Out 31 2006

Catarse ética

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 2:35 am

Como todo o mundo, teño días, pero este en particular – e perdoen vostedes- estou que rebento, e todo porque son periodista. Non será para tanto, dirán, entre outras cousas porque esta profesión presenta niveis de subemprego propios da construcción e horarios tan dilatados como na hostelería, pero con salarios máis reducidos. Todo o que queiran, pero formo parte dese gremio de adalides da verdade que están a desvelar a corrupción do ladrillo.

Porque saber xa sabía todo o mundo o que hai, pero todos faciamos o avión. Cando algúns prebostes se comportaban como os gorilas que aporrean o peito, invocando o avance imparable do progreso e a creación de postos de traballo, a maioría dos cidadáns era consciente de que o gran beneficiario era sobre todo o gorila, pero adoptaban a postura dos monos chinos eses que nin ven nin sinten nin padecen. E gran parte dos medios de comunicación poñíanse no papel da mona Chita, o de rir as gracias. O simil simiesco veume á cabeza ó acordarme do homo antecessor, Jesús Gil y Gil. Cando se presentou para alcalde, G&G tiña o mesmo tipo de relación co urbanismo que o doutor Mengele coa atención primaria, pero iso non quitou que saíra elixido e, sobre todo, que se convertira nunha estrela mediática gracias á necesaria combinación de méritos propios e axudas alleas. Incluso, para evitarlle estar exposto ós caprichos dos responsables dos programas, déronlle un programa enteiro propio para que se explanase e fixera as delicias dos antisistema de dereitas.

Tal y Tal

Aquel tratamento para quen daquela non deixaba de ser xa un delincuente –amnistiado, pero delincuente- foise xeneralizando. Mesmo unha sucesora súa, en canto deu saído da prisión na que estaba como imputada por un delicto urbanístico, foi directa a un plató de televisión para presentarse ante millóns de persoas como unha presa política. Calquera desas persoas indignaríase ata o borde da agresión física se a presunta presa a atendera nunha oficina pública e lle dixera a frase “yo, si no cobro, no firmo ningún papel” que figura no sumario que dixo en privado, pero vista na pantalla vai ti saber se é certo ou non. Agora parece ser que morreu o conto, e os periódicos publican listas de imputados ou condenados e sacan á luz as operacións mafiosas, espertando a esperanza de que o Ben triunfará por fin. O caso máis demoledor é o do ex alcalde de Orihuela, Luis Fernando Cartagena, ó que a superiora das hermanitas do Asilo lle deu 48.000 euros para obras benéficas municipais. Luis Fernando agachou os cartos nun piano da súa casa, e foinos gastando segundo o principio de que a caridade ben entendida comeza por un mesmo, que para iso ganaba as eleccións co 70% dos votos. Este é o momento en que, aínda sen ser un oriolano/orcelitano necesitado de beneficencia, a calquera lle asaltan as ganas de afearlle a conducta ó tipo ou meterlle unhas patadas.

Non se molesten. Aquelo pasou en 1993, antes de que o nomearan Conseller de Obras Públicas e de que se convertera en empresario exemplar. A Audiencia de Alicante condenouno en 2002 a catro anos de prisión, pero sigue na súa casa (a do piano) mentres lle xestionan o indulto. A catarse ética está en que creo que non lle van dar programa ningún.

(LA OPINIÓN, martes, 31 de outubro de 06)


Out 26 2006

Catástrofes

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 7:38 am

Posiblemente vostedes pensen que as cousas ocurren porque si, e os sucesos acontecen onde lles cadra. Lamentablemente, non é certo. O que pasa é porque está de dios que pase, segundo a vella crenza popular, pero o que se ve que pasa está da man de xente que chegou á conclusión de que a verdade é máis verdade se o público ten unha idea previa do que é verdade. Os fenómenos extraordinarios, por decilo á brava, véndense mellor se están anunciados en televisión.

