Abr 29 2007

Astroc e Ieltsin

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:38 pm

Hai veces en que non nos entendo, non. Ós meus colegas, ou mellor dito, ós meus xefes que se encargan de decidir que é importante e que non, e poñelo en portada ou mandalo ó limbo das cousas que puideron ser noticia e non o foron (ou despois sono gracias a internet). Non entendo nin o rebumbio ese da caída da bolsa precipitado pola empresa solarteniente Astroc, nin os panexíricos a maior gloria de Boris Ieltsin, que en paz descanse.

         Descúlpenme os entendidos no asunto bursátil. E con máis razón os afectados. Cando os atentados do terrorismo islamista en Londres, escandaliceime de que a seguinte noticia que daban os boletíns era a das consecuencias que tiveran na bolsa, e un prestixioso colega mandoume una critica un tanto feroz que incluía o argumento de que se notaba que eu non perdera cartos. Era certo, non os perdera, nin daquela nin agora, pero tampouco os ganara, nin daquela nin agora. Coa venia de entendidos e afectados o que quería dicir é que o mercado de valores é o mercado en estado puro, no que as cousas non custan o que valen, senón o que a xente está disposta a pagar por elas. Polo tanto, perder é tan consubstancial como ganar. Máis ou menos como na ruleta, coa diferencia a favor da bolsa que a materia do xogo é real, e consecuentemente, a información e o coñecemento axudan. En contra, a ruleta é máis igualitaria porque non hai manobras nin informacións privilexiadas que vallan.

         Volvendo á caída en concreto, e con perdón de quen sexa, coido que non é para tanto. Que fose a segunda maior baixada no que vai de ano non parece como para tocar a rebato, habida conta do afeitos que estamos a partidos do século e récords históricos de calor ou de frío. Efectivamente que un señor, Enrique Bañuelos, o de Astroc, perdera nunha semana 1.848 millóns de euros non pasa todos os días, pero tamén se chegou nun ano a ter os 6.416 millóns que lle calculou a revista Forbes foi gracias sobre todo ó esforzo alleo, ó dos que chegaron a pagar 75 euros por accións que saíron ó mercado en 6,4. E sobre todo, se a economía e a ordenación do territorio fose tan pura como a bolsa, sería lóxico que tivese unha traxectoria azarosa unha empresa que se dedica fundamentalmente a acumular terreos e logo quedar en stand by de se son urbanizables ou non. Como comentaron uns especialistas, non deixa de ser un pouco raro que uns terreos en Levante vallan máis que o Banco de Sabadell enteiro. Quizais, como dixo o propio Bañuelos, “puede que no hayamos explicado adecuadamente cuales son las actividades de la compañía”. Se conseguiu subir de 6,4 euros por acción a 75, aínda que agora estean en 15, eu del non desvelaría o misterio.

         ¿Que teñen que ver a caída bursátil dun empresario solarteniente coa morte de Ieltsin? Que nos dous casos estamos a falar de engados e de realidades inchadas. As necrolóxicas sempre implican unha visión benevolente do cliente, pero chamarlle figura histórica ou home providencial ó ex presidente ruso, roza o delirio. O único providencial foi que era el o que estaba no lugar xusto cando os que mandaban de verdade necesitaron dun mandado. Politicamente, nunca foi máis ca un cabo furriel, que bastante tiña con terse dereito. O que mellor o retrata é que, nunha viaxe a España, nunha visita a unha coñecida factoría de embutidos de gama media, saíu o presidente dun dos estados máis poderosos do mundo cos maleteiros dos coches oficiais cheos de chourizos e xamóns.

(FARO DE VIGO, domingo, 29  de abril de 07)     


Abr 25 2007

Se hai que ir, vaise, pero…

Categoría: Estoume quitandosihomesi @ 9:56 am

O que non pasou por ese trago hai uns días, pasará dentro dunhas semanas. De feito, hai que pasalo dúas, tres ou catro veces ó ano. Por moitas experiencias que se teñan superado, por moitas veces que saímos delas dicindo que é a última e que nin de coña, recaemos sempre. É o que ten viaxar.

