Feb 25 2007

Idoia en Herat

Categoría: Si home sisihomesi @ 4:40 am

Hai casos nos que, como lle pasaba ó Castroforte del Baralla de Torrente Ballester, o ánimo xeral se suspende e levita por riba da realidade. Aínda que sintamos distinto, todos dicimos o mesmo. Casos como, por exemplo, o desa pobre rapaza dunha aldea de Friol morta en Afganistán. Idoia en Herat parece o título dunha traxedia grega, e todos os elementos fan que en efecto, sexa unha traxedia. Desde o fado fatal da súa vocación militar desde nena, ata o plus de dor para a familia que debe ser que fose filla única. Pero a traxedia persoal, grega ou de Friol, non pode ocultar dúas realidades sobre as que non deberiamos levitar, senón ter ben presentes, por incómodas ou inoportunas que sexan. A primeira é que o oficio de militar implica o risco profesional de morrer a mans dos colegas do outro bando, aínda que ese risco sexa considerablemente menor que o que padecen os civís das zonas de guerra. As forzas armadas non son esas ONGs de uniforme que venden os anuncios e os medios de comunicación, e se a un sitio vai o Exército e non Farmacéuticos Sen Fronteiras ou Ecos do Sur é porque o sitio é perigoso de máis para andar axudando sen o mazo dando. A segunda é que, por moi normal que sexa que a Idoia lle tocasen destinos amolados, e por moito mandato da ONU que se queira, nin ela nin os seus compañeiros deberían estar en Afganistán.

Afganistán é o resultado dunha desas xeniais estratexias que argallan e executan os Estados Unidos para amañar o mundo. Alí había un réxime comunista daquela maneira, que non debía ser como para mudarse alí de xubilado, pero polo menos non había máis guerras que as internas do propio goberno, o cultivo do opio estaba máis ou menos controlado e as mulleres estudiaban e podían exercer unha profesión. Pero como o goberno aquel estaba no lado do que despois se coñecería como Eixo do Mal, a Ronald Reagan (na súa faceta presidencial) metéuselle na cabeza promover a Liberdade. Así, subvencionou ós que se dedicaban a sacar ás mulleres da escola a punta de pistola e armou a xentes como Osama Bin Laden e outros aliados do mundo occidental e cristián. Feito o pandeiro que se fixo daquel país, agora o que lle queda ó mundo civilizado é optar polo bando menos malo, pero que non deixa de ser un bando (e o que peor paga ós traballadores do kalashnikof, por certo).

Fóra desas realidades incómodas e inoportunas hai fenómenos como esa reclamación de Mariano Rajoy ó goberno de Zapatero de que aclare cal é a situación en Afganistán e a petición de que recoñeza que alí as tropas españolas están en misión de combate. Rajoy, aínda que non se acorde, vicepresidiu un goberno que foi o primeiro en enviar efectivos militares a Afganistán, e logo alentou unha guerra en Irak á que tamén mandou tropas en misión oficialmente humanitaria. Iso, máis que unha posición política, parece o exame de entrada en Cínicos Anónimos.

(LA OPINIÓN, 24 de febreiro de 2007)


Feb 22 2007

Blanco como branco

Categoría: Destafoi, Xeralsihomesi @ 3:29 am

Non sei se viron unhas informacións (que non me peta linkar) sobre o presunto "trato de favor a empresas do BNG" por parte de consellerías xestionadas polos nacionalistas. A pesar do plural ("empresas"), á que se refiren as noticias e unha posterior denuncia do PP é a de Xosé Manuel Blanco que organizou A cultura circula. Blanco é irmao de Fernando Blanco, conselleiro de Innovación, ou mellor, Fernando Blanco é irmao de Blanco, o mánager de Siniestro Total e un profesional máis que consolidado no sector (pese á pinta que mete e a cara de bo rapaz que ten), que traballou para tododiós, incluído o PP (por certo, que o PP fale de irregularidades en cuestións de contratacións musicais é para darlle á benvida a Comisionistas Anónimos).

