Dec 09 2007
O verxel
A liña de pensamento que considera indisoluble o matrimonio cemento-progreso e que ten como lema: “Da paisaxe non se come” ten tanta vixencia no mundo occidental como a de que a terra é plana, quitado en zonas de España como Valencia ou Galicia, onde sobrevive por circunstancias que asombran ós antropólogos e fan brillar os ollos ós economistas. Cando a Xunta decretou a paralización da construción no solo urbanizable situado a menos de 500 metros da costa nos concellos que no teñan a súa planificación urbanística adaptada ás lei vixente, máis de dous portavoces do sector inmobiliario clamaron que sería matar “la gallina de los huevos de oro”, animal mítico que descoñecemos os que non somos do sector. “Galicia no se puede permitir el lujo de ser toda un vergel”, dixo máis recentemente outra personalidade relevante, de forma un tanto sorprendente, porque o único de verxel que vai quedando (agás que haxa posibilidade de abrir unha canteira) son aqueles lugares condenados a despoboarse. O de Galicia é, con moito, o territorio máis degradado -por non dicir o único degradado- en toda a costa atlántica peninsular, do Bidasoa ao cabo San Vicente.
O certo é que, coas excepcións que queiran, o sector da promoción inmobiliaria fracasou na ordenación urbanística. Nin cando o facían á brava, nos 60 e os 70, nin agora cando o fan gañando a vontade das administracións que en teoría son as encargadas da tal ordenación. E igual fracaso tiveron a inmensa maioría dos concellos, concedéndolles que fose iso o que buscaban. Que non, porque os argumentos urbanísticos que invocan son polo xeral, de deixar facer o que sexa, porque se crea riqueza. Crear crearase, pero non onde vai parar. O que ingresan os concellos por licencias de obras é unha cantidade ridícula en relación cos presupostos. Curiosamente, a presión construtora céntrase agora naquelas zonas nas que baixa a poboación, da Costa da Morte á Mariña de Lugo. Eses lugares que para os mesetarios teñen unhas paisaxes preciosas, cómese como nunca e os indíxenas son amables. A galiña mítica poñería ovos de ouro, pero o que se ve que chocou son unha chea de Pocerolandias. Edificios enteiros coas persianas baixadas once meses o ano, que se embargo necesitan servizos e mantemento de infraestruturas doce meses. E coas novas construcións chegaron tamén novos prezos para as vivendas, incluso para os nativos.
Pero o importante é que a tal galiña siga poñendo.