 

Hai moito tempo, nunha época tan remota en que incluso hai constancia escrita, acuñouse o dilema “mar ou montaña”. Tratábase dun dilema tan falso como ese de se che gustan morenas ou louras, porque daquela a xente viaxaba a onde podía, os que podían, e para quedarse alí meses enteiros. Era ir pasar o verán a outro sitio e non había nada que contar, quitado que alguén escordara un pe ou partira unha perna. Foi máis recentemente, cando a xente deu en discutir se viaxar á India ou a Nova York, ás Canarias ou a Benidorm, cando realmente empezou todo. As viaxes tiñan unha finalidade, ou peor aínda, varias: pasalo ben, coñecer sitios ou cousas, ter experiencias… En fin, é incrible a capacidade do ser humano para autoenganarse.

Das viaxes vólvese sen unha cadela, sen coñecer máis xente que a unha parella que valencianos que na ida eran moi simpáticos e na volta hai que lle pedir polo que máis quixera á azafata do mostrador que nos dera asentos na outra punta do avión. Vaias onde vaias, a quen atopas é a alguén xa coñecido: “¿Sabes a quen me encontrei facendo a horterada esa da foto aguantando da Torre de Pisa?”. E tampouco é que se coñezan sitios. A metade deles, por falta de tempo. Aínda rebentando de tanto andar, hai que acabar escollendo entre o museo tal e a rúa comercial cal. Decídeste polo museo (ó fin e ó cabo, sempre podes comprar algún detalle na tenda de recordos) para descubrir que está pechado e/ou en obras. Non dás atopado aquel famoso bar de copas im-pres-cin-di-ble do que che falou o teu amigo experimentado (en viaxes e/ou en fantasiadas) e mira que deches voltas ó barrio do demo. E aquela tenda tan fashion e non demasiado cara é agora un Zara, e para esa viaxe non necesitas alforxas (premonitoriamente, eu trouxen unha vez de Londres un moderno vestido punk que a agraciada, mirando a etiqueta, descubriu que estaba feito en Barcelos, Portugal).

E cargabas coa cámara de fotos a todas partes, a metade das veces medio paranoico por se cha levantaban, pero pagaba a pena, porque volvías cunha chea de carretes con fotos divertidas ou case profesionais. Total para que a única persoa que se resignaba a velas fose a dependenta da tenda de revelado, e para non cobrar as que saíran mal. Desde que se xeneralizaron as cámaras dixitais, nin a dependenta as ve (nin ti mesmo, sendo sinceros). Ademais, antes, calquera trangallada que trouxeras deses mundos, fose un toblerone ou un disco de Madness, era unha novidade (relativa, como demostrou o caso dos arreos punks made in Barcelos). Agora non é que todo o que por aí hai o haxa aquí, é que por aí fóra está todo o que hai aquí. Que hai o mesmo en todos os sitios, vamos (como demostra o caso de Zara).

Por non falar dos mosqueos. Os previos de decidir a onde se vai (“aí vai facer unha calor do carallo”/ “Para pasar frío, quedamos na casa”), os propios da viaxe (“se me fixerades caso e preguntaramos, que ese mapa do hotel non val para nada”) e os históricos ou consolidados, derivados dos dous tipos anteriores (“¿quen foi o que dixo de ir a New Orleáns, que alí os furacáns eran cousa normal?”/ “Polo menos non pasamos unha semana nunha casa rural vendo como chovía e coincidindo no comedor con medio corpo do profesorado de ensino medio”). As parellas que duran son as que nun momento determinado deciden parar de viaxar, e o mesmo vale para os grupos de amigos. E non me saír co ben que se pasa ou se pasaba viaxando cos colegas. Ós 20 anos ata pasar unha noite nun calabozo municipal xogando á brisca ten o seu punto de gracia.

