Out 17 2006
Spam

En concreto, que a industria do CD-DVD contabilice como perdas o número de copias dos seus productos que non lles compran e eles non deixa de ser unha hipótese bastante optimista. Baséanse no improbable suposto de que un consumidor que se fai por 3 euros coa copia do último traballo de Alejandro Sanz (que desgraciadamente ademais non vai ser o último) gastaría 30 na edición orixinal nunha tenda se non se lle interpuxera a tentación en forma de vendedor ambulante. Máis ou menos como se os concesionarios de Harley Davidson contabilizaran como perdas as cifras de vendas de vespinos.
Igual pasa co spam, esa chamada publicidade non desexada – como se houbese moita desexada- que anega os buzóns electrónicos. Nos USA calculan que son spam o 90 por cento dos emails, e que cada traballador perde 4,4 segundos en desfacerse deles. Mesmo hai un programa informático que lle calcula de balde a cada empresa as perdas (que serán sempre maiores que o que custa o programa antispam que vende). No buzón de toda a vida, a porcentaxe de propaganda (neste caso chamada mailing) é máis ou menos a mesma, e por riba gástase papel, pero ninguén calcula as perdas que ocasiona ós destinatarios, nin as bolsas de lixo que se necesitan para darlles saída. Tampouco en ningún dos dous casos ninguén cuantifica os postos de traballo que se crean con esas prácticas, aínda que outra empresa antivirus vén de informar que un recente spam que recomenda investir en determinadas empresas chegou a provocar subas de ata un 12% nas accións desas sociedades.
Os meus correos están inzados como os que máis desa praga, e a pesar de que non lles dedico eses 4 segundos, observo que as mensaxes renóvanse escasamente. Do xa clásico enlarge your pennis foron mudando ós que ofrecían títulos universitarios, e mantéñense os de viagra e cialis (que non sei que é). O que variou é a imaxinaciòn de quen os manda, xente curiosa que asina “Anxo Sharif”, “Orgiastic I. Ultraconservatives” e “Moroccans E. Impetus”. O que me empeza a preocupar é que ultimamente, teóricos remitentes coñecidos como “Emilia Esposito” ou “Rivas” me prometan software a prezos de ganga. E o que definitivamente me meteu medo é que onte mesmo, “Esperanza Aguirre” me mandou unha oferta de Rolex. Non sei me me aterra máis que sexa verdade ou mentira.
(LA OPINIÓN martes, 17 de outubro de 06)


o 17 de Outubro, 2006 ás 10:23 am
Toda economía ten algo de teolóxica. De feito hai unha teoría de “profecías autocumplidas”; o feito de ter unha determinada crenza ou convincción fai que esta se cumpla. Ou a teoría baseada en espectativas.
E o da cuantificación de determinado tipo de cousas que vostede nomea ten un pouco de fe e un pouco de pechar os ollos. E despois aparataxe matemática como cemento-cola para unilo todo e darlle un aspecto de solidez mundana.
o 17 de Outubro, 2006 ás 11:18 am
De feito, aburrir téñome aburrido en moitas roldas de prensa, pero o que é non entender nada de nada,e iso que xa era grandiño, soamente nunha do autor – ou difusor – da teoría de xogos…
o 17 de Outubro, 2006 ás 11:21 am
Acabame de chegar un asinado por Benedita Pecora. Non sei se facer unha convocatoria de remitentes paveros…
o 17 de Outubro, 2006 ás 2:14 pm
O que hai é moito morro niso de estimar cifras. Algúns exemplos máis: o volume de negocio da prostituación ou do tráfico de drogas (fan enquisas?), a cifra de negocios acadada na Semana Verde de Silleda ou as hectáreas de grelos plantadas no país. En todos os casos é o mesmo conto: un, a base de jeta, dá unha cifra, e os demáis repetímola.
o 17 de Outubro, 2006 ás 4:01 pm
Un clásico coruñés son os 3.000 millóns daquelas pesetas que deixan os turistas de cruceiros, os asistentes a congresos… Parece a propina correcta para colectivos grandes e/ou distinguidos.
o 17 de Outubro, 2006 ás 4:47 pm
Si,moi bo exemplo do provincianismo coruñés.Somos esmoleiros periféricos?Periféricos de esmola? A ver se nalgún modelo matemático mo explican.Eu témome moito que a propensión ó consumo dos nosos turistas teña baixado moito desde que chimparon o Papagaio.
o 18 de Outubro, 2006 ás 3:41 pm
Nun libro de matemáticas que tiña de pequeno, dicía que a estadística era parecida ás farolas: podía servir para iluminarlle o camiño á xente ou para que se apoiaran os borrachos cando perdían o equilibrio. Coido que os exemplos que vostedes tan acertadamente citan aquí, poden ser sobradas demostracións do segundo uso que, na miña opinión, debe de ser o máis frecuente.
Claro que a min nunca me gustron as matemáticas. Eu, moito máis pragmático que analítico, limítome a pensar que careto terán eses “Anxo Shariff” ou “Emilia Expósito” e máis a nai que os deu a este mundo.
o 18 de Outubro, 2006 ás 5:54 pm
O peor é cando alguns creense as suas propias alucinacións, caso do bng en Vigo, cando decíase que na manifestación de Munca Mais na nosa cidade, foran 150.000 personas. E claro, os coitadiños soñaron que con que a mitade os apoiaran nas municipais, pois ala, xa tiñan a cesta chea. Os pobriños non daban creto cando quedaron de terceiros.
Ou cando eu de mozo sumaba os votos de todo o nacionalismo para ver como ia a liberación nacional (un tiña sonos ou pesadelos, asegún), porque daquela ainda acreditaba que o voto tiña un forte compoñente ideolóxico (parvo de min).
Os números a tódolos niveis, e isto o dí un que vive deles, so din o que ti queiras que digan, e canto menos caso lles fagas, moito mellor.
o 19 de Outubro, 2006 ás 2:42 am
Pero 1.300 millons de chinos son moitos chinos, non?
P.S.- Senhor Alfonso Pardo, monte un blog, cona.
o 19 de Outubro, 2006 ás 1:07 pm
asejum
o 20 de Outubro, 2006 ás 11:47 am
Ei, non sabe do cialis aka “weekend pill”? pois como o viagra pero durando 9 veces máis. Total, 36 h. Que lle parece?
o 20 de Outubro, 2006 ás 3:02 pm
Esgotador