si home si

"El gallego no es ni un idioma, fue un invento de Pepe Domingo Castaño" (Intereconomía)

Nacido o 11 de xullo

26 comentarios

Empecei isto vai hoxe un ano. Por varias razóns, entre elas ter localizado o material opinativo que facía e levalo a máis público do que le a concreta prensa escrita. A maiores destas variantes da vaidade, isto comezou tamén como un intento ou autoescusa de trasladar o estilo blog á prensa escrita e así currar menos. Evidentemente, saíume o tiro pola culata, e incumprín unha das normas do decablog que Varela deixou dito unha vez, sen que logo poidese localizalo. Incumpro tamén outras como non visitar as leiras dos colegas tanto como debería e merecen, e de non ser tan aventureiro como fun á hora de descubrir máis cibermundos. Así podería actualizar e ampliar os links recomendados…

Tamén crebo outra regra que é mirar de máis as estatísticas. Van case 50.000 visitas, algunhas de lugares tan insólitos como Chipre, Estonia, Exipto, China e Irak (?), e gustame conxecturar quen será o asiduo que se conecta desde Trondheim (Noruega) e quen traballará nunha compañía de augas británica. Pero descubrin eso que nas clases de xornalismo chamaban feedback e logo mutou ó algo pretencioso e mutiaplicable concepto de interactividade. É decir, os comentantes habituais. A risco de esquecer algúns, desde o Subcomediante H, todonada, o ollodavaca ou Kate, que foron dos primeiros, a Alfonso Pardo e Bruñulf, dos máis novos. Desde o troll eSedidió (que resultou ser un ganapán que coñecía de vello), ó incansable Míguez, ou ó certeiro Mourullo (estaba a punto de convocar unha xornada monotemática sobre Quen é Mourullo? ata que opaco descubriu que non era un ser humano, senón un bot. A algúns, como a Pawley ou a torredebabel, coñecinos logo en persoa. A outros, ánzony , Suso Lista, xa os coñecía. Eles –vostedes-, el niño de la guía, Ghanito, Berto, Nemeth, o altibaixista Galeidoscopio, o atinado Willy Sifones, yeye, folerpa, e… dánme o mellor que pode ter un escribidor, respostas (1.630 ata hoxe), e téntanme a romper outra norma: facer unha quedada para expresarlles o meu recoñecemento. De momento, este post (o número 233) é o xeito de facelo, ós citados e sobre todo ós que non (que teñen abaixo o email de aludidos, ou neste caso, elididos).

——- Paren as máquinas.- Acabo de botar un ollo ó faiado, resulta que o cumpreanos non é hoxe 11 de xullo, senón que debeu ser o 9 de xuño, como me debería ter acordado porque estabamos en campaña electoral… iso pásame por fiarme das estatísticas…

Escrito por sihomesi

11 de Xullo, 2006 ás 11:10 a.m.

Gardado en Non sei eu...,Xeral

26 Comentarios to 'Nacido o 11 de xullo'

RSS dos comentarios

  1. Hummm… iso de troll non será un cumplido, non? En calquera caso, parabéns, alpabarda.

    eSedidió

    11 Xul 06 at 5:28 p.m.

  2. Parabéns polo primeiro ano, Vazquez marchou, non nos deixe vostede ;)

    ghanito

    11 Xul 06 at 6:28 p.m.

  3. Ghracias a ti por “desleitarnos” ca tua magnífica visión do invisible. E sighe así. Bicos e machetazos, je je

    suso lista

    11 Xul 06 at 8:11 p.m.

  4. moitos parabéns ultramarinos! e non se sinta só que vostede traballa mais escribindo e nós lendo. E xa se sabe que mal de moitos…

    torredebabel

    11 Xul 06 at 10:24 p.m.

  5. O aniversario de sihomesi

    11 de xullo? 9 de xuño? O periodista Xosé Manuel Pereiro fai reconto da súa experiencia neste primeiro ano como blogueiro.

    chuza.org

    12 Xul 06 at 4:53 a.m.

  6. Parabéns.

    A todo isto, sabe vostede algo da “censura” da Voz a Ignacio Ramonet e Ramón Chao? E vostedes?

    Matías Bruñulf

    12 Xul 06 at 10:29 a.m.

  7. Non, pero a ver se me entero cando volva ó choio, que agora só entendo de toallas, protección 40 e eses apaixoantes asuntos.

    sihomesi

    12 Xul 06 at 10:42 a.m.

  8. Parabéns :)

    el niño de la guía

    12 Xul 06 at 10:46 a.m.

  9. … como os teclados, gha, gha, gha. Como eu fai anos que non o vexo (inauguración dunha autoestrada e, tempo antes, no Tralla material na beira do mar, dous pintorescos escenarios, por certo), antes de pisar a area pásese por Mi vida como un chino e bótelle un vistazo ao vídeo do post “Una, grande y china”. Éche ben coñeiro e seguro que lle fai gracia.

