Xan 29 2007

En cen anos, todos bronceados

Categoría: Si home sisihomesi @ 8:39 am

Pódolles asegurar, sen quedar mal comigo mesmo, que pasei media vida profesional tentando que algún experto me confirmara que había indicios de cambio climático. Non é que fose unha teima diaria, pero si que, en canto se me puña a tiro alguén do sector meteorolóxico, aguilloábao con saña ou imploráballe sen pudor, dependendo do día, para que me recoñecese que o tempo de agora xa non era como o de antes. Nada. Como moito, unha vez, un admitiu case de mala gana ou por piedade que si, que chover chovía o mesmo que choveu sempre, pero quizais o que pasaba é que agora chovía máis ben de noite e por iso tiñamos a idea de que chovía menos.

Pois iso, todo a vida metrallando climatólogos para que agora o asunto estea tan recoñecido que ata coinciden en dalo por feito o planetopresidente Bush e o conselleiro Pachi Vázquez. Non sei que tanto lle terá o cambio a Bush, que pode escoller residir nos xeos de Alaska, nos desertos de Arizona ou nas praias de Hawai sen ter que usar o pasaporte, e pode vivir alternativamente en todos gracias a que ten cartos bastantes (boa parte deles ganados precisamente potenciando o efecto invernadoiro). Pero a Pachi Vázquez e ós que andamos maiormente por aquí, para os que as opcións extremas van da Fonsagrada ó Val Miñor, o que virá é como para botarse a tremer, e non de frío. Segundo as conclusións dun informe do IPCC (Grupo de Expertos Intergubernamental sobre Cambio Climático, integrado por 2.500 científicos, que a ver onde estaban cando eu os necesitei) que se darán a coñecer a semana que vén, as temperaturas medias subirán entre 2º e 4,5º e estiman que calquera suba por riba dos 2º podería provocar cambios perigosos. Aquí, desde 1973 ó 2004, o calor medrou 1,46º, segundo o estudio A variabilidade do clima en Galicia, que a maiores advirte que xa nos podemos ir preparando para que aumenten outros 3,6º no ano 2080. Non teño intención de agardar ata entón a ver que pasa, pero deprímome soamente de imaxinar que a fins deste século Galicia será unha terra árida. En cen anos, todos bronceados.

Claro que sempre hai quen se alegra dos cambios, aínda que sexan a peor. Por exemplo, por fin estarán contentos os da hostalería, que levan protestando desde que eu recorde e se podía protestar, de que aquí botaban moi mal tempo, como se a meteoroloxía fose como as programacións televisivas. Ou os vellos verdes – ou aqueles que levan camiño e intención de selo- que aproveitarían modas e tendencias de contención téxtil, polo menos ata que o exceso de calor propiciase o uso da chilaba. Para os que non somos hostaleiros, vellos verdes ou fabricantes de cremas solares, o único consolo que nos queda é reclamarlle danos e prexuízos ós responsables do tal cambio climático, que os hai: todos aqueles que nestes anos negaban o evidente (e non precisamente os meteorólogos).

(LA OPINIÓN, sábado 27 de xaneiro de 07)   


Xan 24 2007

Cousas para facer sorrir a Kapuściński

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 4:17 pm

Ryszard Kapuściński non era dos meus escritores favoritos-favoritos, pero si dos escasos xornalistas admirados, e mais nestes tempos nos que está caendo a que está caendo. Sempre odiei calquera rito mortuorio, así que a miña coroa ten dúas flores para recordar o reverso friki que ten calquera noticia.

(Por certo, gracias a Edilberto, aínda que eu non sexa Alfonso Pardo, pola súa boa memoria).

 

 


Xan 21 2007

As cousas claras

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 11:38 am

 

 Outras preguntas posibles:

  • ¿Debe a Xunta seguir obrigando ós nenos a ler e escribir en castelán?
  • ¿Ten dereito a Administración educativa a obrigar a aprender a ler e escribir?
  • ¿É positivo que se impoñan ós infantes os complexos usos matemáticos?

