Ago 01 2006

Oriente

Categoria: Si home sisihomesi @ 10:42 am

Antes estaba mal visto referirse a situacións inxustas ou queixarse delas se non se apuntaban ó tempo as causas que as producían. No imparable proceso de modernidade e progreso, agora vese con malos ollos o simple feito de queixarse. Sinalar unha situación constitúe xa unha mostra inadmisible de parcialidade. Pasoulle ó outro Pereiro, a Óscar, a quen só a posibilidade de ganar o Tour nos laboratorios o salvou da polémica que lle viña enriba por poñer unha camiseta na que reclamaba que se parara de botar mísiles.

Cada día, o meu correo electrónico énchese –ademais das habituais ofertas para virilizarme a prezos módicos- de análises do que está pasando no Oriente Próximo. Por un lado, parece que Hizbulá e Hamas están a correr co gasto, por conta de Irán e Siria, de distraer á opinión pública mundial da crise do uranio iraní ou para demostrar que Siria, como Teruel, tamén existe e quere trato de potencia rexional. Polo outro, aseguran que a contundencia da reacción israelí obedece máis ás necesidades de consolidación do goberno de Ehud Olmert que ás expectativas dunha moi improbable derrota militar das milicias islamistas do Líbano. En realidade, e agradecéndolle o esforzo ós remitentes, tanta utilidade me teñen as análises xeoestratéxicas como os fármacos vigorizantes. O que pasa no Oriente Próximo ben o vexo nas cabeceiras dos telexornais e nas portadas dos periódicos: xente inocente morta irracionalmente a mans de xente que ten razóns.
Porque, despois de tanto tempo de conflicto, razóns ten o todo o mundo. Sen ir moito máis alá de medio século, tiñan razón os xudeus en solicitar un fogar propio e seguro despois de toda a vida de estar en todas partes como de prestado e coa maleta preparada por se viñan mal dadas. Pero tamén tiñan razón os habitantes de Palestina en opoñerse a terlle que deixarlle as súas terras ós recen chegados. Abreviando e actualizando, as razóns dos estados occidentais para considerar a Hizbulá unha organización terrorista son máis ou menos as mesmas polas que consideraban terroristas as actividades da Haganah, a organización militar do movemento sionista. Teñen razón os que aseguran que Israel é a única democracia da zona, pero tamén os que ven que a súa política radicalizou o fundamentalismo do contrario: a vella OLP era un movemento laico, con faccións radicais de esquerda e agora, como se demostrou cando votaron, a maioría da poboación apoia a un partido relixioso. Igualmente, o Líbano era un lugar que parecía gobernado por un consello de administración no que estaban representadas unha chea de faccións, e hai uns meses, manifestacións masivas conseguiron que se fose o exército sirio. Agora, que a maioría das víctimas dun bombardeo sexan nenos non contribuirá a desarmar militar ou moralmente ós protexidos de Siria. E ó revés, o obxectivo preferido dos mísiles de Hizbulá é a cidade de Haifa, a máis tolerante na convivencia de contrarios (porque, como din os seus habitantes, alí non hai sitios sagrados polos que pelexar).
O forno estaba xa cada vez para menos bolos, e para acabar de amañala, a clase política/mediática española tomou cartas no asunto. Agora mencionar a existencia do forno (e non digamos dos bolos), supón atraer as iras duns por antifornista ou doutros por probolista. Se aquí é polémico pedir que pare o intercambio de bombas, que menos que alí estean a matar.

(LA OPINIÓN, martes, 1 de agosto de 06)

11 comentarios a “Oriente”

  1. F. Miguez dixo:

    As análises están ben, Sr. Pereiro, si con elas se pode saber quén ten a culpa de que morran persoas que ben poderíamos ser vostede ou eu, de vivir no lugar correspondente. Tampouco está de máis saber quén trata de sacar algún proveito carroñeiro, como algún partido ou corrente política española, outrora en cruzada contra confabulacións judeo-masónicas, e que agora disimula cada vez menos que o poder é súa única verdadeira motivación.
    De todos xeitos, as análises tórnanse inútiles si non inducen accións sobre a materia analizada, que neste caso deberían de tomar dous camiños. Un polos inocentes presentes e patentes, e outro polos que aínda podemos chegar a selo.

  2. sihomesi dixo:

    Sinceramente, as análises en xente que non ten na súa man nin a máis pequena das posibilidades de amañar algo (o meu caso) non sei para que sirven. Pero ás veces non hai máis remedio que decir “preferiría non facelo”. Xa non teño a idade de ter claro de quen é a culpa, e si de saber quen son os culpables.
    (Xa sei que estou espeso. Van 13 días sen fumar)

  3. eSedidió dixo:

    Sr. sHs, nunca houbera esperado eso de vostede. Outro ex-fumador. Pero non se preocupe que lle vou dar animos. Eu botei case 7 anos sen fumar e voltei. Ou sexa que, xa sabe, déalle duro que total vai ser o mesmo. :-) )

  4. F. Miguez dixo:

    Vostede, Pereiro, ten a posibilidade de abrirlle ós ollos ós seus lectores, que non é pouco.
    Supoño que a falta de tabaco o pode ter un pouco pesimista, pero anímese, que disque todo o malo é pasar o primeiro mes, e xa leva case a metade. A eSedidió non sei si animalo a que faga o mesmo, porque o seu, é o único caso que coñezo de recaída tanto tempo despois.

  5. suso lista dixo:

    Pois falemos do fume. O eSedidió xa lle vale. Podías estar calado, ou é que coma ti recaeches, xa os deáis temos que facelo pra ti sentirte millor?. Pereiro, ánimo, eu tamén levo desde o 10 de Xaneiro, que me operei do cancro de corda vocal, sin fumar, e anímote a que continues, “con dos cojones” que diría Millan Astray. Eu estuven un mes de mala hostia, pero ahora solo me sale (a mala hostia) de cando en ves.

  6. sihomesi dixo:

    Non, se eu de mala hostia non estou, ando mansiño, pero espeso de cabeza.

  7. mourullo dixo:

    Pois o artigo saíulle ben pouco espeso :-)

  8. eSedidió dixo:

    Sr. Lista, parafraseándolle a vostede, eu teño a sensibilidade cos ex fumadores que me sae do carallo. E se deixar de fumar é cuestión de “cojones” terei que ir ao andrólogo, supoño.

  9. eSedidió dixo:

    Reprensándoo, dado que non teño interese ningún en polemizar (será que estou canso: son un dos galegos sen vacacións…), dada a miña habilidade en meterme eu soliño en lameiras e como o Sr. Pereiro coñece abondo o meu retorcido sentido do humor, dean os meus post por non escritos e amén. (carallo coa hipersensibilidade nicotínica)

  10. susolista dixo:

    Eu dounos por non leidos, e si, a verdá é que a nicotina e a heroina, son mui parecidas, en canto a zona do cerebro nas que actuan. Imonos levar ben, que non costa un güevo, sin necesidá de ir o andrólogo.

  11. galiza_israel dixo:

    Amigo Pereiro, convídoche a visitar este modesto blog:
    http://galiza-israel.blogspot.com/

Deixa un comentario