Acabamos/empezamos ben!
30 Sábado Dec 2006
Publicado en Xeral
30 Sábado Dec 2006
Publicado en Xeral
29 Venres Dec 2006
Publicado en Matrix Press, Si home si
Por estas datas, todos os medios de comunicación se poñen a facer un repaso do ano. Os temas máis decisivos, as crónicas máis incisivas, as reportaxes máis descritivas, as imaxes máis impactantes, os vídeos máis rechamantes e os sons máis suxerentes destes doce meses. É xa unha tradición compilatoria que supoño que naceu –e no caso concreto desta columna é por esa razón – para dar enchido neste época de escaseza de noticias. Para poder entrefrebar algo de información entre tanta publicidade, ou quizais pola mesma estratexia comercial das discográficas de vender en cd o material que antes nos colocaran en vinilo: para colocar dúas veces un material xa amortizado.
Ou pode que tamén sexa para axudar á xente coma min que, a poucas horas de que remate, non sei se o ano foi bo ou malo (téñoo moi claro no persoal, pero non no xeral). Por exemplo, unha cousa moi importante foi o alto-el-fuego-permanente que declarou ETA. Eu consideraríao un feito positivo en si mesmo, pero segundo outros pareceres, non o é. Algúns están berrando ¡coidado! en todo momento, como os pequenos no cine para advertir ó chico de que se lle achega o malo por tras. Outros (pareceres, non pequenos), nin se fían do chico, directamente. Tamén meteu moito rebumbio que algúns xuíces e boa parte dos periódicos descubriran que había alcaldes e/ou promotores inmobiliarios facéndose de ouro. Facéndose de ouro non polo invocado habitualmente método da agudeza empresarial/inversora, senón con outros como comprar terreos inedificables e convertelos en edificables, canto máis preto da costa mellor. Parece ser que foi unha sorpresa para todos, tanto o de que se abarrotaran as costas de construccións como o que eso fixo millonarios a uns cantos espelidos. Eu tiña un concepto como moi negativo do asunto, pero debía estar equivocado, porque resulta que é sistema universalmente practicado.
Pola contra, eu non lle daba ó fenómeno catalán (tripartito-estatut-eleccións) que nos animou 2006 máis importancia da que pensaba que tiña (un proceso político moi interesante, pero circunscrito a Cataluña). Pois non, era un cataclismo que podía crebar España. Tanta matraca nos deron que tiraron os dados outra vez, saíu tripartito de novo, e desde aquela non se volveu falar do asunto. Igual que os perigos que axexaban á civilización tal e como a coñecemos se ganaban as respectivas eleccións en Sudamérica os candidatos chamados castristas ou populistas. Ganaron uns (Evo Morales, o Correa ese de Ecuador), recuncaron outros (Chávez e Lula), e hóuboos que perderon (López Obrador en México, aquel Ollanta de Perú) e non pasou nada. Tamén se foron Berlusconi e Pinochet, a sitios distintos (e nos dous casos, demasiado tarde). Aquí, o que ben que recordo que pasou foi que ardeu o monte como nunca tal se vira. Ben, si que se vira, precisamente 1988, o outro ano en que tampouco gobernaba o PP. Unha coincidencia, obviamente. Unha coincidencia que se a colle Acebes e outros que eu sei, a teoría da conspiración que organizaría. Neste ano que agonía non o fixo, pero non hai que perder a esperanza. En 2007 permanezan atentos á pantalla.
(LA OPINIÓN, sábado 30 de decembro de 06)
24 Domingo Dec 2006
Publicado en Si home si
Cando a clase política – ou incluso a tropa periodística- se pon moderna e pragmática, adoita sentenciar que os símbolos teñen a súa importancia, pero secundaria e sempre que non sexan obstáculo ós asuntos realmente serios. Non deixa de ser unha contradicción, porque se hai xente instalada no simbólico son os políticos, que se dan por definidos por elementos tan simples como un color (azul, vermello, negro) un logotipo ou unha posición espacial (dereita, centro, esquerda). Pero a demostración palpable de que os símbolos teñen importancia, ou máis ben de que llela dan, témola ben presente estes días.
