Out 18 2007
Eu quoque
Dous asuntos arreguizan Galicia: O botellón chega a ser tema de preocupación para as máis altas instancias do país -aka Monte Pío- e está o asunto Yolanda-Aduaneiros.
Respecto do primeiro, xa comentei e xa comentarei. Respecto do segundo, debo ser dos poucos que falei coas partes interesadas, alomenos con dúas delas, e a reconstrucción dos feitos podía ser esta:
- Ós Aduaneiros, no seu desinteresado (ver punto 6.2 das conclusións) afán por poñer en solfa gráfica os aconteceres do país, pónlles o chamémoslle Paradoxo Castaño. Poñen maos á obra. Nace Tu quoque, ese clásico.
- Yolanda Castaño, que sabe perfectamente que a imaxe é parte da súa obra, mira o resultado e mesmo lle fai gracia. Incluso recoñece que a roupa do armario é a do seu fondo de armario.
- Pasa o tempo. Entre a chea de xente que visita Aduaneiros hai algún pajillero que outro.
- Pasa o tempo. A Yolanda non lle fan tanta gracia algúns comentarios. Ata que un día “pon o asunto en maos do seu avogado”, como se adoita decir. Todos temos malos días, pero afortunadamente, non todos temos avogados (porque, como as pistolas, se os tes podes acabalos usando).
- O avogado, cheo de razón coma todos, mándalle un email ó enderezo persoal do Aduaneiro de garda no que lle advirte que é avogado e que a súa representada está pero que moi disconforme coas súas actividades -coas do Aduaneiro, e máis ben con unha en concreto-
- Ó Aduaneiro, como a todo ser humano galego normal que recibe unha notificación dun avogado, trémanlle as pernas e pásalle toda a vida por diante en 20 segundos, searcheando que puido ter feito para desencadear isto.Chega á conclusión de chamar a un avogado -avogada- e que entre eles se entendan, e a cruzar os dedos e as dedas.
- Avogado e avogada quedan (pero non para ter avogaditos, como imaxinan os pajilleros). O avogado esixe a retirada dos comentarios e da gráfica. Segundo a súa representada, como postura inicial de negociación, é decir, punto de partida do releo feira de Monterroso style. Segundo o representado pola avogada, como condición sine qua non. Segundo a representada, o seu avogado queda á espera da resposta que lle dea á avogada o seu representado.
- O representado decide que para ter que andar collendo o pincel gráfico con papel de fumar, mellor pechar o chiringuito e que lle dean bertorella a todo, acabando polo país este (GZ, en concreto). A representada indígnase toda porque, na súa consideración, de víctima pasou a verdugo.
- O resto xa o están vendo
Por se lles interesan as conclusións, as que saquei son estas:
- Alguén como Yolanda (ver 1 da cronoloxía) debería asumir que algunhas das reaccións que suscita non lle van gustar. En caso de que non lle gusten nada, nada, ten dereito a tentar evitalas. En todo caso, non estaría de máis a reflexión do que teñen que aturar desde os políticos ata os deportistas ou mesmo compañeiros de profesión dela como Suso de Toro, ou Sánchez Dragó, por citar extremos, e sen que normalmente pase nada nin se alporicen nin publica nin xuidicialmente.
- Nesta parte do planeta, por moito anuncio de Legalitas que se escoite, acudir a un avogado sigue sendo un recurso extremo e último. Como antes ó médico (”púxose tan malismo que case chamamos ó médico”). Máxime cando o Aduaneiro dixo que estaba disposto a retirar os comentarios sen problema, e Yolanda asegura que tampouco faría pièce de résistance da retirada da ilustración.
- Se aduaneiros decidiu aproveitar unha advertencia/ameaza para pechar a web, como din algúns, están no seu perfecto dereito, e mesmo se o fixesen para relanzala noutra reencarnación. Criticalo sería como dicir que a Aznar veulle ben electoralmente o atentado no que case o matan, porque que se saiba non o provocou el, ou que a oposición a Fraga aproveitou o sinistro do Prestige.
- Procurando consideralo obxectivamente, Yolanda ten todo o dereito legal a reclamar contra a ilustración, e ningún lexítimo para que atendan a súa petición (ver 1). Si tería lexitimidade para que se suprimisen os comentarios que as dúas partes considerasen inxurioso. A partir de aí, os avogados.
- Como era de prever, e moito me estraña que non se prevera, o remedio foi peor ca enfermidade. (Eu souben agora que Tu quoque era un flash, unha animación na que podías intervir. O do armario da roupa pensaba que era un guiño máis).
- O cerne do asunto son tres:
- Que se debe poder poñer ou non. A libertade de crítica debe de ser total, coas contadas excepcións que pode imaxinar calquera con sentido común e no seu defecto, os tribunais e o seu ás veces peculiar sentido do que é xusto. Tanto para os autores como para os comentadores. A falsidade e a inxuria non son críticas admisibles, e quen abre a ventá para que se opine non debe admitilas, nin por acción nin por omisión. Que os orneos e o ácido sulfúrico constitúan o 90% dos comentarios na maioría das páxinas de ultradereita e o 50% noutras simplemente populares pode multiplicar as visitas, pero entre elas non está a miña. Pola mesma razón, a min non me tremaría o rato á hora de eliminar calquera comentario ofensivo, non para a miña vaidade, senón para a realidade dos feitos. Alguén pode exercer o sarcasmo sobre o abuso das subordinadas na miña escrita ou decir que estou feito un bocoi, pero non que recibo cartos para opinar a favor desto ou contra o outro. E hai páxinas que deixei de visitar, algunhas entre os links que mesmo recomendo, pola grande acollida que fan de acusacións gratuitas e mesmo imputacións de delicto, sen máis base que “teño escoitado que…” (Volvendo ó caso que nos ocupa, polo que recordo e vin na caché, quitado algún pajillero, os comentarios non eran especialmente agresivos).
- Que unha mostra clara de que esta sociedade é aínda moi precaria, pacata, pouco versátil e escasamente evolucionada é o feito de que un traballo como o de Aduaneiros siga sendo desinteresado, gratis et amore.
- Este rebumbio é unha mostra de que a cultura está viva, ou de nada?

