Ago 03 2006

Cigarras e formigas

Categoria: Si home sisihomesi @ 1:03 am

Que mal repartido está todo, de verdade. Non é que estean mal distribuídos os bens escasos – ese clásico da reivindicación social -, é que ata se reparten mal os abondosos. E non falo de abundancias como a cantidade de sol, a extensión das praias, a azulinidade do mar, a beleza e donaire da poboación, e todas esas cousas que nos pregóns se agradecen á Providencia. Refírome as obras de enteira responsabilidade humana, mesmo municipal.

Como saberán se miran o resto do periódico ou, se carecen dese hábito, como poderán ver nas portas e paredes dos bares, nesta época organízanse, convócanse, prodúcense e perpétranse actos de todo tipo. Festas, feiras, romarías, verbenas, sesións vermús, concertos, festivais, eventos, conferencias, xornadas, xeiras, simposios, seminarios, mostras, exposicións, presentacións, demostracións, regatas, travesías, concursos, certames, piñatas, cucañas, campamentos, campionatos, opens, trainings, meettings, pregóns, benvidas, despedidas, almorzos, xantares, ceas, catas, degustacións, merendas e merendiñas. Alternativas festivas, lúdicas, culturais, de lecer, deportivas, náuticas, gastronómicas, étnicas ou báquicas. Para a diversión, a relaxación, a reflexión, a formación ou a dixestión. É posible, e mesmo inevitable, ver en directo, empolingados nos palcos e escenarios, cantando, tocando ou orneando, a todo pichichi que o resto do ano aparecera na televisión por calquera motivo.

Non é como para queixarse da cantidade (si se podería, e moito da calidade), pero o caso é que é materialmente imposible asistir non a todos ós actos que se celebran no teu radio de acción, senón mesmo ós que che interesan. Incluso hai que fiar ben fino para poder acudir ós ineludibles. A causa da inflación debe ser a idea xeneralizada de que no verán todo o mundo ten tempo (por moito que o 53% dos galegos non se poidan permitir nin siquera unha semana de vacacións), e daquela tanto as institucións públicas como as entidades privadas considéranse na obriga de entreter á cidadanía. Ou tamén que aquí somos moi de matarnos polos visitantes. Pero quitado algunha celebración específica para veciños, retornados e veraneantes, e outras que se teñen que realizar ó aire libre ¿non se podería repartir un pouco esta fartura polo resto do ano, que polo xeral é un aburrimento? Xa sei que o localismo ancestral que nos caracteriza imporía a liña de pensamento “vai descentralizando ti, e logo xa o farei eu”, pero para algo están as autoridades pertinentes. Toda celebración que congregase a máis dunha ducia de asistentes –quitado festas de recoñecida tradición, vodas, bautizos e primeiras comuñóns- debería contar cun permiso preceptivo da autoridade pertinente (xa se verá cal, se local, autonómica ou da administración xeral, se un organismo existente ou por crear). En aras da transparencia, cada ano publicaríase a lista de prazas de cada sector (festas, concertos, conferencias, etc..) e os parámetros para a concesión.

En definitiva trataríase de facer algo menos a cigarra e ser algo máis formiga neste asunto. Se damos racionalizado o planeta festeiro, é pan comido acometer o control do medio ambiente, o aforro enerxético…

(LA OPINIÓN, xoves, 3 de agosto de 06)

16 comentarios a “Cigarras e formigas”

  1. Alfonso Pardo dixo:

    Festas,festas,non as aturo máis!

    Ben,vou alborotar a parroquia sHs coa miña confesión.Onte fun ó concerto de Riazor e paseino de carallo.Primeiro unha cervexa e os Burning de corpo presente,despois o Koala e un calimocho.Seguro que vostedes,pola conta que lles trae para a súa credibilidade de rúa,como din os rapeiros,non foron.Pero que queren,eu son un macarra de Monelos.

    PD.Por certo,o noso trobador,Edilberto,non canta en ningures?
    PD.Non se preocupen,ós TOUROS NON VOU.Todo ten os seus límites.

