Arquivo Xullo 11th, 2006
Nacido o 11 de xullo
Empecei isto vai hoxe un ano. Por varias razóns, entre elas ter localizado o material opinativo que facía e levalo a máis público do que le a concreta prensa escrita. A maiores destas variantes da vaidade, isto comezou tamén como un intento ou autoescusa de trasladar o estilo blog á prensa escrita e así currar menos. Evidentemente, saíume o tiro pola culata, e incumprín unha das normas do decablog que Varela deixou dito unha vez, sen que logo poidese localizalo. Incumpro tamén outras como non visitar as leiras dos colegas tanto como debería e merecen, e de non ser tan aventureiro como fun á hora de descubrir máis cibermundos. Así podería actualizar e ampliar os links recomendados…
Tamén crebo outra regra que é mirar de máis as estatísticas. Van case 50.000 visitas, algunhas de lugares tan insólitos como Chipre, Estonia, Exipto, China e Irak (?), e gustame conxecturar quen será o asiduo que se conecta desde Trondheim (Noruega) e quen traballará nunha compañía de augas británica. Pero descubrin eso que nas clases de xornalismo chamaban feedback e logo mutou ó algo pretencioso e mutiaplicable concepto de interactividade. É decir, os comentantes habituais. A risco de esquecer algúns, desde o Subcomediante H, todonada, o ollodavaca ou Kate, que foron dos primeiros, a Alfonso Pardo e Bruñulf, dos máis novos. Desde o troll eSedidió (que resultou ser un ganapán que coñecía de vello), ó incansable Míguez, ou ó certeiro Mourullo (estaba a punto de convocar unha xornada monotemática sobre Quen é Mourullo? ata que opaco descubriu que non era un ser humano, senón un bot. A algúns, como a Pawley ou a torredebabel, coñecinos logo en persoa. A outros, ánzony , Suso Lista, xa os coñecía. Eles –vostedes-, el niño de la guía, Ghanito, Berto, Nemeth, o altibaixista Galeidoscopio, o atinado Willy Sifones, yeye, folerpa, e… dánme o mellor que pode ter un escribidor, respostas (1.630 ata hoxe), e téntanme a romper outra norma: facer unha quedada para expresarlles o meu recoñecemento. De momento, este post (o número 233) é o xeito de facelo, ós citados e sobre todo ós que non (que teñen abaixo o email de aludidos, ou neste caso, elididos).
——- Paren as máquinas.- Acabo de botar un ollo ó faiado, resulta que o cumpreanos non é hoxe 11 de xullo, senón que debeu ser o 9 de xuño, como me debería ter acordado porque estabamos en campaña electoral… iso pásame por fiarme das estatísticas…
Mentes criminais
O mundo catódico vai por modas, e agora as excelentes series que trunfan na televisión son un canto á especialización. No revitalizado xénero médico/hospitalario, House é a apoloxía dos dialoguistas sen barreiras e do ollo clínico (e da eficacia inmediata dos tratamentos, todo hai que decilo), mentres Anatomía de Grey xira exclusivamente arredor do planeta MIR. Pero o fenómeno é máis agudo no xénero de investigación criminal. Os varios CSI solucionan casos exclusivamente por métodos empíricos e por completo físico-químicos, analizando (eles chámano “procesando”) o cuspe que atopan na herba do xardín da víctima, mentres os de Mentes criminais traballan unicamente o sistema especulativo, facendo un retrato robot da conducta criminal e logo localizando a quen se axeite a el. Crossing Jordan mestura as autopsias coa tensión sexual máis ou menos resolta. The Closer é unha serie de interrogatorios e resaibos do machismo. O tradicional sistema de descubrir ós malos polo método deductivo e trincalos logo de learse a tiros ou mamporros non ten representación catódica.
Veume á cabeza toda esta panoplia serial a conta da cadea de sucesos sanguentos que se produciron a pasada semana en Galicia. O caso do fontaneiro de Cedeira que se fixo pasar por garda civil con fillo que non podía atender para conseguir unha canguro e logo matala, non daba para encher un dente ós criminalistas dos CSIs. Imaxino que chegou con rastrexar as chamadas que recibiu a víctima no seu teléfono, sen necesidade de agardar a que se descubrira o seu corpo no colector onde a meteu o homicida. Tampouco ese crime de celos e tunning pasional que cometeu un Vigo un mozo co seu rival sería adxudicado á unidade da doutora Jordan ou da inspectora de Closer, quitado que a confesión do autor escondera outra cousa. Pero o que si sería materia para Mentes criminais sería o caso de Remedios Sánchez, a vellicida ludópata de Barcelona natural de Dormeá (Boimorto). Entre outras razóns, porque nos Estados Unidos (polo menos nos EEUU televisivos) catro asasinatos de anciás solitarias montarían un rebumbio socioperiodístico bastante como para que tropa mentalista do FBI collera o avión ese desde o que o xefe Gideon dispara citas filosóficas como mísiles. Cavilo que o primeiro “perfil” do criminal apuntaría a un home introvertido ó que a nai ou un avoa dominadoras lle amargaron a infancia e case toda a xuventude. A forza empregada na estrangulación manteríaos enganados, ata que a facilidade de entrar nos domicilios ou calquera detalle relacionado co xeito apresurado e trapalleiro de coller o botín lles desvelaría que era unha muller coa necesidade compulsiva de conseguir cartos.
Con todo, o que si seria materia para a tropa de Gideon son as interpretacións soterradas que fixo a prensa a posteriori. Fracasado o intento de obter “datos de interese humano” dos Fandiños e do resto dos veciños de Dormeá, os reporteiros descenderon en círculos sobre a inobxectable galeguidade de Remedios. O seu lugar de orixe (“la aldea gallega de”), os seus lugares de traballo, os seus sucesivos compañeiros sentimentais e mesmo “su obsesión por no volver nunca más a la miseria de su Galicia natal” (“a la miseria que ella padeció en su Galicia natal”, supoño que quererían decir), sen salientar que tamén era galego o santo que tiña por marido. Deben ser as consecuencias de que agora non emitan series como Lou Grant, aquela de periodistas éticos.
(LA OPINIÓN, martes, 11 de xullo de 06)


