Xull 11 2006

Mentes criminais

Categoría: Si home sisihomesi @ 8:40 am

O mundo catódico vai por modas, e agora as excelentes series que trunfan na televisión son un canto á especialización. No revitalizado xénero médico/hospitalario, House é a apoloxía dos dialoguistas sen barreiras e do ollo clínico (e da eficacia inmediata dos tratamentos, todo hai que decilo), mentres Anatomía de Grey xira exclusivamente arredor do planeta MIR. Pero o fenómeno é máis agudo no xénero de investigación criminal. Os varios CSI solucionan casos exclusivamente por métodos empíricos e por completo físico-químicos, analizando (eles chámano “procesando”) o cuspe que atopan na herba do xardín da víctima, mentres os de Mentes criminais traballan unicamente o sistema especulativo, facendo un retrato robot da conducta criminal e logo localizando a quen se axeite a el. Crossing Jordan mestura as autopsias coa tensión sexual máis ou menos resolta. The Closer é unha serie de interrogatorios e resaibos do machismo. O tradicional sistema de descubrir ós malos polo método deductivo e trincalos logo de learse a tiros ou mamporros non ten representación catódica.

Veume á cabeza toda esta panoplia serial a conta da cadea de sucesos sanguentos que se produciron a pasada semana en Galicia. O caso do fontaneiro de Cedeira que se fixo pasar por garda civil con fillo que non podía atender para conseguir unha canguro e logo matala, non daba para encher un dente ós criminalistas dos CSIs. Imaxino que chegou con rastrexar as chamadas que recibiu a víctima no seu teléfono, sen necesidade de agardar a que se descubrira o seu corpo no colector onde a meteu o homicida. Tampouco ese crime de celos e tunning pasional que cometeu un Vigo un mozo co seu rival sería adxudicado á unidade da doutora Jordan ou da inspectora de Closer, quitado que a confesión do autor escondera outra cousa. Pero o que si sería materia para Mentes criminais sería o caso de Remedios Sánchez, a vellicida ludópata de Barcelona natural de Dormeá (Boimorto). Entre outras razóns, porque nos Estados Unidos (polo menos nos EEUU televisivos) catro asasinatos de anciás solitarias montarían un rebumbio socioperiodístico bastante como para que tropa mentalista do FBI collera o avión ese desde o que o xefe Gideon dispara citas filosóficas como mísiles. Cavilo que o primeiro “perfil” do criminal apuntaría a un home introvertido ó que a nai ou un avoa dominadoras lle amargaron a infancia e case toda a xuventude. A forza empregada na estrangulación manteríaos enganados, ata que a facilidade de entrar nos domicilios ou calquera detalle relacionado co xeito apresurado e trapalleiro de coller o botín lles desvelaría que era unha muller coa necesidade compulsiva de conseguir cartos.
Con todo, o que si seria materia para a tropa de Gideon son as interpretacións soterradas que fixo a prensa a posteriori. Fracasado o intento de obter “datos de interese humano” dos Fandiños e do resto dos veciños de Dormeá, os reporteiros descenderon en círculos sobre a inobxectable galeguidade de Remedios. O seu lugar de orixe (“la aldea gallega de”), os seus lugares de traballo, os seus sucesivos compañeiros sentimentais e mesmo “su obsesión por no volver nunca más a la miseria de su Galicia natal” (“a la miseria que ella padeció en su Galicia natal”, supoño que quererían decir), sen salientar que tamén era galego o santo que tiña por marido. Deben ser as consecuencias de que agora non emitan series como Lou Grant, aquela de periodistas éticos.

(LA OPINIÓN, martes, 11 de xullo de 06)


Xull 06 2006

Vacacións

Categoría: Si home sisihomesi @ 11:17 am

VACACIÓNS

Estou de vacacións e teño fundadas sospeitas de que as rematarei igual ou máis canso que ó comezo, o mesmo que case todo o mundo ataca a semana os luns máis esbandallado que a remata os venres. Polo menos se o resto dos días van ó ritmo destes primeiros.

