Abr 14 2008

O interesantes que son as desgrazas

Categoria: Matrix Press, Si home sisihomesi @ 9:06 pm

Como os acontecementos, por decisivos que sexan, veñen e van a unha velocidade que non dá nin tempo a apartarse e moito menos a entendelos, non sei si se acordan do das vacas tolas. Aquela crise da que estes días se volve falar, a conto das primeiras mortes humanas que orixinou. Entón sorprendérame un chisco que, descontado o natural rebumbio político, a atención mediática se centrara nas vacas e nos gandeiros, é dicir, nas consecuencias, e non tanto nas causas. Non sei de que me sorprendía, a verdade. Vai para cen anos ata un poeta, Paul Valery, dicía que “a política foi en principio a arte de impedir que a xente se metera no que lle importaba, e logo engadíuselle a arte de comprometer á xente a decidir sobre o que non entende”. Agora consiste en botarlle a culpa do que pasa, ou polo menos a responsabilidade, ós cidadáns. Coa nosa axuda inestimable. A dos periodistas.

A primeira pregunta que lle fixeron ó propietario de Parrula, a vaca que tivo a tráxica sorte de ser a primeira á que se lle detectou a encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) foi precisamente “¿qué piensos gastáis aquí?”. José Vázquez, o dono de Parrula, non contestou. “Que piensos lles vou dar ás vacas?, os que me venden!”, contábame despois, no medio da crise, un gandeiro de Bergantiños, con esa paradóxica mestura de indignación e resignación que se dá cando sabes que tés razón pero que tanto ten que a teñas. Eu tamén considero que luce mellor e ten moito máis interese humano o patrón estoico e a patroa chorosa que se quedan sen facenda, que o alto cargo da administración que tenta argumentar como fallaron os controis sanitarios, caso que os houbera. Pero os únicos que se lle botaban ó pescozo –figuradamente- ás autoridades responsables eran a oposición, e non os medios. No que eu recorde, tampouco presenciei entrevista ou declaración ningunha de representantes da industria dos pensos, desculpándose porque foran os avances tecnolóxicos para aforrar custes os causantes da epidemia.

Agora que se comezaron a producir os previsibles efectos daquelas causas, os que aparecen son científicos dicindo en 20 segundos ou nun par de frases que non pasa nada, e unha grea deses reporteiros dicharacheros que asaltan ás señoras nas carnicerías a preguntarlles se teñen medo de coller algo cos bistés de tenreira. Tampouco a estes colegas os teño visto preguntar ós clientes das hamburgueserías e antros de comida rápida se saben que mata ben máis xente o colesterol que a EEB. Eles non teñen a culpa, claro, e non o fan por mal. Por un lado, as autoridades e os fabricantes teñen gabinetes de relacións públicas que espantan as preguntas, e os gandeiros e as señoras non. E por outro lado, fan o que lles mandan os responsables desas redaccións que cren na existencia de seres mitolóxicos como os bois de Moaña (porque os textos de referencia que teñen do gando vacún son as cartas dos restaurantes que frecuentan en Madrid). Ademais, non hai nada tan interesante e tan pintoresco como as desgrazas. Que llo digan ó que redactou, nun suplemento deses de tendencias informáticas, unha referencia a un deseño de maleta plegable para eses indixentes que levan canda eles todo o que teñen. O autor do enxeño é un hispano-mexicano que traballou para Fiat e BMW, e posiblemente quixo encher o tempo ou mitigar algún remordemento argallando esa mestura de parvada e infamia. Pero quen redactou a referencia o que merecería é pasar un ano de representante comercial da tal maleta, pagado a comisión.

Xa dicía, tamén hai cen anos, un periodista, Ambrose Bierce: os reporteiros son xente que, a base de suposicións, ábrense camiño ata a verdade e logo dispérsana nunha tempestade de palabras.

Faro de Vigo, Día da República de 08

12 comentarios a “O interesantes que son as desgrazas”

  1. Avaristo Coné dixo:

    Moi bo artigo, si señor… Pero o que vostede conta é sabido. Está ben que os xornalistas entonen de cando en vez o “mea culpa”, o mesmo que o Benedicto recoñece a “mala xestión” dos escándalos de pederastia; pero máis alá do “recoñecemento” debería estar a acción. Vaise facer algo? Van os xornalistas a esixir unha mínima deontoloxía?
    Non llo creo. Penso que este -e outros- blogs serven de válvula de escape para certos remorsos, serven para quedar ben coa vosa propia conciencia, pero para nada máis. Non ides facer nada por mellorar, porque o negocio da información é iso, un negocio, e se os produtos non son axeitados para o consumo masivo axéitanse, adobíanse ou fabrícanse.
    Así de claro.
    E para iso precisades estudar unha carreira? Se soamente sodes vendedores de noticias!

