Xull 28 2006

EL (o outro)

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 4:42 am

Discrepaba un tanto do que dixo Touriño de Óscar Pereiro, de que era un exemplo para os nenos. Un deportista, un músico, un actor poden ser estupendos e divinos no seu, e uns monstros como persoas. Mesmo os escritores (no que coincido con Chesterton, un dos meus literatos preferidos, é nos aspectos que menos me gustan da miña personalidade).
Empecei a discrepar menos desde que houbo a polémica sobre a súa camiseta (xa saben, se era un idiota que se puña as camisetas sen mirar para elas, ou era un deportista parvo por atreverse a manifestar opinións)

pereiro

“El corredor gallego siempre se ha distinguido por su sencillez y modestia en las declaraciones y nunca había protagonizado ninguna polémica de ningún tipo, con lo que sorprende la prenda utilizada ayer durante su homenaje.
La cuestión queda en el aire: En plena guerra del Líbano, con una lluvía de misiles volando por todas partes, ¿Sería una estrategia comercial de la marca que patrocina a Pereiro? o bien, ¿Fue el propio Óscar el que eligió la camiseta consciente del mensaje que lanzaba?”

Agora, despois do rebumbio do seu posible ascenso como ganador, o contraste entre a súa actitude e o pensamento único mediático, discrepo aínda menos


Xull 27 2006

Verán

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:09 am

Quizais estea lendo isto porque ten un certo interese no que lle podo contar, ou porque repartiron o periódico entre varios e a vostede tocoulle esta páxina, pero en todo caso, coa confianza que dá compartir este pequeno espacio, permítame que lle pregunte: ¿de verdade o pasa ben no verán?. Xa sei que o tempo é máis levadeiro, que hai festas por todos lados, que é época de vacacións, que si el mar, el sol, las gaviotas y tú. Pero, ¿pásao ben, o que se di ben-ben?

O das vacacións, por exemplo. As vacacións están moi ben, foron unha conquista social e duran un mes, non como os xaponeses, que teñen unha semana e dela perden unha media de tres días nos aeroportos e doce horas cambiándolle o carrete á máquina de fotos ou lendo as instruccións. O mellor das vacacións é que non se traballa, pero o malo é todo o demais. Hai que discutilas, planificalas, organizalas e adaptalas, nesa orde ou na contraria, arredor dunha serie de compromisos ineludibles: o campamento do neno, a festa do patrón, o sarao tremendamente divertido que organiza todos os anos mengano, e o santo da sogra (por certo, felicidades por adiantado, Maruja, este ano tampouco vou poder ir). E a maiores das obrigacións, están as devocións. Ese concerto, aquela romaría… Xuntando todo, os Stones de xira teñen unha vida menos axitada. Ademais, aínda estando ben, as vacacións están ben sexa verán ou tempada outono-inverno. O do veraneo inventárono os ricos para non pasar calor en Madrid e o turismo os ingleses ricos fartos de pasar frío, pero non deixa de ser raro que os que vivimos na costa dediquemos o tempo libre a ir á costa doutro sitio.
Logo está o tempo. O verán está moi ben porque non chove (quitado na costa de Lugo. Como di unha amiga, se choras porque non ves o sol, non veranees en San Cosme de Barreiros). Pero, ¿que ten de agradable unha temperatura que permite fritir ovos nas pedras? A civilización agromou nos climas cálidos cando non había casas con xeito, pero mudouse en canto se inventaron primeiro as casas de pedra e logo o climalit. Ademais, cando non estamos na casa, estamos no coche. Se chove ou fai frío, meterse nel é disfrutar das vantaxes do mundo moderno. No verán, a experiencia de entrar nun vehículo que leva horas ó sol é a que debe sentir no microondas unha pizza conxelada. Igual que o do outro tempo, o libre. Como tés máis, podes relacionarte máis coa xente. O malo é que o verán parece sacar o peor de cada un. Persoas que o resto do ano poden ser interesantes, nesta época mutan a seres sudorosos usuarios de bermudas. E como todo o mundo as leva, podes facer amistade con alguén que as tres estacións restantes traballa de psycho killer ou de xerente dunha ETT.
Ben, recordarame alguén, ¿e a sensación de libertade de ir por aí cos amigotes, rular á aventura, a ver que pasa? Pois que o carné por puntos matou as road movies. (E ademais, aproveitando a confianza que etc. confesareilles que, no meu caso concreto, acabáronseme as vacacións)

