nos dous se produciu un fenómeno, chamémoslle curioso para non chamalo preocupante, que é a posta en cuestión dos resultados polos perdedores. Máis curioso sería, desde logo, que os cuestionaran os ganadores, pero o preocupante é que o fagan pais da patria e do invento, xente que vive diso, e non os socorridos sectores antisistema.

O 19 de xuño a estas horas moitos colegas, independentemente de adscricións ideolóxicas, estabamos cruzando os dedos ante os resultados das eleccións autonómicas. Non polos resultados, senón pola súa interpretación e polas posibles consecuencias. Despois de case un ano de esgotadora precampaña e de quince días de campaña esmagadora, o que nos faltaba era unha prórroga de incerteza a conta do reconto. Sei de profesionais curtidos que tiveron unha crise nerviosa cando apareceu Federico Trillo co maletín na xunta electoral de Pontevedra, naquel reconto que se vendía e temía como unha final de infarto das eleccións. De feito, o mundo mediático sufriu un choque traumático que o tivo meses desnortado e apampado, medio sen saber que había que informar. Ata hai ben pouco aínda espernexaba ese argumento de que a ver quen ganou as eleccións, como se non estivera claro quen manda e quen non, e esquecendo o dato de que a primeira vez que ganou Fraga foi gracias a sacos de votos emigrantes que se computaron daquela maneira. E co Estatut, exactamente o mesmo. Logo dun ano ou dous que parecen media vida debatendo o asunto, antonte votaron dunha vez, co que o asunto debería quedar amañado, ou polo menos informativamente amortizado. Nin por esas. Hai xente de orde que fai proclamas sobre o valor político da abstención como se fosen activistas da CNT-AIT e non rexistradores da propiedade.

Que conste que eu sempre me acollín ó maxisterio de Bernard Shaw cando opinaba que a democracia substitúe o nomeamento feito por unha minoría corrompida pola elección feita por unha maioría incompetente, ou que é un proceso que garante que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos. Ou ó de Charles Bukowski, que aseguraba que a diferencia coa dictadura consiste en que en democracia podes votar antes de obedecer as ordes. Pero descrer de algo non supón acreditar no contrario, como resumiu Churchill cando cualificaba a democracia como o peor sistema de goberno, quitado os demais. E o rechamante é que os que montaron o pendello, os que pactaron o derrubo do antigo réxime a cambio de que non se tocara ós que o serviron, os promotores de sistemas como o D´Hont que lle asegura ás maiorías máis representación da que lles dan os votos, os que converteron a democracia de sistema político en ideoloxía arroxadiza, se queixen agora.
Si de verdade o teñen tan pouco claro, deberían tomar de exemplo a dous presidentes do país que pasa como inventor do sistema: “Creo que estamos nun camiño irreversible cara máis liberdade e democracia. Pero as cousas poden cambiar” (George W. Bush). “Hai momentos na vida de todo político en que o mellor que pode facer é non abrir a boca”. (Abraham Lincoln).


Xuñ 17 2006

Esperando ós bárbaros

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 12:05 pm

Houbo aquí quen chamou xa a atención sobre o fenómeno que, sendo duros poderiamos chamar de tocar a rebato á sociedade. Sendo blandos, pódese considerar un intento de homologar Galicia coas sociedadades punteiras, aínda que sexa na crónica negra. Sendo realistas, pailanismo sensacionalista. De facerlle caso a algunhas informacións, os habitantes de varias urbanizacións de Santa Cristina (Oleiros) están atemorizados pola amenaza de bandas do Leste. Desde logo, o medo é libre, e a prensa tamén, pero os feitos están suxeitos á realidade. Igual que os animais que lle pegaron un tiro a un inocente en Coristanco con métodos orientais resultaron ser veciños do lugar, como todo o mundo sabía na contorna, os asaltos dos bárbaros do Leste consistiron na sustracción dos cartos dun bolso que estaba riba dunha mesa nunha sala coa porta aberta a un xardín, e no roubo dunha placa vitrocerámica nun piso en obras. A única violencia rexistrada na zona foi unha labazada que apañou un presidente de comunidade duns rapaces ós que lle chamou a atención por estar fumando canutos (precisamente cando acababa de deixar as forzas de seguridade inspeccionando o lugar dos feitos). Por moito que o máximo sustentador da teoría do perigo rumano sexa un hosteleiro revestido da autoridade profesional de ter sufrido tres roturas de luna de escaparate, o esquelete dos feitos dá, como moito, para darlle algo de substancia a unha trama menor de Aquí no hay quien viva. Pero entre a potencia do medio emisor e o coro que lle fixeron tertulias radiofónicas por toda Galicia, xa temos montado un agromo de gripe aviaria (por certo, que foi dela?).

