Ago 31 2006

Baby boom

Categoría: Non sei eu..., Si home sisihomesi @ 5:27 am

Non sei ata que punto é unha apreciación subxectiva, dáme que hai unha chea de xente tendo pequenos/as ou inmersos no proceso. Que hai un certo baby boom, con permiso dos demógrafos. Con permiso dos economistas, quizais sexa pola obviedade de que nunca os nenos foron un ben tan escaso, e polo tanto valorado. E co permiso dos sociólogos, quizais se deba a que unha parte importante da sociedade, a máis influenciable polos ires e vires do entorno, se sinta máis relaxada desde que non parece obrigatorio terse que reproducir.

         Sobre o primeiro aserto, o do repunte da natalidade, números haberá que me dean a razón ou non (e se ma dan, aquí non penso que contribúan moito os inmigrantes) pero saquen papel e lapis ou aproveiten unha servilleta e pídanlle un boli ó camareiro, e fagan unha lista de amigos e coñecidos embarcados na reproducción ou recén chegados a porto/parto. Xa verán como teñen que coller outra servilleta. Sobre o segundo, a cotización á alza dos infantes, non me apeo do dito por moito que me abrasen a datos, estatísticas e táboas input-output que demostren o contrario. Antes os fillos tiñan un forte componente económico, porque eran brazos para traballar, pero tamén bocas que manter, e as fillas moito máis do segundo que do primeiro. Agora teñen máis gastos de mantemento ca un coche de alta gama, e hai moita xente que vive dos pais, pero case ningunha que confíe en que vai poder vivir logo dos fillos. Así e todo, son un elemento cotizado, ignoro por qué. Vese na actitude dos presentes nunha maternidade, nas sutís relacións de xerarquía ou posición que se dan nese ecosistema especializado na continuación da especie. Os sinais convencionais de posición económica ou social están como desactivados. O escalafón está en relación directa ó avance do embarazo. As portadoras dun bombo terminal, sufridas e dignas, son as raíñas dese mundo, por riba das embarazadas a medias (a medias para entendernos) e desde logo das que non o están ou non se lles nota. As emperatrices son as que abandonan o lugar portando orgullosas o cachorro, mentres o elemento masculino da especie carrexa bolsas e ramos de flores.

         A pirámide natalicia-social non remata aí. A maiores hai unha serie de parámetros que se encargan de difundir, confrontar e clasificar, igual que a puntuación na ximnasia rítmica, os satélites que xiran arredor dese fenómeno: avós/as, tíos/as e amizades/os/as. Parámetros como a rapidez, a levidade ou a gravidade do proceso. O peso, a galanura e o comportamento do resultado. O debate case teolóxico do carácter que parece que apunta, de quen o herdou e, desde logo a quen se parece e a quen lle debe cada cousa. Eu poderíalles contar o meu, igual que se conta a mili, pero curiosamente o asunto foi tan rápido que primeiro me mandaron poñer un pixama e logo esqueceron avisarme.

 Lois

(LA OPINIÓN xoves, 31 de agosto de 06)


Ago 29 2006

O de sempre

Categoría: Si home sisihomesi @ 10:15 am

Non sei se viron o anuncio ese tan bonito e tan plástico no que dúas pandillas urbanas de deseño están radicalmente enfrontadas sobre se o é mellor o sabor clásico dun refresco ou a nova versión light  Cando xa están a piques de iniciar unha loita coreográfica e intercambiarse tremendos pas à deux e espagats mortais, os feroces contendentes descobren que o clásico e a novidade saben igual, e acougan. Se non o viron, fagan por velo, porque é unha alegoría da polémica dos incendios.

 

O enfrontamento entre pandillas, esa especie de estéril guerra civil entre marxinados, ten unha longa tradición no xénero tráxico. Desde Romeo e Xulieta ata xoias do cine como West Side Story ou Rumble Fish, e mesmo Bad, o videoclip de Michael Jackson que dirixiu Martin Scorsese. Agora sirve para anunciar un refresco novo que sabe como o de sempre. Se aceptamos a convención, por moi de ficción que sexa, de que a xente se pode matar ou facer que se mata por se unha zarzaparrilla está máis ou menos edulcorada, como non se van trivializar logo accións como tirar pedras desde os pasos elevados ós coches que circulan polas autopistas. (En UK, ou en Alemaña, con esas cousas non se xoga). Igual que esoutro spot no que unha grea de niñatos con xesto airado profiren aulliditos rebeldes para esixir un batido amarelo/violeta. Este tipo de polémicas de se a ficción inflúe na realidade só as provocan agora algúns videoxogos (que sen esa polémica soamente coñecerían os seguidores estrictos), a pesar de que a xente sabe que os videoxogos son de mentira, e a publicidade non.

