si home si

"O ceo gústame polo clima, o inferno pola compañía" (Mark Twain)

Ánimo!… que son 15 días

6 comentarios

Ánimo!

Desde o meu punto de vista, persoal e profesional, había tempo que a campaña de imaxe do PSOE non era tan boa. Habería que remontarse a aqueles debuxos dunha sociedade amable e idílica, presididos polo retrato ídem de Felipe González, que axudaron ós socialistas a obter a maioría absoluta en 1982, para poder comparala. Tanto daquela como agora, a campaña irradia optimismo. Desde os lemas -“Motivos para crer”, “Vota con todas as túas forzas”- ata a imaxe de Zapatero como non-candidato, con fotos máis de reportaxe que de estudio, o que se vende é ilusión. O que non se menciona é a prosaica realidade de que agora, en 2008, esa opción política é a que está no goberno. Incluso, polo menos no comezo, as referencias á xestión política son ó que fixeron mal os anteriores.

“Con cabeza e corazón”, o lema do PP, é realmente bo. Para calquera. De feito, o asesor ó que se lle atribúe xa o usou na campaña do agora presidente mexicano Felipe Calderón e na do Partido Patriótico (de Guatemala), e importouno quitándolle o retrouso “con mano dura” que alí tiña. Sería especialmente atinado para unha forza nacionalista, con esa chamada ó sentimento. Pero todo un rexistrador da propiedade como Rajoy invocando o corazón queda ata frívolo, e máis sabendo do seu sentido do humor. A mesma incompatibilidade entre as excelencias da propaganda e as características do propagado tiña aquilo de “Con Rajoy é posible”, (por ambiguo e por deixar a porta aberta ás dobres interpretacións: “Con Rajoy pode pasar de todo”) e o de “As ideas claras” (as ideas claras son parentes próximas das fixas). O que lle pegaba á personalidade do candidato conservador era algo máis directo ó sentido común: “Fíese, hombre”. Ou incluso, asumindo o argumento de partida de que as cousas están moi mal: “Esto tiene arreglo”. Pero curiosamente, aquí ninguén invoca a confianza. Todo o máis, hai alusións a esgalla a que os outros son pouco de fiar ou nada.

A campaña do BNG –“Contigo, Galiza decide”- é unha nova versión do de sempre. Un argumento de teoría política, un tanto alleo ó feito de que parece que Galicia leva anos decidindo que deixa que xa. Postos a teimar na importancia estratéxica do voto, quizais fose máis sincero algo tipo: “A ver, aclárense dunha vez”, e se o consideran agresivo de máis: “Conviría que nos foramos aclarando se queremos pintar algo ou mellor non destacar e seguir tendo un pase”. Ou máis breve: “E logo, que?”.

Pero de verdade que as campañas todas son boas. E soamente quedan dúas semanas.

(LA OPINIÓN, sábado 23 de febreiro de 08)

Escrito por sihomesi

24 de Febreiro, 2008 ás 10:35 p.m.

Gardado en Si home si

6 Comentarios to 'Ánimo!… que son 15 días'

RSS dos comentarios

  1. Oxalá o eslogan fose “E logo, que?” para que eu puidera votar “Bueno.”, como aquel que sae no anuncio do Gadis.
    En xeral, o dos lemas das campañas podería tratarse como un problema matemático: Con todas as palabras do diccionario ¿cantas combinacións de tres a cinco elementos se poden facer que sexan sintácticamente correctas, non ofendan a ninguén, e carezan de significado práctico?
    De todos xeitos, a experiencia reciente non me permite compartir o seu optimismo, quedan 15 dias (agora 13, contando con hoxe) sí, pero para que comecen outros catro anos de campaña electoral.

    F. Miguez

    26 Feb 08 at 11:56 a.m.

  2. Por non falar da resaca do 11, que se pactos, que se afiar de coitelos na casa dos perdedores (vamos, dos menos ganadores),… e iso se non se dan escenarios posibles como un partido teña máis votos pero menos escanos, ou que os votos do CERA dean algunha sorpresa…

    sihomesi

    26 Feb 08 at 12:16 p.m.

  3. Uf, cale, cale, que creo que xa me empezo a sentir mareado so de pensalo. :D

    F. Miguez

    27 Feb 08 at 7:17 a.m.

  4. sHs, as matanzas nos partidos políticos son as mellores, por iso fan tan bos chourizos :P

    ghanito

    28 Feb 08 at 9:27 p.m.

  5. [...] non é democracia. Escoitar tres (ou dous, no caso do debate Zapatero-Rajoy) discursos herméticos, precociñados por asesores propagandísticos que aplican á política os mesmos métodos que na merc…, non lles é democracia, non. “O goberno do pobo” non consiste, creo eu, e igual me [...]

  6. 5# Os plenos fóra da Coruña son ben animados. Eu asistín en Vigo ó da moción de confianza de Ventura Pérez Mariño, e aínda o teño gravado (na cabeza, quero dicir, non en video). Na Coruña houbo condenas penais (de meses, claro) por un berro de “pallaso!” e por botar un par de narices (de pallaso) ó salón de sesións.

    sihomesi

    29 Feb 08 at 2:56 p.m.

Deixa un comentario

Switch to our mobile site