Xan 21 2008
Fatalismo a bordo
A todos nos gusta a épica do mar (posiblemente máis ós que non temos idea) e supoño que se creou cando o traballo de mariñeiro era aínda máis escravo, moito máis arriscado e do que todos sacaban menos cartos, porque o peixe non custaba nada e polo tanto non había empresarios. E polo tanto, a xente do mar era libre, polo menos ata atracar. Daquela época en que a vida do mariñeiro tampouco custaba moito quedou probablemente un sentimento fatalista do oficio, de que cando está escrito que van vir mal dadas non lle hai que facer. Esa épica e ese sentimento sobreviviron á chegada dos cartos ó sector, e da mestura saían aquelas anécdotas dos que desembarcaban dunha boa marea, e collían un taxi para el e outro para a chaqueta, como me contou Toñito de Poi. Por que non coller dous, cando da seguinte podías non volver. Recordo o que contou un tripulante do Marbel, un conxelador que quedou sen máquina á altura de Portugal. Pediron axuda por radio a Vigo, a Portugal e mais á Coruña. Estaban preto da costa e podíanos ter remolcado, pero nada. Viron un helicóptero e tampouco. Foron contra as rochas nas Cíes e non quedou nada do barco en 20 minutos. De 36 mariñeiros, deron chegado a terra nove. Xa os deran por mortos e sacounos de alí cinco horas despois un pesqueiro que andaba á sardiña. O que mo contou, que daquela tiña 17 anos, escoitou despois que os mandos da Comandancia de Vigo estaban nunha cea en Baiona. Non hai tanto. Foi en 1978, tamén en xaneiro.
Agora, os equipos de salvamento si son europeos, e as autoridades aparecen como raios a interesarse polos afectados. E a opinión pública pide leis anti-traxedias que sirvan para logo atopar responsables. Pero penso que o fatalismo sigue vixente a bordo, e a maiores en terra. Tamén, e pode que me equivoque, que son máis estritas as ITVs para os coches que para os barcos. Por non falar das inspeccións de traballo. Ós indonesios como os do Cordero tráeos un axente que lles consigue 500 euros ó mes, máis as comidas e a viaxe de ida e volta. E poden durmir no barco se queren. Alí de onde veñen hai unha chea deles para substituír ós que están fartos de tanto fatalismo.
(LA OPINIÓN sábado, 19 de xaneiro de 08)


o 21 de Xaneiro, 2008 ás 7:18 pm
Por experiencia propia aseguroche que non te equivocas co das ITVs.Tamen teño que dicer que es un home con valor: Ir co meu alcalde o mando dun remolcador…¡Mi madriña!
o 21 de Xaneiro, 2008 ás 9:32 pm
Home, eu era moi novo e máis destemido, o remolcador era o Alonso de Chaves, que afundiría todo o que se lle puxera diante, e o teu alcalde debía ter algo máis recente o de levar o timón (no senso estricto)
o 22 de Xaneiro, 2008 ás 11:55 am
Cando fixen o curso de Riscos Laborais, ese de trinta horas para poder ser encargado e todo iso, o monitor emepezou contándonos o panorama que hai hoxe en día. O peor, que cando falaba con colegas de outras comunidades, preguntábanlle “como era posible o de Galica”. “Es que vosotros no teneis mar,” -dicía que lles respostaba- “cuando se nos hunde un barco hay unos cuantos muertos seguros, y ya nos marca media.”
Qué verjonza. O peor, e que non somos os únicos que temos mar, aí que algo falla e moito.