Houbo un tempo, quizais o acorden algúns, en que non había enquisas nin estudios estatísticos. Supoño que daquela tiñamos que intuír como eramos, e non como agora, que sabemos todo de como somos por xunto. Desde aquel sorprendente e pioneiro cálculo de canta vida se acurtaba con cada pito que se fumaba, ata agora, que se sabe o que imos durar se non usamos o móbil mentres conducimos, e a que dedicamos o tempo libre do que nos queda.
Non me refiro a esas enquisas que dependen da apreciación subxectiva da xente, esas sondaxes-ficción sobre os hábitos sexuais que máis ben reflicten a capacidade de autoengano. Falo das serias. As estatísticas aseguran, por exemplo, que a esperanza de vida dos galegos subiu (en realidade gracias ás galegas, que son as que duran e fan medrar a media) dos 75,23 anos en 1981 ós 80,44 no 2005, pasando de palmar antes da media española a durar algo máis. Claro que sabelo non sirve para moito máis que para as autoridades boten contas dos cartos que nos teñen que sacar a maiores porque nos terán que asistir máis tempo e a máis. Para a xente, que nos sintamos estafados se non chegamos a cumprir os 80 anos e cinco meses que nos corresponden, ou parvamente mellorados se os sobrepasamos. Hai outras conclusións dadas a coñecer estes días que ignoro de onde saen, e non porque sospeite que se obteñen por métodos pouco científicos. A de que se a xente non falara polo móbil habería un 7% menos de mortos en accidentes. Digo eu que se calculou contando os que chocaron por ir falando polo aparato, se é que hai forma de sabelo, pero ¿esa xente non se tería matado antes de que se inventaran os móbiles, ou é que son de distraer fácil e despistaríanse con outra cousa? Sobre as tamén cuantificadas consecuencias de fumar na conducción, eu coñezo un caso paradigmático: o dun sindicalista coñecido meu que ía en moto no verán, e metéuselle por dentro da camisa a cabicha do puro que botou pola ventá o conductor dun mercedes que ía diante (simbólico, ¿non?).
E logo están os estudios que parecen tirar conclusións normais, pero que mirados polo outro lado, non deixan de ser sorprendentes. Por exemplo, normal é que o 78% por cento dos españois acrediten na autoría islamita dos atentados do 11M, pero ¿a quen lle pode botar a culpa o 22% restante? Ou esoutra da Fundación Bertelsmann, que asegura que o 83% dos españois se identifican moito ou bastante con España, cifra que baixa ó 77,3% dos galegos. O raro é que haxa un 17% dos españois e un 22,7 dos galegos que resistan a competencia entre PP, PSOE e mesmo Fernando Alonso a ver quen patriotea máis. Ou os hábitos de consumo cultural detectados polo Instituto Galego de Estatística, que deseñan un perfil do cidadán de aquí que é o que menos ve a tele (media hora menos ó día ca media española), o 58% non lee nin un libro ó ano (o resto, polo menos un, claro) o 36% non vai ó cine porque non lle peta, aínda que o teña cerca, porcentaxe que sube ó 47% no caso do teatro. E curiosamente un 44% considérase deportista habitual (supoño que andar de chandal ou cargar pesos vale como práctica deportiva). Un perfil que non é para tirar foguetes pero é o previsible. O estraño é a letra pequena: os ourensáns que aseguran non asistir ós espectáculos (sexan concertos ou coches de choque) porque non os teñen preto superan en dez ou vinte puntos ós lucenses e case dobran a coruñeses e pontevedreses. En Lugo hai un seguimento das revistas do corazón, de motor e de cine que en ocasións é o dobre dos seguintes clasificados.
Con todos estes misterios estatísticos, poñerse a debullar se os mozos que emigran son estudiados ou non, ou se veñen mais dos que se van parece case metafísico. E de todas estas cousas, é o que nos interesaría saber de verdade.
FARO DE VIGO, luns 12 de novembro de 2007
Ríome eu das estadisticas serias, meu. Por motivos estrictamente profesionales teño a abriga de cubrir varias enquisas anuales e trimestrales de diversos ministerios sobre datos económicos e laborales referidos a datos cuantificables e ainda así, como dín nas pelis, “calqueira parecido coa realidade é pura coincidencia”.
Por certo e sen ánimo da polémica do anterior Artigo e so como aporte etimolóxico, no meu barrio e incluso na parroquia o peor insulto é chamarlle a un listo.
Seica vostede é tamén dos que, ao recibo dunha enquisa desas do INE, repasa o “gran libro de los cuentos infantiles”?
Recordo unha vez, hai xa algúns anos, no que estabamos a facer unha enquisa oficial sobre a produción de horta. En chegando a un invernadoiro de certo tamaño, a paisana que estaba fóra, ao vernos chegar, seica pensando que seriamos da facenda ou de algo pior, parapetouse dentro e non había maneira de facela saír. Tras moito dallequedalle, conseguimos convencela de sermos inofensivos, e accedeu a responder ás preguntas. En chegando ao destino comercial (había dentro non menos de 5 tm de pementos de padrón) respondeunos que “eran todos para autoconsumo”. E alí quedamos nos, enchendo a casilla correspondente, e ela, cunha cara de coña que non esquecerei mentres viva….
Home, os pementos de Padrón son ben viciosos…
Non se esqueza, sr Sihomesi, que os asalariados somos os mais ricos de españa pero con gran diferencia con respecto os autónomos e empresarios, segun datos “reais” da nosa ben querida Hacienda. E iso lémbrame o meu estupor (daquela tiña alguns aniños menos e me impresionaba por calqueira cousa), cando a directora da guardería díxome que eu era o mais rico dos pais porque claro como traballamos os dous no matrimonio..E eu ia a recoller os xemeos co meu R-11 descangallado de cuarta man e os pobres dos pais restantes cos Mercedes e Audis na porta da garderia…,.¡Terra a Nosa!
To sHs: E ademais a paisana tiña pinta de bon dente e de ser familia numerosa.
To Alvarez: Faga o favor de non faltar aos nosos empresarios que disque non é patriótico, os empresarios non lle temos a culpa de que sexa vostede un pelo cutre á hora de renovar o parque móbil e seguro que os outros carros eran todos de renting…
non lle falta rason
e falando de tantos por cento (aproveitando que o Miño pasa por Ourense,
…), estou tratando de informar os emprendedores galegos e responsables de pemes (non sei se é o teu caso ou se sabes dalguén…) da oportunidade que teñen de financiar a compra de equipamento informático co interese do 0 por cento en Renovación Tecnológica.
os responsables do portal, dependente de Caixanova, encárganse de todo o proceso. o interesado di o que lle fai falta: ordenadores, software, dominio de internet, cursos de novas tecnoloxías…; e eles solicitan ofertas a varios proveedores, preséntanlle ao empresario as cinco mellores e financian a operación sen intereses.
unha boa oportunidade para mellorar a capacitación tecnolóxica do empresariado galego.
un saúdo
As estatísticas som de um váquo impressionante…tam váquas como os resultados desportivos. E pôr-se a tirar conclusons de algumhas das que se publicam, é-vos umha perda de tempo.
Toma blogospam!!!!