Este é o comunicado de apoio que veñen de facer público outros artistas (presuntos titiriteiros subvencionados, suponse). De Quempallou a Dover pasando por Julieta Venegas

COMUNICADO

Queremos manifestar fronte as informacións aparecidas en distintos medios de comunicación, que recoñecemos en Xose Manuel Blanco un profesional cunha longa traxectoria na industria do espectáculo e con moitos anos de experiencia no sector.

  • IVAN FERREIRO · ALFONSO FRANCO · ANTON REIXA · ANXO PINTOS · ARAN · ARDENTIA · ARTICKET · ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS · BELADONA · BERROGÜETTO · BUDIÑO · CARLOS BLANCO · CARTAFOL EDITORES S.L. · CASA DE TOLOS S.L. · EMILIO RUA · ENTRETRASTES · FALCATRUADA · FIADEIRO · KELTIA PRODUCCIONS S.L. (MANAGEMENT CARLOS NUÑEZ) · LA FABRICA DE CHOCOLATE · MACFECK · MALVELA · MARCOS CAMPOS · MARFUL · NARF · NORDESIA PRODUCCIONS S.L. · O TEAR DE LLERENA · PAI EDICCIÓNS S.L. · PRODUCCION E XESTION CULTURAL S.L. · Antonio Caneda, director de PRODUCCIONES INDEPENDIENTES CULTURALES (Vilagarcia) QUEMPALLOU · RODRIGO ROMANÍ · RUXE RUXE · SANTIAGO LÓPEZ CUADRADO (Xerente multiusos Fontes do Sar) · SILMAN PRODUCCIONES S.L. · SINIESTRO TOTAL · SonDeSeu . SWEET TOURS · THE SPLINKS · UGIA PEDREIRA · UXIA SENLLE · VALONGO · XIAIA · XOSE LIZ · XURXO SOUTO · XXL PRODUCCIONS S.L., KACHET LOXISTICA ESPECTACULAR SL · ABADA, XESTIÓN CULTURAL · GINTONIC MUSIC · DISTRIBU PRODUCCIONS · LUAR NA LUBRE

Queremos manifestar frente a las informaciones aparecidas en distintos medios de comunicación, que reconocemos en Xose Manuel Blanco un profesional con una larga trayectoria en la industria del espectáculo y con muchos años de experiencia en el sector.

  • Carlos Mariño, director de SPANISH BOMBS MANAGEMENT (Madrid) · Carlos Galan, director de SUBTERFUGE RECORDS (Madrid) Miguel Moran, director del FIB (Festival Internacional de Benicassim) · (Madrid) · Gerardo Carton, director de PIAS SPAIN (Madrid) · David Jiménez, director de LOVE TO ART (Madrid) · Jesús Ordovas, periodista musical, director del programa DIARIO POP de RNE-RADIO 3 (Madrid) · Francisco Cuberos, director de MUSICA ES AMOR, (Granada) · Francisco Vilches, director de TUA S.L. (Jaén) · Rafael Santacruz, director de MERCHANDTOUR S.L. (Madrid) · Francisco López, director de ATTRACTION MANAGEMENT (Madrid) · Pascual Antonino, director de VINILO IDEAS MUSICALES (León) · Florentino Sanchez, director de TALENT MANAGEMENT (Madrid) · Unai Fresnedo, director de RADIATION S.L. (Bilbao) ·Javier Liñan, director de VIRGIN MUSIC-SPAIN (Madrid) · Roberto Grima, director de IGUAPOP (Barcelona) · Angel Romero, director de AVALLEKAS EDICIONES MUSICALES (Madrid) director del EXTREMUSIKA FESTIVAL · Iñigo Argomaniz, director de GET-IN MANAGEMENT, (Donosti) · Alvaro Ruiz, director de FESTIMAD (Madrid) · Pedro Paramo, director de AGUSTINA PRODUCCIONES S.L. (Miranda del Ebro) · Juan Salan, director de SALAN PRODUCCIONES (Las Palmas de Gran Canaria) Fernando Rutia, director ACTUA MANAGEMENT (Madrid) · Santi Camuñas, director de CREACCION S.L. (Madrid) · Sagrario Luna, directora de SLUNA COMUNICACIÓN (Granada) · Enrique Prieto, de GLOBO MEDIA MUSICA (Madrid) · Arturo Bengoa, NORTE ILUMINACION (Madrid) · Albert Salmeron, director Producciones Animadas S.L. (Barcelona) · Fernando Revilla, director de DISTRITO FLAMENCO S.L. (Madrid)· Javier Luque, director de DISEÑO Y LUZ S.COOP (Madrid)· Barnaby Harrod, director de MERCURY WHEELS (Madrid) · ZERUPEAN SL ,DOVER · JULIETA VENEGAS · KIKO VENENO · LOS PLANETAS · LORI MEYERS · DJ AMABLE · PEREZA · ALBERT PLA · REINCIDENTES · PORRETAS · BOIKOT · SIDONIE· JAVIER ALVAREZ · SKIZOO

