Xuñ 20 2006

Botos

Categoria: Si home sisihomesi @ 12:27 am

O luns 19, día de análise do referendo do Estatuto Catalán, cumpríase un ano de outro referendo, aquel no que Galicia decidiu se lle concedía unha moratoria ó fraguismo ou daba por liquidado o contrato. Nos dous casos saíu que si, e nos dous se produciu un fenómeno, chamémoslle curioso para non chamalo preocupante, que é a posta en cuestión dos resultados polos perdedores. Máis curioso sería, desde logo, que os cuestionaran os ganadores, pero o preocupante é que o fagan pais da patria e do invento, xente que vive diso, e non os socorridos sectores antisistema.

O 19 de xuño a estas horas moitos colegas, independentemente de adscricións ideolóxicas, estabamos cruzando os dedos ante os resultados das eleccións autonómicas. Non polos resultados, senón pola súa interpretación e polas posibles consecuencias. Despois de case un ano de esgotadora precampaña e de quince días de campaña esmagadora, o que nos faltaba era unha prórroga de incerteza a conta do reconto. Sei de profesionais curtidos que tiveron unha crise nerviosa cando apareceu Federico Trillo co maletín na xunta electoral de Pontevedra, naquel reconto que se vendía e temía como unha final de infarto das eleccións. De feito, o mundo mediático sufriu un choque traumático que o tivo meses desnortado e apampado, medio sen saber que había que informar. Ata hai ben pouco aínda espernexaba ese argumento de que a ver quen ganou as eleccións, como se non estivera claro quen manda e quen non, e esquecendo o dato de que a primeira vez que ganou Fraga foi gracias a sacos de votos emigrantes que se computaron daquela maneira. E co Estatut, exactamente o mesmo. Logo dun ano ou dous que parecen media vida debatendo o asunto, antonte votaron dunha vez, co que o asunto debería quedar amañado, ou polo menos informativamente amortizado. Nin por esas. Hai xente de orde que fai proclamas sobre o valor político da abstención como se fosen activistas da CNT-AIT e non rexistradores da propiedade.

Que conste que eu sempre me acollín ó maxisterio de Bernard Shaw cando opinaba que a democracia substitúe o nomeamento feito por unha minoría corrompida pola elección feita por unha maioría incompetente, ou que é un proceso que garante que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos. Ou ó de Charles Bukowski, que aseguraba que a diferencia coa dictadura consiste en que en democracia podes votar antes de obedecer as ordes. Pero descrer de algo non supón acreditar no contrario, como resumiu Churchill cando cualificaba a democracia como o peor sistema de goberno, quitado os demais. E o rechamante é que os que montaron o pendello, os que pactaron o derrubo do antigo réxime a cambio de que non se tocara ós que o serviron, os promotores de sistemas como o D´Hont que lle asegura ás maiorías máis representación da que lles dan os votos, os que converteron a democracia de sistema político en ideoloxía arroxadiza, se queixen agora.
Si de verdade o teñen tan pouco claro, deberían tomar de exemplo a dous presidentes do país que pasa como inventor do sistema: “Creo que estamos nun camiño irreversible cara máis liberdade e democracia. Pero as cousas poden cambiar” (George W. Bush). “Hai momentos na vida de todo político en que o mellor que pode facer é non abrir a boca”. (Abraham Lincoln).

14 comentarios a “Botos”

  1. luis dixo:

    É curioso esto de non aceptar o resultado das eleccións, semella que a xente é igual en todos os partidos, non só nos que tí señalaas:
    http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/noticia.jsp?CAT=126&TEXTO=796711&txtDia=22&txtMes=10&txtAnho=2001

  2. sihomesi dixo:

    Non, evidentemente. Xa non me acordaba daquelo. Pero ó que me refería era ó cuestionamento da reglas do xogo e á abducción da abstención polo núcleo duro do sistema político. E na análise do BNG do 2001, o curioso era qiexarse do evidente, de que os poderes fácticos apoian a uns e esmagan a outros.