(LA OPINIÓN, xoves, 27 de xullo de 06)


Xull 25 2006

Día dos circos

Categoría: Si home sisihomesi @ 11:49 am

Creo que xa lles teño comentado o caso dun coñecido meu que herdou un circo. Un día, sen previo aviso, viuse propietario dun circo enteiro en Italia que lle deixara un parente remoto, e do que non tiña máis idea (falo do circo, non do parente) que un vídeo do espectáculo que lle mandaran os propios artistas, en parte para presentarse e sobre todo para que decidira que facer con eles. Estes días cheguei á conclusión de que o de herdar circos é bastante máis habitual do que parece.

O clásico do circo herdado é o do desfile militar anual, o da Victoria, da Paz, ou como se chame agora. Unha demostración militar con pretensións de espectáculo cívico, que en realidade non se sabe para que sirve nin que conmemora, e que é un engorro para todos, civís e militares, autoridades e espectadores. Outro que tal era a gaiteirada/toma de posesión presidencial de Fraga, que constituía un híbrido de exhibición de dominio do DOG e do roncón. Pero o auténtico abarrote de circos herdados prodúcese hoxe. O da carpa máis grande e con máis pistas é o da ofrenda de España ó Apóstolo, unha cousa que parece que era tradición pero que ninguén o sabía ata que a Franco a promocionou no NO-DO, quizais para agradecer aquelo de ser Caudillo por la gracia de Dios e de paso suxerir que o responsable do que pasaba era o Apóstolo Santiago e non el. A Casa Real ou a televisión (ou calquera outra institución que pensa que todo o que pasa en Galicia é raro e de lenda) mantivo o espectáculo quizais para non lle facer un feo a ningún dos dous, aínda que habitualmente lle carga o morto a outro.
Así que hoxe temos a máxima autoridade dun país formalmente aconfesional pedíndolle a un santo que lle bote unha man. Formato discursos solemnes aparte, non deixa de ter exactamente o mesmo significado civil e político que ir á romaría do San Fins do Berro Seco pedindo curar das verrugas e outros males cutáneos. O mesmo día, no mesmo lugar, celébrase outra tradición, neste caso de raíz democrática e laica, que é a manifestación do Día da Patria Galega. Unha convocatoria baseada historicamente na protesta e que agora, cunha perna no poder e outra no teu tellado, xustifícase sobre todo como festa para coincidir cos amigos. A reivindicación política faise na Quintana, pero a verdadeira forza do nacionalismo está nas celebracións previas e posteriores. Os terceiros en discordia, apeados do DOG e da cucaña das medallas, dubidan entre dúas tradicións populares (os fogos do Apóstolo e a praia). Igual que o meu coñecido analizou o traballo de trapecistas e domadores para ver que facer deles, uns e outros deberían reflexionar sobre a vixencia dos respectivos espectáculos, pero parece que a conclusión foi a de aumentar a cantidade e variedade dos números para atender a todas as sensibilidades e multiplicar as ocasións de saír na foto.
Non é mala solución, porque en Galicia non hai precedentes de festa ou acontecemento veraniego que morrera por falta de público. Mesmo aquel meu amigo debeu decidir manter o circo, porque non o volvín ver.