Feb 20 2007

Cousas que poden parecer antroidadas e que non o son

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:41 pm

Comezou o xuízo do 11-M. Se a cousa non tivese un trasfondo tráxico que ten e me puidese encargar de quitarlle ferro ó tema, porque xa hai xente abondo disposta a aumentarllo, salientaría a desgracia de que coincida no tempo co Antroido, e no espacio con ARCO, a feira madrileña da arte contemporánea. Se puidese etc., apuntaría o peor que lle pode pasar a ese xuízo é que as coincidencias se convertan en semellanzas, porque nesta época poden pasar por antroidadas cousas que non o son.

Non é que entenda demasiado de xuízos, procesos e vistas orais, a pesar de que asistín a máis dos que quixera. E, por suposto, non me sinto capacitado para xulgar a ninguén (para criticar si, porque opinións non implican que alguén se teña que mudar a Teixeiro, A Lama ou Pereiro de Aguiar). Tampouco o Antroido é das miñas festas favoritas e menos desde que a rabuda celebración orixinal morreu a mans dos departamentos municipais de festas. E desde que a pintura abandonou o formato das dúas dimensións, a arte contemporánea pasou de producirme emoción a ganas de rifarlles para que recollan todo despois de xogar. Explicitamente recoñecida a miña ignorancia neses tres campos, teño para min que o famoso xuízo sobre o tráxico atentado do 11 de marzo é máis traballoso que delicado, e cómprelle máis esforzo que arte. Sumario complexo e de solución incerta, o do Prestige que ten que lidar sen axudas o pobre do xuíz de Corcubión, pero está máis no aire quen vai saír presidente da Deputación de Ourense nas próximas eleccións que como vai acabar o xuízo do 11-M.

Haberá que seguir o procedemento legal e manter o principio de presunción de inocencia e todo iso. E tamén haberá que debullar aspectos como se algúns dos implicados, en concreto os da chamada trama asturiana, son uns malvados conscientes ademais duns evidentes descerebrados. Pero todo o demais está investigado, e por todos: xuíces, policías, peritos, periodistas, pirotécnicos, quiroprácticos e quirománticos. Mesmo teño un certo reparo de chegar estes días á casa da miña sogra e atopala tan posta en detonantes e deflagracións como se acabara de xubilarse no departamento de I+D de Explosivos Río Tinto. Nunca tantos pescudaron tanto, para acabar descubrindo o que xa se sabía mesmo cando Acebes era aínda ministro do Interior en funcións. Se as probas polas que condenaron a Lee Harvey Oswald por matar a Kennedy fosen tan claras e contundentes, non se farían películas como JFK.

Claro que circulan e se difunden elucubracións abracadabrantes.Tácticas dalgúns medios de comunicación, economicamente lexítimas, de ofrecer un producto diferenciado, igual que a barraca da muller araña que ía polas feiras era unha alternativa ós zoolóxicos no sector do espectáculo animal. Pero agora, na Casa de Campo de Madrid non se celebra unha performance (a deconstrucción alegórica do Xuízo Final) dentro da programación de ARCO, nin os asistentes forman parte de ningunha murga ou charanga que fan risa da xudicialización da vida política. Comezouse a xulgar a 29 persoas pola morte de 192. Non é tempo de máscaras, nin de creatividade, nin de opinión. É o tempo da xustiza, da boa ou mala que aquí hai.