Así, como analiza un xefe meu, no Levante español localízanse a maior parte das víctimas adolescentes de crimes sexuais, en Andalucía prodúcense os máis tráxicos casos de violencia de xénero, e Madrid e Barcelona repártense os incipientes casos de serial killers e os cada vez máis abundantes dramas de exclusión social. Enténdaseme, non é que as traxedias se ateñan ás xurisdiccións xeográficas, é que, igual que os viños ou os queixos, teñen máis predicamento as que gozan de denominación de orixe. A Galicia especializárona en catástrofes naturais. Ben é certo que aquí fixemos un enorme investimento no sector. Primeiro foron as precampañas do Urquiola, Mar Exeo, etc. e logo o impacto mediático do Prestige, un fenómeno que marcou todas as catástrofes posteriores. Por exemplo, as presentes inundacións. A lama negra das cinsas dos incendios forestais nas praias excita vellas sinapsis nos editores de informativos, e non digamos os indíxenas dicindo que non hai dereito, e a ver se hai solucións. En Galicia os bancos do marisco quedaron arrasados polos efectos colaterais dos lumes, nunha catástrofe peor ca do Prestige, escoitase nos medios informativos, coa garantía das imaxes dunha (1) praia e os rostros de resignación e da impotencia característicos destas situacións. Estou nunha cervexería de Cee, pero o panorama non me cadra. Os parroquianos deberían estar abducidos pola retransmisión televisiva da crise local, contendo a rabia ou o escepticismo, pero non o están. Isto é un centro comercial e bastante fan con aturar o cruce de megafonías e reclamos. A retórica “el nuevo drama medioambiental en la Costa de la Muerte” non pega moito coas cinco redes wi-fi que me entran aquí no portátil.

Non critico ós esforzados cidadáns que responden guiadamente ós estereotipos. Todo o mundo posúe hoxe unha cultura xeral mediática que dicta como comportarse e que opinar nestes casos, e con máis razón se és dos directamente afectados. Pero tamén hai xente –mesmo dos economicamente amolados- que se achega para opinar que como non vai haber inundacións, se onde ten o negocio había mar hai vinte anos, e reconstrúe de memoria os percorridos hoxe soterrados dos tres ríos que desembocaban máis ou menos por onde acabas de estacionar o coche. Ou o técnico que informa que a escoura de manganeso coa que se fixo maiormente o recheo da mariña de Cee non compacta, e a ver por onde andará indo e vindo a auga. Ou a muller que che confesa, na rúa M (antes río Ferrol ou Madriñán), que é culpa de todos, porque todos pecharon os ollos, e que ela vive nun edificio construído nun solar que fixeron desviando o río da Granxa (e que agora lles entra polo garaxe). Quizais esta especialización ou reiteración catastrófica estea modelando novos aspectos da nosa idiosincrasia. Onte, unha muller entroulle a unha xornalista habitual dos directos para preguntarlle onde comprara as katiuskas: de tanto verllas, a filla quería unhas iguais.

 

(LA OPINIÓN, xoves, 26 de outubro de 06)


Out 24 2006

Ai que risa

Categoría: Si home sisihomesi @ 7:32 am

Lin este domingo unha estupenda crónica sobre o Clarena II, o novo barco de Francisco Hernando Contreras (a) El Pocero¸ ese emprendedor que, entre outras grandes empresas, acometeu a de construír unha urbanización de milleiros de vivendas  en Seseña, en pleno deserto toledano, sen servicios de ningún tipo, comezando pola auga.

(o Clarena I, by prnoticias)

A inxustiza poética da vocación marítima de alguén que fixo cartos sobre a sede dos demais é dobre: encher de combustible o depósito do iate custa tanto (uns 250.000 euros) como un deses pisos de secano que vende.

         A todo isto, o Clarena II, de 72 metros de eslora, substituirá ó Clarena I, de 46, que xa era maior ca os do Rei, de Florentino Pérez, Alberto Cortina ou Fefé Fernández Tapias, salienta o xornalista entre divertido e escandalizado. Á familia Hernando quedábaselle estreito, porque nel xúntanse ata medio cento de persoas, presididos en bata de guata por Filomena Contreras, nai do fenómeno, e mobilizados mediante ordes como “¡a jalar!”. A lancha custará uns 60 millóns de euros, deles algúns centos de miles imputables ó desexo perentorio do cliente de que a bandeira española ondee en cuberta, porque – argumenta – “soy español ante todo, cueste lo que cueste”. Para rematar de describir o personaxe, aínda que non faga falta, o cronista sinala que lle chama “toballas” ás toallas e “personas humanas” á xente.

