Mar 17 2007
Arte de planear
Canta máis información se teña e se dispoña de máis datos, mellores decisións se toman. E as institucións públicas, como teñen ferramentas bastantes para facer estudios e análises e non están guiadas por intereses particulares, escollen as opcións que favorecen a todos, e se non pode ser a todos, polo menos á maioría. Se está de acordo con esto adiántolle que non lle vai gustar o que vén.
Para que vexa que nin eu nin vostede tiñamos razón, temos o caso do AVE. O trazado do alta velocidade ferroviaria, alomenos no treito de entrada á Coruña, deseñouse sobre mapas cartográficos de hai 14 anos, e miren o que cambia todo en 14 anos. Non se deberon parar moito, porque como a primeira solución polas Xubias non lle gustaba a Paco Vázquez (e a ninguén, todo sexa dito) Álvarez Cascos e Núñez Feijoo, que daquela eran os que mandaban nas obras, argallaron esta outra. Había presa e non repararon en que o tren pasaba polo medio de Cambre e por riba dun paseo fluvial feito do trinque, nin perderon o tempo en pedirlle información ós alcaldes.
Había presa e non repararon que a vía de toda a vida que pretenden desmantelar para facer parte da nova pasa polos sitios nos que vive a xente toda que tupe Lavedra todas as mañás para ir traballar á Coruña e todas as tardes para volver a casa, e a maiores dedica media hora diaria a axudar a atrancar as demais rúas tentando aparcar. Non repararon en que, con AVE ou sen el, o coruñés medio vai a Madrid, como moito, dúas veces ó ano, pero por Lavedra, como mínimo, pásase día si, día non. Como había presa en aproveitar urbanísticamente a zona portuaria e facer caixa, mantense a estación do tren en San Cristobo, cando ata o arquitecto Busquets sabe que é en San Diego onde hai que poñer unha estación intermodal, de cercanías, lonxanias, buses e trolebuses, metros lixeiros ou pesados. Hai tanta presa en planear que xa se quere empezar a construír no porto, sen saber que (pero si sabendo quen, supoño).
Evidentemente, toda é culpa é do PP, claro. A caricatura de 16 anos de acción de goberno da Xunta, esaxerada na forma pero real no fondo, é a dun equipo facendo, pero sobre todo facendo que fai, mentres o presidente anda de acó para aló traballando tremendamente en estar moi ocupado. De cando en vez íase mundo adiante, de Libia á Pampa, a recibir trato de xefe de estado, facerse fotos cos líderes respectivos e deixarse ver entre os inscritos no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes). Fóronse aqueles, viñeron estes, pero, para fixarnos nun símbolo, non se renovaron os planos de marras. Os alcaldes de Cambre e Bergondo están a agardar a que o presidente da Xunta veña de Brasil para contarlle o de que os mapas son vellos, pero a cousa pinta mal porque Touriño antes de irse xa deixou dito que hai presa.
(LA OPINIÓN, e FARO DE VIGO, sábado 17 de marzo de 07)


o 18 de Marzo, 2007 ás 4:32 pm
Urbanismo,urbanismo!Vostede é que é un cultureta!Parece un deses vigueses que van de modernos e andan sempre revolucionando o poleiro.Dende logo vostede é unha persoa allea ó sentir dos coruñeses,galegos arquetípicos ou fetén, como di Rivas.
Os coruñeses estamos orgullosísimos do cemento na beira do mar ou nas praziñas e recunchos da cidade.Iso é progreso e non o que pasa nas aldeas dos nosos pais onde ós paisanos non lles chegan os cartos para poñer o tellado,ou en Santiago,que moita capital pero a ver cando chimpan esas casas vellas do centro.
Vostede é como unha rapaza suiza que foi a pé desde a estación de San Cristobo á praza de Ourense, e tivo a pouca vergoña de decir que estivera a piques de dar a volta polo moito e moi feo tixolo que había que aturar polo camiño.É que os suízos quedaronse nos tempos de Heidi,non saben o que é o progreso.
Os galegos medimos a importancia da nosa aldea polo tamaño da igrexa e do peto do cacique.No primeiro os coruñeses non podemos chistar moito,pero no segundo durante máis de 20anos fomos os primeiros de Galiza,…así que o quen é moi importante.
