___________________________ __________________________
___________________________
31 Sábado Mar 2007
Publicado en Matrix Press
___________________________ __________________________
___________________________
29 Xoves Mar 2007
Publicado en Matrix Press, Xeral
Efectivamente, 0,80 é o valor do debate político en España, do nivel de análise, da información dos media e moito me temo que, consecuentemente, da calidade da democracia. Menos que 1.
26 Luns Mar 2007
Publicado en Kinopravda, Xeral


(A tradicional visión do pensamento galego como unha variante da actividade gastronómica?)
24 Sábado Mar 2007
Publicado en Si home si
Saber que a obxectividade non existe é como unha especie de contrasinal co que os periodistas identifican ós que son do gremio. E verdades hai moitas, non tantas como xente pero si máis que relixións. Todo foi sempre bastante depende, pero contra ese relativismo extremo que tanto alarma ó papa Bieito sempre houbo algo que se chamaba criterio. Era unha virtude semellante ó sentido común, algo máis escasa e máis precisa. Agora, sen embargo, parece estar en perigo de extinción.
Sentido común tampouco é que haxa moito, como revela o caso deses pais do Bolo que se negan a que no bus escolar viaxen adultos cos seus fillos. Os argumentos de que hai perigo de contaxio (dos adultos ós nenos) ou de agresión (dos nenos ós adultos), é decir, exactamente o contrario do que dicta a experiencia, evidencian que tamén se perdeu o sentido do ridículo á hora de expoñer razóns, porque se lles parece inconveniente que viaxen cos tíos ou avós dos seus compañeiros, non sei como outros pais soportan que os seus cativos vaian en autobús ou no metro. A maiores este asunto é unha proba máis da agonía do sentido da decencia política: o alcalde que solicitou a implantación do programa piloto, apoia agora ós pais obxectores.
Pero minguando os sentidos común, do ridículo argumentativo e da decencia política, o estado do criterio, dalgúns criterios profesionais, é similar ó do lince ibérico. Vai haber que esmerarse e andar con ollo para que non se extinga. O criterio dunha xuíza de Frankfurt, que lle denegou o divorcio a una muller magrebí de 26 anos do seu marido, tamén orixinario de Marrocos, co argumento de que o Corán xustifica que o home exerza a violencia sobre a muller. A maxistrada considerou que, dado que o que aquí chamamos violencia de xénero é habitual no país de orixe, ela xa sabía ó que se expoñía cando casou con el (con el ou con calquera outro, xa postos no argumento). Acolleuse ás raíces culturais da demandante e do demandado, segundo as propias palabras da xuíza, que foi apartada do caso. Ás raíces culturais acolleuse tamén na máis próxima Cantabria o maxistrado Campelo Iglesias (que, con eses apelidos, virá sendo de moito máis aquí) que na sentencia a unha muller que lle petou á amante do seu marido, propúñalles a reconciliación “en el Espíritu de Jesucristo Resucitado”, e sinalaba que foi “el maligno” o causante de que o esposo fose ir “beber de otra fuente que estimas menos gastada”. Ignórase se o consello foi ou non seguido polos aconsellados, pero o Consejo (General del Poder Judicial) vén de multar ó aconsellador con 600 euros. Parecerán poucos ou moitos, pero son os mesmos que terá que pagar para se librar de penas ese conductor asturiano que puxo o coche a 260 kilómetros por hora porque, segundo o criterio do xuíz que o absolveu, non puxo en perigo a ninguén concreto. Outra sentencia baseada nas raíces culturais. Nas de que se tes un coche que vale 145.000 euros, non hai perigo, nin de matarse nin de que te enchironen, porque se te gastas 24 millóns de pesetas non é para ir a 120. A este xuíz non lle pasou nada, que se saiba. A ver que criterio usa o que teña que xulgar a reclamación xudicial de danos e prexuízos por estar ano e pico sen carné que fará o conductor absolto.