    Matías Bruñulf

    12 Xul 06 at 10:54 a.m.

  10. Errei: o título do post é “Un verano cara al sol”.

    Matías Bruñulf

    12 Xul 06 at 11:02 a.m.

  11. Algo nos dará, Sr. Pereiro, para que teimemos en voltar pola súa, un día sí e outro tamén. Siga así, si home si.

    F. Miguez

    12 Xul 06 at 11:10 a.m.

  12. Parabéns sHs! Como ben retrucaban Chamantriste e Míguez somos unha parroquia,non sei se do tipo da aldea do meu pai ou tipo new age,desas que tan ben describe o xenial Houellbecq.(Inda que vostede non teña tanta guita como o Robertson,que non o sei)
    Máis devoción ó apóstolo e a sHs :)

    Alfonso Pardo

    12 Xul 06 at 2:01 p.m.

  13. Sr. Pardo, decátase vostede que nesta leira somos os unicos que aparecemos co nome en branco e negro. E todo por non termos un blog, o que non deixa de ser un trato claramente discriminatorio. Eu tamén quero saír en coloríns.

    Asdo. eSedidió (Presidente-fundador de CDPSB, Cidadáns Decentes Pero Sen Blog)

    eSedidió

    12 Xul 06 at 3:20 p.m.

  14. Parabéns meu benquerido si home si

    Folerpa

    12 Xul 06 at 3:35 p.m.

  15. A Bruñulf, xa que pasei, lin os dous e os dous son tan coñeros como adiantan os execelentes títulos.
    Pardo: lamento ignorar quen é Robertson, pero estou disposto a apostar os cartos que non teño que son alomenos unha centésima parte menos rico ca el.
    A Folerpa: perdón pola omisión.
    Se eSedidió et altri: este xa é o seu blog, e queren facer post e todo, mándenmos que os enchufo (se non contradin a liña editorial, que nesas cousas eu sempre fun moi estricto)

    sihomesi

    12 Xul 06 at 6:15 p.m.

  16. Obrigado, Pereiro. E qué fermoso: “este xa é o seu blog”.

    Matías Bruñulf

    12 Xul 06 at 7:34 p.m.

  17. A todo isto, e citando aos clásicos, teño que recoñecer que eu vin dar aquí por recomendación de Alfonso Pardo, asiduo de Mi vida como un chino e ilustre comentarista. Como di miña nai, hai que repartir (polo de comprar nunha tenda e naquela outra, porque todos son veciños, etecé, etecé).

    Matías Bruñulf

    12 Xul 06 at 7:37 p.m.

  18. Sin perxuízo do que dí o Sr. Pereiro, estimado eSedidió, tamén pode poñer o seu nome en vermello co simple feito de escribir calquera cousa no campo URI, da identificación do comentarista. Sexa prudente co que escribe porque se vai ler ó poñer o punteiro sobre o seu flamante nome en vermello. Probe, probe (ou probe na miña, si prefiere non andar a enredar na do Sr. Pereiro).

    F. Miguez

    12 Xul 06 at 9:34 p.m.

  19. hehe… non me dea ideas, Sr. Miguez, que coñezo un par de paxinas moi xugosas que farían poñerse colorado a belcebú…
    En canto ao outro, moitas gracias, Sr. sHs, non esperaba menos, tendo en conta o agarimoso dos seus epitetos, pero deus lle da a cada un os seus dones. E xa ve: vostede saíu listo e eu ghuapo :-)

    eSedidió

    13 Xul 06 at 4:33 a.m.

  20. felicitalo por estes lares que tan ben aviados mantén vostede:

    parabéns

    yeye

    13 Xul 06 at 4:57 a.m.

  21. Sr eSedidió:decatárame,decatárame.Vostede sempre tan modesto.Non o comentei porque a min dábame vergoña iso de ser un ninguén virtual sen leiras,prado ou monte no ciberespacio.Agora temos que estar ledos xa que sHs estanos a acoller con tanta xenerosidade e podemos ser cibercaseiros.Vivan os CDPSB!

    PD-Xa saben,a ver se o PP”de Galicia”manifesta o seu apoio a admisión polo Parlamento Europeo das cartas en galego,castelán e noutras 20 linguas igualmente civilizadas.Pregunten,pregunten…
    daniel.varelasuances-carpegna@europarl.europa.eu

    Alfonso Pardo

    13 Xul 06 at 8:15 a.m.

  22. Un magnífico ano de trece meses, abofé que si. Eu de maior quero escribir coma você!

    Martin Pawley

    16 Xul 06 at 12:54 p.m.

  23. O alcume de altibaixista que se me atribúe, suponho que terá relación co burro esixido (que diria Arsenio Iglesias) do post anterior de anuncio das vacacións.
    En canto à suposta censura da Voz da Franquícia sobre a que pregunta Matías Bruñulf, penso que non é mais que un simple desprazamento da cizanha manifestante.
    Saúde e coidado coas do centenário e mais cos das pistolas na estrada.

    galeidoscópio

    17 Xul 06 at 9:35 a.m.

  24. parabéns, que saiba que no faro de vigo lemos en papel os seus posts en diferido dous días despois de lelos aquí, en rigoroso directo

    willy

    18 Xul 06 at 9:27 a.m.

  25. Gracias polo aviso a Galeidoscopio, e polos parabéns a Willy, pero os post-post escritos no FARO non sempre son os mesmos post de aquí. De entrada, é un por semana, hai veces que son un mix de dous, nalgunha ocasión son inéditos, e como teño máis tempo para facelos, están retocados… Pero alégrome que se sinta bombardeado por terra, mar e aire

    sihomesi

    18 Xul 06 at 5:21 p.m.

  26. Moitos parabéns! Siga escribindo que o estarei vixiando de vez en cando (agora non teño moito tempo para comentar, por iso non aparezo moito por aquí, pero non o perdo de vista)

    kate

    19 Xul 06 at 8:25 a.m.

Deixa un comentario

Switch to our mobile site