Xuñ 22 2006
Ir presos
Hai xente que está grandemente preocupada por decisións do Goberno como o Estatut (aínda que non sexa unha decisión gobernamental), as negociacións con ETA (aínda que, polo que se ve, tamén dependen bastante dalgúns xuíces) ou o porvir da selección do Mundial de fútbol (aínda que Zapatero cumpre aí o mesmo papel que Rappel). Eu si estou enormemente preocupado por decisións que si toma o Goberno: a prevista modificación do Código Penal en materia de tráfico.
As medidas que anunciou o Ministro Fernando López Aguilar con ese salero que o caracteriza van desde penas de cárcere para quen supere os 90 kilómetros por hora nas vías urbanas limitadas a 50, os 160 km/h en estradas prohibidas a máis de 90 e os 190 kilómetros nas autoestradas e autovías. Ir a 160 nunha estrada e 190 nunha autoestrada paréceme, en efecto, unha machada. Non tanto ir a 90 nunha vía urbana porque o límite de 50 penso que obedeceu máis a unha xeneralización que a unha análise de cada vía concreta, sobre todo en Galicia, que hai traxectos dun cento de kilómetros que discurren enteiros por teóricas travesías urbanas. O destacado salero do ministro do ramo non nos debería deixarnos enganar sobre que estas medidas non son “de seguridade viaria”, senón sancións de faltas e delictos na circulación, como o demostra a intención de penalizar con dous puntos de carné o estacionamento en dobre fila, actitude tan escasamente cívica como cativamente atentatoria contra a seguridade viaria. Paradoxicamente, son medidas intervencionistas por un lado e que polo outro cargan todo o peso da culpa na responsabilidade dos conductores. Un coche ten a potencia letal dunha arma, e nos dous casos, que mate ou non depende do usuario. Sen embargo, non se pode ter un arma, pero si un automóbil. E as pistolas fabrícanas con seguro para evitar que o propietario se pegue un tiro nun pé, pero os coches fanos para que vaian a todo meter. Ademais, as leis son efectivas na medida en que hai unha probabilidade razoable de impoñelas. Sacase ben máis proveito dalgúns delictos contra a propiedade que de ir a 190, e con penas similares, pero non se cometen porque a probabilidade de que te collan é moito mais elevada.
Hipóteses: 1.- A poboación carceraria en España é das meirandes de Europa. 2-. A construcción e o motor da economía española –e o reactor da economía dalgúns españois concretos-. 3.- Parece ser que as autoridades están firmemente decididas a salvar a costa da especulación urbanística. Tese: A única explicación lóxica deste furor apresandi consiste en que hai que construír unha chea de establecementos penitenciarios. Como lle decía a unha señora do PP moi agradable coa que discuto radiofonicamente unha vez á semana, en vez de andar de aprendices de Nostradamus, profetizando cada mes e medio desastres bíblicos que non se producen nunca, o que debería facer a oposición é aproveitar as ocasións que lles ofrece o goberno de defender o sentido común.
(LA OPINIÓN, xoves, 22 de xuño de 06)


o 22 de Xuño, 2006 ás 8:32 am
Eu, con este asunto, voulle coller complexo de Boby Fuller, ou os Clash, con aquilo de “Loitei contra a lei, e a lei gañou.”
En fin, o mesmo lle pasou a Galileo.
o 22 de Xuño, 2006 ás 10:04 am
De todos xeitos, concordo plenamente con vostede en que a maoiría das limitacións en travesías urbanas de Galicia son, cando menos, discutibles. E, frecuentemente, un valor seguro para as campañas recaudatorias ou sancionadoras da DGT.
o 22 de Xuño, 2006 ás 5:55 pm
Son uns tramposos. Hai uns meses filtraron unha información na que dicían, entre outras cousas, que circular co carné caducado íache costar nonseicantos puntos. Eu, que andaba todo fachendoso cun carné caducado hai arredor de 5 anos, pola crucial razón de que na foto aparecía jovencismo e delgadismo, fun correndo a renovar e agora atópome cunha especie de mastercard onde un vello cebado me mira aos ollos. Deprimente.
o 22 de Xuño, 2006 ás 6:44 pm
Un tio meu sempre di que no tempo de Franco a xente disfrutaba mais e habia menos control.Tamen di que co coche podia ir un mais tranquilo e os gardas de trafico non daban a lata.Se cadra prefire esquecerse das malas lembranzas,ou se cadra ten razon e hai que elexir sempre,o que se gana dunha parte,perdese de outra.