Distraio a súa atención con estes casos xudiciais para non ter que castigalos co tema de sempre. Co curioso que é que os maxistrados da Audiencia Nacional que ían xulgar a Arnaldo Otegui por “enaltecimiento del terrorismo” (por falar ben del, vamos) se queixen, por primeira vez na historia do sector, de que o tiveron que absolver cando lle tiñan preparado un paquete con xeito, porque o fiscal non se portou. Apenas 48 horas antes, o que fora vicepresidente do Tribunal Constitucional, Tomás Vives, referíase na Estrada, na Academia Galega de Seguridade, “a la más que discutible condena de De Juana Chaos por el más que discutible delito de amenazas terroristas”. Quizais a xustiza sexa un tema demasiado serio para que se imparta con criterios xudiciais.
FARO DE VIGO, sábado 24 de marzo de 07
20 Martes Mar 2007
Publicado en Non sei eu..., Xeral
Cando leo unha entrevista, sexa en formato pregunta/resposta ou non, a maiores do que din esa parella de feito circunstancial, cada vez máis fíxome no canizo que hai detrás da conversa. Cando lin a que lle fixo Fran Alonso a Lupe Gómez, deume un arreguizo. Non coñezo da nada a Lupe, mesmo tiven unha reacción un tanto fraguiana ó título do seu poemario, pero poucas veces un texto xornalístico me puxi ben claro, por moito que xa as soubera, dúas cousas: a diferencia que hai entre o grao e a palla en poesía, e esa inmensa mentira – cando non canallada – do bilingüismo harmónico.
18 Domingo Mar 2007
Publicado en Matrix Press, Non sei eu...
17 Sábado Mar 2007
Publicado en Si home si
Canta máis información se teña e se dispoña de máis datos, mellores decisións se toman. E as institucións públicas, como teñen ferramentas bastantes para facer estudios e análises e non están guiadas por intereses particulares, escollen as opcións que favorecen a todos, e se non pode ser a todos, polo menos á maioría. Se está de acordo con esto adiántolle que non lle vai gustar o que vén.
Para que vexa que nin eu nin vostede tiñamos razón, temos o caso do AVE. O trazado do alta velocidade ferroviaria, alomenos no treito de entrada á Coruña, deseñouse sobre mapas cartográficos de hai 14 anos, e miren o que cambia todo en 14 anos. Non se deberon parar moito, porque como a primeira solución polas Xubias non lle gustaba a Paco Vázquez (e a ninguén, todo sexa dito) Álvarez Cascos e Núñez Feijoo, que daquela eran os que mandaban nas obras, argallaron esta outra. Había presa e non repararon en que o tren pasaba polo medio de Cambre e por riba dun paseo fluvial feito do trinque, nin perderon o tempo en pedirlle información ós alcaldes.
Había presa e non repararon que a vía de toda a vida que pretenden desmantelar para facer parte da nova pasa polos sitios nos que vive a xente toda que tupe Lavedra todas as mañás para ir traballar á Coruña e todas as tardes para volver a casa, e a maiores dedica media hora diaria a axudar a atrancar as demais rúas tentando aparcar. Non repararon en que, con AVE ou sen el, o coruñés medio vai a Madrid, como moito, dúas veces ó ano, pero por Lavedra, como mínimo, pásase día si, día non. Como había presa en aproveitar urbanísticamente a zona portuaria e facer caixa, mantense a estación do tren en San Cristobo, cando ata o arquitecto Busquets sabe que é en San Diego onde hai que poñer unha estación intermodal, de cercanías, lonxanias, buses e trolebuses, metros lixeiros ou pesados. Hai tanta presa en planear que xa se quere empezar a construír no porto, sen saber que (pero si sabendo quen, supoño).