Posiblemente sexa culpa miña por apuntarme á primeira tanda, dirán con tanta envexa como razón aqueles que aínda lles queda alomenos un mes de traballo antes de coller as súas. Non foi exactamente unha elección libre. Sempre fun devoto de setembro, por un lado porque fai vai menos calor e menos xente, e ó fin e ó cabo, xa vivo nun sitio que é destino vacacional para moitos. Desafortunadamente, tiña unha compañeira de traballo con máis antigüidade que tiña a mesma idea, e cando fun o máis antigo, xa tiña nenos (eu) e polo tanto estaba suxeito ó calendario escolar. Optei varios anos por agosto, pero vaias a onde vaias, atópaste no Planeta Nivea, apoxeo do abarrote playero, habitacional e circulatorio. Así que este ano decidinme por comezos de xullo, e nunca tal fixera.
En primeiro lugar, porque parte importante das vacacións son a súa preparación, tanto interna (acopio de material veraniego e deseño de estratexias ídem) como externa (avisar ó mundo das nosas intencións e das consecuencias que lle traerán). Con tantas presas, nin unha cousa nin outra. Chegas ós sitios sen eses elementos fundamentais como as bicicletas e as táboas esas surf que non son de surf, e tes que facer máis viaxes ó hipermercado para encher a despensa familiar dos que precisa Médicos Mundi para paliar unha catástrofe humanitaria. E por outra parte, como non fuches aproveitando os últimos días para ir rematando os traballos pendentes, ademais das toallas de praia cargas cuns deberes a medio facer. Como tampouco avisaches en tempo e forma de que te abrías, e os demais están a pleno ritmo, chóvenche encomendas e comenencias. As dúas últimas veces que soou o móbil tiven que rescatalo das mans conxugais, que a primeira vez propuxo enterralo na area e a segundo tentou arrebolarllo ás gaivotas. En realidade, cando se vai correndo que estás de vacacións, é peor, porque o persoal debe facer a seguinte reflexión: “como está de vacacións, de seguro que ten tempo”. E ademais, estás desarmado e sen a escusa de que estás moi ocupado para non poder asistir a todos os actos e festexos, privados e públicos, que inzan o verán en Galicia. “O ano pasado non puideches vir porque estabas non sei onde, pero este non terás outra, porque un día no traballo pídeo calquera”, razoan.
Así que aquí me teñen, dándolle a tecla en xullo e con agosto máis ocupado ca os Tonechos.

(LA OPINIÓN, xoves, 6 de xullo de 06)


Xull 05 2006

Resumo dos 2 posts anteriores…

Categoría: Xeralsihomesi @ 4:58 am

selección sen copas
(by appointment Ánzony)


Xull 04 2006

Puntos

Categoría: Si home sisihomesi @ 10:51 am

Non sei como levan agora a nova vida, desde que apareceron nela os puntos. Eu estes tres días paseinos apatrullando a A9, darriba para abaixo e de abaixo para máis abaixo e volta, e notei máis cambio no tráfico do que pensara que ía haber. E polo que notei, estráñame bastante a chea de tantos que conseguiron os axentes de tráfico.

Porque a impresión que me deu a circulación na autoestrada é o que os periodistas chamamos “tensa calma” cando non hai nada que contar nun acontecemento que se supón movido. “Calma” porque, quitado un par de becerros, todo o mundo ía a modo. “Tensa” porque todos pareciamos ir abrochados ós mandos, cun ollo no velocímetro e outro no mundo exterior. Os conductores que poderiamos chamar timoratos e oficialmente se cualifican de prudentes circulaban a 110 e os destemidos que se autodenominan hábiles rondaban os 125, unha diferencia escasa de máis para manter a fluidez circulatoria. O normal era atoparse sucesivas concentracións de vehículos, circulando como as caravanas do Oeste, en grupo para defenderse do inimigo exterior e cheos de desconfianza entre si. Zafar dun deses colectivos sen despegar o ollo do velocímetro era asunto difícil porque os prudentes tenden inconscientemente a incrementar a velocidade cando senten a alguén detrás e os hábiles aceleran conscientemente porque lles amola que os adianten. Así que a consecuencia é incrementar a solidez do grupo ou marchar en paralelo unha chea de tempo. Por certo, o actual límite de 133 kilómetros que fai saltar o radar é moito máis difícil de controlar que os 140 de antes, que nos velocímetros de agulla estaban perfectamente marcados cunha liña, e nos dixitais eran visibles a simple vista en canto aparecía un 14… Así que se na autoestrada o autocontrol colectivo funcionou perfectamente, a colleita de puntos apañada estes días en Galicia debeu producirse nas estradas e pistas, nas que circulan, segundo as estatísticas, fundamentalmente homes un tanto afectados polo trago e sen poñer o cinto.
De todas formas, os beneficios para a seguridade viaria das persoas que aparentemente trouxo o invento puntuable (e o prexuízo probable que suporá para os nervios da poboación conductora) non penso que vaian durar moito. A medida funcionou porque os automobilistas se sentiron máis vixiados polos medios de comunicación que polos axentes de tráfico. En canto desapareza esa presión mediática (esas noticias do que perdeu todos os puntos por ir peneque e marcha atrás nunha autovía, animalada tal que ata ir bebido debería ser un atenuante caso de facela), e reste unicamente a represión de sempre da DGT, completamente aleatoria, os destemidos habituais comezarán a despegarse do autocontrol colectivo, e a circulación volverá a estar a monte. Con todo, o dos puntos será unha medida, se non eficaz, alomenos de xustiza en comparación coas multas, que para algúns supuñan o que lle custan as tulipas do haiga e para outros o valor do coche enteiro.

(LA OPINIÓN, martes, 4 de xullo de 06)


« Páxina anterior