Mai 13 2007

Confianza en que faremos máis pensando en ti

Categoria: Si home sisihomesi @ 3:40 pm

Teño un amigo politólogo que asegura que os slogans destas eleccións, todos en xeral e cada un en particular, son dos peores que recorda. Como el é o que sabe, non llo discutín, pero fágoo agora aquí, aproveitando que é un home moi ocupado que nunca debe ler isto. Aínda que hai que recoñecer que bos non son, a min non me parecen malos, e sobre todo o que son é bastante reveladores.

Por exemplo, o “Pensado para ti” do BNG ten un obvio toque Quintana (Ana Rosa), ignoro se adoptado de forma inconsciente ou perfectamente consciente, dado que o departamento de Quintana (Anxo) é precisamente o que se ocupa dos temas de igualdade. No fondo, tenta garantir que son candidaturas pensadas para os electores, e non feitas en base ós equilibrios internos, que é como a xente pensa que fan as listas case todos na maioría dos sitios. En conxunto, coa achega propia de Vigo, “Súmate á revolución”, recorda esas mensaxes dirixidas o público xuvenil nas que se lles asegura que se lles presta atención e tamén se lles suxire que poden ser rebeldes (ata certo punto, claro).

Os slogans do PSdG-PSOE teñen aspectos pouco tranquilizadores, por ambiguos. Non me refiro a ese “Novos tempos”, que é un xenérico, un deses lemas de fondo de armario dos que sempre se pode botar man a falta de outro mellor (de feito, penso que xa se utilizou, non sei se así ou pola outra cara: “Tempos novos”). Tampouco a aquel “Miramos para adiante” da precampaña, que non estaba mal, sempre que non dea a impresión que era desentenderse do que se deixa atrás. Falo dese “Faremos máis” que, dependendo de en qué contextos, ten visos de ameaza ou de desculpa. Nuns casos é como para responder “¿Aínda máis? Non, por favor, paren, non se molesten” e noutros é como se quixesen dicir “desta vez ímonos esforzar, de verdade”.

Pola contra, o lema principal do PP, “Confianza es futuro” é perfectamente inocuo. Por unha parte ten un certo aire bancario (“Confianza, futuro y 3% T.A.E”) ou sudamericano (“¡Confianza, Futuro y Patria!”). Por outra, máis que unha promesa política semella unha desas premisas publicitarias, tipo autoescola (“soltura es garantía”) ou tenda de confección (“estilo es distinción”). É a primacía do comercial sobre o ideolóxico, que é exactamente o contrario do que é hoxe a opción conservadora. Tamén o lema secundario, “Centrados en ti” asoma a patita de forma case patética. A amabilidade e a campechanía que quere destilar o “centrados” arruínase co “en ti”. Lelo, sentir o alento de Zaplana no cocote e traducilo por “te estamos vigilando” é todo un. O “Por Vigo” de Corina aportaría algo se houbese alguén que se atrevese a formular “Contra Vigo”.

Non se vexan estas análises como unha crítica (si podería velas así o politólogo amigo meu que non me le). Ó revés. Que os lemas sexan como son faime abrigar a ilusión de que a campaña que comeza sexa o contrario do que anunciou o “pato coxo” (o lame duck, o presidente que xa non pode ser elixido outra vez, que citan todos os que fan análises de política norteamericana) da política galega, Francisco Cacharro Pardo, que aventurou que estas eleccións serían “bastante raras y un poco complicadas”. Claro que, pase que non teña razón o meu politólogo, pero que se equivoque Cacharro en asunto de eleccións municipais…

(FARO DE VIGO, domingo 13 de maio de 07)   

9 comentarios a “Confianza en que faremos máis pensando en ti”

  1. mourullo dixo:
  2. sihomesi dixo:

    Eu soamente o vira desde o coche, pero en movemento xa daba esa impresión de párroco ensinando sicalípticamente unha hostia. Rumoréase que a arte final é de Berto

  3. berto dixo:

    confirmo o comentario #2

  4. sihomesi dixo:

    Eses “sfumatos” ou como se diga, son característicos.

  5. eSedidió dixo:

    Vostedes que entenden, diganme, o señor en cuestión ten un ollo meirande ca o outro ou é que está chiscando?
    E outra: por qué leva na man un símbolo fálico?
    (e non me falen moito que estou de loito polo estoiskof)

  6. sihomesi dixo:

    A postura é a mesma que a de Warren Beatty amosándolle o revólver a Faye Dunaway en “Bonnie & Clyde

  7. F. Miguez dixo:

    Existe un recorte de xornal no que sae o alcalde perpétuo de Redondela dicindo algo así como “Cuatro cosas me preocupan, el polígono industrial, el vertedero, el auditorio y el paseo marítimo.” (creo que eran esas catro) Trátase de unha entrevista que lle fixeran alá polos anos oitenta. Das catro cousas, só selou o vertedoiro, e das outras… tururú, aínda andas os proxectos ás voltas. Non pasa nasa, tal e como se fan as cousas, mellor esperar sempre que cagala para sempre, pero cando vexo a súa foto con ese “Faremos máis” (sí, ser socialista xa non significa o mesmo que hai cen anos) penso que lle chagaba con poñer “Faremos algo.” que xa era bastante.
    Por certo, coido que xa nunha ocasión puxera vostede algo adicado a un non-lector deste seu jarito… que resultara que sí o leu ¿non si? Ándeseme con coidado, que disque hasta as paredes escoitan.

  8. F. Miguez dixo:

    …e porcerto, que andiven pola sua terra e quedoume unha dúbida ¿Hai unha candidatura forte dos Verdes en Oleiros ou é que colleron o símbolo da flor como si o PP lle chanta agora unha estrela vermella á Gaivota (por poñer un exemplo)?

  9. sihomesi dixo:

    Home, pordior. A margarida é o símbolo de Alternativa dos Veciños, o partido do goberno desde hai unha chea de anos.

Deixa un comentario