Evidentemente, toda é culpa é do PP, claro. A caricatura de 16 anos de acción de goberno da Xunta, esaxerada na forma pero real no fondo, é a dun equipo facendo, pero sobre todo facendo que fai, mentres o presidente anda de acó para aló traballando tremendamente en estar moi ocupado. De cando en vez íase mundo adiante, de Libia á Pampa, a recibir trato de xefe de estado, facerse fotos cos líderes respectivos e deixarse ver entre os inscritos no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes). Fóronse aqueles, viñeron estes, pero, para fixarnos nun símbolo, non se renovaron os planos de marras. Os alcaldes de Cambre e Bergondo están a agardar a que o presidente da Xunta veña de Brasil para contarlle o de que os mapas son vellos, pero a cousa pinta mal porque Touriño antes de irse xa deixou dito que hai presa.
(LA OPINIÓN, e FARO DE VIGO, sábado 17 de marzo de 07)
11 Domingo Mar 2007
Publicado en Si home si
Penso que aínda non comprendemos o duro que é o duro mundo empresarial. Como calquera outra sensación, por moito que digamos que o entendemos, que nos solidarizamos, que acompañamos no sentimento, non hai tal. O malo de ser un gran capitán da industria non é sentir o desapego das clases modestas, tradicionalmente inmersas na querencia funcionarial. Ou afrontar aqueles vellos resentimentos ideolóxicos anticapitalistas, que xa se encargan de ridiculizar nos seus discursos os que os defendían cando eles eran novos. Non, o malo é gobernar o temón dunha grande nave e estar ó que sopren os ventos da política.
Trabucado quizais por aqueles vestixios anticapitalistas, sinceramente eu sempre pensei que era ó revés. Que eran as grandes corporacións as que impoñían os rumbos políticos. Quizais pase no planeamento urbanístico, pero non no industrial. No industrial pensei que estaba extinta a anomalía da vía franquista á excelencia emprendedora que me contou un prestixioso economista: para facerse empresario de éxito chegaba con que un amigo concedese unha licencia de importación de algo, do que fose. Como aquí, fora das mantas de Palencia e das follas de afeitar Palmera non se facía moito máis, poder achegar do mundo normal exterior calquera cousa era ter garantido o cento por cento da cota de mercado. As cousas xa non son así, claro, pero ben parecen iguais, atendendo a actualidade. Sobre todo en sitios onde as industrias foron sempre da man institucional, civil ou militar, como Ferrol.
Pasou co asunto de Navantia- Fene, que xa se dá por descontado, por moito que aínda quede xente e actitudes por retratar. Hai máis de vinte anos, a opción de manter os estaleiros públicos de Andalucía e non os do norte foi unha decisión política, non empresarial nin económica (como moito, foi de economía electoral). Hai dous anos, cando o destino alcanzou de novo ó naval, as organizacións políticas e sindicais todas escolleron a opción pública conservadora en detrimento do risco privado. Agora é o mesmo. Non se evidencian moitas explicacións económicas ó misterio de por qué ó Estado lle paga a pena enfrontarse a Bruxelas por quen ten dereito a mercar Endesa (se Gas Natural ou E.On) e non se atreve a ceder o uso duns peiraos que ten e concesión. Como me dixo outro economista (tamén prestixioso, eu funciono por rachas): “estas cousas fanse e logo, e todo caso, mándase unha xustificación ou amáñanse por tras. Desde logo, a Cataluña non llo farían”. (¿Quizás porque alí votan doutra forma?)
Claro que o sistema ten aspectos positivos, mesmo para as empresas. O porto exterior da Coruña faise para sacar do interior da ría os tráficos de productos perigosos ou fastidiosos como o petróleo ou o carbón, para satisfacción dos complexos industriais que os usan. Sen embargo en Ferrol, métese un tráfico de risco como o do gas para o medio e medio da ría, porque as administracións dan por bos os argumentos técnicos de que onde mellor vai estar unha empresa que nos terreos que sexan propiedade do empresario. Se logo esa planta de gas, metida con calzador, xeográfica e administrativamente, resulta que onde non entra é na planificación estatal do sector, malo será que outra decisión política non escriba dereito con liñas tortas. O bo das arbitrariedades é que son bidireccionais e reversibles. Dependendo de quen estea no comezo ou no cabo, pódeselles dar a volta.
