Xull 20 2006
70 anos
“¿Como é que non tocaches o tema do 18 de xullo na columna do martes 18 de xullo?”, estrañouse onte un coñecido. “Foi un desexo incontrolable de facerme o orixinal”, contesteille, botando man do primeiro que se me veu á cabeza. Non sei se o enganei, pero a vostedes, que son máis e están parapetados tras da pantalla, seguro que non lles cola. A verdade é que o asunto do golpe militar do 36, ou mais ben as historias persoais e concretas sufridas daquela, sempre me puxeron os pelos crechos e os ollos de guerra.
Non sei por que. Quero decir que non sei por que especialmente, porque se algo é recurrente e rotinario na historia, mesmo na historia recente de onte e de hoxe, son as animaladas a esgalla, o sacrificio de inocentes en aras de grandes ideais, e os intento de exterminio sistemático do contrario. E en todos eses momentos de barbarie, a loita non é entre os bos e os malos, que de todo hai en cada sitio. O que si son boas ou malas son as intencións e as razóns, por moito que agora impere ese argumento de que “é o que eu penso, e a opinión é libre”. Hai 70 anos, o que houbo foi unha colisión entre distintas concepcións do mundo, entre os que pretendían defender a Relixión e salvar á Patria con maiúscula, aínda que fose pasando por riba dos cristiáns e compatriotas con minúscula e os que pretendían un mundo mellor e máis libre. Así en abstracto, postos a escoller opción, calquera persoa decente escollería a segunda, e si se impuxo a primeira foi porque a loita non se celebrou no terreo das ideas. Se a diferencia entre as opcións non estaba clara no momento en que se confrontaron, quedou á vista cando unha se impuxo á outra. En ningunha guerra civil os vencedores se asañaron tanto cos vencidos coma na de España.
Ás veces, o debate sobre calquera controversia dáse por pechado cun “tan honrados eran uns como os outros”, para non ter que precisar canto o eran uns e canto o eran outros. Estes días, nas traxectorias e perfís das víctimas sobreviventes que leo, chamoume a atención o oposto das miradas cara atrás. A práctica totalidade dos vencidos están libres das ansias de revancha, igual que algúns vencedores. Sen embargo, outros do bando ganador siguen co fardo intacto: un vello –e vixente- falanxista de Tui atribuía, por exemplo, a represión feroz sobre homes, mulleres e nenos a “aquellos que cambiaron la camisa roja por la azul” ou a vinganzas (“claro que, cuando alguien se venga, es por algo”). Por iso, unha cousa é pasar páxina sobre o que pasou, e outra pretender que a páxina pasada estaba en branco.
(LA OPINIÓN, xoves, 20 de xullo de 2006)


o 21 de Xullo, 2006 ás 10:39 am
Eu, que sei o que me contaron, penso que esa loita de ideais, foi unha pantalla. A Guerra Civil Epañola foi feita por unha caterva de mortos de fame que, ou non querían perder a súa posición asoballadora sobre os demáis, ou querían apuntarse a esa posición, contra os que ían camiño de estar un pouco menos asoballados que non moito tempo atrás. Se no canto da nosa Guerra Civil, tivéramos celebrado a Revolución Bochevique, estou seguro de que a maioría das persoas daquel entón terían ocupado exactamente os mesmos postos: asesinos uns e víctimas outros. Asesinos os que non soportan non estar por enriba do veciño e víctimas todos os demáis.
o 22 de Xullo, 2006 ás 5:36 pm
Falar das guerras é sempre triste.Por riba diso, estes aniversarios confirman a crencia de que moitos xornalistas son xente de verbo abundante e cultura escasa.Resulta estarrecedor ver como o xornal populista-fascista madrileño suliña que un 30 por cento dos españois comprenden as causas da guerra,e,dando unha reviravolta no eido da lóxica,a partires desta enquisa pódese afirmar que algo terían feito os roxos.A ver cando El Mundo emprega siloxismos tan finos para xustificar o III Reich ou o fundamentalismo islámico.
Malia pobreza de certos debates,o millor é que xa parece soterrada a idea de que a guerra foi unha arroutada dos militares,liña de fondo de moitas disertacións, e que víñalle de película tanto a unha esquerda como a unha dereita pouco afeitas á sinceridade e á autocrítica.E xa no terreo,triste ver como nas guerras,nos Balcáns ou en Sierra Morena,os crimes máis bárbaros non os cometen os militares,sinón un que antes da desfeita era médico,poeta ou tratante de panos.
Por certo,para escarallarse de risa vendo ós eurodeputados españois do PP escoitar a ese fascista polaco do Parlamento Europeo falar de Franco coa boca grande o que eles só poden falar coa boca pequena.
PD.Para Vatanen-Míguez e Pereiro-Hakkinen:A ver se miran máis para o gran ciclista galego e déixanse de lerias automobilísticas.A saúde llo agradecería