Xuñ 08 2006

Toques II

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:24 am

alcalde de Toques
Para todo hai que valer. Eu souben desde hai tempo que non valía para profesor de autoescola, xuíz ou médico, e antonte confirmei que tampouco serviría para avogado. Antonte asistín en calidade –é un decir- de denunciante ó xuízo de faltas contra o alcalde de Toques por aquel chusco asunto de hai dous anos e medio, cando aparecemos dúas ducias de xornalistas na casa consistorial na inxenua crenza de que ía dimitir logo de que o condenaran por abusos sexuais a unha menor. Si se acordan, resultou que non soamente non dimitiu, senón que nos botou de mala maneira do salón de sesións, axudado por uns secuaces, ó becerreiro modo, a golpes e a gorrazos.

Describo así aquela situación porque teño o recordo do vídeo que gravou o meu compañeiro, onde vin ducias de veces repetida a conducta rufianesca que eu, neto de labradores, sempre pensei que era radicalmente allea ó noso mundo rural. Do visionado saquei a conclusión que a triquinose ou o mal das vacas tolas non son o único que as bestas poden transmitir ós humanos. A impresión debilitouse cando os vin alí sentados, ó vello que nin enchía o traxe acompañado do comando túzaro, incluído aquel ó que a tropa de denunciantes alcuñamos como Pucho Boedo non por cantante senón polo seu dominio do pucho á hora de tornarnos do pleno. Alí estaban, serios como estoas, como se estiveran na misa e os obrigaran a sentase nos primeiros bancos, nos das vellas. E volveu outra vez en canto o interrogou o seu avogado. Resultou ser que aquela ánima bendita, a instancias dos seus veciños, xente noblota e pastoril que se sentía agredida por tanto trípode e tanto cable, nos pedira por favor que desaloxaramos a sala, e os golpes producidos e levados foran os propios de calquera tumulto. Como a traxedia do estadio de Heysel pero a escala de casa consistorial de Toques (A Coruña, por si alguén ten dúbidas de en que continente tiveron lugar os feitos).
Foi nese momento cando tiven a revelación divina de que nunca podería ser avogado. Asistín a bastantes xuízos e sobre todo ás declaracións de acusados, algúns de crimes tan descarnados que, logo de ler o informe fiscal, daban ganas de arrearlles co banquiño na cabeza. En ningún caso recordo que as súas declaracións –normalmente, variantes do “non recordo”- me incrementaran as ganas de tirar de banquiño. Pero no forno do xulgado de Arzúa aquelo pasaba antes e despois de uns e outros visionaran o vídeo onde se vía claramente a actuación completa do comando túzaro. Nese caso, eu sería un avogaducho que tatexaría decindo: “o meu representado tiña un mal día, estampou ó coche e pola noite non durmira, sexan comprensivos”. Aínda que algo debía ter sospeitado cando a acusación era por un delito de faltas (a Pepe Castro o de Ponteareas inhabilitárono seis anos por un delicto contra a libertade de expresión por retirar dun recinto municipal uns folletos, e nin siquera a patadas). O momento chave do asunto foi cando o xuíz lle preguntou pola súa actual ocupación. “Alcalde”, dixo todo rufo. “Ah”, dixo o xuíz, como sorprendido. É para estalo, tendo en conta que sigue –e probablemente renove- de alcalde, mentres a que se tivo que ir foi a abusada. Nin me estrañaría que o absolveran.

(LA OPINIÓN, xoves, 8 de xuño de 06)


Xuñ 06 2006

Funcionarios

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:43 am

O outro día tiven que facer unhas xestións coa administración autonómica. Nada do outro mundo, un tema de papeleo. Como todos os inseguros, repasei unha chea de veces os documentos a adxuntar, a ver se faltaba algún. Logo asaltoume a dúbida propia dos que non temos especial relación coa burocracia: ¿o prazo de entrega inclúe ou exclúe a data límite? Chamei ós servicios centrais para resolvela. Atendéronme á primeira, pasáronme de contado co servicio axeitado e sacáronme da dúbida (a data límite está incluída no prazo), todo en galego. Xa saía pola porta cando me decatei de que non consultara outra parvada. Dábame corte chamar outra vez á Xunta e marquei o número da delegación coruñesa. Non contestaban, así que chamei á doutra provincia. Alí colleron: “Sí, un momento que le paso…[ruído de tecla]… Teresa, ¿como se pasa una llamada? ¿Puedes coger aquí?” Teresa resolveume –en castelán- a dúbida. Cando por fin, recontados os documentos e resoltas as dúbidas me acheguei a entregalos, non puiden adiviñar en que idioma me atenderon (é decir, non me atenderon en ningún, colléronos e santas pascuas), pero de fondo escoitábanse : “ya le dí a aceptar, ¿y ahora que hago”.