Complicado isto de decidir onde rematan os meus dereitos e onde principian os dos outros.Eu son partidario da man dura co trafico,non por progresista,sinon por usuario do transporte publico.E dende logo prefiro que me rouben e me deixen sen un patacon a que me atropellen.Digo eu que nas cadeas tera que haber de todo,xente de coche e xente de castromil.
PD-Senor eSedidio,non sexa tan autocritico,que seguro que de maduro interesante ten moito exito….
o 22 de Xuño, 2006 ás 7:48 pm
Espero que ninguén se ofenda, mas seria boa cousa que se introducira (dispensando) como o castelán: sen imposicións. Se non, ainda van pensar que a Zapatero mutoulhe algún xen ao para-galeguismo de cando pasava os veraos no Son.
o 23 de Xuño, 2006 ás 6:47 am
Eu non teño carné e vexo todo esto así un pouco como desde fóra, pero tamén creo na dureza. Ós rapaces e rapazas ata os 25 anos deberiaselle meter máis caña, penso. Non sei de que forma, se limitando a velocidade, prohibindo que conduciran fóra de casco urbán ou que directamente non pudesen conducir, pero esa sangría habería que ser quen de atallala, facer algo con eso.
Tamén está o conto de que nos núcleos rurais é imprescindible o coche se queres ter un mínimo de mobilidade, nas cidades é distinto.
o 23 de Xuño, 2006 ás 9:08 am
¿Dureza? Iso é igual que a teoría que de que a mellor educación sexual é a que se basa na castidade. Ensino, é o que fai falla. Se nas autoescolas se ensinase a conducir, e non só a circular, outro galo cantaría.
o 23 de Xuño, 2006 ás 9:36 am
Non sei cómo é eso de conducir aínda que si circulo.
Dureza porque ás veces, e moito máis a determinadas idades, pode máis o sangue que o sentidiño, e algo haberá que facer para coutalo cando pode ter resultados mortais o non facelo.
Máis pedagoxía nas autoescolas non leva a ningures cando o rapaz mira os domingos a F. Alonso ou cando sae pola noite a tomar unhas copas, e claro, somos todos tan machos.
o 23 de Xuño, 2006 ás 3:19 pm
Síntollo, e dígollo con todo o respeto, pero é o mesmo discurso torpe de sempre:
Para acabar coas drogas: prohibición.
Para acabar co alcoholismo: lei seca.
Para acabar cos embarazos non desexados na xuventude: ocultación da sexualidade…
E os resultados rexístraos a historia por si queremos aprender algún día.
Nas autoescolas, débese ensinar o código de circulción, abofé, pero tamén se debería ensinar cómo se producen os accidentes e como evitalo, qué velocidade é aconsellable para cada circunstancias… E deixarse de pensar que as normas de tráfico son un dogma dictado por persoas perfectas que o saben todo, cando hai técnicos relacionados coa materia (xa non digo políticos) que saben menos que un mecánico de taller (experiencia propia).
Permítanme invitarlles a reflexionar si un fillo se educa zurrándolle ou explicándolle dende pequeno o que pode e non pode facer, E POR QUÉ MOTIVO. Coa educación vial ocorre o mesmo, para moita xente, que lle digan que non pode circular a máis de 80 porque o dí un sinal non lle significa nada. Haberá que entender qué hai detrás de ese límite… si e que está xustificado.
