Dec 09 2007

A Nosa Terra

Categoría: Matrix Presssihomesi @ 10:13 pm

Non asistín á presentación da nova etapa de ANT (entre outras razóns, porque tampouco me invitaron), pero contáronme que, a maiores dos discursos de exaltación do novo producto e de esperanza polo novo camiño que se emprende, houbo tamén unha certa dose de autocrítica por ter transitado no pasado por sendas sectarias. Mesmo no primeiro número da nova xeira, suplemento incluído, hai algúns meaculpas e certos tiróns de orella. Éme moi difícil non estar de acordo con algo como facer autocrítica, pero o principal problema que lle vía a ANT non é que fose unha publicación do BNG, ou do nacionalismo, senón para o BNG, centrada sobre todo no mundo nacionalista, nos seus intereses e puntos de vista. Postos a selo, máis que estritamente sectaria desde o punto de vista político, ANT érao no reduccionismo dos contidos que ofrecía ó público.

(Por outra parte, algo que un de Chantada fixo ben, malo será que non o mellore un de Monforte).


Dec 09 2007

O verxel

Categoría: Si home sisihomesi @ 9:39 pm

“A ver se fai unha reportaxe para que a xente veña aquí”, comentoume toda sorrinse non hai moito unha muller nun deses lugares da Costa da Morte que aínda evolucionan ao seu aire. Debín poñer a cara de circunstancias que penso que poño cando non sei que cara poñer, tipo deixe-que-xa, e a señora reflexionou: “Bueno, que veñan pero que non queden”. Non sei que expresión compuxen por fóra, pero interiormente quitei o sombreiro que non uso para recoñecer a súa precisión á hora de centrar esa polémica cuestión que para algúns é a protección da costa e para outros a parálise da construción. E xuro que a señora tiña ben máis pinta de público de Luar que de ecoloxista.

Continuar lendo “O verxel”