(FARO DE VIGO, sábado 17 de febreiro de 07)    


Feb 13 2007

Alejandro Finisterre

Categoría: Xeralsihomesi @ 6:04 am

Na fin de semana, que é a forma discreta de morrer hoxe en día, foise Alejandro Finisterre. Estiveramos con el hai un par de meses, no que para min era unha obriga e acabou sendo unha experiencia ("Cando vaia dar a luz / botádeme ao mar; / quero dar a luz / estrelas de mar", di no video).


Feb 11 2007

Carnaval, a modo

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:01 pm

Teñen razón os que aseguran que nunca tal pasou como as que están pasando, e que todo pode acabar moi mal, por moitas razóns, pero sobre todo por como está a xustiza. Falo do auto ese dun maxistrado canario que suspendeu cautelarmente –e decir, por si ascaso- a celebración do carnaval de Santa Cruz de Tenerife, estimando o recurso de sete asociacións de veciños e dalgúns particulares, fartas e fartos do ruído que se monta.

         Cando algo ou alguén amola ós demais, hai dúas liñas clásicas de xustificación: “é que é unha tradición” e “a modo, que estou traballando”. Dúas escusas habituais que serven para todo, desde as corridas de touros  ou a ablación feminina (é que son unha tradición) ata chantar unha furgoneta no medio da rúa (acouga neno, que estou traballando). O alcalde de Tenerife, imaxino que ante a pouca credibilidade da segunda escusa-tipo, escolleu a primeira. “Nos enfrentamos a un hecho sin precedentes que ataca al corazón, los sentimientos y la historia de Santa Cruz de Tenerife […] una mutilación irreparable de las fiestas del Carnaval de Europa, una celebración de más de 200 años”, laiábase nun bando. Supoño que si, que o carnaval tinerfeño debe ser o demo, habida conta de que os dos outros sitios cada vez o van collendo como modelo en cousas como embutir a pobres rapazas en armazóns metálicos como torretas de Fenosa, recebados de plumas e luminarias. E menos me costa supoñer que a boa parte da cidadanía e á maioría absoluta do sector hostaleiro non lle presta nadiña que limiten os espectáculos ata que o concello sexa capaz de limitar o boureo, ou ata o luns en que se verá a demanda no xulgado.

           Quero decir que non dubido que ataque o corazón e os sentimentos, pero a tradición é outra cousa. É habitual esbardallar en datas concretas, con motivos varios como supostas efemérides (o Nadal), a onomástica dun santo (as festas patronais) ou unha esforzada conquista deportiva dun equipo aveciñado na localidade. Pero tradicional non. Hai 200 anos, nin siquera hai 50, non eran tradicionais as megafonías e outros sistemas de facer participar á forza nos festexos a quen non quere. O que pasa que as institucións todas, e nomeadamente os concellos, no seu afán de rexer a vida cotiá do persoal, están empeñadas en promover actitudes colectivas que logo sancionan si se practican a pequena escala e por iniciativa individual. Por exemplo, convocan festas multitudinarias ó aire libre, e prohiben o botellón. Ou organizan concertos e verbenas, e logo pechan locais que celebran actuacións musicais.

         A maiores do carnaval tinerfeño, xa hai decisións xudiciais pouco respectuosas coa tradición de meter ruído. O Tribunal Supremo condenou ó alcalde de Villareal (Castellón) a unha pena de inhabilitación por non ter atallado a actividade dunha fábrica (e permitir o que sexa con tal de que supoña postos de traballo si que é unha tradición). Con máis cautela, o Tribunal Superior de Galicia condenou o Concello de Ribadeo a pagarlle 60 euros ó mes a un veciño da zona de copas mentres non lle solucione o de poder durmir con xeito. Conto isto non por nada, nin porque teña intención de ningún tipo, simplemente a xeito de recordatorio de que o Antroido está á volta da esquina.