  2. sihomesi dixo:

    O único que me satisfai da miña traxectoria profesional é que dei conseguido non ter problemas de conciencia, e non por carecer de conciencia. De mea culpa nada, vamos. Aló cada un coa súa. A maioría do que recolle este blog aparece en medios impresos, así que sihomesi.com pode ter que ver máis coa vaidade e coa necesidade do feed back que cun método de desaugar conciencias. O de vendedores de noticias non me parece ofensivo. É o que fan os medios de comunicación, no mellor dos casos. De proclamar a verdade xa se ocupan os curas e os moralistas.

  3. pailan dixo:

    FELISIDADES DE CANO

  4. Avaristo Coné dixo:

    Non pido aos xornalistas que proclamen a verdade, abóndame conque sexan honestos transmitindo a información. Para iso, en ocasións, teñen que informarse eles antes. Cousa que non facedes (ou que non fan, se non quere vostede a xeneralización).
    E o de “vendedor de noticias” non pretendía ser ofensivo. O de “negocio da información”, se cadra, si.
    Saúdos sempre respectuosos.

  5. María dixo:

    Pois xa me gustaría a min saber para quen é o negocio, porque os xornalistas non vemos un peso. Eu tamén durmo tranquila.

  6. María dixo:

    Por certo, felicitacións Pereiro, polas súas novas responsabilidades.

  7. sihomesi dixo:

    O negocio é sempre para os empresarios, económico ou de influencia. O de confundir ós traballadores coa empresa soamente pasa nos medios de comunicación, non sei se por vaidade dos xornalistas ou por inopia do público. Supoño que ós traballadores de Telefónica os colegas non se lle queixan do servicio que dá Movistar (ou si, agora que o penso)

  8. Félix dixo:

    Deste asunto habería que falar coa Thatcher, pois foi o seu goberno o “adiantado” da UE na autorización de utilizar restos animais na elaboración de piensos, nos primeiros anos setenta. A historia é moi longa e houbo moitos ollos “pechados” nas Administracións de case que todos os gobernos da Unión; logo –no mesmo senso que apunta o “post”– paréceme moi perigoso e surrealista examinar agora cun microscopio aos gandeiros galegos ou leoneses.
    (Por certo, Pereiro, noraboa polas novas responsabilidades no CXG)

  9. sihomesi dixo:

    Si, da contribución decisiva da Thatcher (non andabas ti daquela por aqueles sitios remotos?) falaba ó final do post anterior. (E do outro, graz(i)as).

  10. Francisco dixo:

    A TUBERCULOSE, A TOS E A PROFESORA
    (Xa sei que non corresponde ao tempa pero…)

    Estimado Xosé Manuel Pereiro:

    Permíteme, en primeiro lugar, que te tutee, a pesar de que non teño o pracer de coñecerte en persoa. O que ocorre que cando escoitas moitas veces a unha persoa falar pola radio, ou ler os seus artigos na prensa, identificándote con eles; e cando isto che resulta ademais na maioría das ocasións bastante agradable (adoito botar unhas risas cando escoito os teus agudos comentarios na Crónica da RG), pois o caso e que acabas empatizando coa esa persoa. Non quero pasarme en louvanzas nin cumpridos, pero teño que confesar que respeto e admiro o teu traballo.
    Supoño que será por iso, que cando abrín El Páis, vou sempre directo ás noticias do noso país, e lin o titular sobre a noticia do contaxio de tuberculose nunha gardería da Coruña, comprobando ademais que o autor da mesma era Xosé Manuel Pereiro, caeume, literalmente, a alma aos pés. Lamentablemente, no desenvolvemento da mesma, tamén lin cousas que realmente me amargaron o día de hoxe.
    Vouche relatar a miña experiencia persoal coa tuberculose, unha enfermidade, por certo, que non é a peste, e que ten como sabes un baixísimo índice de mortaldade no noso país; e que se cura con repouso e medicación nada máis.
    Unha persoa ben próxima a min colleu a enfermidade no verán de 2004. Evidentemente, tiven que facer as probas, e din positivo na tuberculina, aínda que non desenvolvín a enfermidade, polo que tiven que tomar un tratamento un par de meses con revisións e análises periódicas. A miña parella, como todas as persoas que desenvolven o mal, estivo en “corentena” durante un mes e medio (debía estar na casa, e se saía ao médico ou había algunha visita tiña que poñer unha mascariña); e debeu continuar co tratamento durante outros seis meses. Curou de todo, e cada ano debe facer unha revisión de control.
    Cóntoche isto, que seguramente xa coñecerás como bo periodista, porque afortunadamente dispoñemos dun Sistema Sanitario, que cando menos neste tipo de cousas, funciona como un reloxo (suízo), no fondo porque trata o problema como unha cuestión de “saúde pública” cun tratamento que a veces semella algo excesivo. Quizais o que pode ser máis complexo é que o médico ou médica de cabeceira detecte rapidamente o mal no paciente, pois ten síntomas que en principio se poden confundir como un simple catarro.