         Ai que risa, vaia pailán, ¿non? Pois si, claro, pero tamén non. O da bandeira, por exemplo, é absolutamente coherente, e non porque o patriotismo sexa a primeira ou a última escusa dun canalla, senón porque que menos que estar agradecido o único país onde puido facer a súa fortuna como a fixo. (Tamén podería facela en Italia, pero alí ese sector trabállase de forma organizada, silenciosa e nada proclive ós individualismos e ás iniciativas persoais). E tamén non porque non se fala nada dos que lle permitiron esas operacións que lle deron para pagar tanto o barco como o helicóptero co que se traslada a bordo dona Filomena, entre outros artefactos de mar e aire dos que é propietario. De se ten ou non barco o entón alcalde de Seseña, José Luís Martín, que cando o empresario Hernando tiña menos líquido que hoxe as súas urbanizacións, contratoulle un colector para dar servicio a 18 chalés seus (do empresario, non do alcalde, suponse) e por riba pagoulle 250 millóns de pesetas a maiores do contratado. Ou do resto das autoridades locais, provinciais, autonómicas e estatais que foron aprobando todo, e agora argumentan que teñen a conciencia tranquila por non ter feito nada ilegal, e siguen presentándose nas entrevistas como servidores públicos por vocación, con inquedanzas intelectuais e amantes da familia. (Alguén que defende como normal recalificar da noite para a mañá case 2 millóns de metros cadrados, case mellor que teña levado parte do botín. Dá máis tranquilidade estar en mans duns cínicos que duns parvos).

         E sobre todo, menos risas. Todos sabemos que a diferencia entre os métodos de Paco el Pocero e os dos seus compañeiros de flota é a forma de chamar a comer á familia.

 

(LA OPINIÓN, martes, 24 de outubro de 06)

 

 


Out 19 2006

Preferencias & queixas

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:43 am

Hai fenómenos habituais que parecen estarse disparando e deixando de selo –habituais, non fenómenos- e logo resulta que esas presuntas saídas de madre son precisamente evidencias de que se están asentando, como os arrotos anuncian a placidez dixestiva do lactante. Os dous últimos e ben claros exemplos de convulsións teóricas que confirman na práctica a rutina son o Premio Planeta e o topónimo da Coruña. O planetario e o local, sempre da man.

O galardón literario que instituíu o empresario Lara sempre foi un prodixio de equilibrio. Tan ben dotado de cartos como precario de prestixio, a falta de suspense da decisión final sóese compensar cun pouco ou moito de polémica. Este ano tocou pouco. E correspondeulle levantar a lebre ó segundo término do habitual binomio autor consagrado–autora revelación (ou viceversa). A autora revelada, a lucense Marta Rivera de la Cruz, queixouse de que en Galicia non lle fan caso polo feito de escribir en castelán, idioma que escolleu porque nel faino mellor e está máis cómoda. A polémica foi unha convulsionciña porque unicamente ratificou o xa sabido, o mal que tratan nas periferias ós que se resisten a escribir en autonómico. Queixarse en público das consecuencias dunha opción que se tomou libremente non deixa de ser estraño (Torrente Ballester, nun mal momento, preguntouse se non lle tería sido mellor escribir en galego, pero nun diario privado). Queixarse, a maiores, desde o segundo lugar do podio do Premio Planeta, que lle asegura 150.000 e pico euros, vendas millonarias e unha resonancia maior da que poden ter os aludidos por moitos e moi xuntos que berren, non é moi elegante. É como se Míchel Salgado se queixase de que dedicarse ó fútbol lle restou recoñecemento deportivo no seu Condado-Paradanta natal, feudo de seguidores do ciclismo.

Ningún medio, ou case ningún, atendeu á esencia do asunto –os posibles valores literarios ou os probables elementos comerciais da obra de Marta Rivera- nin ó verdadeiramente noticiable: as razóns dunha reacción así nunha rapaza educada como sei que é Marta etc. A galardoada entoou o seu canto ferido como literata postergada porque seu pai actuou de demiúrgo. En vez de felicitarse na intimidade porque a súa filla escolleu un idioma de proveito, encarnouse publicamente como periodista/padre de la Pantoja, e sacou o tema, non sei se en versión periodista (“¿Es cierto que las instituciones y el nacionalismo excluyente la ninguean en su tierra?”) ou en versión padre (“Martita, dile a estos señores lo mal que te tratan allá”). Que te suban ós altares dos best-sellers que se anuncian en televisión está moi ben, pero que te chamen para dar unha conferencia na Facultade de Veterinaria da túa cidade non ten prezo.