(LA OPINIÓN, martes, 25 de xullo de 06)


Xull 23 2006

Palabras que deberían sufrir un accidente

Categoría: Estoume quitandosihomesi @ 3:43 am

As palabras son como os alicates ou os ollos azuis. Ferramentas útiles para labores e propósitos de todo tipo, que se poden usar ben ou mal. Pero hai outras que son como as navallas barbeiras: puideron servir para algo bo no seu tempo, pero agora máis vale restrinxir o seu uso para non mancarse e evitar desgracias.

Por exemplo, para empezar por unha que afecta ó meu gremio, a expresión periodista de raza. ¿De que raza?, ¿de raza equina? Ninguén fala de enxeñeiro de raza, ou de calafateador de buques de raza. Unicamente de xornalista/escritor de raza, co que se parece indicar que os aludidos poderían ter a oportunidade ou a posibilidade de exercer un oficio decente e respectable, pero foi a súa mala cabeza ou as malas compañías os que os meteron nun vicio nefando e nun hábito deleznable do que non deron saído. Outra é esa de ejercer de gallego. ¿A que se refire?, ¿a xente que non o é e andan de intrusos, de galegos sen carné? Como decía o pai do protagonista paquistaní da película Mi hermosa lavandería (aquela de Stephen Frears que contaba os amores entre un skin e un paki) cando o acusaban de non perdoarlle as mensualidades ós compatriotas que tiña de inquilinos, “son un paquistaní, pero non un paquistaní profesional”. Posiblemente aluda ós que non lles importa que se note que son galegos, non como o Israel aquel de Gran Hermano¸ o pasmón aquel de Ourense que en cando se tirou pola pendente do show bussines, foi a un logopeda a que lle quitara o acento, cando o que tiña que facer era pedir cita en Corporación Dermoestética para que lle quitaran os coloretes da cara que o revelaban como un comedor de touciño. Pero tampouco neste caso se escoita moito que alguén exerza de catalán ou de castelán e/ou leonés, ou sexa que a pertenza profesional á patria chica (outra parvada, por riba cursi) parece estar reservado a aqueles que deberían agachar a súa orixe, e incomprensiblemente non o fan.
Con todo, a palabra que máis odio é terruño. Cando din de alguén (ou mellor cando escriben de alguén, ninguén utiliza esa palabra na fala) que está “apegado a su terruño” están decindo en realidade que é un tipo cun torrón por cerebro, un cavernícola, no mellor dos casos ben intencionado porque non coñece outra cousa. A súa utilización revela en quen a usa que el si que é un “terruño”, que pensa como seu pai e escribe igual que o seu avó. Non son manías. As palabras sirven para o que sirven, como eses que botan man do tópico dos gallegos en la escalera (outra!) como pretendido argumento de ineptitude ou de reserva, cando os ineptos non son os que suben/baixan, senón os que non saben ver se sube ou baixa o galaico observado. O mesmo que a vergüenza del gallego que define a derradeira porción de comida que queda. ¿Por que non se recoñece que o que se deixa no prato é máis ben a cortesía del gallego, por se alguén queda con algo de fame?
Estas non son teimas persoais. Recentemente houbo unha petición de retirar o diccionario da Real Academia Española as acepcións de gallego como “tonto” (en Costa Rica) e “tartamudo” (en El Salvador) que aparecen antes que “lengua de los gallegos”. A Academia respondeu que non podía porque é o que hai e son antigas, pero tamén no Diccionario del Español Actual aparecen as definicións “persona reservada y que no manifiesta francamente lo que piensa” e “mozo de cuerda”. Ou sexa, que por pouco que se usen e por moito que amolen, a esas expresións non as van xubilar, así que habería que facelas desaparecer. (Xa saben, de forma que pareza un accidente).

