Abr 01 2007

O galego e o seu paquete

Categoria: Si home sisihomesi @ 2:36 pm

Se hai algo propio da idiosincrasia do galego, é viaxar sempre cun paquete para alguén. “Vou a tal, ¿queredes algo?” é a forma de anunciarmos as viaxes. Cela contaba que, unha vez que foi a Brasil, déronlle un paquete para un que vivía algo afastado. Desde Río de Janeiro, o escritor colleu outro avión, un tren, un coche de liña, unha especie de furgoneta e desistiu cando lle dixeron que para facer a entrega tería que continuar en piragua. Era unha esaxeración, evidentemente (sobre todo se pensamos no carácter que tiña o mandadeiro), pero eu levei unha chea da latas de sardiñas e bonito a Venezuela, e un bote de mirabeles a Mozambique. Sen dúbida é esta curiosa tradición a que impulsa á nosa clase política a viaxar mundo adiante levando cousas, e non outras motivacións menos altruístas que estes días son obxecto de controversia política.

         Por exemplo, as viaxes presidenciais e a polémica de se son electorais ou non. “Só hai unha regra para todos os políticos do mundo: non digas no poder o que decías na oposición”, dixo o escritor John Galsworthy (que levou o Nobel en 1932 pero que agora é mais coñecido pola serie de televisión La saga de lo Forsyte, baseada en novelas súas). En efecto, non se sabe que é máis oportunista, se facer cando se chega ó poder o que se criticaba desde a oposición, ou criticar desde a oposición o que se fixo cando se estaba no poder. Con todo, eu fun cubrir viaxe de tres presidentes distintos, e polo que me pareceu, ademais da satisfacción de ser recibidos como xefes de Estado, os resultados prácticos foron como os de ir levar paquetes. Entre outras cousas porque, un tanto inexplicablemente, Galicia non ten competencias de asuntos exteriores, a pesar da enorme poboación exterior. Por eses mundos adiante hai 317.728 deses chamados contradictoriamente “residentes ausentes”, veciños nosos con dereito a voto (dous de cada sete electores españois residentes no estranxeiro). Máis ou menos o 13% do censo, de momento, e como dixo un alcalde, hai que atendelos como se foron veciños dun barrio concreto. Un barrio de 13.767 habitantes en Vigo ou 15.706 na Coruña. Claro que hai casos máis rechamantes. En Avión, o 49,4% do censo electoral non vive alí, e o 47,3% en Bande. En Galicia hai 53 concellos (32 deles en Ourense) onde alomenos un de cada catro votantes está fóra. Toda Francia, con máis de 60 millóns de habitantes, non xunta máis aló de 800.000 deses residentes ausentes.

         O malo non son as viaxes, electorais ou non. Nin siquera accións máis que discutibles como aquelas Operación Reencontro ou como se chamaran (“yo no tenía los años para venir, pero me inscribí para votar y me trajeron”, díxome inocentemente hai anos unha reencontrada d’As Pontes). Tampouco o peor é a distorsión na xestión política que producen esas desmesuradas porcentaxes de galegos de nación pero non de situación. (No Reino Unido, pérdese o dereito de voto ós 15 anos de residir no exterior, en Canadá, ós 5, pero é a única vantaxe que perden das moitas que trae aparellada a nacionalidade). O malo é iso que Touriño cualificou de “erro”, o email pedindo a contratación dun deses homes que enchen o saco de votos emigrantes a gusto do cliente. Erro foi que interceptaran o email e tamén que non se investigue a existencia deses homes do saco, e do delicto electoral que comete tanto eles como quen os vén contratando. De feito, ninguén parece querer recordar que o PP conseguira a primeira maioría absoluta de Manuel Fraga por uns sacos de votos chegados providencialmente de Venezuela.

         O malo é que a tradición de levar paquetes nas viaxes se convirta no hábito de traer sacos de fóra.

(FARO DE VIGO 1 de abril de 07)      

 

7 comentarios a “O galego e o seu paquete”

  1. Casdeiro dixo:

    Grazas por te lembrar de vez en cando de nós “os galegos de fóra” (ate dos que non temos dereito a votar en Galiza).

    Veño de publicar o artigo en PlanetaGalego.info e de o comentar no Taboleiro de Fillos.org onde levamos tempo falando do tema votos, políticos, eleccións, etc.

  2. Casdeiro dixo:

    Ah, por certo, sobre a tradición das viaxes, nós temos un lugar para optmizala grazas ás posibilidades de Internet:
    http://www.fillos.org/galicia/index.php?name=PNphpBB2&file=viewforum&f=22

    ;-D

  3. Casdeiro dixo:

    ai, carallo, velaquí a ligazón ;-)

  4. Alfonso Pardo dixo:

    Artigo redondo de corpo e alma. Noraboa.

  5. sihomesi dixo:

    Moi agradecido, e así me gusta, Pardo. Unha opinión axeitada e comedida, á par de viril. Para que logo diga algún que nalgúns posts queda como sen ganas de dicir nada…

  6. Alfonso Pardo dixo:

    E mire que non me gusta nada facer a rosca,pero bueno,as cousas hai que dicilas.
    Si,de letras xustiño,pero o que é de virilidade….En fin,non sigo para non estragar o tradicional bo gusto deste blog.

  7. xurxocimadevila dixo:

    Uns falan de caciques, pero resulta que cando saen uns caciques entran outros. e cal é a solucion? despois vanse a arxentina e vota o tataraneto do tataraneto do meu tataravo… non tenhen puta vergonza, para votar, e mais nunhas municipais hai q vivir na vila. Os politicos son unha pandilla de porcos e o que habia q facer era non votar os daqui. porque iso de que decidan os de fora, que levan “seculos” fora a nosa vida xa toca os collos.

Deixa un comentario