O mesmo que a polémica provocada polas declaracións do conselleiro José Luis Méndez Romeu a prol dunha solución consensuada do A/La Coruña (¿que tal ¡Hala, Coruña!?) confirmou tamén que todo está como estaba, por moito que se quitara da vista, e do pouco oportuno que é lamentar hogano os efectos das causas que se abrazaron antano. No caso de Méndez non había –polo menos fisicamente presente- demiúrgo ningún ó que botarlle á culpa, e el tampouco se queixou, pero debería saber que despois de outorgar cando se optou pola demagoxia electoralista, invocar a razón e o sentido común non é, como pouco, elegante.

(LA OPINIÓN, xoves, 19 de outubro de 06)


Out 17 2006

Spam

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:55 am

Unha das cousas que me admiran do mundo actual é o calculo das perdas económicas provocadas por determinados fenómenos (non é que non me admiren as ganancias, pero esa é outra). Por exemplo, as estimacións dos prexuízos que lle ocasionan ás chamadas prácticas contra a propiedade intelectual ás industrias fonográfico-cinematográficas. Ou o cuantificación de horas e esforzos perdidos que ocasiona o spam, esa marea de correos electrónicos publicitarios que invade os ordenadores. Medir esas magnitudes paréceme algo máis próximo á teoloxía que á economía.

En concreto, que a industria do CD-DVD contabilice como perdas o número de copias dos seus productos que non lles compran e eles non deixa de ser unha hipótese bastante optimista. Baséanse no improbable suposto de que un consumidor que se fai por 3 euros coa copia do último traballo de Alejandro Sanz (que desgraciadamente ademais non vai ser o último) gastaría 30 na edición orixinal nunha tenda se non se lle interpuxera a tentación en forma de vendedor ambulante. Máis ou menos como se os concesionarios de Harley Davidson contabilizaran como perdas as cifras de vendas de vespinos.

Igual pasa co spam, esa chamada publicidade non desexada – como se houbese moita desexada- que anega os buzóns electrónicos. Nos USA calculan que son spam o 90 por cento dos emails, e que cada traballador perde 4,4 segundos en desfacerse deles. Mesmo hai un programa informático que lle calcula de balde a cada empresa as perdas (que serán sempre maiores que o que custa o programa antispam que vende). No buzón de toda a vida, a porcentaxe de propaganda (neste caso chamada mailing) é máis ou menos a mesma, e por riba gástase papel, pero ninguén calcula as perdas que ocasiona ós destinatarios, nin as bolsas de lixo que se necesitan para darlles saída. Tampouco en ningún dos dous casos ninguén cuantifica os postos de traballo que se crean con esas prácticas, aínda que outra empresa antivirus vén de informar que un recente spam que recomenda investir en determinadas empresas chegou a provocar subas de ata un 12% nas accións desas sociedades.

Os meus correos están inzados como os que máis desa praga, e a pesar de que non lles dedico eses 4 segundos, observo que as mensaxes renóvanse escasamente. Do xa clásico enlarge your pennis foron mudando ós que ofrecían títulos universitarios, e mantéñense os de viagra e cialis (que non sei que é). O que variou é a imaxinaciòn de quen os manda, xente curiosa que asina “Anxo Sharif”, “Orgiastic I. Ultraconservatives” e “Moroccans E. Impetus”. O que me empeza a preocupar é que ultimamente, teóricos remitentes coñecidos como “Emilia Esposito” ou “Rivas” me prometan software a prezos de ganga. E o que definitivamente me meteu medo é que onte mesmo, “Esperanza Aguirre” me mandou unha oferta de Rolex. Non sei me me aterra máis que sexa verdade ou mentira.

(LA OPINIÓN martes, 17 de outubro de 06)


Out 14 2006

Os libros arden mal

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 7:23 am

E por riba, ás veces non se dá noticia de que saíron á luz.

 

 

Esta é a información que fixen o 10/7/06 para EL PAIS e que finalmente non se publicou.

 

Manuel Rivas publica ‘Os libros arden mal’, una novela con la estructura de una esfera armilar

XOSÉ MANUEL PEREIRO.-A Coruña

Os libros arden mal, la novela sin duda más esperada y más elaborada de Manuel Rivas está en las librerías, después de cuatro años de trabajo de su autor y dos de expectación por parte del público. Una obra, según el escritor gallego, con una estructura de esfera armilar (el instrumento astronómico que recrea la esfera celeste) “que integra órbitas vitales y tiempos históricos diferentes”.