(LA OPINIÓN, sábado, 10 de marzo de 07)
08 Xoves Mar 2007
Publicado en Kinopravda

04 Domingo Mar 2007
Publicado en Xeral
Pasou no que debeu ser a primeira visita institucional á Generalitat do presidencia de Galicia, daquela Xunta preautonómica que pouca máis infraestructura tiña que unha secretaria. Non sei se o pre-presidente era Antonio Rosón ou José Quiroga, pero o total da representación eran tres, segundo o que recordo do relato que me fixo un dos protagonistas. En canto chegaron ó aeroporto de Barcelona recibíraos un home vestido de gaiteiro, acompañado doutro provisto do correspondente bombo, que como era de prever, que en canto os divisaron, acometeron o himno galego, ou outra peza patria. Así, musicalmente escoltados, atravesaron o aeroporto ata a saída. Xa no exterior, o gaiteiro interrompeu a execución e sacou dalgún sitio unha tira de alfombra vermella, que despregou ata un taxi alí estacionado, ó tempo que lles abría a porta de forma solemne. Os tres confusos políticos acomodáronse nos asentos de atrás do coche, mentres o gaiteiro gardaba a gaita no maleteiro, empolingaba o bombo na baca e se poñía ó volante do vehículo. Deste xeito, no clásico taxi amarelo e negro coroado menos ortodoxamente por un bombo, cunha parella de gaiteiros na parte dianteira e a clase política na de atrás, arribou a representación de Galicia ó encontro con Josep Tarradellas. A parella de esforzados e patrióticos gaiteiros xa se aprestaba a dispoñer o bombo e a alfombra para darlle rumbo institucional á chegada ó Palau de Sant Jordi, cando un dos políticos convenceunos de que non facía falta, agradeceulles o xesto e despediunos.
Onte, máis ou menos un século despois, a visita de Emilio Pérez Touriño a Barcelona non tivo nada que ver. Eu tampouco estaba presente, pero supoño que a arribada e tránsito do presidente galego ó aeroporto de El Prat discurriría con esa eficacia discreta coa que se fan estes trámites nesas altas instancias. Antes de pasar pola Generalitat, o presidente da Xunta protagonizou un almorzo nun foro de economía onde lles pasou polos fuciños –se me permiten a expresión vulgar- a boa marcha da macroeconomía galega. Logo, a reunión con Montilla deu de si o que dan de si estas reunións. 25 anos despois da visita co bombo, o único sinal de asimetría que percibín –aínda que pode ser debido ó protocolo- é que Montilla se expresou en todo momento en catalán, pasando da teórica posibilidade de que usar o castelán puidese darlle máis alcance as súas declaracións, e Touriño non (non se expresou en galego, non en catalán).
Sen embargo, a xornada do presidente da Xunta rematou nunha desas galas-ceas argalladas pola clásica asociación creada polas forzas vivas emigrantes para autohomenaxearse, posta baixo a advocación dun bicho comestible. Non fun, pero os colegas que asistiron á o ano pasado aínda se poñían colorados cando a recordaban [Desta vez, tamén. A orquestra interpretou Xuntos, non sei se como repertorio de Juan Pardo ou do PPdG]. A crítica ás forzas vivas emigrantes non é xeneralizable ós emigrantes. Dos episodios máis conmovedores que teño lido é o de como un humilde grupo traballadores de Láncara en Barcelona xuntou cartos esforzadamente para que ó fillo dun deles que valía moito, un rapaz que logo sería o catedrático e estudioso Basilio Losada Castro, lle puidesen dar estudios. No tocante ás visitas, sería interesante que, conseguido o equilibrio na pompa oficial, a clase política galega optase pola épica humilde de xentes como aqueles de Láncara.
(LA OPINIÓN, sábado, 3 de marzo de 07)