Agora, denunciado o caso, uns veciños terán medo dos rumanos, outros dos habitantes do planeta Reticulín, pero os que eu coñezo de quen teñen medo é dos periodistas.


Xuñ 15 2006

Pasarela

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:49 am

Penedos de Pasarela
Non, non é a pasarela Cibeles, nin a Gaudí, aínda que tamén é unha mostra da creación e unha oportunidade de negocio. É a Pasarela de Vimianzo, un lugar coroado por un penedos que son a proba máis definitiva de que a natureza supera á arte. E tamén outra proba non menos definitiva de que, a pesar de séculos de civilización, o ser humano evoluciona máis na forma que no fondo.

     Os penedos de Pasarela son, nestes tempos de parques temáticos, un parque máxico, escribiu Manuel Rivas aforrando ós demais o traballo de describilas e valoralas. Tamén foron, desde hai tempo, escuro obxecto de desexo de empresas que viron neles, imaxino, a oportunidade de facer canteiras nun sitio no que nin hai que desenterrar as pedras. A primeira, provista dunha patente de corso en forma de permiso de prospección, foi ó seu ata que houbo as protestas. A segunda, liderada polo socio dun coñecido ex responsable de Política Territorial, conseguiu un permiso de Medio Ambiente. Foi naquel mes en funcións da anterior Xunta que tivo unha productividade nunca vista en cuestión de permisos e unha vizosidade tropical á hora de cumprir compromisos. Entendo que calquera se apunte a coller euros a catro pesetas aproveitando a casualidade de que o teu socio foi o responsable de ordenar o territorio e que pillas ó goberno autonómico preso dunha actividade febril. O que non entendo é a actitude dos indíxenas ós que se lle priva dunha oportunidade de negocio colectivo moito maior: aproveita ese parque máxico que xa está feito, non como Terra Mítica, que houbo que meter unha chea de cartos públicos para facela e para urbanizar o entorno e menos mal que os terreos eran de amigos e non se perdeu todo.

     Nese sentido, as declaraci&#243;ns do alcalde de Vimianzo, proclamando o argumento pro-canteira de que &#8220;as pedras son pedras&#8221; (e polo tanto, susceptibles de converterse en grava) ocultan, baixo a obviedade aparente, unha gran profundidade conceptual. Calquera d&#237;a, o edil descubrir&#225; que o castelo de Vimianzo non deixa de ser un edificio, e polo tanto, debaixo hai un solar. Igualmente, a asociaci&#243;n de veci&#241;os de Pasarela (que &#243; parecer non precisan os 5 postos de traballo que crear&#237;a a canteira, pero son amantes das novidades laboral-productivas) fai unha proposta de alto calado: &#8220;Canteira si, penedos tam&#233;n&#8221;. &#201; decir: &#8220;Tortilla si, ovos tam&#233;n&#8221;. Ou &#8220;troitas si, bragas enxoitas por suposto&#8221;. Calquera urbanita deses que entende como natural que estea prohibido tender a roupa na fachada das casas pode considerar que deixar estragar unha paisaxe a cambio de nada d&#233;bese &#225; ignorancia. Grave erro. Hai uns meses, cubr&#237;n a informaci&#243;n da <a href=\"http://www.lavozdegalicia.es/se_galicia/noticia.jsp?CAT=102&TEXTO=4774953\">desaparici&#243;n </a>en Camari&#241;as da Pedra do Oso. Un misterio que durou apenas 24 horas, cando un veci&#241;o da Coru&#241;a alertou que llo chantaran diante da casa. Afanarao un dilixente traballador &#243; que a empresa constructora dun edificio oficial da Coru&#241;a encargara procurar algo aparente para decorar unha rotonda nunha zona xa ateigada de h&#243;rreos reconstitu&#237;dos. O operario, sen cualificaci&#243;n pl&#225;stica ningunha, apreciou que o penedo daba perfectamente o pego como elemento art&#237;stico obrigado en toda obra civil.