Vale, o que queda das viaxes son as sensacións (“hummm, ule como Nairobi logo da chuvia”) e as anécdotas (“a min en Reikiavick pasoume unha cousa ben pavera”), mesmo as situacións un chisco traumáticas (“¿Mal rollo o de Ana María Ríos?, darse de conta en plena aduana de Tánxer de que levas unha china no peto da camisa, neno, iso si que é mal rollo, que o cónsul nin te chama e dos de Interviu xa nin falamos…”). Pero agora, coas viaxes aquí-te-pillo-aquí-te-mato sacadas de internet, a metade das veces xa nin recordas a onde sacaches o billete (“eu penso que ía a Viena, pero baixáronme en Cracovia, e non vexas qué marcha e canta pedra. Agora que o penso, ¿non sería Santiago? O aeroporto parecía Lavacolla…”).

 Así que o mellor é quedar na casa, e se hai necesidade, aboarse a eses canais temáticos (que gravaron as sitios con calma e cando estaban abertos) e facer os comentarios mudando habilmente o “a min pasoume en” por “isto mesmo pasa en”…

(Revista GPS, abril de 2007)    


Abr 22 2007

As eleccións en Francia

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:04 pm

Hoxe votan en Francia. É curioso como dos veciños, o que menos coñecemos son os seus usos políticos, da macropolítica á micropolítica, desde as frías institucións ata as acendidas paixóns ideolóxicas. Eu o primeiro, desde logo. O que eu sei do sistema político galo é ese para nós curioso costume de escoller por separado ó presidente (que é do que se trata hoxe) do goberno propiamente dito. Paréceme que ese sistema soamente se pode dar nun pais que presume de racionalidade, e igual que no caso dos Estados Unidos, que usan un método parecido, baséase na morriña da monarquía. Como se non queda claro o ganador hai unha segunda volta, o elector ten a posibilidade de votar de acordo coa ideoloxía a primeira vez e pensando no práctico na segunda.

Sexa porque nós non temos esa opción, porque en realidade sexan una eleccións decisivas ou porque os grandes medios teñen correspondentes alí e hai que lle sacar proveito á inversión, o caso é que os comicios presidenciais de Francia son noticia aquí. Eu pasei a metade da semana alí, e o primeiro que me chocou (como xa me chocara hai tempo no primeiro país europeo no que me coincidiu estar nunhas eleccións, Holanda) é a pouca importancia que parecen darlle os directamente interesados, os franceses. Cos criterios de aquí, nos que o careto do candidato independente dun concello de 10.000 habitantes acapara máis vallas publicitarias que Carrefour, o de Francia é case clandestino. Quitados algúns carteis (case sempre de Le Pen) nos piares dos pasos elevados e outros lugares marxinais, a presencia dos candidatos á ser presidentes de Francia limitábanse ós discretos valados oficiais. Sen embargo, kioskos e librerías estaban inundados de biografías, autorizadas e sen autorizar, haxiografías e autopsias (variedade de enfoques que supoño, dada a cantidade de títulos) dos candidatos. Mesmo vin na Virgin Megastore, entre o merchandising de Spiderman 3, un manual guía dos distintos programas. De todas formas, os poucos indíxenas cos que falei tiñan claro que arrasaría Sarkozy, mesmo con poucas ou ningunhas ganas de que o fixera. Ou mesmo coas ganas de que o fixera para así provocara unha reacción máis radical que a da branda Segolène (esas situacións preTacher ou preBush que tanto me soan). Sarkozy é como se Bono (o ex ministro) fose de dereitas, quero decir que militase nun partido de dereitas. Un home que non da corrido tanto como a súa ambición, e non por falta de pernas. E a Segolène véndennola como se fose Teresa Fernández de la Vega, cando en realidade ven sendo máis Trinidad Jiménez. Pase o que pase, probablemente, como dixo Manu Chao nas anteriores (nas que había que elixir entre Chirac e Le Pen, entre Rajoy e Acebes, para entendernos), boa parte dos que voten farano contra alguén, aínda que estean fartos de non poder nunca a favor de alguén. Outra boa parte absteranse para logo, como penso que dixo Savater, manifestarse en contra do que votaron os demais.

