Mai 31 2007

Resaca local 3: Quen ganou?

Categoría: Resaca Local 07sihomesi @ 2:03 am

Os resultados cuantitativos son estes:

Votos
Porcentaxe
Concelleiros
PP
2007
656.195

39,84%

1.789

2003

695.422

41,49%

2.042

   - 39.227
              – 1,65
             – 253
PSdeG

2007
478.365
29,04%

1.117

2003

435.157

27,04%

927

    + 43.308
               + 2
              + 190
BNG

2007

315.449

19,15%

661

2003

325.331

19,41%

595

     – 9.882
            – 0,26
                +66

Os cualitativos veránse o 16 de xuño. Máis ou menos, terán goberno PSdeG-BNG sete de cada dez cidadáns. Seis con alcalde socialista e un con alcalde nacionalista. Os outros tres, habitantes de pequenas vilas ou do rural, estarán rexidos polo PP.

Outra cousa son as sensacións, de ganancia ou de perda, que están en relación coas expectativas que cada quen tiña.  


Mai 28 2007

Resaca Local 2: E por qué?

Categoría: Resaca Local 07sihomesi @ 3:05 pm

Os primeiros días dos recén elixidos. A etapa dos por qués.
-E por qué non goberna a lista máis votada? Porque a lei é así. Porque as listas máis votadas xa teñen un plus de representación coa Lei D´Hont. Porque a xente vota sabendo que pode haber pactos poselectorais, ou que os vai haber seguro, e que votar a ó PSdG en Pontevedra é darlle a alcaldía ó BNG é apoiar ós nacionalistas en Vigo é poñer no goberno ós socialistas.
-E por qué teño que pactar con ninguén se podo gobernar en minoría? Véxase a resposta á primeira cuestión.


Mai 28 2007

Resaca local 1: A especificidade

Categoría: Resaca Local 07sihomesi @ 5:10 am

A primeira lectura que fago do de onte é de alivio. Galicia is different, aínda que sexa un chisco. Non soamente porque non está reducida ó bipartidismo (aínda que o tetrapartidismo que sempre se anuncia non dá chegado) senón porque o ladrillazo non trunfou incólume como por aí. Gondomar e Salceda de Caselas terán alcalde do BNG, Nigrán do PSdeG, Baiona e Cee xa veremos… Hai dúas excepcións: Pontevedra e Carnota. No caso de Pontevedra hai posibles matices como o gancho persoal que ó parecer ten o candidato constructor/destructor, o cuantioso investimento propagandístico que fixo e a rareza estructural de que a sociedade pontevedresa apoie ó BNG (e polo tanto quizais estea volvendo ó rego de cidade de orde). O maioría absoluta do PP en Carnota agardo que sexa fruto da alternancia e non de que os veciños se fartaran de ser os únicos da contorna que non poden colocar os terreos como urbanizables, coa de sitio que aí por alí. No segundo caso sairemos de dúbidas axiña.


Mai 26 2007

Vota Mengano

Categoría: Si home sisihomesi @ 12:59 pm

“Vota Mengano, a ti que máis che ten”, era o lema e o motivo conductor dunha miniserie de humor para noites electorais que contribuín a perpetrar hai anos. Era unha ironía, aclaro, tanto para aqueles lectores aínda non almorzados que podan conxecturar que isto sexa un ataque frontal á democracia, como para aqueles outros demasiado novos que non viviron aquela época remota na que na televisión se podían facer experimentos e innovacións, aínda que fosen con gasosa.


