Mar 03 2008

Debate ou Tomate

Categoria: Si home sisihomesi @ 2:03 pm

Eu teño unha amiga con grande sona de excelente cociñeira. Non o facía mal, pero o seu secreto era a lentitude: nunca daba de xantar ata ben pasadas as catro da tarde, e con fame non hai pan duro. Cos debates electorais pasa un pouco o mesmo. Había tanta ansia que xuntaron montes e moreas de xente. O de Zapatero e Rajoy devolveulle a TVE, sen ser a única cadea que o retransmitía, audiencias de cando non había outra. O de Touriño, Quintana e Feijoo na TVG tivo máis espectadores ca o fútbol. Para que logo digan que a política non interesa. Claro que os resultados foron outra cousa.

          A ver como é o deste luns, pero tanto o encontro Zapatero-Rajoy como o de Touriño-Quintana-Feijoo puidéronse ter feito na súa meirande parte gravando a cada participante polo seu lado, e logo ir montando os fragmentos de  cada un por temas. E cando se quentaron e comezaron a facer iso que agora se chama “interactuar” e que de sempre se chamou discutir, quedou patente que a nosa clase política non está afeita a argumentar. Do xeito de organizalos, tamén se desprende que os aparatos dos partidos nin confían demasiado na capacidade dos seus xefes, e xa postos a desconfiar, ninguén se fía da ecuanimidade dos periodistas, por non falar da dos medios. Os que se atreven a actuar moderadores están máis presionados que un adestrador que non alinee a Raúl, e para o que fan  e lles deixan facer, poderían ser perfectamente substituídos por un reloxo dos que se usan nas partidas de xadrez. E iso que os compañeiros encargados das previas quentan como poden o ambiente teimando ata a sobredose que estamos asistindo ou asistiremos a un feito histórico, e facendo crónicas de urxencias sobre as camisas e as garabatas dos protagonistas. Non digo eu darlle a contrata deste tipo de eventos a aqueles do Tomate, especialistas en erguer todo un mundo a base de parvadas e en construír personaxes duns infelices que arrastran maletas polos aeroportos ou se retratan ó entrar nunha festa, pero formatos do tipo Tengo una pregunta para usted ou mesmo 59 segundos (con periodistas menos frikis) funcionan mellor porque hai máis intención nas preguntas, e os políticos están máis estimulados.

          De todas formas, aínda que non atopei a ninguén que me dixera que viu os debates  amenos ou apaixonantes, o certo é que todo o mundo está encantado. Os políticos, obviamente, por ser o centro dun espectáculo mediático. A xente supoño que pola relativa vinganza de facelos pasar polo trago de loitar á vez contra o cronómetro, a garabata do rival e conter as ganas de tronzar o bolígrafo ou rascar o nariz. Como xa observou hai anos Frank Zappa, a política é departamento de espectáculos da industria.

 LA OPINIÓN, 1 de marzo de 2008

3 comentarios a “Debate ou Tomate”

  1. ghanito dixo:

    pois eu paseino moi ben co debate ZP-Rajoy, pero claro, seguino mentras o comentaba en casa pelachos

  2. sihomesi dixo:

    A min, as previas resúltanme tan estomagantes que tornan do debate en si

  3. manel vazquez dixo:

    eu entendía que a política estudiaba a organización da sociedade e os políticos se aplicaban na resolución dos problemas de todos. hoxe máis ca nunca a política deixou de ser política, agora é un producto que podes atopar na feira. os partidos véndena utilizando complicadas estratexias de marketing, iso é, nós vemos anuncios moitos anuncios pero pouca información sobre programas electorais ou xeitos de ver os problemas da xente. un mercado sen información é un mercado errado por iso eu voume pensar moito se sair a mercar o día 9.

Deixa un comentario