(FARO DE VIGO, domingo 21 de abril de 07)    


Abr 14 2007

O exemplo de Alfonso XIII

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:18 pm

Hoxe conmemórase o resultado das eleccións municipais máis determinantes da historia das Españas e non digo do mundo porque o mundo é moito mundo. Pero as eleccións do 12 de abril de 1931 deron paso ó primeiro intento na historia española de que fose a xente a que decidise por si mesma. Non tanto como decidir o seu futuro, porque como dixo o escritor Charles Bukowski, a democracia consiste en votar antes de obedecer, pero alomenos escoller a quen mande, en lugar de que os mandantes se escollesen entre si. Había tanta fame dun dereito que hoxe exerce pouco máis da metade da poboación que nunca un resultado tan cativo conseguiu tanto. Porque as municipais do 31 nin siquera as gañaron estrictamente as candidaturas republicanas. As listas monárquicas trunfaron nas zonas rurais, onde o que se metía nas urnas tiña un valor relativo, e o definitivo era o que se poñía nas actas. se enchían daquela maneira. Pero a sensación de que se producía o que agora se chama “cambio de ciclo” foi de tal calibre que ata Alfonso XIII se deu conta e colleu o portante e a familia.

         O que pasou despois, traxedias aparte, foi como conxelar durante medio século a evolución dunha sociedade. Non é soamente que se perderan milleiros de vidas duns e doutros, porque iso foi un andacio que asolou eses anos toda Europa. Temén media Europa pasou pola experiencia de sepultar a boa parte da poboación no medo e no terror e a outra boa parte na indignidade de ser cando menos cómplices da indignidade. Hai tres fenómenos que foron privativos de España: a longa vinganza nos perdedores, a paralización do proceso de modernización en todos os ámbitos, do social ó científico, e a desaparición dos hábitos democráticos. Alemaña ou Italia, nacións global e totalmente perdedoras, recuperaron en o paso en todos os aspectos en pouco tempo. Aquí, despois de décadas, estamos formalmente saneados, pero no fondo sabémonos aínda convalecentes do espírito democrático. Non é un problema de institucións. Comparativamente, aquí no se dan anacronismos como unha cámara lexislativa de escanos hereditarios, como a dos Lores no Reino Unido, por non falar de certas leis nos Estados Unidos. Pero cualificamos de normais e admitimos como habituais prácticas que causarían asombro na Gran Bretaña de hai 150 anos.

         Pasemos por alto fenómenos inéditos na civilización occidental como que, dentro duns meses, en Galicia haxa máis censo electoral que poboación. Non deixa de ser unha mostra máis do universo máxico que nos teñen adxudicado no reparto internacional dos tópicos. Pero nun contexto europeo, un alcalde que teña censados na súa casa a 85 electores sairía nas portadas dos periódicos –posiblemente cunha chaqueta tapando as esposas-. Incluso aquí debería ser inhabilitado polo menos ata que lle entrara na cabeza que o que fixo é un atentado ético. Se o voto dun veciño que ten que decidir o seu voto sopesando programas, asistindo a mitins, papando propaganda electoral –actividades todas que, polo demais, nos custan cartos a todos- vale a oitentaecincoava parte da colmea de almas mortas que ten montado o señor alcalde, xa me dirán que respecto merece a institución, o sistema que a respalda e as persoas que a compoñen. Sinceramente, tivo máis dignidade Alfonso XIII.

 

(FARO DE VIGO, sábado 14 de abril de 07)   


Abr 11 2007

Xunta.asecas

Categoría: Xeralsihomesi @ 12:57 am

Aviso a espilidos. O goberno galego ten sen rexistrar os dominios .com, .org e .gov

(O propietario de .org véndeo por 500 euros)


Abr 09 2007

Queremos unha prórroga

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:57 pm

Remata a Semana Santa, e non sei se son conscientes do feito de que en todo este tempo, que mediáticamente falando é unha eternidade, nin se rompeu España, nin a inepcia do Goberno nin a mala intención da Oposición nos fundiu na miseria nin nos precipitou nos abismos máis profundos. As posibles explicacións deste fenómeno de suspensión da realidade cotiá (que se rompe España, que ETA manda en Zapatero, etc.) son dúas que no fondo son unha: non pasou nada diso porque tampouco pasa o resto do ano e démonos conta porque a clase política tamén colleu vacacións. Cando a nosa clase dirixente deixa a aguillada de dirixir e crispar nós, cal rabaño rumiante, pacemos máis ou menos tranquilamente por onde nos presta.