Se a miña experiencia tivera valor estatístico, concluiría que na Xunta hai funcionarios eficientes e ineficientes, amables e rudos, que che responden no que lles falas ou en castelán. Tamén que predominan os do castelán e que hai unhas certas carencias respecto ás novas tecnoloxías. Imaxino que para remediar os defectos está ese proxecto/ameaza do ministro Jordi Sevilla de vencellar dalgunha forma na función pública salarios e productividade. Para remediar o caso chocante de que unha administración –e máis se é a autonómica- non garanta o dereito dos cidadáns a ser atendidos na lingua que usan, están as probas esas nas que, segundo rezaba un titular de días pasados “se va a imponer el gallego” (redactado supoño co inconsciente de que el gallego se impone, el castellano se supone). En xeral, hai que estar a favor de todas cantas medidas se adopten para mellorar a eficacia da función pública, pero como eu non dubido da capacidade de traballo da maioría dos funcionarios nin da súa preparación –nin siquera da súa preparación informática- co que me conformaría é que se acabara a impunidade. Efectivamente, a impunidade, a falta de responsabilidade ante a lei, e non por delictos graves, senón por faltas ó propio servicio que teñen que dar.
Nos últimos días recollín tres no sector que teoricamente debería estar máis suxeito ás normas: a xustiza. O primeiro, relacionado coas novas tecnoloxías, a dun maxistrado estremeño que se negou a admitir o DVD dun xuizo que lle enviara un xulgado acompañado dun resumo, e esixiu a transcrición en papel. O segundo, outro colega seu que non admitiu un informe dos Mossos d’Esquadra porque estaba en catalán. (O Poder Xudicial non viu falta ningunha nos dous casos, porque a axilidade da xustiza ou os dereitos doutras institucións non van con el). O terceiro caso pasou supoño que aquí. A sentencia do crime de Monfero estaba asinada por unha inexistente Audiencia de La Coruña/A Coruña e datada na mesma cidade irreal, se lle facemos caso ás reiteradas decisións xudiciais. Así que xa me dirán con que razón se lle vai esixir a un auxiliar administrativo que manexe un ordenador.

(LA OPINIÓN, martes, 6 de xuño de 06)


Xuñ 05 2006

Atención noctámbulos!

Categoría: Non sei eu...sihomesi @ 12:34 am

Ante unha enchenta de peticións, aviso que hoxe pola noite, gran sesión de movida de perna en Hai debate!


Xuñ 04 2006

Moi recoñecido

Categoría: Non sei eu...sihomesi @ 10:42 am

Nesta tarde de domingo opresivo-depresiva, que mellor que expresar o meu recoñecemento tanto ós un s como ós outros.
De verdade.


Xuñ 01 2006

Debate do todo e a nada

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:56 am

Todo nesta vida ten a súas servidumes. Ataco esta columna sobre o Debate del Estado de la Nación (DEN) co mesmo entusiasmo co que afronto as visitas ó dentista. Son obrigas suponse que inevitables, e a de opinar sobre os intríngulis do DEN debe selo, porque o fai todo o mundo, e algúns incluso despois de soportalo atentos e tomando notas. Particularmente, o formato paréceme tan caduco como o da Copa do Rei, e as consecuencias de ganar ou perder igual de irrelevantes, coa diferencia de que no debate non existe a posibilidade de que triúnfe un equipo pequeno.

O DEN como xénero político-audiovisual creouno Felipe González coa intención de fomentar a presencia social do Parlamento ou coa de conseguir que Fraga aparecera moito e seguira cavando o seu propio pozo político. Daquela a cousa pitaba porque era unha novidade, os protagonistas e os asuntos a debate tiñan máis altura (máis ou menos, a mesma evolución que Gran Hermano). Agora, como a clase política anda todo o día a intercambiar fogo cruzado, chegan ó DEN completamente extenuados, coa munición gastada e sen máis remedio que acometerse á baioneta ou limitarse a decir “pum!” desde a respectiva trincheira. En anos anteriores optaron maioritariamente por trabarse corpo a corpo, pero nesta ocasión escolleron o de facer que disparaban. De feito, os temas a debate oscilaban entre o todo –“¿que es España?”- e a nada –a inseguridade-, que é unha maneira de asumir que non se vai discutir.
O de que é España é un asunto metafísico de máis para debater noutro lugar que non sexa un seminario filosófico, ou o bastante primario para que non saia do foro dunha barra de bar. Os teóricos do asunto van desde Paquita Rico e outras (sector primario inocuo) ata José Antonio Primo de Rivera (sector metafísico pero práctico). Primo de Rivera (que para os non avisados non era parente dos Hijos de Rivera, a pesar de que a avenida que lle dedicaron na Coruña está preto da Estrella Galicia) acuñou a famosa definición “Una unidad de destino en lo universal”, cuia aplicación práctica foi destinar ó máis alá ós refractarios a ese concepto. Daquela vén a desgana xeneralizada en polemizar sobre o asunto. O debate colateral sobre a “situación de España” (a punto de romperse ou en estado harmónico, patas arriba ou en evolución consolidada) é outro exercicio retórico, porque que saberán de situacións reais xentes que aseguraron que a vida non subiu coa entrada do euro.
No que toca á inseguridade, e con todo respecto ós afectados, que nos van contar a nós de roubos en chalés. Aquí cada X anos prodúcese unha chea de asaltos a casas de aldea onde viven patróns ós que maltratan ata que lles sacan en que viga gardan os cartos. O que pasa é que os vellos non chaman ós medios de comunicación nin se queixan ó seu deputado. E quizais os medios de aquí non contribúen bastante á alarma social pregoando conceptos como “banda organizada” (calquera banda o é, quitado as agrupacións locais dalgúns partidos) ou aplicándolle a descrición “vivían como guerrilleros” a unha tropa que se agachaba nun monte, cun botín que na maioría dos casos nin cho levan da casa os do Centro Reto.

E todo eso para zafar de asuntos que saben que non poden amañar, como a onde vai parar o euribor, se é que para.

(LA OPINIÓN, xoves, 1 de xuño 06)


« Páxina anterior