Pedra do Oso
Non é que algunhas mentes sexan máis duras de roer polo paso do tempo que as formacións graníticas. É que hai moito listo que se fai o parvo para camuflarse, pensando que os demais o son.

(LA OPINIÓN, xoves 15 de xuño de 06)


Xuñ 13 2006

Mundial

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:21 am


O fútbol é un espectáculo baseado nun deporte que, como todos os deportes, a uns préstalles e a outros non, e como a maioría dos espectáculos, gusta a calquera se é bo, e máis cando hai unha implicación ou identificación emocional con algún dos participantes. Hai xente que un domingo súa con Rafa Nadal, o luns vibra con Fernando Alonso, o martes estremécese con aquel Juanito que era un esquiador español ata que se descubriu que era un alemán dopado, e o mércores papa o partido da previa da Champions entre un equipo danés e un lituano. Outros, pola contra cambian de cadea en canto ven na pantalla algo redondo e alguén en pantalón corto. Logo hai uns que nin tanto nin tan pouco (aínda que, coma min, subscriban aquelas palabras do mítico adestrador do Liverpool, Bill Shankil, “o fútbol non é só unha cuestión de vida ou morte. É algo máis importante que todo eso”). Ditas estas xeneralidades, a promoción do Mundial nos medios é o máis parecido ós métodos mussolinianos de adoutrinamento.

obispos Mundial
Non é que soamente nos leven semanas rompendo a cabeza con monográficos da mediocre participación do combinado que patrocina a Federación Española de Fútbol baixo o rimbombante denominación de Selección Nacional. Que nos teñan recordado o gol de Zarra a Inglaterra, o de Marcelino a Rusia e o codazo a Luis Enrique coa reiteración propia das técnicas de captación da secta Moon. Que saibamos máis da meritoria traxectoria da selección paraguaia que da atroz realidade da nación paraguaia. O malo é que, coa escusa do Mundial, tirios e troianos están promovendo, con tanta intensidade como frivolidade, o hooliganismo máis rampante. En plena época de demonización do nacionalismo, deben estar exentos os nacionalismos que teñen exército, fronteiras e pasaporte, porque se ve como natural e simpático que os alemáns inauguren o Mundial a golpe de bávaros tocando o tambor (dous elementos en si temibles que xuntos fan unha combinación histórica perigosa).

     Aqu&#237;, a versi&#243;n fina do lavado de cerebro ten mellor acabado. Esgotado Ra&#250;l como icona, a proposta agora &#233; Casillas, promovido como <em>middle class hero </em>nos suplementos dominicais e como <a href=\"http://www.youtube.com/watch?v=NdFnpcHU7ek\">mutante </a>da Patrulla X , con alitas (unha mensaxe subliminal de que &#233; fino e seguro?) nas promoci&#243;ns televisivas. &#211; mesmo tempo e no mesmo <a href=\"http://www.youtube.com/watch?v=Wk4pgww1wTw\">canal</a>, l&#237;deres da comunicaci&#243;n e da opini&#243;n po&#241;en xesto pretendidamente duro mentres pintan a cara en plan <em>Braveheart</em>, e locutores e entertainers escenifican poses de energ&#250;menos. Mesmo Esperanza Aguirre invita &#243;s seus inmigrantes ecuatorianos a ver os partidos de balde e p&#237;ntalles a cara &#243;s que se deixan cos colores patrios (de Ecuador). Debe ser que, como os futbolistas, segundo Peter Sloterdijk, o fil&#243;sofo alem&#225;n m&#225;is popular, tenden cara a hermafroditizaci&#243;n, a &#233;pica pasou da herba &#225;s bancadas, e para vivir unha vida prestada xa non fai falta ser dianteiro, chega con ser hincha. Aqu&#237;, afortunadamente, a <a href=\"http://www.youtube.com/watch?v=QW31L3A1SL8\">caspa </a>que verniza inevitable ou consecuentemente todo o patri&#243;tico fainos inmunes a esa perigosa tendencia. Por exemplo, ese video oficial-aficionado, co seleccionador e seleccionados pegando brincos &#243; son dunha versi&#243;n ratonera do &#8220;A por ellos, o&#233;&#8221;. Parece feito coa c&#225;mara do m&#243;bil dun representante da Federaci&#243;n e demostra que sigue vixente e sen evolucionar a proposta conceptual de Manolo el del Bombo (comp&#225;reno <a href=\"http://www.youtube.com/watch?v=cx_Jvl0pkYw\">cos </a><a href=\"http://www.youtube.com/watch?v=Q2Y6hlflKVs\">arxentinos</a>). Eso aparta a calquera de implicarse en causa tan hortera. Eso e os resultados.