(Revista CAÑA, xullo 06)


Xull 20 2006

70 anos

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:53 pm

“¿Como é que non tocaches o tema do 18 de xullo na columna do martes 18 de xullo?”, estrañouse onte un coñecido. “Foi un desexo incontrolable de facerme o orixinal”, contesteille, botando man do primeiro que se me veu á cabeza. Non sei se o enganei, pero a vostedes, que son máis e están parapetados tras da pantalla, seguro que non lles cola. A verdade é que o asunto do golpe militar do 36, ou mais ben as historias persoais e concretas sufridas daquela, sempre me puxeron os pelos crechos e os ollos de guerra.

Non sei por que. Quero decir que non sei por que especialmente, porque se algo é recurrente e rotinario na historia, mesmo na historia recente de onte e de hoxe, son as animaladas a esgalla, o sacrificio de inocentes en aras de grandes ideais, e os intento de exterminio sistemático do contrario. E en todos eses momentos de barbarie, a loita non é entre os bos e os malos, que de todo hai en cada sitio. O que si son boas ou malas son as intencións e as razóns, por moito que agora impere ese argumento de que “é o que eu penso, e a opinión é libre”. Hai 70 anos, o que houbo foi unha colisión entre distintas concepcións do mundo, entre os que pretendían defender a Relixión e salvar á Patria con maiúscula, aínda que fose pasando por riba dos cristiáns e compatriotas con minúscula e os que pretendían un mundo mellor e máis libre. Así en abstracto, postos a escoller opción, calquera persoa decente escollería a segunda, e si se impuxo a primeira foi porque a loita non se celebrou no terreo das ideas. Se a diferencia entre as opcións non estaba clara no momento en que se confrontaron, quedou á vista cando unha se impuxo á outra. En ningunha guerra civil os vencedores se asañaron tanto cos vencidos coma na de España.
Ás veces, o debate sobre calquera controversia dáse por pechado cun “tan honrados eran uns como os outros”, para non ter que precisar canto o eran uns e canto o eran outros. Estes días, nas traxectorias e perfís das víctimas sobreviventes que leo, chamoume a atención o oposto das miradas cara atrás. A práctica totalidade dos vencidos están libres das ansias de revancha, igual que algúns vencedores. Sen embargo, outros do bando ganador siguen co fardo intacto: un vello –e vixente- falanxista de Tui atribuía, por exemplo, a represión feroz sobre homes, mulleres e nenos a “aquellos que cambiaron la camisa roja por la azul” ou a vinganzas (“claro que, cuando alguien se venga, es por algo”). Por iso, unha cousa é pasar páxina sobre o que pasou, e outra pretender que a páxina pasada estaba en branco.

(LA OPINIÓN, xoves, 20 de xullo de 2006)


Xull 18 2006

Ruídos

Categoría: Si home sisihomesi @ 10:52 am

Nas vacacións, a miña dieta mediática transfórmase da composta habitualmente por elementos informativos á unha inxesta máis desganada e dispersa. Dentro dese picoteo, chamoume a atención antonte unha crítica acerba de Javier Marías ó comportamento dos seguidores da selección española de fútbol, ós que cualificaba como os máis túzaros e horteras de todos (alomenos de todos os participantes) e o que é peor, de representantes e símbolos da mala educación e da irresponsabilidade que preside a sociedade española toda.