E verdade que con este “desenvolvimento”inmobiliario as empresas que non sexan coruñesas de toda a vida, ou non coñezan moi ben a algún coruñés de toda a vida, teñen moi difícil a súa instalación,e a xente de Friol,da Costa da Morte,ou da Galiza toda, que viña a traballar nos anos 60 e 70,hai xa moitos anos que axexan o seu horizonte laboral cara as terras de Madrid ou das Canarias.Bueno,nós somos unha cidade de servizos,e para saber máis do progreso coruñés compre ler A Voz,edición A Coruña.
o 20 de Marzo, 2007 ás 6:47 pm
Meu Deus. Este seu, debe de ser o único artigo publicado no Faro de Vigo no que se cuestiona o AVE. ¿Está seguro que llo leron, ou fiáronse de vostede e coloulles un gol? Porque mira que non levan anos a romper a cabeza co dichoso AVE, nin nada.
e siga a explicarlle á xente que o que necesita é un tren para ir a traballar, que funcione e que sexa barato, non unha maravilla tecnolóxica franco-alemana (de raíces niponas) para gloria e explendor de políticos e outras xentes co don de escarallar canto recuncho verde queda, gastando os nosos cartos (e os da Unión Europea) en grandes infraestrucutras feitas á medida das grandes constructoras e outros lobbys.
Ande, aproveite a súa condición de “galego influínte”
Por certo, esta vez adiantouseme, eu tamén ando a tratar de postear algo sobre o tema pero sóbranme moitas palabras.
o 20 de Marzo, 2007 ás 11:29 pm
Estimado Míguez. Aperciba que o texto publicado n’A Opinión (curioso, o rexurdir do apostrofe, ainda que aquí estea mal aplicado) e no Faro son distintos. No destinado a Vigo, había menos carga antiAVE, porque ignoro a problemática local about it. A ver se consigo un proxecto de vías ferroviarias feito pola Sociedad Gallega de Amigos del País a mediados do XIX que vin nunha oficina de Renfe, e que era un prodixio de sentido común.
o 21 de Marzo, 2007 ás 9:21 am
Eu pensei que se publicara o mesmo texto nos dous xornais, desculpe.
A problemática local, básicamente, é que as “forzas vivas de Vigo”, Concello, Consorcio Zona Franca, Autoridade Porutaria, Cámara de Comercio e demáis aspirantes ó control da cidade (e do resto de Galicia) rivalizan á hora de vociferar cal quere a infraestructura máis grande e máis “imprescindible para o crecimento do motor económico de Galicia”. E claro, nos concellos veciños, que somos os que temos que aturar esas infraestructuras, sin levar proveito de elas (porque estan pensadas para o servicio de Vigo) empezamos a estar un pouco, si me permite a expresión, hasta o carallo. En Redondela non estamos dispostos a que nos metan a que vai ser a terceira autovía paralela nunha franxa de 8 kilómetros na zona máis ancha; co AVE xa empezaron as expropiacións e temo que pouco vamos poder facer.
Mos, o concello do lado, ten unha autovía polo medio das casas (a que sae de Vigo cara Ourense, Portugal e a Meseta) que no seu día creo que batiu o record de sinistralidade de Europa, o cal solucionaron limitándoa a 50 Km/h, que está bastante ben para unha autovía. Ademáis, construiron unha alternativa máis afastada das casas (polo monte, vamos) co trazado que tería sido lóxico usar a primeira vez; o problema é que lla concederon a AUDASA e estes, aproveitando que o trazado vello non o quería ninguén, decidiron poñer unha das peaxes máis caras de Epaña, co resultado de que ninguén a usa, e a xente sigue xogándose a vida a 50Km/h, entre as casas. Solución: queren facer outra máis. Naturalmente, os de Mos xa se negaron en redondo, e recomendan que retiren a peaxe de AUDASA si non queren disturbios. E xa postos, fartos de que os toreen, avisan con suficiente antelación que, si Vigo quere un AVE hacia Portugal, xa pode ir pensando outro sitio para pasalo, porque Mos é moi pequeno para tanta infraestructura e aínda queda xente que quere vivir alí.
Mentras tanto, Vigo, Pontevedra, e agora tamén Redondela, apúntanse á moda das peatonalizacións (hai que ver como lle gusta ós alcaldes ter operarios cortando adoquín nas rúas), facendo cada vez máis difícil un trafico para o que non existe alternativa porque, si Santiago e A Coruña empezan a aparentar que fan algo polo transporte público nas súas areas metropolitanas, Vigo sigue apostando polo modelo de tráfico de grandes metrópoles como Nova Delhi ou Bangkok.