Co permiso do Sr. Pereiro, prégolle que pase pola miña, agora e máis adiante, porque é un tema co que estou especialmente sensibilizado, en resumen, dende a opinión que non se está a traballar no sentido correcto para aumentar a seguridade na conducción (non, como se podería entender, porque sinta ameazadas as miñas libertades persoales).
Gracias Sr. Pereiro pola súa paciencia.
o 25 de Xuño, 2006 ás 8:53 pm
¿E non sería mais práctico impor que os coches levaran limitador de velocidade de serie?…
Por exemplo, limitador de serie a 80 e con posibilidade de elevalo manualmente a 110 e 140, (pero con retorno automático a 80 ao diminuir a velocidade).
E a sanción, en vez de ao conductor, impoñela ao coche…
A idea é que coche que se detectara co limitador manipulado tivera a sanción do achatarramento…
o 26 de Xuño, 2006 ás 8:12 am
Os coches xa teñen un limitador de velocidade, que é o pedal da dereita.
O caso é saber usalo.
o 26 de Xuño, 2006 ás 8:41 am
Ten dous, un ó lado do outro. Pero deixar á responsabilidade do usuario o seu control estase revelando tan eficaz como deixarllela ós que teñen pistolas.
o 26 de Xuño, 2006 ás 6:09 pm
Estiven tentado a meterme nunha leira filsófica sobre as responsabilidades do ser humano, e a conveniencia ou non de quitarllas, en beneficio das máquinas… pero vou ser máis breve.
Bowling for Columbine fai unha revelación bastante curiosa: No Canadá hai máis armas que nos EEUU e, en cambio, non hai as cifras de mortos que teñen os yankees. Cos coches, pasa algo parecido; aínda ninguén me deu unha razón obxetiva de por qué Alemania non ten límites de velocidade nas autopistas, e non pasa nada. Efectivamente, todos os coches alemáns salen de fábrica con un limitador de velocidade, por unha débeda política de Schroeder cos Verdes… tarado a 250Km/h.
Tal vez, o argumento seguinte sexa que as nosas autoestradas non son como as alemanas (que non teñen peaxes), pero non teño por qué ir eu ó cárcere se o meu administrador político ten abandonado o mantenimento das infraestructuras.
Despois, que si os conductores españoles non son como os alemáns… ¿será porque tiñan razón os postulados supremacistas do nazismo? Porque eu négome a dicir que os alemáns son listos e nos parvos, así que si en Alemania os limitadores están a 250, aínda é hoxe o día que agardo a que alguén me explique por qué aquí os queren poñer a menos da metade.
o 26 de Xuño, 2006 ás 6:13 pm
…e menos mal que esta era a opción breve. :S
o 27 de Xuño, 2006 ás 9:40 am
Ser máis ordeados ou máis conscentes non ten que ver con ser superiores. A criatividade ou a capacidade de improvisación son tamén cualidades, aínda que non moi útiles para a seguridade vial
o 27 de Xuño, 2006 ás 3:17 pm
¿E qué será máis dificil? ¿Conseguir que unha persoa creativa sexa ordenada, ou onseguir que unha persoa ordenada sexa creativa? esa é a cuestión, que dicía o danés.
o 28 de Xuño, 2006 ás 12:49 pm
Ten razón Pereiro co da responsabilidade e os das pistolas e mais co da criatividade, a capacidade de improvisación e a seguridade vial.
“O meu tricórnio azul, onte perdéuseme…”
o 28 de Xuño, 2006 ás 1:21 pm
Iso é o que mola. Ademais de ter razón, que cha dean
o 29 de Xuño, 2006 ás 5:39 am
Onte escoitei ao home este que Barrena, falando con Iñaki Gabilondo. O que falou non me pareceu toleria nenguma. Outra cousa será o que tenha debaixo do tricórnio. As arroutadas dos membros de ETA xulgados estes dias, prescindindo do mínimo respeito que poderian demostrar aos familiares dos mortos, espero que sexan mais un xeito de pretender chamar a atención internacional que a expresión dos seus princípios políticos e estratéxicos.