 
(LA OPINIÓN, sábado, 10 de febreiro de 07)

 


Feb 11 2007

Paz e mascotas

Categoría: Kinopravdasihomesi @ 4:44 am

 


Feb 03 2007

O código Da Sepi

Categoría: Si home sisihomesi @ 5:31 pm

En momentos coma este é cando lamento as considerables carencias da miña formación, o tempo lamentablemente perdido en actividades escasamente productivas e non ter endereitado a tempo certos defectos de carácter. Se soubera algo de economía, me tivera dado polas lecturas esotéricas ou conspiranoicas tipo Tom Clancy ou Dan Brown, e tivera forza de vontade, en vez de estar aquí facendo chistes a análises de patacón, estaríame aplicando a construír un novelón de éxito seguro, deses entre a ficción e o reportaxe. Desafortunadamente, a causa destas eivas, a cabeza soamente me dá para o título: O código Da Sepi.

De ser como tería que ser e non como son, comezaría poñendo en antecedentes ó amable lector sobre a Sepi propiamente dita. Tras ese nome que parece o diminutivo cariñoso dunha porteira madrileña está a Sociedad Estatal de Participaciones Industriais. Unha sociedade concibida como un hospicio para empresas economicamente terminais, que abnegadamente se dedica a sanealas con fondos públicos para logo devolvelas pimpantes e de balde á economía privada. (Para desactivar a incredulidade dalgúns lectores de que tal cousa exista, acompañaría a descrición das actividades da Sepi coa reflexión de que isto pasa porque os accionistas protestan moito por decisións adoptadas por directivos que eles elixiron, mentres os meros cidadáns xa están afeitos a que os que elixiron fagan o que lles pete cos cartos). Pero ó que estabamos. Ese plácido mundo da beneficencia empresarial vese de pronto alterado por un feito insólito: unha sociedade privada pretende que lles cedan uns terreos escasamente utilizados que a Sepi ten en concesión, para poñer en marcha unha industria. Así, inocentemente, sen máis axudas.

Se eu tivera arte para estas cousas, iría dosificando a información para ir espertando pouco a pouco as sospeitas de que hai algo raro detrás de todo isto. Por exemplo, os empresarios aseguran que crearán postos de traballo, eles solos, pola súa conta. E cando o lector por un lado pensa que todo vai ben, pero polo outro algo lle cheira e ten todas as trazas dunha conxura, revelaría con toda a crueza os intereses encontrados e a loita descarnada que hai detrás de todo (que agora non se me ocorre que pode ser, pero malo sería que non se me ocorrera algo). O chave de toda a intriga é un documento misterioso, que uns defenden afervoadamente e outros matarían por conseguir. O seu contido non se sabería ata o final. Ou nin eso: quedaría destruído, por exemplo, nunha explosión nuclear de baixa intensidade, como símbolo da miudeza das preocupacións humanas en comparación cos problemas do universo.

A cousa podería ir nesta liña e sería un trepidante thriller sociopoliticoeconomico cheo de reunións, declaracións, ultimatos e situacións límite. Ou tirar máis cara a fantasía e situar a acción nun mundo paralelo, no que presunto organizador do complot é un organismo político en mans da fanática secta dos nacionalistas, apoiados ademais, ó parecer, por unha institución rexida por unha orde, os socialistas, con ramificacións en todo o mundo e en todas partes, mesmo na propia cúpula da Sepi. Construiría protagonistas dunha peza, como o entrañable dirixente da Sepi Enrique O Roble, custodio do documento que garda un secreto inconfesable que, si se fai público, afunde o mundo e disparase o euríbor. Ou o astuto Fernando O Blanco, xefe da secta que pretende facerse co documento para entregarlle os terreos sagrados de Perlío, na costa de Fene, ós desalmados constructores de barcos civís, orixinarios das cálidas terras do sur.

Canta razón tiñan as nais cando nos dicían que había que aproveitar o tempo, e que pouco caso lles fixemos.

(LA OPINIÓN, sábado 3 de febreiro de 07)