Non vou ser eu quen o desminta, en primeiro lugar porque sostiven parecidas aínda que máis moderadas (ou hipócritas) opinións, e en segundo por si se entera. O que me estraña é que ademais de constatar un feito evidente, desaproveite a ocasión de sinalar co dedo, non digo xa ós presuntos culpables (quizais non cheguen os dedos) senón ós cómplices, por acción u omisión. Empezando por eses que antes se chamaban “hombres del deporte” (os que viven del sen practicalo), presidentes, directivos e federativos, que levan anos permitindo, apadriñando e subvencionando colectivos de xente que non teñen outra virtude que o amor ós colores. E rematando polos medios de comunicación que impulsaron todo tipo de xestos e actitudes energúmenas (poñer unha pantalla xigante congrega-desocupados, caracterizar de hooligans a famosos e líderes de opinión) disfrazándoas de simpáticas, participativas e “de todos”, coa nobre intención de aumentar a conta de resultados. Como se non houbera experiencias dabondo nas que a combinación de obxectivos “de todos” e engorde de contas de resultados produce monstros. Se persoas con formación e que se ganan máis que ben a vida se permiten esas alegrías, que se vai agardar de xente á que non lle esixen outra responsabilidade que a de que non rompa demasiado mobiliario urbano e non caia debaixo dun coche en plena intoxicación etílica. Se pais cos suficientes estudios para redactar correctamente unha carta ó director dun periódico se queixan de que o cabezazo de Zidane lle provocou un trauma ó seu fillo, que o tiña como exemplo, quen lles explica que máis burrada que darlle un golpe a un cretino nun partido é permitir que un futbolista sexa para un neno un exemplo de nada que non sexa xogar ó fútbol.
Obviamente, estas cousas non pasan soamente no fútbol. O de que se combine o prohibicionismo sobre as conductas individuais coa permisividade cos excesos colectivos. Os concellos convocan macrobotellóns coa escusa de San Xoán ou calquera outra, e logo reprimen os que organizan grupos de rapaces. Fanse eco das queixas dos veciños contra os ruídos nas zonas de bares e logo atronan a veciños e transeúntes coa megafonía das festas patronais, do nadal ou da celebración da volta ciclista. (Nestes momentos, coa escusa de patrocinar non sei que evento deportivo nun recinto da praia, unha marca de móbiles machaca o areal todo cos éxitos do verán a todo trapo, supoño que con permiso municipal).
Pódese discutir se foi antes o ovo da sociedade berrona ou a galiña das autoridades mal educadas, pero si se sabe quen ten a obriga de rectificar.

(martes, 18 de xullo de 06)


Xull 15 2006

Declaración de principios

Categoría: Xeralsihomesi @ 4:17 am

folga xeral


Xull 14 2006

Tradición & modernidade

Categoría: Xeralsihomesi @ 6:34 am

tradicion&bikini
Ou, como dixo un: “tradición e biquini, que vén sendo o mesmo”


Xull 13 2006

Postito

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:39 am

O outro día, nunha área de servicio –xa lles teño comentado que paso medio verán apatrullando as vías de comunicación, ese clásico galego- vin un xogo deses cos que distraer ós nenos do que realmente os entretén, fozar nos andeis da tenda de lambetadas e souvenirs. Era un recinto que imitaba a área pequena dun campo de fútbol, e había que meter unha pelota nun buraco. Unha enorme fotografía do ex atlético Kiko aconsellaba como introducila (e de paso evitar romper algo): “rasita y por el centro”. “Rasita?”, que ten de malo “rasa”? É unha concesión paternalista á idade e presunta mentalidade dos participantes?, ou –témome- unha mostra máis dese fenómeno diminutivista que asolaga á sociedade?