  2. mourullo dixo:

    Cando hoxe, no Cifras e Letras, Paco Lodeiro dixo que vostede era un “gran prócer da intelectualidade autóctona”, lembreime do de “gurú”…. :-D :-D

  3. sihomesi dixo:

    O de Alfonso Pardo indo a aturar ó Koala (versión politono ou realtono?)ten delito ou non sabe que facer co tepo libre (un macarra de Monelos estaría o ano pasado no concerto de Rosendo no Castrillón), pero o de Mourullo papando Cifras y letras… (que dixo?, estará en Youtube?)

  4. willy dixo:

    [offtopic: comparto plenamente os seus sentimentos asasinos por “los del río”]

  5. mourullo dixo:

    Se lle digo que vin o programa por casualidade, igual pensa que son como eses que dan todas clase de excusas nunha conversa para que quede claro que só viron un anaco de Gran Hermano, aínda que coñezan a vida e miragres de todos os concursantes. Pense o que queira… :-D :-D

    O certo é que Lodeiro falou de Composteláns, unha (polo que parece) mítica serie de TVE en Galicia (que eu perdín por unha cuestión de pura física), na que estaban crin entender Manuel Rivas (aínda que podería ser Antón Losada) e seguro que escoitei os nomes de Toñito Blanco e Josito Pereiro antes de ser, e cito textualmente “grandes próceres da intelectualidade autóctona”.

    E continuando co dos concertos… ¿sabe que se está argallando ir ver a Camela na coruñesa praza de Pablo Iglesias o día da Galiza Mártir? ¿Anímase? ¿Anímanse?

  6. Matías Bruñulf dixo:

    Dios dé xente educada…

    Non sei se vostedes chegaron a ver este vídeo (moi probablemente chego tarde), pero acabo de atopalo na rede e xa non sei que pensar, se houbese que pensar algo, do noso (sic) showman nacional.

    Aquí mesmo o poden ver: http://www.bestiario.com/mvcuc/ut.php

  7. Matías Bruñulf dixo:

    O LINK BO É ÉSTE (desculpen, entre os populares e os comunistas, fóiseme a pinza):

    http://www.bestiario.com/mvcuc/d.php?id=464

  8. Alfonso Pardo dixo:

    Home,Rosendo vexoo como un tipo máis legal que os Burning,mesmo os anos lévaos un chisquiño millor.O do outro día en Riazor foi a proba de que os anos levan a un devalar físico e non desenvolven o virtuosismo musical.Éche o que hai. Pero ten razón,o ocio é a nai de tódolos vicios. Falando de vicios,Camela?Eiquí,ben pertiño, na praza de Pablo Iglesias?Fáiseme a boca auga.Non digo máis que me botan fóra da parroquia.

  9. F. Miguez dixo:

    Aquí hai moito que comentar, así que vamos por partes:
    1º O caso este das festas do verán ten un parentesco coa lei de partidos políticos, o do doble raseiro: ¿por qué non se lle aplican as medidas contra botellón a estas cousas?
    2º Existe, máis que nos pese, unha razón pola que as festas se concentran no verán, deixando o inverno case valeiro: o tempo. Non o tempo libre suposto dos períodos vacacionais, senón a meteoroloxía, moito máis axeitada para actos nocturnos e ó aire libre. (Pensen que moitas romerías e festas patronais están colocadas no almanaque dende antes de que se inventaran as vacacións).
    3º Eu teño unha reivindicación de moito máis peso que as aquí feitas: Os taberneiros teñen que pagar hipotecas, comer e vestir ós seus fillos durante todo o ano, non só no verán. Por iso, estou indignado polo feito de que neste tempo, persoas que contribuímos altísimamente á prosperidade de ese gremio durante os doce meses de Nuestro Señor, teñamos todo tipo de dificultades para aparcar ou topar taburete nos meses de xulio e agosto, así como nas festas, coas rúas e os bares plagados de adventicios e oportunistas, desagradecidos polo feito de que lles manteñamos os bares abertos.
    4º Con todo o respeto ¿Quén carallo é Camela? Onde hai que estar, é aquí, en Redondela, o día 19 de este mes de agosto, para asistir ó concerto, con motivo da celebración do entroido de verán, do inigualable ¡Georgie Dann!