Durante todo ese tiempo, centrado en la búsqueda de documentación y en la escritura de lo que en un principio se iba a llamar Oeste, Rivas reconoce que estuvo a punto de abandonar y que se sentía “como en el interior de una ballena, pero igual que el obispo Gonzalo que hablaba con ellas, y estuvo dentro de una de la que salió con una imagen de la Virgen del Carmen, yo al final salí con una novela”. Con una novela de 750 páginas que el público ha devorado como si también hubiese permanecido tiempo en algún lugar privado de la lectura. Hace 10 años, cuando Manuel Rivas publicó Que me queres, amor?, Gonzalo Torrente Ballester sostuvo públicamente que el escritor coruñés estaba llamado a escribir El Quijote de la literatura gallega. Cumpla o no la profecía, Os libros arden mal, que es también un libro de aventuras metaliterarias, ha sido saludado por las primeras críticas como la consagración de Rivas como un clásico.

Los tiempos históricos narrados abarcan desde 1881, año de la muerte de George Barrow, el autor de La Biblia en España, a la época actual, en la que fallece un viejo anarquista gallego llamado Polca. En la esfera/novela orbitan distintas voces y géneros. El de mayor amplitud es la ficción narrativa, que engloba en círculos concéntricos la poesía, el ensayo histórico, la crónica periodística, las novelas del Oeste y una cierta parodia del género histórico pararreligioso. En ese astrolabio literario conviven, para su creador, “dos rotaciones contrapuestas: el mundo librepensador de la cultura libertaria popular y el viaje a las tripas del fascismo”.

La novela es un thriller habitado por personajes, reales o de ficción, de muy diversos orígenes (desde una lavandera que ve figuras en el agua hasta protagonistas burgueses y de clase alta, algo no muy habitual en la narrativa gallega) y por objetos varios: el primer balón de fútbol que llegó a A Coruña, una linterna de policía o un insecto de una caja entomológica (una mariquita o xoaniña). En Os libros arden mal también son protagonistas libros, versos o frases. De hecho, el núcleo de la novela es el hecho registrado por la fotografía que inicia la novela: la quema de libros en la Dársena coruñesa en agosto de 1936.

Os libros arden mal, publicada por Edicións Xerais, saldrá a la luz en noviembre en castellano (Alfaguara) y catalán (Edicions 62). La anterior novela de Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro, está traducida a veinte idiomas.


Out 12 2006

Bórrico

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:09 pm

Eu son alérxico ó ácido bórico, ou alomenos todo o mundo me decía que a miña alerxia a tocar o marisco viña diso, de que lle botaban bórico para conservalo. Non sei se tiñan razón ou non, porque ó final convertinme en alérxico redondo a calquera relación co marisco, non soamente á táctil (quitado a visual, claro). Así que o bórico perdeu peso específico na miña vida.

        Unha mágoa, porque agora en que a tal substancia está en boca de todos, eu podería andar por aí de experto, dando declaracións e conxecturando vínculos islámico-etarras baseados no uso en que o uso do bórico como desodorante pedicuro estendeuse entre a militancia abertzale logo da estancia dos seus líderes en Arxel, onde trabaron relación cun muláh especialista en remedios tradicionais ou non tanto sempre que fosen contrarios ás directrices das multinacionais farmacéuticas occidentais. Home, non digo que a miña experiencia e coñecemento sobre o traído e levado bórico fose bastante para ser chamado a declarar no xulgado de Garzón (de feito, pese ó que lle achacaron unha importancia decisiva na miña traxectoria nutricional e gustativa, nunca o vin en directo, cara a cara e ignoro que pinta tén), pero si podería terciar modestamente nalgunha polémica.

         Para maior desgracia, do que si podería perorar ata o aburrimento (propio ou alleo) é do caso do alcalde Landín de (des)Barro, ese que se presentou cunha minipancarta ou macropin na comisión parlamentaria sobre os incendios e que, requerido para que apeara o letreiro (alí xa teñen uns, parecidos ós dos telediarios pero en papel, para que todo o mundo saiba quen é cada quen), ergueuse, botoulle ós presentes a culpa dos mortos polo lume e foise por onde veu. Eu podería recordar que ese señor xa non é a primeira vez que co asunto dos incendios perde non os estribos, senón o xinete (en descritiva expresión dita por un alcalde coruñés que non é o que están pensando). Botándolle á culpa primeiro ós ecoloxistas e logo ou á vez os contrarios á celulosa de Pontevedra e finalmente cualificando o desastre como “terrorismo de estado” conseguiu unha relevancia que non tivo con vinte e pico anos de mandato local. Pero o fenómeno Landín supón a aparición sorprendente en Galicia, en concreto no PP de Galicia, do homo zaplanensis, un vestixio do xurásico acebense que ata agora se pensaba que aquí non se daba. Dado que é médico, e polo tanto pasou pola universidade, desmonta a teoría que se tiña por certa de que os estudios académicos son unha forma de educación. Analizar o caso esixe unha formación científica da que carezo, e mesmo non sei que fai aquí en vez de aparecer en The Lancet, Muy Interesante ou Quo.