    A TOS E A PROFESORA
    Son profesor de Educación Secundaria, e pode ser que se mañá tuso moito, algún dos adolescentes que teño en clase, e que lese hoxe a noticia que redactaches me diga que me vaia mirar, por se teño tuberculose. Por suposto que son partidario de que os medios de comunicación nos informen, non nos enganen nin nos manipulen, pero, unha vez máis a profesión que desempeño, con moito sacrificio e traballo, pero tamén con ilusión (seguro que máis que moitos dos nenos e nenas que trato de sacar adiante, e os seus pais e nais tamén), volve aparecer nun titular, sentenciada, e sen xuízo previo.
    A desgraza é que no corpo da noticia a cousa non mellora. Como vai ir traballar a profesora cando lle diagnostican a enfermidade! E que non llo permiten as autoridades sanitarias! Por certo, autoridades que creo que actuaron coa celeridade debida (a tuberculose non é a meninxite), e que o luns seguinte estaban facendo probas ás persoas potencialmente contaxiadas.

    A TUBERCULOSE
    Seguramente esa profesora, como todas as persoas afectadas, tivo que poñer a mascariña, verdadeiro axóuxere de apestado, por outra banda necesaria e obrigatoria. Non sei na Coruña, pero no Clínico de Santiago, a consulta de Tuberculose está nun recuncho onde apenas hai consultas, e onde as mascariñas brancas “delatan” ao apestado, e só familiares e persoas achegadas se atreven a pasear por alí. Quéroche dicir tamén, que o trato dos profesionais dese Hospital é en todo momento exquisito e comprometido, colaborando decisivamente a levar mellor o mal, e a curalo, por suposto.

    Lamentablemente é así. Creo que, aínda que unha parte da noticia pretendía calmar e relativizar, a impresión que me queda, como lector non é esa. Como docente e como “afectado” , dun xeito ou doutro, sinto que non contribuíches a mellorar a consideración social que segue a haber dunha enfermidade, por desinformación e por prexuízos (algunhas persoas próximas á miña parella, que tiveron que facer a proba, reaccionaron “culpabilizándoa”, e finalmente nin siquera estaban contaxiadas. Igual que ti fixeches coa pobre señora. Creo que o peor que lle sucede a unha persoa que ten ou tivo tuberculose non é só a enfermidade, senón o sentimento de culpa que se lles mete dentro, tan dentro que teño a sensación de que non se lle vai nunca. Mentres non se demostre o contrario esa mestra é vítima dunha enfermidade, non culpable de nada.

    Nada máis. Seguirei escoitándote e léndote.

  11. sihomesi dixo:

    Home, as informacións redáctanse con bastante presa, pero non penso que nesa se me escapara dar a impresión de que se producira un drama. Da profesora non dei dato ningún, e o da tose foi en realidade o que a levou a irse mirar, coa sorte -si, sorte- de que ó haber folga, en urxencias lle fixeron unha placa en lugar de que o medico de cabeceira lle dera bisolvón. (A todo isto, que non se alporice ningún médico). Decir que foi a profesora non é acusala de nada, é simplemente un feito. E todos os entrevistados -quitado un pai queixoso que escoitei na RG- lle quitaban bastante ferro ó asunto, cousa que me sorprendeu agradablemente, porque o binomio nenos-enfermidades é temible informativamente. Efectivamente, a tuberculose, como a lepra, son enfermidades con peor prensa, ou literatura, do que son en realidade, pero se contas as cousas como consideras que pasaron, sen engadir morbo ningún, se hai alguén que se alarma é porque quere alarmarse.
    Ah, e moi agradecido.

  12. eduardo dixo:

    Noraboa, Pereiro. Aínda que da notícia publicada en De Luns a Venres só me quedou claro que presidias candidatura.

Deixa un comentario