si home si

"É unha pena que a estupidez non doa" (Anton LaVey)

A bolsa ou a vida

6 comentarios

Andan as xentes estremecidas e desnortadas, atordadas nas esquinas como sen saber cara onde coller. Tremen os corpos dos medoñentos e ata os destemidos renxen os dentes co esforzo de aparentar tranquilidade. Nin os analistas máis agudos saben que pode pasar mañá, e mesmo recoñecen que non o saben, e os expertos confesan que todo o que digan é tan de fiar como se tirasen os dados. Todo porque baixa a Bolsa, hai que ver.

Claro que sei tan pouco diso que nunca entendín o que vía nas películas, como aqueles tipos que se puñan tolos acenándose uns ós outros e berrando compro ou vendo se acordaban logo do trato feito e con quen, no medio daquel tremendo rebumbio. Agora, coa informática, teño máis claro como pode funcionar todo. Tamén sei que unha empresa que cotiza pasar de valer o que vale máis ou menos obxectivamente a valer o que están dispostos a pagar por ela os que mercan as súas accións. Pero tamén que na bolsa, como na vida, non sempre se gana, e mesmo antes de que se implantara o de “invertir en Bolsa” sempre se falou de “jugar en Bolsa”. En calquera xogo, para que algúns ganen fai falta que outros perdan, e máis en cuestión de cartos. Ata o porco máis ruín atopa unha boa castaña, pero normalmente palman os máis crédulos e os máis entusiastas. Aqueles que secundaron e posibilitaron fenómenos como os das puntocom, aquela realidade virtual con casos reais como o da pequena empresa de ferramentas para xardín á que lle chegou con engadir o apelido puntocom para revalorizarse cinco ou seis veces.

Precisamente foi daquela, cando moitos pagaron como se fose lume o que resultou ser fume, que se desinchou aquel globo de meter os aforros na especulación bursátil. Eses dez millóns de accionistas que se di que hai, xa non son de toda caste e condición social. Con todo, estou de acordo en que baixe a bolsa non é cousa boa, así en xeral. Pero antes de rachar as vestiduras e pegar nos pelos do peito porque suba ou baixe o mercado de valores, ocorréseme que están antes outros motivos de lamentación. Por orde cronolóxica e de importancia, e sabendo que hai máis: o incremento incesante da vida, a suba constante das hipotecas, a alegría inconsciente coa que se acorda a eliminación da tarifa eléctrica nocturna, a decisión inclemente de non repartir o correo no rural. Medidas que afectan directamente á economía de xente que non é que arrisque os seus cartos na ruleta do futuros das empresas, senón que come e viste todos os días, animouse a mercar unha vivenda, fiouse do que o goberno e as eléctricas lle dicían que era unha inversión de aforro ou simplemente, vive no campo.

Esa si que é a economía, estúpidos –con perdón, a frase é de Clinton-. Porque ademais, como todos sabemos que as entidades financeiras rematarán como sempre o ano cun lote de beneficios antes de impostos, despois de impostos ou sobre impostos, se a Bolsa baixa, xa sabemos a que bolsas van ir para compensar as perdas.

(FARO DE VIGO/ LA OPINIÓN, sábado, 26 de xaneiro de 08)

Escrito por sihomesi

27 de Xaneiro, 2008 ás 10:16 p.m.

Gardado en Si home si

6 Comentarios to 'A bolsa ou a vida'

RSS dos comentarios

  1. «Se a Bolsa baixa, xa sabemos a que bolsas van ir para compensar as perdas.»

    De toda a entelequia da Bolsa, é o que máis claro temos.

    xabre

    28 Xan 08 at 1:37 a.m.

  2. Xa sei que non ven a conto, pero vendo o «hai debate» de hoxe téñolle, con moita dor do meu corazón, que botarlle unha pequena bronca: non podo entender como, a pesares de non parar en toda a noite de darlle aos pés (nótase que, como lles puxeron mesa, xa non pode mover toda a perna) e mirar con cara de sicópata ao seu veciño da estrema dereita, non pasou aos feitos, tirou de fouciño e fixo unha escabechina gore co interfecto. Nunca pensei que ía botar de menos a señora aquela da cope, rediósssss…

    eSedidió

    29 Xan 08 at 12:19 a.m.

  3. Non me reña: o chiste do anestesista e o de que para os bispos parece que a vida do feto comeza cando unha rapaza che chisca o ollo foron moi celebrados…

    sihomesi

    29 Xan 08 at 10:03 a.m.

  4. Foron cojonudos si señor, ese é o meu Pereiro. Pero aquel seudoperiodista digital, dabanme ganas a min de ser un bolchevique da etapa dura, e decirlle aquelo tan educado de «por que no te callas».Eses fascistas sin bautizar revolvenme as tripas.

    susolista

    29 Xan 08 at 10:48 p.m.

  5. Arre carallo!O noso Líder Máximo retrucándolle á reacción,impedindo que o país volte á época do meu antergo O Noso Mariscal,e eu como vaca no millo, vendo unha película de segunda….

    Alfonso Pardo

    30 Xan 08 at 10:51 p.m.

  6. Pódese ver, sen receta médica, na TVG á carta

    sihomesi

    31 Xan 08 at 9:58 a.m.

Deixa un comentario

Switch to our mobile site