Nov 04 2007
A matraca máis ou menos perversa
[NOTA: non me refería a isto]
Cando se produce unha traxedia destas características, aínda que destas non se producira nunca, o normal é enterrar as mortos, paliar no posible o dolor dos vivos, atopar os culpables e aplicarlles o castigo correspondente, ver por que pasou o que pasou e tentar facer o posible para que non pase outra vez. Neste caso, enterradas as víctimas, non se tardou nada en descubrir que aquela matanza non fora obra dos presumibles, senón dun grupo de fanatizados que se constituíron en franquicia de Al Qaeda, e que aproveitaron os contactos que tiñan da súa anterior vida de pecadores para facerse cuns explosivos por parte duns tarados que nin cerebro ou escrúpulos tiveron para imaxinar para que ían utilizalos. Moi listos non eran ningún deles, e así os localizaron pouco despois, momento en que preferiron presentarse voando ante o tribunal divino que agardar ó proceso xudicial humano. Na investigación posterior sóubose que quizais a traxedia puidera terse evitado se as forzas de seguridade puxeran os ovos investigadores en máis cestas, e sobre todo, se a relación dalgúns axentes cos seus confidentes fose máis profesional. Ou quizais non, que non se tería evitado. En resumo, o que pasou foi algo ben máis fácil de entender que o caso Banesto, por poñer un exemplo que non supoña comparar traxedias. E a xustiza está en mans humanas –aínda que nalgúns casos, unhas máis humanas que outras- e sabemos que é como unha rede: colle o que hai que coller, pero ás veces van no copo pezas que non deberían ir e tampouco é raro que se lle escapen outras –e non das pequenas- que deberían ir dentro. E en definitiva, se non se esmeraron desta, é como para botarse a tremar de como se resolven o resto dos casos.
Pero en lugar diso, marearon toda canta perdiz había, ata extremos ridículos, do ácido bórico –recordan?- á furgoneta Kangoo e do confidente Rafá ó axente Manolón. Un esperpento. Non digo eu que non estea todo permitido para vender periódicos, ou para consolarse por ter perdido no último minuto nada menos que unhas eleccións que se daban por ganadas. Pero todo ten un límite e un tempo, e sempre hai xente inocente que se cree esas cousas e pásao moi mal, e mesmo os comprensivos coas trampulladas hai un momento en que nos fartamos. O que pasou e o que me temo que vai seguir pasando co 11M vaise converter naquilo que Macbeth dicía que era a vida: unha historia contada por un idiota, chea de ruído e de furia, e que non significa nada. Paren de dar a matraca, fagan o favor.


o 4 de Novembro, 2007 ás 7:59 pm
Sinceramente, non me peta poñer links a sitios conspiranoicos.
o 5 de Novembro, 2007 ás 9:01 am
Creo que tod@s sabemos que o Partido Popular non vai parar de seguir dándolle a matraca porque llo pidamos nós. E creo que tod@s sabemos que vai seguir dándolle mentres as enquisas o sigan situando igual que o PSOE.
Son millóns de persoas as dispostas a votar ao PP, e millóns de persoas son moitas. E ademais é imposíbel que sexan menos se dende a esquerda collense os valores da dereita e se visten de españois ata a sopa, ou adícanse a criminalizar o botellón. Ou, empañan o labor facendo a mesma política que o PP ca Cidade da Cultura.
O PP representa a moita xente pero para que pare a matraca, só ten que representar aos seus. E dende a esquerda e o nacionalismo, non competir no seu mesmo campo. O que necesitamos é defender ben o noso campo e agrandálo.
o 5 de Novembro, 2007 ás 12:48 pm
Vivir na provincia que bonito é……! Poupa sofrer atentados tipo- 11 M ?
o 5 de Novembro, 2007 ás 1:05 pm
Provincia, que significa -etimolóxica, e para moitos ideoloxicamente- terra de vencidos.
o 5 de Novembro, 2007 ás 1:59 pm
“Sihomesi”……¿Filólogo como el gran FJL?
o 5 de Novembro, 2007 ás 2:40 pm
Non. Vencido.
o 5 de Novembro, 2007 ás 3:16 pm
Esta, e outras cousas, rematarán cando os españoles deixen de entender a política como un derbi futbolístico no que é imperativo tomar partido por unha das partes, e permanecerlle leal aconteza o que aconteza.
o 5 de Novembro, 2007 ás 9:19 pm
“Sihomesi”…..En provincias se vive “de puta madre”……¡Te lo dice un feliz provinciano desde 2004……!
o 5 de Novembro, 2007 ás 11:45 pm
Esperádevos, que o mellor parece que está por vir. Non se sabe por onde andará estes días exactamente o tal Pedro Jeta, pero de certo que as últimas dexeccións producidas pola súa man dereita (¿as hidras teñen mans, ademáis de cabeza?), Casimiro García-Abadillo están claramente orientadas a desacreditar indirectamente o relato de feitos probados da sentencia pola vía mefistofélica e diabólica da desacreditación previa da tese do ministerio fiscal que, lóxicamente, non é senón o brazo armado (xurídicamente) do goberno e do PSOE. É dicir, o mundo ó revés: a historieta mundanal-aznariana-acevesca-zaplaniana metamorfoséase habilidosamente ata o paroxismo máis noxento, de tal sorte que a paranoia non residiría na “teoría da conspiración”, senón no seu concepto simétrico inventado ad hoc, o da “versión oficial”. Delirante, absurdo, insultante e desvergoñento -pero á vez maquiavélico- ata límites goebbelsianos.
Así que, en resume, preparádevos para outra sobredose de fregonetas Kangoo, Skodas Fabia, informes de Tedax que van e veñen, mochilas pantasmas e tal e tumba e dalle, así “hasta el infinito y más allá”. ¡Deus e os santiños nos vallan…!
o 6 de Novembro, 2007 ás 12:43 pm
Home,triste si,pero no pecado levan a penitencia.Dende o 11m non hai enquisa que gañe o PP.Nin unha semana nestes 4 anos.Nin depresion de media lexislatura nin farrapo de gaita.En Galiza o concello mais grande do PP e Ribeira.
Isto vai levar a fin do Aznarismo.Gallardon,Pique,Feijoo e moitos mais estan afiando os seus coitelos.O espectaculo vai ser bo pois a besta do Aznarismo e ben brava.Abstenganse os menores de 18.
o 6 de Novembro, 2007 ás 3:52 pm
É detestable, dende o meu punto de vista, que se pretenda converter o 11M nun negocio mediatico ou nunha ferramenta política. As víctimas e seus familiares teñen todo o dereito a poderes descansar duna vez sen que a cada intre lle recorden por calquer altavoz, monitor ou conversa de bar que perderon os seus naqueles fatídicos trens.
É tempo de que traballen quenes teñen que traballar en por os médios pra que isto non se repita (e hay miotos medios e moi sinxelos que se poden por)e de que traballen tranquilos, sen inquisidores detrás, sen bermes nin alimañas na porfía de canta merda se poida remexer… Neste país parez que está a medrar unha gran carencia, unha carencia moral e humana.
o 7 de Novembro, 2007 ás 6:01 pm
Quando perdes um jogo, o mais fácil é botar-lhe a culpa ao árbitro. Como desta vez ao árbitro é difícil botar-lhe a culpa, pois o que fam é intentar tirar segundas interpretaçons da sentência judiciária. Claro que, o jogo do 2004 também o perderom e, sendo ainda mais difícil botar-lhe a culpa ao árbitro directamente…fixerom-no!!! e com a mais inacreditável das desfazatezes…