Desoíndo a chamada á paz universal e á fraternidade que destila esta época de Nadal, as máximas figuras socialistas e nacionalistas do belén parlamentario montan unha a conta da himno de Galicia, que xa saberán que se interpretou tipo Camarón (de la Isla, non da ría). Tamén se abriu este ano de novo a polémica da felicitación da Casa Real. O Nadal pasado houbo fortes críticas (fortes para o nivel Casa Real) ó truco de xuntar a toda a familia polo método Photoshop e non polo de quedar tal día a tal hora, aproveitando que poden quedar en calquera das casas, que son ben grandes. Este ano, co persoal anda susceptible, xa hai sospeitas de montaxe na felicitación dos principes de Asturias. Que se á nena (¿dise nena ou xa ten algún título?) Leonor lle falta un pé, que se ten de fondo motivos de Papá Noel/Santa Claus, alleos á tradición española, e que por riba nas botas, alomenos na que se lle ve, pon algo en inglés… E para acabar de matala, unha pantasma percorre esta parte de Europa: a postal navideña do ex alcalde coruñes Francisco Vázquez, un retrato da familia toda vestida de negro e con mantilla (só as mulleres) co Papa Bieito no medio, que ata a miña aprezada sogra lle parecería unha estampa excesivamente austrohúngara.
No caso do himno ou do Himno, eu canto escoitei a versión flamenca quedei medio apampado, igual que os parlamentarios de todos os colores. No meu caso non é de estrañar, porque teño certa tendencia ó apampe en ambientes solemnes, e ademais os meus gustos musicais non van por aí. Pero non me chamou máis a atención que calquera outra extravagancia máis das chamadas a distraer a atención dos verdadeiros asuntos de fondo, ou de que nos asuntos non hai fondo ningún. Empecei a preocuparme cando souben do pouco difundido dato de que a ocurrencia nos saíu por 10.000 eurazos no caso do prescindible Niño Josele, e 6.000 no dos discutibles pero asumibles Cuchús Pimentel e Delio (unha mostra máis, por certo, de que ser de aquí non é vantaxe ningunha nin á hora de poñerse cosmopolita). E empecei a consideralo un escandaliño cando me enterei de que o asunto non foi unha desafortunada decisión da institución para sacudirse o complexo de inferioridade de non ser modernos bastante, senón unha arroutada persoal da presidenta Villarino, adoptada en base ós seus non menos persoais gustos.. Como se eu, no seu caso, optase por Leo i Arremecaghona (opción autóctona) ou Tom Waits (opción internacional). Unha cortijada, se me permiten a expresión.
Que o portavoz nacionalista Carlos Aymerich ataque pola nula galeguidade da versión sitúa o debate no espiñento campo da inmutabilidade ou renovación dos símbolos. Unha batalla estética na que ten todas as de perder e que esquece a crítica de que se metera un pastón nuns fastos acomplexados, cando a mellor homenaxe ós 25 anos de autonomía fíxoa TVE en Galicia cunha serie documental que lle saíu ó contribuínte por dúas cadelas. E o peor de todo da polémica da Niña Lola e el Niño Josele é que nos distrae do caso realmente grave: ¿que pensará agora o Papa de nós?
(Noiteboa de 2006)
21 Xoves Dec 2006
Publicado en Xeral

20 Mércores Dec 2006
Publicado en Estoume quitando
17 Domingo Dec 2006
Publicado en Si home si
Nunca os periodistas – ou as empresas de comunicación- estaremos agradecidos bastante á clase política. Non polo que vostedes pensan, senón polo moito que nos axudan no ímprobo labor de encher papel (e quen di papel, di tempo noutros casos) para poder cobrar un euro porun xornal sen que se nos caia a cara de vergonza.