(LA OPINIÓN, martes, 13 de xuño de 06)


Xuñ 11 2006

O urbanismo e as galiñas

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:28 pm

Se en algo estamos todos de acordo, os que pensan que ZP sigue a estratexia de ETA e viceversa e os que consideran que oxalá as tácticas de ZP e ETA deberían aproximarse, os que reciben o Mundial de Fútbol como ó Santo Advenimiento e os que o asimilan á chegada do Anticristo, é que o urbanismo debe ser sostible.

Por exemplo, esta semana, a Federación de Promotores de la Edificación y del Suelo de Galicia (Feproga) que debe ser unha organización moi importante por moito que ata agora gardara un sorprendente silencio mediático, convocou un acto informativo para sinalar que eran os primeiros interesados en combater o feísmo e a marbellización, e que apostaban por un desenvolvemento urbanístico harmónico e sostible (a partir de agora, como sairá moito, DUSH). E antonte mesmo, o presidente da Fegamp e alcalde de Lalín, José Crespo (este si coñecido bastante) sinalaba que, para os alcaldes, “facer urbanismo en Galicia empeza xa a ser un labor de heroes”. A Feproga, despois de recordar o moito que a construcción contribúe ó Producto Interior Bruto (é decir, á a economía teoricamente de todos), pedía seguridade xurídica para traballar. A Fegamp, “facilidades para sacar adiante o planeamento, porque, se non, ó final, un polos outros, a casa sen barrer e quen se prexudica é Galicia”.
Reveladoras e valentes declaracións todas, aínda que, autodescartados os xestores do solar e o ladrillo por un lado e os administradores do solo edificable por outro, non queda moita máis xente á quen botarlle a culpa do que pasa… ¿quizais á xente que, adoecida porque non sabe onde meter os cartos, se lanza a comprar pisos? Quizais aclare algo unha declaración pouco difundida que o representante de Feproga fixo entre canto e loa ó DUSH: “no se puede cerrar el grifo al desarrollo, ni matar la gallina de los huevos de oro”. Aí pode estar a clave. Que mentres uns se preocupan da saúde das súas galiñas ponedoras, a maioría o que tén é un ir tirando, sen máis ovos que os que veñen de serie. Non soamente os asalariados adocenados e pouco emprendedores, senón a maioría dos empresarios, sobre todo os pequenos. E entre os heroes urbanísticos dos concellos hai bastantes que se baten en trincheiras escavadas por amigos, familia e demais parentes. En Nigrán, que lles vou contar que non saiban ou supoñan, pero en Muxía resulta que o heroico goberno local asinara dous acordos cunhas empresas madrileñas que, atraídas sen dúbida pola heroica loita contra o chapapote na zona cero, proxectaban construír unhas 5.000 vivendas (en Muxía agora non chegan a mil) en terreos mercados ás familias duns concelleiros. O proxecto, plenamente DUSH, afectaba á zona de protección da costa, pero o concello comprometíase por escrito a salvar ese pequeno escollo. Polo da seguridade xurídica, suponse.
Sinceramente, os únicos que non están a favor do DUSH son os propietarios afectados polos PXOUs ou PXOMs heroicamente planificados nas oficinas, municipais ou privadas. Aqueles que mesmo siguen apoiando electoralmente a coñecidos destroyers costeiros. Eles queren poder erguer un pindirico o máis alto posible (como ben apuntou alvarez nun post), e como saben que non pode ser, polo menos que o reparto de ovos áureos sexa igualitario. E decir, queren ter a seguridade xurídica de que as autoridades non se dedican a tornar o raposo duns galiñeiros e deixalo entrar noutros.

(FARO DE VIGO, 11 de xuño de 2006)


Xuñ 10 2006

Multiculturalidade

Categoría: Xeralsihomesi @ 2:24 am


(by appointment Nacho Aturuxo)


Seguinte páxina »