É que, ademais, soamente en ton sarcástico se pode facer broma dunha das cousas que se toma esta sociedade máis en serio: a fidelidade electoral. Tan en serio a toma que, como argumentaría Chesterton, descré dela en público (antes a xente ía ó golf e dicía que fora a misa, e agora vai a misa e conta que foi ó golf, contaba o escritor inglés). A esa íntima, fonda e inconfesable lealdade a unhas siglas concretas, chégase por intereses, raciocinio ou porque si, máis ou menos igual que se fai un seguidor dun equipo de fútbol, pero en canto se chega, alí se queda. Se non a que outra cousa que a esa fidelidade se pode atribuír fenómenos inéditos no mundo como que presuntos delincuentes teñan apoio electoral entre aqueles que saben perfectamente que non son delincuentes presuntos, senón efectivos. Porque todos sabemos que os medios de comunicación non descobren conductas irregulares, o que fan é poñer ó descuberto aquilo que xa sabía practicamente todo o mundo. Non sei como será nas grandes metrópoles, pero nos lugares polos que nos movemos todos, xa me dirán como se xustifican eses saltos estratosféricos de nivel económico coincidentes co tempo de ocupación dun cargo. ¿Cousa dos negocios? ¿non quedamos que a actividade de servicio público era esgotadora e absorbente? Tampouco teñen outra explicación que esa lealdade cega aqueles casos de políticos moito máis valorados que votados, que non son todos, pero si bastantes nas enquisas da semana pasada. Porque o normal é votar a quen valoras, digo eu. Pódense facer excepcións como a daquelas personaxes que suscitan cariño porque en certa forma están xa fóra do mercado. Caso como o que contaba Santiago Carrillo dun propietario dunha sala de Noia onde fora dar un mitin cando xa non estaba no PCE e aínda non xiraba na órbita do PSOE (Carrillo, non o propietario noiés): “Don Santiago, aquí le queremos mucho, pero votar no le vamos a votar”. Ou tamén se dá o caso do valorado polos estraños, ademais de polos propios, porque o inimigo dos meus inimigos é meu amigo, como lle pasaba a Julio Anguita, ó que lle tiñan moita estima no lado oposto do espectro ideolóxico.
Mesmo a mitinoloxía ou ciencia estimativa dos resultados electorais en base á asistencia/entusiasmo dos mitins non pasa de ser unha arte adiviñatoria máis porque ós actos políticos non van soamente os convencidos, como consideran nos partidos, senón tamén os curiosos. O congresista do PSdeG- PSOE Ceferino Díaz contaba que nas primeiras eleccións foi dar un mitin do daquela seu partido, o PSG (a secas, sen PSOE) a Monterroso. Era o último día da campaña, e o local estaba a rebentar de xente que aplaudía ata cando os intervenientes tusían. Ceferino saíu coa idea firme de que ían abarrotar, polo menos en Monterroso, ata que se lle achegou un vello e lle preguntou se non ía haber máis mitins. Non, nin dese partido nin doutros, ¿e logo? “E que aquí nunca pasa nada”, aclarou o patrón a súa ansia por ser adoutrinado. Efectivamente, dous días despois, en Monterroso o PSG non tivo voto ningún.
Convénzanse. Aquí non hai indecisos: hai inconfesos, ou xente que aínda non decidiu se o seu partido merece o esforzo de ilo votar ou quedar na casa porque desta vez si que o fartaron. E se non, que levante a man aquel de vostedes que reflexionase de verdade .


(sábado 26 de maio de 07)


Mai 20 2007

Os retratos electorais

Categoría: Si home sisihomesi @ 2:21 pm

Así entre nós, e sen que se enteren os meus colegas e moito menos os políticos directamente afectados, esta é a campaña máis levadeira que recordo. Quizais porque a sigo case como un cidadán máis, que a atura porque está no ambiente pero sen ter que contribuír demasiado ó rebumbio.    Mesmo parecen unhas eleccións europeas, convocadas para escoller uns equipos de goberno, sen que estea en xogo a civilización tal e como a entendemos por aquí, tal e como dicían que nos xogabamos en todas as anteriores que recordo, locais ou mundiais, nas que máis que votar parecía que había que escoller qué cable cortar, se o azul ou vermello, para que non estoupara todo e houbera que volver a inventar todo partindo da roda.

         E como a vexo de esguello, e pouco máis miro que os titulares e bótolle un ollo ás fotos sen moitas máis fonduras, comprobo que a impresión que tiña polos lemas das campañas é basicamente correcta. Que ou non se matan moito, ou a cousa non dá moito máis de si. Por exemplo, Touriño (na súa faceta de secretario xeral do PSdG-PSOE) sae sempre nas fotos abrazando a un señor ou felicitando a unha señora, entre os aplausos doutros que parecen tremendamente contentos de estar alí e de coñecerse todos. Hai un fondo de bandeiriñas ou bandeirolas e sei que non hai serpentinas, pero non podería xurar que non as hai, porque ó ambiente acáelle que as houbese. De vez en cando, á foto súmase Zapatero, ou Blanco (Pepe) e daquela o que aplaude satisfeito vendo como os demais se abrazan é Touriño ou o candidato ou candidata.