(
LA OPINIÓN, xoves, 12 de outubro de 06)


Out 10 2006

Feliciano

Categoría: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 12:23 am

O sistema habitual de argumentar coma un parvo é elevar unha anécdota persoal a categoría xeral. Pero tamén hai asuntos tan complexos que o mellor xeito de entendelos é en base a unha experiencia individual. En concreto, a min revelóuseme en gran medida os intríngulis do rebumbio que se organizou na pasada década no que foi Iugoslavia cando o xornalista vigués Alfonso Armada contou nunha reportaxe as peripecias que pasou en Sarajevo para recuperar o coche que lle mangaran. Esta fin de semana, no mesmo xornal no que daquela traballaba Armada, exemplificaban o drama da inmigración no caso dun rapaz chamado Abdelgani, pero para min que o símbolo máis acaído do que pasa, ou da imposibilidade de evitar o que pasa é Feliciano. Feliciano Paolo Sampa.

Abdelgani simboliza perfectamente a ansia dos desherdados que se matan por chegar a Europa. Ten 17 anos dos que 15 pasounos na súa aldea natal, sen máis horizonte que a supervivencia, outro recluído nun centro de menores en Madrid e leva o restante en Tánxer tentando furar como sexa para volver a España. “Soamente a morte me impedirá regresar”, di coa épica altisonante que dá a mocidade ou falar cun xornalista. Ós 17 anos e sen moito futuro á vista, a morte é moito mellor alternativa que volver á aldea a que se rían de ti por fracasar, que é o que el asegura que lle pasaría. É decir, os que queren vir non é que tomaran unha decisión persoal, senón que acatan unha opción colectiva. Contra esa poderosa corrente de necesidade económica, decisión individual e presión social está, ademais do mar, Feliciano Paolo Sampa.

 Feliciano é a autoridade de Varela, unha aldea de Guinea-Bissau preto da fronteira con Senegal onde se concentran os candidatos a inmigrantes para dar o último salto en cayuco ás Canarias. Feliciano conta co que el chama espingarda (un fusil ametrallador Kaláshhnikov), unha lanterna e un paraugas. Ten un salario de 20 euros ó mes que hai catro que non cobra e tivo unha moto que lle deu un misioneiro pero que lle rompeu, polo que o lle cumpría sería un todoterreo, segundo lle dixo a unha serie de periodistas ós que alguén debeu levar alí para que entrevisten a esta versión subsahariana daquel famoso vixía de Occidente e vexan o pouco que colaboran os países de orixe. Feliciano tampouco ten calabozo, nin supoño que lle serviría de moito: o modelo de cárcere para delictos menores que vin en Mozambique consistía nun cerrado de varas no que os reos ían pasaban alí o día e pola noite volvían ás súas casas, a durmir e presumiblemente a comer. Así que como non pode deter os que alí chegaron para embarcar, dedícase a espantalos. Tendo en conta o que cobra –máis ben o que non cobra- suponse que espantará ós que xa chegan sen un can.

Decía que Feliciano é un símbolo, porque resulta que o goberno español ofreceulle ó de Senegal 20 millóns de euros de axuda para evitar ou reducir a inmigración. O malo é que eses cartos nunca chegarán ós Felicianos.

(LA OPINIÓN, martes, 10 de outubro de 06)


Out 08 2006

Arte de facer fillos

Categoría: Estoume quitandosihomesi @ 1:53 pm

Hai quen poida pensar que isto da reproducción humana é unha cousa sinxela, ben pola reflexión teórica de que a humanidade se deu apañado ata hoxe para correr a bola da vida, ben por algunha experiencia persoal práctica que vostedes poidan ter. Pois por moita reflexión filosófica, moito coñecemento histórico ou moita experiencia que lle boten, non é certo. Ter un fillo (ou filla, claro) é toda unha arte.

