Set 05 2006
Rodeo
Pasoume a min e posiblemente a moita máis xente. Que estaba/estabamos máis pendentes doutros asuntos, e soamente así se entende que pasara medianamente desapercibido o caso da redada antiambulantes da semana pasada na rúa Real. Pois tarde piaches, dirá algún, con toda a razón, ou case. A parte que lle falta e que eu teño é a de qué pasou ou que está pasando para que a cousa non fose a maiores e non collera as súas xustas proporcións, as dun auténtico escándalo.
“O de Palestina é moi complicado, o de América do Sur non está tan claro, adoitan decir os correspondentes de guerra e os analistas internacionais”, citaba o escritor P.J. O’Rourke. “O de Filipinas é así de sinxelo: Ferdinand Marcos merecería que lle cravasen as orellas a un parachoques e o arrastrasen por todo Manila”, concluía. Pois o da redada na Rúa Real, (RRR) e así de sinxelo: foi un escándalo redondo e sen matices, tanto na forma como no fondo. Na forma porque entendo que para os axentes da lei, afeitos a comer tres ou catro veces ó día, non é doado coller a xente nova para a que a vida foi sempre unha auténtica pista americana. Así que é comprensible que supliran a diferencia de forma física coa táctica de pechar as saídas, pero non que converteran practicamente un espacio público nun circuíto de rodeo, en todos os aspectos e sobre todo no do trato ós capturables. Se fan iso na máis tradicional e señorial arteria comercial coruñesa non quero imaxinar como sería o operativo nun polígono industrial. A saña do modus operandi da RRR é rechamante ademais nun contexto xudicial no que outros delincuentes presuntos, como o maromo da Pantoja, en canto os pillan, en vez de dar gracias á Macarena por ter zafado tantos anos de explicar como deron amasado tantos cartos, consiguen ir librando do talego por achaques de saúde ou por problemas de axenda.
E menos xustificable é o fondo da cuestión. Falsificar está mal, porque é vender gato por lebre, igual que fai a chamada publicidade enganosa (como se houbera outra). Sen embargo, vender un desodorante asegurando que se o usas non vas dar atendido a tanta muller, ou servir cubatas de gin “Lirios” é legal, pero ofrecer a copia dun bolso a alguén que sabe perfectamente que non é orixinal, non. Non o é porque os fabricantes orixinais din que lles ocasiona perdas millonarias, cando en todo caso deberían falar do que deixan de ganar, e realmente nin iso, porque quen merca unha copia por 30 euros non tiña a máis mínima intención de gastar 300 no orixinal. Houbo tamén detidos por atentar contra a propiedade intelectual (que así se chama a vender copias de productos, aínda que sexan raguetón, feitas en soportes polos que xa se paga un canon). É un delicto tan grave que moitos dos delincuentes págano coa expulsión do país, mesmo algún despois de ser condenado xudicialmente a indemnizar á SGAE en 193 euros. É decir, xente que para poder emigrar de países con salarios medio 1 euro ó día tívolle que pagar 3.000 euros a uns mafiosos e arriscar a vida nun bote, ten que comezar de cero (en realidade de -193) para manter pulgóns como Ramoncín ou Miguel Ríos ou engordar as contas correntes de Alejandro Sanz ou de Bisbal, Bustamante ou Babieca, ou como se chame o hortera ese dos rizos… E o malo é que pasa todos os días, con redadas ou sen elas.
(LA OPINIÓN martes, 5 de setembro de 06)


o 5 de Setembro, 2006 ás 10:34 pm
e máis si…
o 5 de Setembro, 2006 ás 10:49 pm
A imaxe da portada de La Opinión do mércores 30 de agosto non deixa lugar a dúbibas sobre o escándalo e como “a lei actúa“
o 6 de Setembro, 2006 ás 1:54 am
Eu teño claro que a culpa e toda de eles (dos inmigrantes) por dedicarse ó menudeo e non traballar ó grande:
F. Miguez -“…xa hai tempo que non sei nada de el, nin o miro por ahí.”
C. -“Pois estuvo o outro día aquí. Disque volveu á súa terra (dentro de Galicia) e montou un choio de copiar cedés, e máis que comprou un Porsche.”
Despois entereime que o Porsche era antigo e lle saíra bastante barato, pero o dos cedés probablemente era o que parecía. Iso foi hai uns anos, agora xa debe de ser o Señor Don Fulanito.
o 6 de Setembro, 2006 ás 9:01 am
Pero o bonitas que quedaros as imaxes do día seguinte, cunha apisonadora pasando por riba de milleiros de cds…
Unha destas imaxes que gustan moito en tv, coma o derrubamento de estatuas e demais, imaxes que falan por si soas.
o 6 de Setembro, 2006 ás 9:43 am
Pero eran negros, non?
o 6 de Setembro, 2006 ás 7:26 pm
A Coruña é unha cidade pobre,provinciana e ruín.Montar unha redada tipo Rambo resulta desproporcionado,cruel e sen sentido.Ou tal vez non,porque non hai que ser moi mal pensado para ver que coa redada non se amaña nada o problema da inmigración,e tampouco o problema da piratería.A exhibición peliculeira doutro día ten máis que ver co Monopoly,ou coa fixación de precios diferentes en cada rúa.Os africanos,como pobres que son,non deberían baixar das Conchiñas ou de Elviña.Hai que coidar da imaxen de cidade fina que ten A Coruña.Que van pensar de nós os parentes da aldea cando veñan de paseo?
Flipante a nula movilización cidadana,flipante o nulo debate nos medios.Iso da liberdade a igualdade e a fraternidade encontra na Coruña un caldo de cultivo semellante ó de Toques.Coruñeses de primeira o segunda xeración,a meirande parte de nós non hai tanto que chegamos da aldea.Normal que o que máis preste sexa ir de paseo a rúa Real,ben vestidos, e escoitar falar castelán.O que faltaba agora era o wolof.Como diría Vázquez,as linguas vernáculas que se vaian ós barrios.