Por exemplo, a publicidade xa consagrou o termo “braguita”. Un diminutivo que creo non ter escoitado practicamente nunca na vida real, e que supón un paso atrás cando se está dar o paso adiante de converter o tratamento “señoritas” no xenérico “señoras”. Ademais, provoca un novo problema, mesmo publicitario: se hai “braguitas”, como se denominará a roupa interior de talla ou deseño grande, “bragotas”? Non se crea que este fenómeno rampante se circunscribe ós habituais ambientes cursis de fala gangosa (“le di una cremita”, “esta tallita le sirve”) . Tamén en sectores teoricamente peitolobos se están introducindo desde o sur denominacións como “coleguita”, para referirse ós amigolos, aínda que traballen na estiba e avulten como un armario de tres corpos. E xa está máis que importado o de ir tomar unhas “cañitas”, como se así, cañita a cañita, houbese menos perigo de converterse nun cervexeiro incapaz de vocalizar. O ascenso imparable do itismo (-ito/-ita) contamina incluso a función afectiva do diminutivo en galego, que cada vez usa máis xente que non adoita falar galego ou que non sería ben visto que o falasen no choio, en contextos non necesariamente afectivos (“¿le doy una bolsiña?”).
Descoñezo as razóns de tal moda, pero xa hai 50 anos, Wenceslao Fernández Flórez describía nunha novela un horrísono accidente ferroviario no que unha víctima atrapada baixo dos ferros rogáballe ó protagonista: “Caballero, ¿me podría quitar este vagoncito de encima?”, na crenza de que a diminución do referente “vagón” lle quitaba peso ó “vagón” real referido. É decir, o diminutivo utilizouse sempre como eufemismo, para quitarlle ferro ó concepto pelado. Se agora arrasa o seu emprego é pola infantilización galopante da sociedade; ou porque, como se queixa o Papa, estamos instalados no relativismo; ou, como denuncian os bispos, en España xa non hai valores nin nada.
En fin, non sei. Déixoos que vou á playita, que para algo é veranito.

(LA OPINIÓN, xoves, 13 de xullo de 06)


Xull 11 2006

Nacido o 11 de xullo

Categoría: Non sei eu..., Xeralsihomesi @ 11:10 am

Empecei isto vai hoxe un ano. Por varias razóns, entre elas ter localizado o material opinativo que facía e levalo a máis público do que le a concreta prensa escrita. A maiores destas variantes da vaidade, isto comezou tamén como un intento ou autoescusa de trasladar o estilo blog á prensa escrita e así currar menos. Evidentemente, saíume o tiro pola culata, e incumprín unha das normas do decablog que Varela deixou dito unha vez, sen que logo poidese localizalo. Incumpro tamén outras como non visitar as leiras dos colegas tanto como debería e merecen, e de non ser tan aventureiro como fun á hora de descubrir máis cibermundos. Así podería actualizar e ampliar os links recomendados…

Tamén crebo outra regra que é mirar de máis as estatísticas. Van case 50.000 visitas, algunhas de lugares tan insólitos como Chipre, Estonia, Exipto, China e Irak (?), e gustame conxecturar quen será o asiduo que se conecta desde Trondheim (Noruega) e quen traballará nunha compañía de augas británica. Pero descubrin eso que nas clases de xornalismo chamaban feedback e logo mutou ó algo pretencioso e mutiaplicable concepto de interactividade. É decir, os comentantes habituais. A risco de esquecer algúns, desde o Subcomediante H, todonada, o ollodavaca ou Kate, que foron dos primeiros, a Alfonso Pardo e Bruñulf, dos máis novos. Desde o troll eSedidió (que resultou ser un ganapán que coñecía de vello), ó incansable Míguez, ou ó certeiro Mourullo (estaba a punto de convocar unha xornada monotemática sobre Quen é Mourullo? ata que opaco descubriu que non era un ser humano, senón un bot. A algúns, como a Pawley ou a torredebabel, coñecinos logo en persoa. A outros, ánzony , Suso Lista, xa os coñecía. Eles –vostedes-, el niño de la guía, Ghanito, Berto, Nemeth, o altibaixista Galeidoscopio, o atinado Willy Sifones, yeye, folerpa, e… dánme o mellor que pode ter un escribidor, respostas (1.630 ata hoxe), e téntanme a romper outra norma: facer unha quedada para expresarlles o meu recoñecemento. De momento, este post (o número 233) é o xeito de facelo, ós citados e sobre todo ós que non (que teñen abaixo o email de aludidos, ou neste caso, elididos).

——- Paren as máquinas.- Acabo de botar un ollo ó faiado, resulta que o cumpreanos non é hoxe 11 de xullo, senón que debeu ser o 9 de xuño, como me debería ter acordado porque estabamos en campaña electoral… iso pásame por fiarme das estatísticas…


Seguinte páxina »