  10. sihomesi dixo:

    Con perdón de Georgie, no Castrillón (Pza Pablo Iglesias) prodùcese un verdadeiro fenómeno que tería que investigar Iker Jiménez: o triángulo das bermudas ou dos pantalóns apretaos. hai tempo, Azúcar Moreno. O ano pasado Rosendo. Este, Camela…
    Aclaración a Mourullo. Efectivamente, era Composteláns (subtitulada “A primeira teleserie íntegramente obra de galegos”) que perpetramos entre uns cantos (Antón Losada e Toñito Blanco entre eles) plaxiando descaradamente a The Young Ones (“Os novos”). Non prometo pasala polo Tube porque acumulo demasiados incumprimentos.

  11. Matías Bruñulf dixo:

    GEORGIE PARA O NOBEL XA
    (e tiro da memoria do amigo Burdon, que asina En el jergón e é responsable do que vai entre paréntesis):

    El Chiringuito, el chiringuito

    Yo tengo un chiringuito
    A orilla de la playa
    Lo tengo muy bonito
    Y espero que tu vayas

    (bien)

    El Chiringuito, el chiringuito
    El Chiringuito, el chiringuito

    Las chicas en verano
    No guisan ni cocinan
    Se ponen como locas
    Si prueban mi sardina

    (¿¿??)

    El Chiringuito, el chiringuito
    El Chiringuito, el chiringuito
    Chi, chi chi chi, chi chi chi, chi chi chi
    Chi, chi chi chi, chi chi chi, chi chi chi

    Esta el menú del día
    Conejo a la francesa
    Pechuga a la española
    Y almejas a la inglesa

    (¿¿cómooo??)

    El Chiringuito, el chiringuito
    El Chiringuito, el chiringuito..

    Si sube la marea
    Me va de maravilla
    La gente se amontona
    Y yo les doy morcilla

    (¿¿el queé???)

    El Chiringuito, el chiringuito
    El Chiringuito, el chiringuito..

    La rubia que toma el sol
    Me gusta más que un bombón
    Yo le pongo el bronceador
    Y dice que no, no no…

  12. Matías Bruñulf dixo:

    Bob mediante, referíame ao de Literatura, claro.

  13. eSedidió dixo:

    Son vostedes unha caterva de gauchedivinistas e de pijos. Pódese saber qué carallo lles fixo de malo o gran Rosendo? Non soamente é mítico (e non coma outros, e non quero sinalar), senón que porta un dignísimo nome Galego: o de frei Rosendo Salvado, tudense de nación, primeiro bispo de Australia e precoz importador de eucaliptos. Qué sería da nosa fermosa paisaxe sen a súa aportación, qué?.
    Ademais, eu o ano pasado tamén estiven na de pablo iglesias (fun acompañar ao fillo do medio, daquela jevi, pero eso non é escusa).
    Por certo, unha boa noticia para os sres. Lista e Miguez: veño do médico e empéñase en que deixe o tabaco pero xa. Mentres mo penso xuro que non vou volver abrir a boca encol do asunto.

  14. mourullo dixo:

    Sihomesi, incumpra de vez en cando algún dos seus incumprimentos ;-)

    Por certo, quen queira escoitar a sihomesi de conversa con outros periodistas, que sintonice Radio Coruña (Cadena SER) os venres do mes de agosto preto da unha e media do mediodía.

    Pode escoitarse tamén por Internet.

  15. sihomesi dixo:

    Ah, pois eu estiven tamén (no de Rosendo)sen excusa ningunha

  16. F. Miguez dixo:

    Coidesenos, eSedidió, que alguén ten que aportar algo de ilustración nestas nosas leiras. Pense que si xa foi capaz de facelo unha vez (deixar o tabaco), repetilo vaille estar tirado.

Deixa un comentario