Out 24 2006
Ai que risa
Lin este domingo unha estupenda crónica sobre o Clarena II, o novo barco de Francisco Hernando Contreras (a) El Pocero¸ ese emprendedor que, entre outras grandes empresas, acometeu a de construír unha urbanización de milleiros de vivendas en Seseña, en pleno deserto toledano, sen servicios de ningún tipo, comezando pola auga.
(o Clarena I, by prnoticias)
A inxustiza poética da vocación marítima de alguén que fixo cartos sobre a sede dos demais é dobre: encher de combustible o depósito do iate custa tanto (uns 250.000 euros) como un deses pisos de secano que vende.
A todo isto, o Clarena II, de 72 metros de eslora, substituirá ó Clarena I, de 46, que xa era maior ca os do Rei, de Florentino Pérez, Alberto Cortina ou Fefé Fernández Tapias, salienta o xornalista entre divertido e escandalizado. Á familia Hernando quedábaselle estreito, porque nel xúntanse ata medio cento de persoas, presididos en bata de guata por Filomena Contreras, nai do fenómeno, e mobilizados mediante ordes como “¡a jalar!”. A lancha custará uns 60 millóns de euros, deles algúns centos de miles imputables ó desexo perentorio do cliente de que a bandeira española ondee en cuberta, porque – argumenta – “soy español ante todo, cueste lo que cueste”. Para rematar de describir o personaxe, aínda que non faga falta, o cronista sinala que lle chama “toballas” ás toallas e “personas humanas” á xente.
Ai que risa, vaia pailán, ¿non? Pois si, claro, pero tamén non. O da bandeira, por exemplo, é absolutamente coherente, e non porque o patriotismo sexa a primeira ou a última escusa dun canalla, senón porque que menos que estar agradecido o único país onde puido facer a súa fortuna como a fixo. (Tamén podería facela en Italia, pero alí ese sector trabállase de forma organizada, silenciosa e nada proclive ós individualismos e ás iniciativas persoais). E tamén non porque non se fala nada dos que lle permitiron esas operacións que lle deron para pagar tanto o barco como o helicóptero co que se traslada a bordo dona Filomena, entre outros artefactos de mar e aire dos que é propietario. De se ten ou non barco o entón alcalde de Seseña, José Luís Martín, que cando o empresario Hernando tiña menos líquido que hoxe as súas urbanizacións, contratoulle un colector para dar servicio a 18 chalés seus (do empresario, non do alcalde, suponse) e por riba pagoulle 250 millóns de pesetas a maiores do contratado. Ou do resto das autoridades locais, provinciais, autonómicas e estatais que foron aprobando todo, e agora argumentan que teñen a conciencia tranquila por non ter feito nada ilegal, e siguen presentándose nas entrevistas como servidores públicos por vocación, con inquedanzas intelectuais e amantes da familia. (Alguén que defende como normal recalificar da noite para a mañá case 2 millóns de metros cadrados, case mellor que teña levado parte do botín. Dá máis tranquilidade estar en mans duns cínicos que duns parvos).
E sobre todo, menos risas. Todos sabemos que a diferencia entre os métodos de Paco el Pocero e os dos seus compañeiros de flota é a forma de chamar a comer á familia.
(LA OPINIÓN, martes, 24 de outubro de 06)


o 24 de Outubro, 2006 ás 8:02 pm
Cando o de Gil, outro recoñecido paiaso sacado á pista central, tamén se viu como o humor coas extravagancias do alcalde de Marbella apartaba os focos do circo montado arredor del. Risos agochando resinación e impunidade.
o 24 de Outubro, 2006 ás 10:41 pm
Pereiro, está o mundo cheo de Poceros. Lee o meu post de hoxe, e veras, o que pasa en Corme, a quen lle quere parar os pes a xente con Mercedes e chales de ghañans con bares barcos, negocios de tapadillo e múltiples coches, e, odiadores da democracia. A min hoxe amenazaronme de morte. Teño que mirar sempre pras costas, porque “Vanme cepillar”
o 24 de Outubro, 2006 ás 11:48 pm
Unha necesaria primeira parte desta “estupenda crónica” (en versión estendida aquí) ben podería ser a reportaxe asinada por Aníbal Malvar e aparecida fai uns meses nese mesmo suplemento.
o 25 de Outubro, 2006 ás 12:39 pm
Paco,Paco….A min paréceme sospeitosa esta asociación entre o nome de Paco e a promoción inmobiliaria,entre o nome de Paco e o nacionalismo español de bandeiras desproporcionadas,entre o nome de Paco e o castelán mallado na pronunciación e no vocabulario.
Non sei que esperan os rabudos do PP,se por unha pinga de ácido bórico sospeitan dunha conspiración,con todos estes elementos poderían escribir un conto de confabulacións tipo best-seller.
Home,sacar promocións inmobiliarias sendo poceiro é máis decente que sendo alcalde,iso si.E a expulsión empresarial se multiplica cando a especulación concéntrase nun concello,iso tamén.
PD.Para non quedar de mintireiro,non podería o señor embaixador financiar o polígono ofimático e o metro lixeiro con parte dos seus beneficios inmobiliarios?
o 25 de Outubro, 2006 ás 8:07 pm
No cando de Clarena II podíalle pór “Yate Digo”
o 26 de Outubro, 2006 ás 2:03 pm
Non existe constructor que se precie no mundo mundial que non dispoña de un ou dous iates, aínda que non saiban nadar nin na bañera e iso que son moi amigos da limpeza, quero decir da “brancura”
o 22 de Setembro, 2007 ás 12:59 pm
Eche ben certo que a enidia/envexa e o pecado capital dos españois, e por ende dos galegos. Pero ainda hai outro peor i e o de difamar i emitir xuizos de valor sin criterio ningun… e logo estrañamonos de que nos xuzguen a lixeira a nos ? … pero si e o que facemos todos, escribindo comentarios a base de comentarios sin ninguna base. Sabencho ben os do tomate .. e parecemos todos tomateiros.
Por unha sociedade mais formada e menos gaiteira.
Saudos.