 (Poden aportar as súas propias preguntas con resposta inducida)


Xan 21 2007

Síndromes e representantes

Categoría: Si home sisihomesi @ 10:21 am

Un espido, con epicentro en Arcade, sacude o mundo. A favor conxúranse as plumas máis sensibles e en contra maniféstanse os espíritos máis descridos. Facía tempo que teorías como esa na que interveñen dúas carretas como elemento comparativo non suscitaban tanta polémica social. É reconfortante comprobar a vitalidade da idiosincrasia galega na faceta de suscitar grandes debates sobre cuestións de fondo e esencia.

           No caso da xa coñecida mundialmente como a galega de Cancún, só as almas simples o reducen a un enfrontamento sobre se Ana María (“a nosa Ana María”, en terminoloxía mediática do antigo réxime), ten dereito a semidesnudarse nunha revista ou non, e no caso de que si, se iso ofende aos veciños que lle mostraron a súa solidariedade nos días de vacas fracas. É evidente que si, que ten dereito. Con todo o respecto pola lírica despregada sobre o asunto, o debate no fondo non é outro que o de cómo nos está facendo quedar esta señora logo de tela entronizado como vítima, e se vai ser un caso illado ou en Galicia xa non estamos a salvo de prácticas foráneas como a de aplaudir  nos enterros cando hai cámaras de televisión.

           No seu día, o representante –arxentino- de Bebeto argumentaba que quería volver a Brasil por “unha síndrome de devolución de afecto”: para corresponder o amor que lle tiña a torçida. Exactamente ao contrario, no caso da nosa Ana os cidadáns defraudados están baixo unha síndrome de usurpación de afecto: a do fan (aplaudidor de enterros, veciño solidario) que subitamente descobre que investiu a súa devoción de forma errónea e estéril. Na súa variante benigna e non psicopática, é unha afección máis común do que parece. ¿O feito de pasar un día no calabozo e unha semana nunha enfermería penitenciaria por unha acusación inxusta é motivo para converterse nunha celebridade?, ¿pensa que unha vítima, polo feito de selo, queda adornada de máis virtudes das que tiña ou non tiña antes? Se contestou si a algunha, procure que llo miren.

           Á súa vez, Ana María Ríos está obviamente afectada pola síndrome do titular ausente ou “mono de fama”, unha epidemia máis real que a da gripe aviar. Afecta, por exemplo, ao noso home no Vaticano, Francisco Vázquez, que en lugar da elegante modestia que caracteriza a calquera embaixador, salve vidas de refuxiados con risco da propia ou se limite a lucir palmito, dedícase a proclamar o ben que o está facendo en cando cheira un micrófono. Ou o anteriormente ministro e aparentemente recatado José María Michavila, que se fixo manager e pasou de formar parte do equipo de Aznar ao de Shakira.

           Non é unha cuestión moral. Se o presidente da Rioja pasou do gris anonimato institucional ó fulgor mediático usando presuntamente o mesmo método –una gravación co móbil- que os que difunden en You tube as barbaridades que fan ao volante, por que a nosa peluquera non vai considerar de interese público contar nun libro o flegmón que presidiu a súa voda e o incidente aduaneiro que marcou a súa lúa de mel. Ana María Ríos púxose en mans da representante que leva á viúva de Joaquín Prat (por certo, ¿qué necesita representar a viúva de Joaquín Prat?), pero eu ao presidente riojano recomendaríalle que o intentase con Michavila.

(LA OPINIÓN, sábado, 20 de xaneiro de 2007)

 


Xan 18 2007

No pudo ser

Categoría: Xeralsihomesi @ 1:28 am

A versión política de "el fútbol es así", "los postes también juegan" ou "no se puede perdonar".