         Ás veces, o que está na foto é Rajoy. Non nas mesmas fotos, e moito menos nos mesmos escenarios nin coa mesma xente. Rajoy está máis circunspecto, como recordando que a cousa é grave, e que a modo con votar ou posiblemente o día 28 non é que se funda o mundo, pero podes darlle á billa e non saír auga. Ou sexa, unha catástrofe menor. As mensaxes apocalípticas quedan a cargo dos convidados foráneos de menos nivel pero que saen na televisión. Nas fotos, Alberto Núñez Feijoo sae sempre como de mediador atarefado. Ou acougando ó alcalde candidato a recuncar, un tanto desesperado de que agora non se lle poñan os conselleiros, ou intercedendo entre o paracaidista apocalíptico que fala das sombras e o electorado afeito a que lle prometan puntos de luz. Paliando danos, vamos.

         As fotos do BNG son ben curiosas. Quitados algúns casos concretos, os candidatos non están afeitos a saír retratados con conselleiros (vicio que Touriño lles evitou coller, cortando as actividades electorais dos membros do gabinete) e dos ministros xa nin falamos. Así que están resignados de oficio, mentres Quintana anda de volante, hoxe facendo parapente en Oia e mañá cazoleando coas pulpeiras de Escairón.

         A verdade, véndoos así ata se lles colle cariño.

 
(LA OPINIÓN sábado 19 de maio de 07)


Mai 15 2007

Diante dos narices

Categoría: Matrix Press, Xeralsihomesi @ 5:20 am

Algún colega emprendedor ou desocupado fixo unha lista de famosos que se presentan ás eleccións, moi celebrada nestes tempos de periodismo débil. Agora entendo por que estaba desocupado, porque non vía moito máis aló dos seus narices. unicamente que Luis Tosar non sexa famoso.


Mai 13 2007

Confianza en que faremos máis pensando en ti

Categoría: Si home sisihomesi @ 3:40 pm

Teño un amigo politólogo que asegura que os slogans destas eleccións, todos en xeral e cada un en particular, son dos peores que recorda. Como el é o que sabe, non llo discutín, pero fágoo agora aquí, aproveitando que é un home moi ocupado que nunca debe ler isto. Aínda que hai que recoñecer que bos non son, a min non me parecen malos, e sobre todo o que son é bastante reveladores.

Por exemplo, o “Pensado para ti” do BNG ten un obvio toque Quintana (Ana Rosa), ignoro se adoptado de forma inconsciente ou perfectamente consciente, dado que o departamento de Quintana (Anxo) é precisamente o que se ocupa dos temas de igualdade. No fondo, tenta garantir que son candidaturas pensadas para os electores, e non feitas en base ós equilibrios internos, que é como a xente pensa que fan as listas case todos na maioría dos sitios. En conxunto, coa achega propia de Vigo, “Súmate á revolución”, recorda esas mensaxes dirixidas o público xuvenil nas que se lles asegura que se lles presta atención e tamén se lles suxire que poden ser rebeldes (ata certo punto, claro).

Os slogans do PSdG-PSOE teñen aspectos pouco tranquilizadores, por ambiguos. Non me refiro a ese “Novos tempos”, que é un xenérico, un deses lemas de fondo de armario dos que sempre se pode botar man a falta de outro mellor (de feito, penso que xa se utilizou, non sei se así ou pola outra cara: “Tempos novos”). Tampouco a aquel “Miramos para adiante” da precampaña, que non estaba mal, sempre que non dea a impresión que era desentenderse do que se deixa atrás. Falo dese “Faremos máis” que, dependendo de en qué contextos, ten visos de ameaza ou de desculpa. Nuns casos é como para responder “¿Aínda máis? Non, por favor, paren, non se molesten” e noutros é como se quixesen dicir “desta vez ímonos esforzar, de verdade”.