         A primeira condición –non imprescindible, pero desde logo absolutamente recomendable- é ter unha razón para facelo. (Falo de razóns, non de escusas, é decir non valen as do tipo: “non sabiamos o que facíamos”, “estabamos os dous un pouco calzados”, “atravesaba un mal momento”…). As mellores razóns son as razóns de tipo elevado, como estes argumentos a favor da procreación que daba xa en 1947 José Fraga Iribarne, adiantándose ós que medio século despois repetiría o seu irmán Manolo: “Todos los desórdenes sociales de nuestra época no parten de la falta de medios económicos, sino de la desorbitación de las necesidades. La sociedad española pierde a pasos agigantados la idea de servicio. No basta una política demográfica estatal que conceda cartillas de familia numerosa con exención en los billetes ordinarios. Es preciso que otra vez los hombres y las mujeres de España crean con fe viva lo que nuestros abuelos creyeron: que el matrimonio tiene por fin criar hijos para el Cielo”. Altura de miras, toda, desde logo. Claro que se lles parecen altas dabondo, están as máis modestas –sen deixar o elevado- que comentaba/cantaba Pucho Boedo nun tema de Los Tamara: “¡Un gallego más en la familia, que maravilla!”

         Pero ademais dos obxectivos celestiais ou da cría de galegos, hai que ter razóns sólidas. Entre outras cousas, para afrontar atrancos como os económicos. Hai estudios e informes de toda índole estimando ó detalle os custes de manter dignamente un neno, pero ningún supera en certeza e expresividade a análise que fixo O Marqués, un elemento característico da fauna noctámbula coruñesa, no programa Adiviña quen ven esta noite que presentaba Xosé Ramón Gayoso. Aquel Gayoso pre-Luar pero xa marcadamente campechano preguntáralle a aquel individuo, que se rumoreaba que ninguén o vira polo día desde había anos, se non contemplaba a posibilidade de ser pai: “¿Un hijo?” – sorprendeuse o Marqués- “¡pero si sale más caro que un Ford Escort!” (nota para habitantes destes tempos en que un Mercedes teno practicamente calquera ó que non lle asuste o prezo dos recambios: un Ford Escort era un coche de gama alta, non tan alta como a retórica de José Fraga Iribarne, pero tampouco ó alcance de todos).

         Tamén hai que estar moi firme na decisión de procrear para soportar o debate continuo de a quen se parece o consecuencia do decidido. Todos sabemos que os recienes parecen o resultado dun cruce xenético entre un ser humano (que aporta a forma) e unha pasa (o tamaño e a textura), pero eso non refreará a controversia. Repasen calquera cuestión que os teña completamente aburridos (que pasou o 11-M, por que arden os montes, está vivo Elvis, hai vida intelixente fóra de aquí ou tampouco) e será unha miudeza ó lado da polémica de se o nariz é da familia paterna, da paterna rama materna, da materna ou da materna-materna. Se as orellas son do tío Tal ou do primo Cal. Todo pichichi que desfile polo berce discutirá mesmo a quen se vai parecer de maior. Máis ca un fillo parece que tés un retrato robot.

         Se afrontas e superas todas esas probas, todo o mundo se apresurará a darche a noraboa. Pero non é polo que pensas. É porque como xa ninguén agarda a poder vivir dos fillos propios, caso de telos, a ver se polo menos os fillos alleos nos garanten que de vellos nos vaian pagar as pensións.

 (Revista GPS, setembro 06)

 

 



Out 05 2006

Pocholazos

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:32 am

oposición municipal de Ortigueira, PSdeG e BNG, solicitou hoxe unha explicación pública e oficial do comportamento que o alcalde, o popular –máis que nunca- Antonio Campos, mostrou no seu encontro con Pocholo. Por se non caen, o edil presentouse no bar do famoso nun estado de euforia natural ou sobrevenida e púxose todo campechano, presumindo da súa vila, do festival celta, da súa fortuna persoal –que evidenciou cunha presada deses míticos billetes de 500 euros- e do seu ascendente sobre as mulleres do seu termo municipal. Todo con dous gaiteiros ó rabo e expresado cunha facundia e unhas maneiras semellantes as dos ligóns das películas de Alfredro Landa.

