Xuñ 08 2006
Toques II

Para todo hai que valer. Eu souben desde hai tempo que non valía para profesor de autoescola, xuíz ou médico, e antonte confirmei que tampouco serviría para avogado. Antonte asistín en calidade –é un decir- de denunciante ó xuízo de faltas contra o alcalde de Toques por aquel chusco asunto de hai dous anos e medio, cando aparecemos dúas ducias de xornalistas na casa consistorial na inxenua crenza de que ía dimitir logo de que o condenaran por abusos sexuais a unha menor. Si se acordan, resultou que non soamente non dimitiu, senón que nos botou de mala maneira do salón de sesións, axudado por uns secuaces, ó becerreiro modo, a golpes e a gorrazos.
Describo así aquela situación porque teño o recordo do vídeo que gravou o meu compañeiro, onde vin ducias de veces repetida a conducta rufianesca que eu, neto de labradores, sempre pensei que era radicalmente allea ó noso mundo rural. Do visionado saquei a conclusión que a triquinose ou o mal das vacas tolas non son o único que as bestas poden transmitir ós humanos. A impresión debilitouse cando os vin alí sentados, ó vello que nin enchía o traxe acompañado do comando túzaro, incluído aquel ó que a tropa de denunciantes alcuñamos como Pucho Boedo non por cantante senón polo seu dominio do pucho á hora de tornarnos do pleno. Alí estaban, serios como estoas, como se estiveran na misa e os obrigaran a sentase nos primeiros bancos, nos das vellas. E volveu outra vez en canto o interrogou o seu avogado. Resultou ser que aquela ánima bendita, a instancias dos seus veciños, xente noblota e pastoril que se sentía agredida por tanto trípode e tanto cable, nos pedira por favor que desaloxaramos a sala, e os golpes producidos e levados foran os propios de calquera tumulto. Como a traxedia do estadio de Heysel pero a escala de casa consistorial de Toques (A Coruña, por si alguén ten dúbidas de en que continente tiveron lugar os feitos).
Foi nese momento cando tiven a revelación divina de que nunca podería ser avogado. Asistín a bastantes xuízos e sobre todo ás declaracións de acusados, algúns de crimes tan descarnados que, logo de ler o informe fiscal, daban ganas de arrearlles co banquiño na cabeza. En ningún caso recordo que as súas declaracións –normalmente, variantes do “non recordo”- me incrementaran as ganas de tirar de banquiño. Pero no forno do xulgado de Arzúa aquelo pasaba antes e despois de uns e outros visionaran o vídeo onde se vía claramente a actuación completa do comando túzaro. Nese caso, eu sería un avogaducho que tatexaría decindo: “o meu representado tiña un mal día, estampou ó coche e pola noite non durmira, sexan comprensivos”. Aínda que algo debía ter sospeitado cando a acusación era por un delito de faltas (a Pepe Castro o de Ponteareas inhabilitárono seis anos por un delicto contra a libertade de expresión por retirar dun recinto municipal uns folletos, e nin siquera a patadas). O momento chave do asunto foi cando o xuíz lle preguntou pola súa actual ocupación. “Alcalde”, dixo todo rufo. “Ah”, dixo o xuíz, como sorprendido. É para estalo, tendo en conta que sigue –e probablemente renove- de alcalde, mentres a que se tivo que ir foi a abusada. Nin me estrañaría que o absolveran.
(LA OPINIÓN, xoves, 8 de xuño de 06)


o 8 de Xuño, 2006 ás 1:51 pm
Outra vaca no Blogomillo.
http://oultramarinho.blogspot.com/
Saudos.
o 8 de Xuño, 2006 ás 5:50 pm
Sr. Pereiro, está mal que o diga eu, pero tiñalle feito un comentario brillantísimo sobre o asunto, con perspectivas históricas e etnográficas, e todo
. Como por dúas veces tiven malos entendidos co anti-spam (será que non son ben humano de todo, ou que xa non tiña costumbre de isto de estudiar para os exámes), limítome a resumirllo todo nunha idea que xa lle teño expresado máis veces aquí: O problema non son os espabilados, senon os que lle fan caso.
o 9 de Xuño, 2006 ás 3:29 pm
sr. shs: enróllese e suba ese vídeo ao youtube. non está nunca de máis lembrar os feitos + noxentos da nosa historia recente.
o 9 de Xuño, 2006 ás 5:44 pm
Son ben burro, pero o que tiña quedou de proba no xulgado, pero alí escoitei que estaba en internet, Se non aparece, a ver se me fago cunha copia.
o 9 de Xuño, 2006 ás 6:16 pm
Non sei se é por ter visto Capote o outro día,ou máis ben polo licor de herbas,pero vexo cousas cuspidiñas a “In cold blood” neste artigo
É que o “xornalismo xudicial” e a “literatura penitenciaria” teñen moita chispa.Os galegos levamos certo retraso e,por riba diso,a falta dos corredores da morte réstalle dramatismo ao conto(Grazas a Deus).Sr sHs, ten que perdoar,pero o xulgado de Arzúa non é o mesmo que o cárcere de Alcatraz.Mesmo así,alguén debería falar con Reixa para que fixera unha película co caso de Toques…..Se me levan a Cannes,eu ofrézome de axudante de producción.(Recadeiro,vamos)
o 9 de Xuño, 2006 ás 6:47 pm
A ver se lles presta a peza.
o 9 de Xuño, 2006 ás 8:25 pm
Mourullo, ¿que se sinte tendo superpoderes?
o 22 de Xuño, 2006 ás 3:59 pm
eu son de toques e sinto vergoña allea cada vez que me preguntan polo personajillo este que, aínda despois de coñecelo de toda a vida non me explico como te os santos… a aseguir ahí. so mostrarvos o meu apoio así coma o de moitos dos meus veciños para que sigades informando de xeito obxectivo e por encima desta tropa de trogloditas