Por exemplo, o famoso tranganillo do fuso horario que xeográficamente nos correspondería, pero que política-economicamente non é aconsellable reclamar. Unha vella reivindicación ecoloxista aprobada alegremente na asemblea do BNG, que pasará o seu acerbo político -é decir, ó faiado teórico, exactamente igual que o republicanismo para o PSOE-, pero non ó seu programa. Pois está a dar máis que falar que o atraco eléctrico que nos van perpetrar o 1 de xaneiro. Ata no parlamento galego se fartan a facer chistes sobre o asunto horario, pero aínda non escoitei ningún a conta das tarifas eléctricas, ou da suba das hipotecas. Pode ser porque a unhas cousas lles ven o lado gracioso e outras non, pero moito me temo que é porque o do recibo da luz ou o prazo da hipoteca son problemas reais, e como non se poden resolver, para que falar deles.
Máis vale, por outro lado. Cando a clase política identifica un problema real e se pon a resolvelo, hai que se poñer a cuberto. O último é o das pontes vacacionais, que parece ser que son un escándalo. ¿Para quen? Para a productividade, un deses entes abstractos ós que lles hai que facer sacrificios como antes á divinidade encargada de que non caeran raios e centellas. Nun país no que non pode coller vacacións nin e metade da poboación, e no que os que traballan no campo non poden nin descansar os festivos, parece ser que é un problema serio o exceso de pontes laborais (que, por outra parte, que se saiba, non é obrigatorio nin collelas nin outorgalas). E vaino resolver unha xente que celebra a Constitución a véspera do Día da Constitución.
Logo están os problemas reais que se converten en problemas políticos. Por exemplo, que se esborroe unha carretera das boas, con dez anos de uso, que nos custou a todos un ollo da cara, en calquera contexto normal, o primeiro en alarmarse sería quen a contratou e recibiu coma se fose boa. Pois non, resulta que os autores intelectuais da Vía do Salnés saltan á palestra para apuntar que noutras obras tamén hai deses tubos de chapa que parecen ser os causantes da desfeita. Razón de máis para queixarse porque caeu a túa. Exactamente a mesma transformación sufrida polo saneamento da ría de Vigo, un asunto técnico que se transformou nunha polémica política, co mérito engadido de que nin siquera é cuestión de diñeiro (que se saiba), senón de quen aguanta máis. Exactamente como esas competicións suicidas de coches que van un contra o outro ata que un dos dous se aparta (ou non). Un polémica absurda, ademais, porque na Coruña levamos anos e anos vertendo as escorras a caño libre, ou a emisor de Bens rachado, e non hai enfrontamento institucional nin mal rollo ningún. É a chamada vía coruñesa de resolución de problemas: ignoralos ata que desaparezan.
(LA OPINIÓN, sábado, 16 de decembro de 06)
15 Venres Dec 2006
Publicado en Xeral

Ben, os roces entre os socios no goberno entran dentro do normal, pero un descoñecemento absoluto… Non é de estrañar esa publicidade que especifica que a Vicepresidencia (e non TVE en Galicia, nin a delegación do Real Automóvil Club de España, nin o Xove-Lago C.F) é o departamento que dirixe Anxo Quintana
14 Xoves Dec 2006
Publicado en Matrix Press
13 Mércores Dec 2006
Publicado en Non sei eu...
Aquí un magnífico proxecto, con defectos como mirar cara atrás con benevolencia. O outro día, un compañeiro de instituto ensinoulle outra mostra desa tendencia revisionista ó meu fillo: "sóache de algo este tipo?". Soáballe. Logo, na casa, cando mo ensinou el, tiven que improvisar unha longa – e témome que pouco convincente- explicación sobre o contexto social da época, a variación dos significados lingüísticos co tempo, que quizais bebera un chisco para baixar unha comida pesada de máis…
11 Luns Dec 2006
Publicado en Xeral

Argumento para desinformados: Cantas debeu facer para que nos alegremos de que morra un vello de 91 anos