Confío poñelo un pouco ó día sobre “a problemática local”, coa que estou un pouco sensibilizado, e á que lle adico varias horas cada semana. Por isto mesmo, si consigue ese proxecto, estaríalle agradecidísimo de que mo pasase. Toda a artillería e pouca para meterlle na cabeza ós alcaldes a diferencia entre progreso e despilfarro.
o 21 de Marzo, 2007 ás 11:47 am
Que me vai contar do tráfico olívico, Míguez. Son vigués consorte
o 21 de Marzo, 2007 ás 10:04 pm
Pero cómo se atreve vostede a insinuar o negocio que alguns van montar co porto exterior e como consecuencia co porto na sua Coruña de adopción. Vostede non faga o parvo e fale do cristo do pxom vigues, das torres, das sentencias como a do parking de Rosalia da nosa querida Lola la cantaora, dos ¿futuros? derribos, da depuradora que non depura e tantas cousas deste portugal vigues que tantas noticias da e con razón, pero non levante o velo da sua adoptiva Coruña que ahi vai tudo ben, tudo pactado e baixo corda, non faga o parvo que para facer as cousas mal, xa chegamos os vigueses para cajala (con perdón).
En canto o Sr. Pardo, gracias polo de “un deses vigueses que van de modernos”, pero lamento decirlle que xa imos para vellos e non deixamos descendencia xeneracional. Agora que iso de “revolucionar o poleiro” é unha características destes portugueses que vivimos no sul galego.
En canto a Miguez, decirlle que sen coñecer a ningun desas forzas vivas de Vigo, as estradas e as vias ferreas por algun lado teran que pasar para que cheguen a nosa cidade, polo aire, polo de agora non se inventou, e non me o tome a mal. Si están ate ali en Redondela e en Mos pois fagan que pasen por Nigran ou propoñan un tunel submarino,como hoxe os nosos munícipes que propoñen un soterramento das vias por Sárdoma para que a miña curman e os seus catro veciños que lles toca un pilar da ponte na sua finca non lles siga montando o cirio. Por certo, meu veciño ten unha torreta da luz que vai a citroen na sua finca e a miña nai pásanlle os cables de alta tensión por unha leira e sempre di que haber si se vai o carallo a fábrica, iso si, cando non estan diante os sobriños que ali traballan.
Saude e sihomesi teña coidado que co roce todo se pega e o ser vigues é un mal incurabel.
o 21 de Marzo, 2007 ás 10:41 pm
Alporizado e tocado-na-freba-sensible Álvarez. Ten gracia o do porto exterior e interior. Hai dous anos xa había quen me acusaba de morno no asunto, que manda truco. Nada máis e nada menos que Mr. Míguez.
Sobre ese e outros asuntos, menos ofrecer unhas losqueadas, penso que fixen/escribín de todo. Non me sean tan mal levados, meus.
o 21 de Marzo, 2007 ás 11:09 pm
Aínda que si se me permite o alporizamento, a modo con algúns argumentos, a ver se acabamos como os currantes de Paco el Pocero, manifestándose para que lle desbloquearan licencias de construcción.
o 22 de Marzo, 2007 ás 12:35 am
Señor Álvarez:o importante é ser mozo de espíritu, aínda que iso de ser moderno a tempo completo debe ser moi cansado, mesmo tendo 18anos.
As miñas referencias a Vigo son froito da envexa,como é unha cidade con esa sona underground.En realidade coñézoa ben pouco.
o 22 de Marzo, 2007 ás 3:39 pm
D. Alfonso, nótase que é vostede xoven por o de mozo de espiritu, pois como que non. E encanto poida veña o sul e darase conta que salvo catro ruas contadas, non hai moito que conocer. E si ven con un vigues enseguida o levará por tódala ría e tamen os montes para ver a cidade dende o lonxe, que é onde gaña.
Pois Sr. Sihomesi, ten razon, acertou de cheo.
o 26 de Marzo, 2007 ás 3:07 pm
Con tódolos dias que pasaron, igual xa non sirve de moito o que comente. Así que resumindo:
Alvarez: O que non quero para min, tampouco llo desexo a Nigrán nin a ninguén. O principal problema non é por onde pasen as infraestructuras sinon que veñen a escarallar todo sin seren necesarias; apelando ó título deste post, están mal planeadas, tanto individualmente como en conxunto. Cando vostede desexe, convídoo a facer un exercicio de sumar e restar, e veremos canto hai de racional na planificación de infraestructuras, e canto de milonga poliquera.
Sr. Pereiro: ¡Que tempos aqueles! ¿E qué me dí de aqueles debates comentario a comentario cando foi a lei contra o tabaco? ja ja ja.
o 26 de Marzo, 2007 ás 8:38 pm
Desde entón, deixei de fumar, pero sigo pensando o que daquela pensaba. Ata teño unha columna a medio botar sobre o asunto. Pero aqueles si que eran debates. Eramos tan novos… (alomenos 13 ou 14 meses máis novos)