Se o resto dos días non estivésemos dos nervios, teriamos claro que as preocupacións reais son ben distintas, sobre todo canto máis afastados esteamos do sitio onde voan as aguilladas e hai chocar de estacas. Queda claro nesa enquisa sobre o Clima Social de Galicia feita pola Secretaría de Análise e Proxección da Xunta. Sen meternos en fonduras políticas, para evitar suspicacias derivadas da paternidade do estudio, a enquisa conta que un 32,5% dos galegos consideran que a súa situación económica é boa/moi boa, por un 23,5 que a cualifica de mala, mentres en España as porcentaxes respectivas son do 40% e do 16%. Sen embargo, o 23,5% dos galegos pensa que a situación política é mellor que a de hai un ano, e o 29,% confía en que será mellor aínda o ano que vén, mentres os españois que miran o presente máis ben negro son o 39,3% e os que ven o futuro verde esperanza ou azul ceo son un cativo 18,3%. É dicir, fóra de aquí, por ben que lles vaia a economía, non se fían da situación política. Unha actitude que soamente se explica polo ancestral pesimismo hispano, ou porque alí fan demasiado caso do que lles contan. Pola contra, aquí a tal enquisa revela fenómenos en teoría sorprendentes, como que onde máis se aprecia o labor da Xunta é nas circunscricións electorais nas que os partidos que gobernan tiveron menos apoios, Lugo e Ourense, que son tamén aquelas nas que a economía vai desde sempre daquela maneira.

Non é contradición ningunha, senón unha proba máis de que a sociedade galega, incluso os sectores máis tradicionais, non é exactamente conservadora, nin siquera gubernamentalista (esa liña de pensamento baseada no firme principio de que hai que estar co goberno, estea nel quen estea). Os galegos son máis ben partidarios de que as cousas vaian polo rego (teoría política que brindo de balde a todas aquelas opcións partidarias de orde, aínda que penso que lle axeitaría especialmente á actual versión do Partido Galeguista). Nunha sociedade estritamente conservadora non triunfarían tan axiña como triunfaron novidades como o arcón conxelador ou o tanatorio. A experiencia da matanza do porco polo método eléctrico demostra esa procura ancestral do equilibrio, a natural inclinación a ir polo rego. Hai poucos anos houbo unha auténtica moda de realizar o cochicidio coa axuda dunha batería do coche, evitando escenas dramáticas de máis para os parentes da cidade, e sobre todo, depender da ateigada axenda do matachín. Se a moda se extinguiu tan rápido como se estendera non foi porque fose contra a tradición –como pasaría no País Vasco ou no Xapón- senón porque o uso da electricidade facía máis cómodo o inicio do proceso de converter o animal en alimento, pero estragaba o final: a carne non sabía igual.

Déixennos ser un pouco máis como somos. Aínda que sexa unha prórroga de 15 días

(FARO DE VIGO, domingo, 8 de abril de 07)


Abr 03 2007

O home inédito (pero insistente)

Categoría: Xeralsihomesi @ 5:34 am

Mira que é teimudo este home. Este é o último email promocional recibido:

SEBASTIAN LOEB, CAMPION DO MUNDO DE RALLIES, TAMEN LEU O HOME INEDITO
AI O TEDES NA FOTO ADXUNTA. O FRANCES SEBASTIAN LOEB, CAMPION DO MUNDO DE RALLIES, POUSA CUN EXEMPLAR DA NOVELA DE MODA NA GALIZA, O HOME INEDITO, DE CARLOS G.MEIXIDE. E VOS AINDA NON A LESTES? ESTADES A TEMPO DE ATOPAR O VOSO EXEMPLAR NAS  LIBRARIAS.
APURADE PORQUE SE ESGOTAN, PERO NON APUREDES TANTO COMO SEBASTIAN LOEB. EL E UN PROFESIONAL, O CAMPION DO MUNDO
TAMEN PODEDES MERCALA ON LINE NA WEB DE RINOCERONTE .
SE QUEREDES SABER UN POUCO MAIS DO AUTOR E DA NOVELA PODEDES VER ESTE ESCACHANTE VIDEO PROMOCIONAL
GRAZAS A RICHI E PABLO POLA FOTO

(A novela xa a lin, e aprecio, entre outras cousas, que o autor apareza como personaxe secundario a peito descuberto, e non como protagonista agachado).


