Mar 31 2008

Falar claro (outra de xitanos)

Categoria: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 10:53 am

Falar é o mellor para resolver as crises. Mesmo en mundos paralelos como o matrimonial se sabe que hai crise precisamente cando a parte feminina teima no clásico “Manolo, tenemos que hablar”. Pois igual no resto do universo humano, como acabamos de ver nunha chea de asuntos que eran problemáticos por non falar claro, e que deixaron de selo en canto se falou.

Os realoxos de chabolistas, por exemplo, estaba aproximándose a cotas Arde Missisippi (sen Gene Hackman que puxera as cousas no seu sitio) ata que a Vicepresidencia da Xunta saíu coa famosa proposta duns poboados provisionais, que a diferenza dos que hai agora, que en teoría tamén foron provisionais no seu tempo, estes foran provisionais-provisionais. Con presenza policial permanente e non intermitente, e de deseño e non vaicheboa como os que coñecemos (ben, non coñecemos pero oímos falar deles). Teño que recoñecer que así, de entrada, o proxecto non me pareceu grande cousa, aínda que polo menos era unha proposta no deserto de propostas sobre o asunto. Pero de alí a pouco, case todo o mundo estaba de acordo, incluído ese dirixente xitano que anda como o Dalai Lama, prometendo paz ou non. É máis, resultou ser idea orixinal da concellería de Asuntos Sociais, e mesmo o grupo municipal do PP sinalou que era o mesmiño que Esperanza Aguirre (ou foi Gallardón?, non sei se o precisaron, que non son tempos de pronunciarse) puxera en marcha en Madrid. Por se fose pouco, a responsable de Urbanismo dixo por fin e claramente o que algúns ata o momento soamente dicían polo baixo e entre dentes: a Novo Mesoiro, e a calquera lugar onde haxa vivendas sociais, irán todos aqueles cidadáns que acreditaran documentalmente –nóminas, declaracións do IRPF, etc- os requisitos necesarios para que lles adxudiquen un piso desas características, teñan a súa residencia actual en Penamoa e precisen unha casa, ou no Parrote e queiran cambiar de aires por desacordo co novo vecindario. Posiblemente aforrariamos moitos problemas de telo dito todo todos no seu momento, en lugar de non decir nada ou andar con secretos.

Claro que hai contraexemplos dos poderes curativos de falar. No caso de Mari Luz, a nena de Huelva morta presuntamente por un pederasta, o pai –xitano, por certo- foi un referente de sentido común. Aínda pasando as que estaba pasando, sempre pediu calma e non precipitarse a todo o mundo, desde os veciños ós medios de comunicación. Nin siquera cando soubo que o presunto asasino da filla estaba libre porque o sistema xudicial (expresión coa que se pretende dicir que non foi ninguén en concreto, e o que se di é que foron todos en xeral) esqueceu obrigalo a cumprir dúas condenas por delitos semellantes. Desgraciadamente, pouco importa que alguén fale se o que se escoita son berros de multitudes, estimuladas intelectualmente polos debates mediáticos ( “¿Qué haría si supiera que vive junto a un pederasta?”, dicía un titular), e fisicamente pola sobredose de protagonismo. En todo caso, sempre hai que pensar que se falando se organizou unha batalla campal triangular (veciños-policía-periodistas) cando o detido foi levado á presencia xudicial, imaxinen a que se montaría se tiveran funcionado os habituais megáfonos de pedir vinganza/xustiza.

(La Opinión de A Coruña, 29 de marzo de 2008)

4 comentarios a “Falar claro (outra de xitanos)”

  1. alvarez dixo:

    Bo artigo, pero non ten en contan que os asalariados de rentas baixas somos xente de armas tomar, sobre todo e por riba de todo, con os que cobran menos que nos. O noso argumento é asi de ruín: bastante estamos fodidos vivindo nunha merda de bairro, aturando problemas familiares e sociales, para que ainda veñan a amolar xitanos, moros, negros e zamoranos.
    Na niña parroquia tíñamos campamento xitano, en concreto a 200 metros da miña casa e, que se enteren estes de Pontevedra e da Cruña, nunca vivemos mais seguros que durante todos os anos que estiveron xunto a nos. A pena foi que tiveron que sair escopeteados pola lei xitana, eran dunha familia que escopeteou a outra nada menos que en Martorel, segun informou a tendeira. Problemas de ter unha cultura propia. ¿de que me sona a min iso?

  2. ana dixo:

    Sou eu de novo…
    Chamou-me atención este post,polo tema dos xitanos,tamén me din conta co pai de mari Luz,portou-se co educación e sentido común.
    En mi paróquia non hai campamento xitano,so unha família que vive sola,pero teñen o terreno moi limpo,os nenos escolarizados e notase que son xente séria.

    Bicos

  3. sihomesi dixo:

    Benvida Ana. Por certo, a frase-lema do teu blog é un clásico dun dos meus discos de referencia: Four Way Street (Crosby, Stills, Nash & YOUNG,1970) “Se non podes estar con quen amas, ama a quen está contigo”

  4. esedidió dixo:

    Hehehe…. observo con ledicia que, dende a última ghambada Fausto - Jose Mario Branco de hai tempo, ten vostede a precaución de botarlle un ollo ás carátulas antes de poñerse erudito :-)

Deixa un comentario