         Pois o dos lumes, igual. O que comezou como gran polémica sobre quen e por que rematou en canto, como é tradicional en Galicia nos sectores productivos e sobre de todo nas catástrofes ecolóxicas. As axudas económicas ós sectores afectados polos incendios forestais son unha mala copia das adoptadas cando as mareas negras. Se aquelas tiñan a xustificación de compensar un lucro cesante, algunhas destas compensacións ós afectados dos lumes vai ser como dar axudas ó que se lle afundiu un petroleiro porque o tiña descoidado. Esa chea de millóns que irán para remediar os efectos da catástrofe estaría mellor empregada en tentar converter o monte en algo productivo, transformar nunha actividade empresarial de silvicultura o actual ter plantados uns pinos. E, sobre todo, se os anteriores gobernantes, que fixeron da política de axudas, subvencións e sinecuras unha das belas artes, non adoptaron esa medida, por algo sería. Por exemplo para que, ademais da industria da extinción dos lumes, non se creara a industria da subvención polos lumes. En definitiva, moita controversia, e ó final, as medidas clásicas e as novas veñen sendo as mesmas: tapar bocas.

 

(LA OPINIÓN martes, 29 de agosto de 06)


Ago 24 2006

Contos chinos

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 2:00 am

Unha amiga natural dunha cidade que non é esta nin as veciñas, contoume o caso que aconteceu na súa hai días. Un bazar chino apareceu un día pechado e houbo quen deu en atribuír esa circunstancia a un suceso ben truculento. Un matrimonio de idade foi alí mercar algo, e en canto entrou a muller, pecharon de súpeto a porta, deixando ó home fóra, e considerablemente mosqueado. Por moito que petou e teimou, os propietarios aseguráronlle que dentro só estaban os dependentes, así que chamou á policía. En canto apareceu a autoridade, apareceu tamén a señora perdida, atada e cunha serie de sinais pintadas no corpo, marcando máis ou menos os sitios por onde extraer órganos. Este é, desde logo, un fenómeno que chama á reflexión, pero como non é o único, o mellor é numeralos. Este é o FR1

         O Fenómeno para a Reflexión 2 é que, a pesar de que non é pequena, aínda que tampouco grande (a cidade, non a miña amiga), o caso correuse en pouco tempo por toda a poboación, mantendo a esencia do narrado, anque coas comprensibles variantes (non lle pasara non a un matrimonio senón a unha nai e ó seu fillo, a doante involuntaria de órganos estaba tirada polo chan e non sentada, etc.). Tanto se difundiu que medios de comunicación locais non tiveron outra que facerse eco do asunto (aquí o FR3), e fixérono asegurando que a policía non tiña constancia do caso, ou sexa, que nin confirmaba nin desmentía o rumor (FR4, como adiviñarían). O carozo do caso, o FR1, obviamente é unha variante da famosa lenda urbana do turista que vai por aí (Brasil, Tailandia), liga e/ou se embriaga, e logo esperta nun tugurio cunha cicatriz nos cadrís: mangáranlle un ril. O FR2 é como un conto chino así pode infestar amplas capas sociais, sorteando evidencias como que no terceiro mundo é máis cómodo e menos comprometido esfolar a un compatriota que a un turista occidental, e que tanto Copacabana como os bazares chinos de provincias son lugares pouco axeitados para extraer uns órganos, e menos para conservalos (non sirve o arcón dos conxelados). O FR3 é a paradóxica inversión do teórico e tradicional papel dos medios de comunicacións: no canto de contarlle á xente cousas que descoñece, agora o que fan é certificar a existencia oficial de cousas que a xente coñece de sobra. Colateral e coherentemente con este novo cometido (este é o FR4 ) a información periodística non ratifica nin rectifica o contido do rumor: simplemente recolle que corre por aí.