Abr 01 2007

O galego e o seu paquete

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:36 pm

Se hai algo propio da idiosincrasia do galego, é viaxar sempre cun paquete para alguén. “Vou a tal, ¿queredes algo?” é a forma de anunciarmos as viaxes. Cela contaba que, unha vez que foi a Brasil, déronlle un paquete para un que vivía algo afastado. Desde Río de Janeiro, o escritor colleu outro avión, un tren, un coche de liña, unha especie de furgoneta e desistiu cando lle dixeron que para facer a entrega tería que continuar en piragua. Era unha esaxeración, evidentemente (sobre todo se pensamos no carácter que tiña o mandadeiro), pero eu levei unha chea da latas de sardiñas e bonito a Venezuela, e un bote de mirabeles a Mozambique. Sen dúbida é esta curiosa tradición a que impulsa á nosa clase política a viaxar mundo adiante levando cousas, e non outras motivacións menos altruístas que estes días son obxecto de controversia política.

         Por exemplo, as viaxes presidenciais e a polémica de se son electorais ou non. “Só hai unha regra para todos os políticos do mundo: non digas no poder o que decías na oposición”, dixo o escritor John Galsworthy (que levou o Nobel en 1932 pero que agora é mais coñecido pola serie de televisión La saga de lo Forsyte, baseada en novelas súas). En efecto, non se sabe que é máis oportunista, se facer cando se chega ó poder o que se criticaba desde a oposición, ou criticar desde a oposición o que se fixo cando se estaba no poder. Con todo, eu fun cubrir viaxe de tres presidentes distintos, e polo que me pareceu, ademais da satisfacción de ser recibidos como xefes de Estado, os resultados prácticos foron como os de ir levar paquetes. Entre outras cousas porque, un tanto inexplicablemente, Galicia non ten competencias de asuntos exteriores, a pesar da enorme poboación exterior. Por eses mundos adiante hai 317.728 deses chamados contradictoriamente “residentes ausentes”, veciños nosos con dereito a voto (dous de cada sete electores españois residentes no estranxeiro). Máis ou menos o 13% do censo, de momento, e como dixo un alcalde, hai que atendelos como se foron veciños dun barrio concreto. Un barrio de 13.767 habitantes en Vigo ou 15.706 na Coruña. Claro que hai casos máis rechamantes. En Avión, o 49,4% do censo electoral non vive alí, e o 47,3% en Bande. En Galicia hai 53 concellos (32 deles en Ourense) onde alomenos un de cada catro votantes está fóra. Toda Francia, con máis de 60 millóns de habitantes, non xunta máis aló de 800.000 deses residentes ausentes.

         O malo non son as viaxes, electorais ou non. Nin siquera accións máis que discutibles como aquelas Operación Reencontro ou como se chamaran (“yo no tenía los años para venir, pero me inscribí para votar y me trajeron”, díxome inocentemente hai anos unha reencontrada d’As Pontes). Tampouco o peor é a distorsión na xestión política que producen esas desmesuradas porcentaxes de galegos de nación pero non de situación. (No Reino Unido, pérdese o dereito de voto ós 15 anos de residir no exterior, en Canadá, ós 5, pero é a única vantaxe que perden das moitas que trae aparellada a nacionalidade). O malo é iso que Touriño cualificou de “erro”, o email pedindo a contratación dun deses homes que enchen o saco de votos emigrantes a gusto do cliente. Erro foi que interceptaran o email e tamén que non se investigue a existencia deses homes do saco, e do delicto electoral que comete tanto eles como quen os vén contratando. De feito, ninguén parece querer recordar que o PP conseguira a primeira maioría absoluta de Manuel Fraga por uns sacos de votos chegados providencialmente de Venezuela.

         O malo é que a tradición de levar paquetes nas viaxes se convirta no hábito de traer sacos de fóra.

(FARO DE VIGO 1 de abril de 07)