(ou mellor, agora que a releo, a versión políticamente correcta


Xan 13 2007

Momentos verdadeiramente históricos

Categoría: Si home sisihomesi @ 9:59 am

Imaxino, non sei por que razón, que os asistentes ós momentos históricos, sexan protagonistas ou espectadores, non son nunca totalmente conscientes da importancia do asunto. Falo dos momentos máis ou menos históricos, non dos partidos/vodas/ do século que se producen con periodicidade semestral ou dos acontecementos do ano que se repiten puntualmente cada quince días, tres semanas máximo. Eu, sen embargo fun este xoves cubrir informativamente (é decir, a ver se pasaba algo, e logo, pasara ou non, contalo) a Conferencia de Presidentes autonómicos, sen máis expectativas que a de non mancarme, e foi como se levara un golpe na cabeza: descubrín a verdadeira esencia de por que a clase política é como é. Ou, para ser máis exactos, revelóuseme o mecanismo polo que algúns políticos se van convertendo no estereotipo que temos de como son os políticos.

         A Conferencia de Presidentes, nas que os presidentes autonómicos se xuntan e falan dun tema ou de varios xa marcados, naceu hai tres anos da man de Zapatero como reacción a que o seu antecesor, se vía xuntos a máis de tres autonómicos, anque fosen do seu partido, entrábanlle ganas de chamar ós antidisturbios. Mesmo ás veces lle entraban cando vía a Fraga, aínda que non houbese máis presidentes. Conseguida a reacción, xuntados os presidentes todos (quitados os de fútbol) sen que fose para reñerlles, non se sabía moi ben que facer coa tal Conferencia, ata que a xurdiu iso tan hispano de que a representación crea o órgano, e de paso a función. O xoves pasado xuntáronse os 17 titulares dos gobernos autonómicos máis os dous das cidades autónomas, máis o presidente do Goberno e a vicepresidenta. Pero sobre todo, xuntámonos 925 xornalistas (ese era polo menos a cifra de acreditados), máis Guardiola (si, ese Guardiola, o que foi do Barça). É decir: 17+2+2=925 + Guardiola. Guardiola estaba por alí porque anda a facer un programa deses de pasar un tempo pegado a un ilustre, e a súa presencia foi altamente beneficiosa porque atraía a boa parte das informadoras e dos informadores futboleiros, e así quedaba sitio libre nas mesas. Os outros 925 da ecuación centrabamos a atención nas evolucións dos 17+2+2. Cada político saía a 44 xornalistas por cabeza, fose boa ou mala. Fíxenme unha idea de como poden ser os éxodos de refuxiados, coa diferencia de que non cargamos cos mobles e cos animais, senón coas cámaras e con colegas. Pero tamén estabamos acampados por onde podiamos (aproveitando os fluxos e refluxos provocados por Guardiola) e mobilizabámonos por rumores. Posibilidades aparentemente tan nimias como a posible rolda de prensa do presidente riojano provocaba movementos como cando se fai a ola nun estadio. Estaba todo tan abarrotado que nin se viu a Fraga por alí (e iso que debe vivir no Senado) e mesmo os ordenanzas e ujieres estaban acuartelados nas salas de descanso que teñen (por certo, quen teña o capricho de casar de uniforme, os homes, procuren un de ujier do Senado).

         E foi alí cando descubrín por que ós políticos vailles acaendo o aire de políticos, a pouca autoridade que teñan. Se ó presidente da Rioja, que ó cambio de antes sería o presidente da Deputación de Logroño, en canto se mova (aínda que sexa para un trámite máis fisiolóxico que político) se lle botan enriba os seus 44 informadores de cota, máis despistados, ociosos ou convencidos de que era o portavoz do PP, non me estraña que teña que lastrar con pesos metálicos os fondillos dos pantalóns para non levitar.

         A estas alturas, haberá alguén que diga que vaia perda de tempo e de cartos son desde o Senado á Conferencia de Presidentes e, metidos en fariña, as propias comunidades autónomas. Hai anos, eu xa estivera nese mesmo sitio. Había tamén unha chea de xente, toda vestida igual, corriamos a toque de chifro e tamén facía garda á espera de que non pasara nada, pero en vez dun micrófono e un bolígrafo tiña un fusil cun pincho no cimo. A parte traseira do Senado era o cuartel da compañía de servicio da Capitanía de Madrid. Aquelo si que foron 18 meses de perda de tempo e de cartos. E nin sequera estaba Guardiola.