         Ben, ó contrario do que pasa habitualmente coas lendas urbanas/contos chinos, o caso do bazar oriental/unidade de transplantes aclarouse (supoño): os indignados propietarios do establecemento inseriron un anuncio na primeira plana dun xornal local no que sinalaban que o peche era temporal e por mor dun trámite burocrático, e que presentaran unha denuncia contra os autores do infundio. Deséxolle a maior das fortunas ós denunciantes e ás forzas de seguridade que levarán a investigación, pero moito me temo que lles vai ser máis difícil deter ó autor que trincar a un incendiario que recoñeza que lle pagaron por prender lume. Curiosamente (FR5), nunha cidade veciña desenvólvese unha campaña para impedir que se estableza un bazar deses.

      (LA OPINIÓN, xoves, 24 de agosto de 06)


Ago 22 2006

Acelerados

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:56 am

Realmente, a maiores do cambio climático, o Mundo este debería mandar mirarse o ralentí, a ver se é que estamos acelerados de máis. Non sei se lles pasa o mesmo, pero nestes días que queda agosto e verán para rato, a sensación que teño é de que rematou todo. Sinto a mesma anguria que me estragaba de pequeno os domingos pola tarde, ó pensar que remataba a fin de semana e o luns cedo había que reingresar no colexio. Pode ser cousa miña, pero xa me dirán se non. Ó ano xusto do goberno que aquí fixo carne o cambio político (ou mellor dito, O Cambio Político, porque era a primeira vez que aquí non gobernaba o centro, a dereita ou a postura que prefiran), hai unha crise gorda. A Fraga tardoulle unha década en aparecer o das vacas tolas (ben é certo que daquela tanto as vacas como os medios eran máis mansiños), a Felipe González demoróuselle outro tanto en emerxer o da corrupción e o GAL, e para que Aznar afrontara unha emerxencia tivo que poñerse o mundo patas arriba e el empeñarse en meterse no medio. Pero aquí abondou que se reproducise a previsible catástrofe de todos os veráns, pero máis cargada de bombo, para que abaneen os piares do noso mundo noroccidental e progresista acabado de estrear. Pase que agora non duren nada os coches nin os electrodomésticos, pero é que agora as situacións caducan con máis celeridade ca os iogures e por parecidas causas (non porque se deterioren, senón porque a caducidade estimula o consumo), ou coa froita, que en canto a sacas da cámara, máis que madurar, evoluciona.

Exactamente o mesmo que nos pasa con Paco Vázquez. Aínda estamos afacéndonos á súa ausencia, en pleno período de alivio (nas dúas acepcións: loito rebaixado ou consolo moderado), e xa nos metemos no asunto de dedicarlle o Paseo Marítimo. En poucos meses temos que disocialo do concepto alcalde para asimilalo ó rueiro. Do exercicio do cargo público cotián e tanxible á honra eterna e inmaterial do nomenclátor sen necesidade de falecemento intermedio (afortunadamente). Pasando por Roma, é certo, pero sen proceso de beatificación. A outros inmortalizados recentes, de Casares Quiroga a Alexandre Bóveda, custoulles 70 anos e unha traxectoria tan exemplar como tráxica chegar a ter, respectivamente, unha praza nas aforas e un vial sen casas. A Paco chegoulle medio ano de recordo para tomar posesión da metade do Paseo Maritimo, tanto treito que se podería subdividir en lexislaturas (Paseo PV-1983-87, Paseo PV 1987-91, etc.) De gobernar a cidade en persoa, a rodeala simbolicamente. Nin Pedro Barrié de la Maza, con ser o de Fenosa e o Pastor, ten tanto tramo (aínda que é certo que ten un dique de abrigo a maiores).

Claro que todas estas présas se poden deber a esoutra síndrome PV, a posvacacional que afecta a un de cada dous españois, segundo un estudo feito por unha asociación de cervexeiros (de fabricantes, non de consumidores). O estudo, quizais pola alegría dos patrocinadores, non especifica se o PV o padecen todos os cidadáns ou a escasa porcentaxe que pode coller vacacións, pero si o remedio: tomarse unhas cañas cos amigos e irse por aí na fin de semana. É dicir, a síndrome PV cúrase con máis do mesmo. Contra sobredose, fartura. Tanta velocidade acábase confundindo co touciño.