        A min, desde logo, o comportamento do alcalde non me sorprende, e menos sorprenderá ós de Ortigueira, que o teñen de veciño. Así que os opositores están no seu dereito de pedir explicacións, pero penso que pouco máis van conseguir, habida conta de que si se conduciu así diante dunha cámara, xa me dirán que tanto lle ten o que pase nun salón de sesións onde só hai un secretario tomando nota. Sorpréndeme a seguridade da impunidade de facelo en público e supoño que, en todo caso, habería que aclarar cal é a relación contractual dos gaiteiros, que ían vestidos de gaiteiros, e se era co concello ou coa persoa do alcalde. Chámame máis a atención o feito curioso de que foi unha cadea de televisión xeneralista a que difundiu como un cargo político facía o pailán/novo rico/putero (non digo que o señor Campo sexa así, digo que fixo ese papel), pero non se soubo ata que o vídeo chegou a internet, se propagou nese medio, e máis tarde foi recollido pola prensa escrita, alomenos por este xornal. Exactamente o mesmo camiño que seguiu a acción famosa e trucada do roubo do asento que o presidente Zapatero ten no Congreso, aínda que nese caso todo foi unha eficaz estratexia publicitaria para chamar a atención sobre unha campaña contra a fame. É de apreciar o inxenio dos publicistas, pero á ONG que os contratou sairíalle máis barato promocionar o vídeo do pocholazo. Non hai mellor alegato contra a pobreza a as inxustas desigualdades deste mundo que alguén que se conduce como o alcalde de Ortigueira –deixemos en suspenso polo momento a conducta e sistema de vida de Pocholo- poda levar no peto o que parecía unha parte considerable dese 38% de todos os billetes de 500 que acapara España. E que os leve para dalos como propina nun lugar no que, de facerlle caso ó que decía Pocholo, foron dar unha serie de rapazas rusas que gañan a vida poñéndose a disposición de quen sexa. A min, desde logo, o comportamento do alcalde non me sorprende, e menos sorprenderá ós de Ortigueira, que o teñen de veciño. Así que os opositores están no seu dereito de pedir explicacións, pero penso que pouco máis van conseguir, habida conta de que si se conduciu así diante dunha cámara, xa me dirán que tanto lle ten o que pase nun salón de sesións onde só hai un secretario tomando nota. Sorpréndeme a seguridade da impunidade de facelo en público e supoño que, en todo caso, habería que aclarar cal é a relación contractual dos gaiteiros, que ían vestidos de gaiteiros, e se era co concello ou coa persoa do alcalde. Chámame máis a atención o feito curioso de que foi unha cadea de televisión xeneralista a que difundiu como un cargo político facía o pailán/novo rico/putero (non digo que o señor Campo sexa así, digo que fixo ese papel), pero non se soubo ata que o vídeo chegou a internet, se propagou nese medio, e máis tarde foi recollido pola prensa escrita, alomenos por este xornal.

 

Exactamente o mesmo camiño que seguiu a acción famosa e trucada do roubo do asento que o presidente Zapatero ten no Congreso, aínda que nese caso todo foi unha eficaz estratexia publicitaria para chamar a atención sobre unha campaña contra a fame. É de apreciar o inxenio dos publicistas, pero á ONG que os contratou sairíalle máis barato promocionar o vídeo do pocholazo. Non hai mellor alegato contra a pobreza a as inxustas desigualdades deste mundo que alguén que se conduce como o alcalde de Ortigueira –deixemos en suspenso polo momento a conducta e sistema de vida de Pocholo- poda levar no peto o que parecía unha parte considerable dese 38% de todos os billetes de 500 que acapara España. E que os leve para dalos como propina nun lugar no que, de facerlle caso ó que decía Pocholo, foron dar unha serie de rapazas rusas que gañan a vida poñéndose a disposición de quen sexa. 

   O mesmo día en que non me sorprendía coa conducta do prócer, afectoume o que me contou unha compañeira súa de militancia. O caso de nenos que repetían curso a propósito para que os pais non tiveran que gastar cartos en comprar libros novos. A estas alturas non me chama a atención a coincidencia na mesma sociedade de fenómenos como un alcalde que cisca billetes de 500 e nenos que tentan evitar o gasto de 150 euros á economía familiar. Pásmame máis a coincidencia ideolóxica entre o protagonista dun fenómeno e a denunciante do outro.   

(LA OPINIÓN, xoves, 5 de outubro de 06)


POSDATA:

O pleno foi convocado este xoves día 5 ás 8,30 a.m. (para aproveitar ó vir de reenganche, segundo un colega mal pensado) e durou 15’. Polo que me contaron, el pediu perdón, e o concelleiro de Obras Públicas fixo un relatorio/panexírico das súas obras (das do alcalde). Requeridas as catro ou cinco concelleiras do PP para que deran a súa opinión do feito, non abriron a boca.


Seguinte páxina »