 

(Faro de Vigo, sábado 13 de xaneiro de 07)


Xan 06 2007

A secta navideña

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:53 pm

Como están lendo isto, vostedes estarán tranquilos e felices, na casa ou fóra, almorzando ou tomando unha caña, ou sentados nun banco, mentres ó seu redor nenos non menos felices, propios ou alleos, andan dun lado para outro carrexando xoguetes ou deixándose carrexar por eles. É esa estampa dun mundo idílico, aínda que sexa soamente un chisco, coa que empezaban as películas de David Lynch. Eu estou agora preparándome para o que viña logo nesas mesmas películas: un pesadelo, unha sobredose de horror cotián.

    Estou apurando a tecla, agardando que chegue a hora da cabalgata dos Reis, ese espectáculo maquiavélico inventado no seu día por un edil anónimo (pero que de seguro que non tiña fillos) e perpetuado por todos os sucesores en todos lados como eficaz instrumento de amolar ó cidadán coa escusa de darlle un servicio e axudalo a manter a ilusión das súas criaturas. Non sei que caste de ilusión abrigaron nas primeiras cabalgatas as criaturas asistentes. A que abrigan hoxe é a de abarrotar caramelos en cantidades industriais, e sobre todo a de obrigar ós pais/nais a participar nunha actividade na que mandan eles.

    E alí estamos, bailando nas puntas dos pés para evitar a conxelación, durante horas, sen poder abandonar a posición que conquistamos empuxando a outros pais e retando coa mirada a quen nola pretenda disputar. E logo, aturando o desfile propiamente dito, as carrozas que transportan a paxes e ninfas que, por unha misteriosa pero eficaz selección, son ou promotores inmobiliarios/responsables de urbanismo en potencia (e só dispensan caramelos a quen coñecen ou lles peta) ou futuros delincuentes sen especialización (e tíranllos con igual saña, forza e puntería a todo tipo de público sen facer distingos). Rebaixados ó nivel máis ínfimo da escala humana despois de ter asoballado avoas e pateado mamás na loita polos caramelos, volveremos á casa, reservando forzas para a proba final: agardar como se tal ata as tantas da mañá, cando os reis da casa estean comprobadamente durmidos e poder desprazarse silandeiramente a garaxes, trasteiros, faiados e mesmo casas de parentes para apañar as moreas de regalos que fomos colleitando desde hai semanas. ¡Veña que é o último, e dentro dunhas horas xa se acaba todo!, consolarémonos.    

    E cando, raiando case o día, nos metamos na cama, descansaremos coa satisfacción de ter superado un ano máis a proba do Nadal. Case dous meses de anuncios televisivos. Un mes de empacho temático, visual e sonoro, por terra, mar e aire. Tres semanas de análise e sondaxe de gustos e necesidades da familia toda e do círculo íntimo de amigos, para establecer os regalos que lles hai que facer, e outro tanto de prospección de mercados, de estratexias de compra e de anestesia do sentido común financeiro. Dúas semanas de festas, ceas e despedidas a un ritmo de campaña electoral presidencial USA. E todo no medio de atascos de tráfico e de xente que recordan as imaxes cinematográficas da caída de Saigón. Por que cada ano aturamos toda esta ordalía, se aínda nos estremecemos co recordo do anterior e intuímos que o vindeiro será seguramente peor? Porque é todo unha conspiración planetaria e universal argallada por algunha secta, na que están compinchados desde as grandes superficies ós emisores de tarxetas de creto. Todos eses seres que sorrín e brindan desexando felicidade e que fan que pasan ben nos especiais da televisión son cómplices ou víctimas, coa vontade anulada. Pensárono ben, e aproveitaron estas datas nas que de sempre a xente se recollía para estar xunta e ó calor, e agora pensamos que as celebracións dese cambio de ano son este espanto. Que ademais non rematou nin para vostedes: mañá hai que devolver os regalos cos que non se atinou, e comezan as rebaixas.

(FARO DE VIGO, sábado 6 de xaneiro de 07)


Xan 05 2007

Facendo amigos

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 9:25 am

 Se outra vez me dá por facer traxes, mellor non incluir o e-mail


Xan 02 2007

Siniestro Filial

Categoría: Xeralsihomesi @ 2:33 am

(Como para fiarse da wikipedia)