Pola contra, o lema principal do PP, “Confianza es futuro” é perfectamente inocuo. Por unha parte ten un certo aire bancario (“Confianza, futuro y 3% T.A.E”) ou sudamericano (“¡Confianza, Futuro y Patria!”). Por outra, máis que unha promesa política semella unha desas premisas publicitarias, tipo autoescola (“soltura es garantía”) ou tenda de confección (“estilo es distinción”). É a primacía do comercial sobre o ideolóxico, que é exactamente o contrario do que é hoxe a opción conservadora. Tamén o lema secundario, “Centrados en ti” asoma a patita de forma case patética. A amabilidade e a campechanía que quere destilar o “centrados” arruínase co “en ti”. Lelo, sentir o alento de Zaplana no cocote e traducilo por “te estamos vigilando” é todo un. O “Por Vigo” de Corina aportaría algo se houbese alguén que se atrevese a formular “Contra Vigo”.

Non se vexan estas análises como unha crítica (si podería velas así o politólogo amigo meu que non me le). Ó revés. Que os lemas sexan como son faime abrigar a ilusión de que a campaña que comeza sexa o contrario do que anunciou o “pato coxo” (o lame duck, o presidente que xa non pode ser elixido outra vez, que citan todos os que fan análises de política norteamericana) da política galega, Francisco Cacharro Pardo, que aventurou que estas eleccións serían “bastante raras y un poco complicadas”. Claro que, pase que non teña razón o meu politólogo, pero que se equivoque Cacharro en asunto de eleccións municipais…

(FARO DE VIGO, domingo 13 de maio de 07)   


Mai 07 2007

Pasos a nivel

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:39 am

Traxedias e mortes hai máis incluso das que pensamos que poderiamos soportar. Algunhas, por frecuentes, como as que provoca o tráfico, nin saen nos titulares. Hai outras, paréceme, que nos afectan como sociedade, que nos implican un pouco a todos. A última desas, a morte deses tres homes no paso a nivel de Valga.

O accidente de Valga foi máis alá do que podería ser unha masacre da circulación porque, por unha banda, hai unha entidade a quen responsabilizar. Adif, ou Renfe, que ademais, na mellor tradición hispana dos organismos oficiais, tentaron botarlle a culpa ás víctimas. Fracasado o intento, a segunda fase da tradición é botarlla ó consabido “erro humano”. Polo que sei, efectivamente, ó estar as barreiras levantadas, o maquinista do tren recibe un sinal ó que ten que dar contestación en menos de tres segundos. Se non o fai, o tren frea. As barreiras está claro que fallaron (algo ó parecer bastante habitual alí), ou sexa que queda por ver se a maiores fallaron as sinais ou o maquinista, o consabido “erro humano”, como se ter en mal estado de mantemento os sistemas de seguridade fose atribuíble a erro divino.

Pero por outro lado, a traxedia de Valga impresiona por inusual. Xa non temos relación co tren. Antes o ferrocarril era o prioritario, era a encarnación do progreso e das comunicacións rápidas e do servicio de transporte público. Se había que agardar a que pasara o tren, agardábase. Se as vías tiñan que cruzar unha avenida e someter o ritmo cidadán ó seu, pois sometíase. Había cidades enteiras cercadas polo trazado ferroviario, e aínda seguen en boa parte, como Monforte. E en todo o mundo civilizado, os camiños de ferro ensaríllanse cos camiños de asfalto, pero coa mesma normalidade coa que conviven coas vías para peóns e cos carrís para bicis.

Agora e aquí o tren é como o teatro, con perdón: algo que hai que conservar, a risco de que os chamados liberais rosmen que apoialo vai contra a eficacia económica. O ferrocarril é unicamente un desiderátum ou unha arma política: o AVE, que está universalmente considerado como imprescindible e urxente, mesmo por moitos que pasan unha ou dúas horas cada día acampados en atascos que se poderían evitar con trens de cercanías. Sempre houbo dúas formas de ver a política de obras. Unha que sostén que as grandes infraestructuras son as que dinamizan a economía e o recoñecemento dos administrados. Outra que prefire promover as obras que facilitan o desenvolvemento microeconómico e a vida cotiá, e a dinamización xa virá de seu. A primeira teoría impúxose por goleada, porque é a que dá titulares, entre outros beneficios colaterais (quizais non sempre legais). Non vamos descoidar a vixilancia do AVE por andar cambiando os fusibles das barreiras dos pasos a nivel.

(FARO DE VIGO, domingo, 6 de maio de 07)