Ago 20 2006

Aqueles marabillosos anos

Categoría: Destafoisihomesi @ 12:35 pm

sucursalistas

Quen nolo ía dicir hai algún tempo. Un militante da U apoiando e mesmo subvencionando a expansión do sucursalismo…


Ago 18 2006

Precampaña (en Nigrán)

Categoría: Destafoi, Xeralsihomesi @ 10:52 am

(ou AVELINO STRIKES AGAIN). Folla voandeira distribuida en Nigrán desde un coche anónimo (para min, polo menos). Avelino strikes again [transcripción para xente présbita ou pantallas con pouca resolución] AVELINO FERNÁNDEZ Portavoz del grupo municipal del PINN "Me voy a implicar en proyectos sin importarme quién se lleve los méritos" Vai a facer doce anos que non eres Alcade, e aínda te preocupas por os proxectos que deixaches sin facer. Despois de ti pasaron tres alcades e nada se fixo, como si o tempo non pasara. Ainda son os teos proxectos dos que se fala. FOCHES O ÚNICO QUE FIXECHES ALGO POR NIGRAN E CHE PAGAMOS CON INSULTOS. TRUXECHE5 MUITA RIQUEZA PA ESTE POBO, E CHE CHAMAMOS LADRÓN. Foches sempre o mais votado, e sempre deixaches que outro fora alcade, antes P.S.O.E. e agora P.P. Non te meteches en nada e por enriba os que apoyaches, te poñen a parir, e che rouban os concelleiros. Agora, despois de ser o único que explicaches o plan, e sen comelo nin bebelo te fan responsable da desfeita, mentras o forastero do alcade posto por o P.P. arrancha os negocios do Celta, ca axuda do teo tranfuga do urbanismo. SABES POR QUE? AVELINO, CHE TEÑEN PÁNICO, 50 PENSAR QUE TE PODES PRESENTAR AS ELECCIONS, OS ACOJONAS. FOCHES, ERES E SERAS O MELLOR. SOMOS MUITOS OS QUE PENSAMOS ASÍ. E NON AI DREITO O QUE CHE ESTÁN FACENDO DESPOIS DO QUE FIXECHES POR ESTE POBO. CADA POBO TEN O QUE MERECE ALGUNS DOS FEITOS QUE NINGUÉN CHE PODE NEGAR: – Cª po la via; – Paseo Playa America; – Paseo da Fox; – Casa 3ª Edad; – Urbanización Patos; – Baixada a Patos; – C/ Patos Madorra; – Urbanización Puerto Panxon; – C/ Bernardo Vázquez – C/ Rdo José María; – C/ Francisca Lago; – Ensanche Cª Chand; – Ensanche Tarela a Chandebríto; – Carretera Pouton; – Alumbrado todo Nigran; – Mais de 150,000 m2 de camiños pavimentados; – C/ Baixada a prado e playa; – …ETC.. – Autopista e Parque Empresarial que che costaron alcadia. – Festa da Cadelucha – Magosto – Concurso hípico – T. V. y radio – Banda de música – … etc.. Todo desfeito Os feitos falan a por eles, ons veciños. FIRMADO ONS VECINOS


Ago 17 2006

Trasacordo

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 8:57 am

esquelas Cándido
(EL PAÍS, 16/08/06)


Ago 17 2006

Nas mesmas

Categoría: Si home sisihomesi @ 8:28 am

Desgraciadamente, despois dun tempiño de descanso no que poder reflexionar e cavilar sen a distorsión da urxencia (ou como decía o finado Cándido, sen que a actualidade agache a realidade), sigo nas mesmas. Ou pode que en peores. Sen saber máis, ou sen ignorar menos, do porqué dos incendios. E o malo non é que eu siga sumido na inopia, senón que non vexo moito máis clarividencia en quen debería tela. E tampouco percibo siquera ese agrupamento social instintivo ante o perigo común que ten calquera grea de herbívoros cando ventan a un felino. De feito, en que o lume prende no monte porque está a monte é a única posición común, incluído Alberto Núñez Feijoo cando volve coller aire, logo de soltar aquilo da Galicia verde que deixou o PP en herdanza. No demais, non hai coincidencia ningunha, nin entre compañeiros de trincheira, gremio ou institución. Dentro do fabuloso corpus teórico lígneo-ígneo que se está a producir, hai dúas liñas do pensamento principais, ou troncais, nunha mellor dito: a integrada (a que invoca iso das causas estructurais) e a apocalíptica (a que defende o da trama organizada). Os integrados ou realistas aseguran que o monte queimase porque todo –a política agraria, a forestal, a urbanística e a sindical, a cultura do lume, a ignorancia rural, etc.- está enfocado a que non haxa outra posibilidade que a de que se queime todo. Os que van e prenden efectivamente lume nese polvorín son meros instrumentos do determinismo socioeconómico, comparsas sen vontade, desequilibrados ou fanáticos sen evolucionar. Esta liña, tamén chamada conductista, é particularmente apreciada por analistas e comentaristas (permite facer socioloxía e non ter que sinalar a ninguén), e sustentada polos ecoloxistas (non lles fan caso, e así todo vai a peor). Con todo, dentro dos integrados, hainos optimistas (as cousas amañaríanse mudando a política agraria, forestal, etc.) e pesimistas (a industria da extinción é xa unha causa estructural). Os apocalípticos, como era de prever, aínda compartindo a tese central da existencia dunha organización, están escindidos radicalmente na interpretación práctica: para uns o problema é que hai unha organización para prender lumes, e para os outros o que pasa é que non a hai para extinguilos. As posicións son intercambiables, dependendo, e de feito, historicamente xa se teñen intercambiado. Despois destes dez días que conmoveron ó noso mundo fondo, de ires a sitios queimados e vires a lugares por queimar, de ler informes de tirios integrados e de escoitar argumentos de troianos de todo tipo, a única conclusión que podo respaldar minimamente é que posiblemente non lle falte razón a ningunha das teorías. (LA OPINIÓN, xoves, 17 de agosto de 06)