  3. luis dixo:

    Pensaba que te referías á posta en cuestión dos resultados polos perdedores. Iso ocorre sempre, ou case sempre. Exemplos da interpretación espúrea da abstección tamén podríamos atopala en calquera partido político cuxa opción no acadase o resultado buscado. E tamén é certo que os poderes fácticos apoia a uns e esmagan a outros. Polo xeral apoian aos que detentan o poder, ou aos que están en disposición de facelo. En Cataluña sempre apoiaron a CiU, no País Basco ao PNV, en Andalucía ao Psoe e aquí a Fraga. Veremos dentro de tres anos se os poderes fácticos galegos apoian ao PP ou ao bipartito, quen se queixará da TVG e da Radio Galega, etc. O cambio na prensa vai sendo tamén evidente. Tí que pensas que pasará?

  4. sihomesi dixo:

    É máis evidente nuns casos ca outros, e sobre uns casos máis ca noutros

  5. eSedidió dixo:

    Unha pregunta tonta: se as abstencións contan como rexeitamento, qué carallo facemos aquí cun Estatuto que tivo unha participación menor ao 30%? Non me elmbro moi ben (xa saben, vou vello), pero creo que o Sr. rexistrador estaba daquela na presidencia da diputación de pontevedra

  6. sihomesi dixo:

    Noraboa, eSedidió!, acaba de coincidir co argumento intergalaico que lle espetou José Blanco a Rajoy. Pero hai outra cifra que amola máis. Os partidarios do non sacaron menos porcentaxe de votos da que tiveron nas pasadas eleccións autonómicas.

  7. yeye dixo:

    Miña abuela era dunha parroquia que fai límite con Botos. Seica anduveran enfrontados no pasado século, ou no anterior, xa non sei. Houbo tiros e todo. Acórdame que cando se enfadaba contigo non dubidaba en dicir: “Xa es de Botos

  8. eSedidió dixo:

    Xa sei que non é o motivo deste post, pero, dado que é vostede (como ben dixeron nun comentario recente) o noso guía espiritual e home ben informado, a ver se me pode responder unha dúbida: ¿Sabe vostede cales son os indicios nos que se basearon para incriminar a Julen Madariaga na movida esa do IR? E que eu non din atopado na prensa máis que unha referencia vaga a unha mención a un tal “julen”, e a verdade, vendo a traxectoria dese home, sorpréndeme tanto como que se detivera hoxe a piqué por peligroso comunista ou a pío moa como membro dos grapo.
    Ilumíneme, por favor, ou, no seu defecto, a ver que atopa SuperMourullo…

  9. sihomesi dixo:

    Eu confiaría máis en Supermourullo, porque se vostede asistira a todas as misas, na das 22,00 dos martes na Radio Galega tería escoitado a miña perplexidade e a miña sospeita de que este asunto recórdame ó caso Gara.

  10. opaco dixo:

    Sinto informarlles que o mourullo non é humano, era un bot, e agora traballa no chuza, no fedello :D pregunten alí

  11. mourullo dixo:

    Recordaralle ao caso Egin, dilecto sihomesi, ao caso Egin… E, perdoe, pero é que nas últimas misas, como xa dixo a sabia kate, un queda coas palabras de Elisa Madarro e, cousa miña, non lembro a súa perplexidade e sospeita no caso ‘Julen Madariaga’. Aínda ben, quédome coa súa estraneza manifestada e a de máis xente.

    Un saúdo pola confianza a eSedidió e agradecido pola información a opaco. :-D

  12. sihomesi dixo:

    Sinto ben a perda. De todas formas, preparemos un xato ben cebado por se volve (Lucas 15, 1-3.11-32). Claro que se é un bot, non sei se o do xato é axeitado…

  13. sihomesi dixo:

    Ai, carai, xa volvera, pero estaba no limbo dos comentarios a aprobar!

  14. paula dixo:

    i love you!!
    eu te amo!!
    ahuahuahu
    meu amor da minha vida!

Deixa un comentario