Ago 09 2006

Eu tampouco

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:33 am

Non, eu tampouco sei o porqué desta saña incendiaria. E non é porque non me preocupe, nin porque non pase dous tercios do día facendo preguntas ou zafando de dar respostas sobre o asunto. E tamén, como a vostedes, me doe, por moito que debería ter o distanciamento que hai que ter sobre calquera materia profesional. Aféctame, e sigo sen entendelo.

LUME (Vitor Mejuto, La Voz de Galicia)

Non me veñan co contexto. O de que o monte arde porque non ten valor, porque xa non se vive del, porque non se limpa. Eso explica por que arde, pero non por que lle prenden lume. Se tan desvalorizado está, para que molestarse en queimalo e correr o risco, por minúsculo que sexa, de que te collan e che dean un desgusto, por pequeno que poda ser. Quizais estou algo rabudo, pero tampouco me reciten a chea de posibles motivos: a especulación urbanística vale, pode ser que si en bastantes sitios, pero ¿no interior de Ourense? O de transformar plantacións arbóreas en pastos está moi ben como método agrícola no cráter do Ngorongoro, pero aquí máis ben son os prados os que se están convertindo en criadeiros de eucaliptos. As xenreiras e as vinganzas interveciñais, haberaas aquí como en todos lados, pero se esa é a causa de tanto lume, non sei como damos pasado o inverno aguantando as ganas de matarnos. Tampouco hai razóns para que aquí haxa máis psicópatas que noutros sitios. Os descoidos, as imprudencias, os foguetes, os cigarrillos pola ventá do coche, as botellas que fan de lupa, todos eses argumentos da propaganda institucional terán a súa cota de responsabilidade, e de feito, son os causantes da maioría dos lumes que se producen fóra de Galicia. Pero xa me explicarán como todas esas cousas pasan todas xuntas, hoxe en Pontevedra e mañá en Ourense.

     Quero decir que si, que uns serán por unha cousa e outros por outra, pero tantos deben ser por algo. Non é que propoña unha teoría conspiratoria de que hai unha organización internacional ou supramunicipal tipo Spectra, que quere destruír o mundo e anda a facer prácticas aquí. Pero alguén lle debe sacar proveito dalgunha forma, porque nin o mal se fai tantas veces de balde. Máis ou menos o mesmo que cando se andaba ó cobre, que se roubaba porque o compraban. Non sei, é un supoñer. Tampouco dei sabido nunca que argumentaban os detidos por incendiarios, mesmo os condenados en firme, e mira que o teño preguntado en canto podo. Ó parecer, uns alegan unha cousa e outros outra, ademais da inocencia. En conclusión, soamente se debe dar pillado ós chaíñas. Así que, por favor, se está lendo esto alguén que realmente sabe que pasa (que se dedica ó do cobre, para entendernos) que mo diga, que calarei como unha tumba. Prefiro cargar toda a vida co peso dese segredo que aturar máis tempo non ter nin idea do que está pasando.

(LA OPINIÓN, mércores, 9 de agosto de 06)


Ago 06 2006

Desmemoria sociohistórica

Categoría: Xeralsihomesi @ 12:26 pm

inmigrantes
(by apointment ASD)


Seguinte páxina »