Xuñ 30 2008

A rotonda como metáfora

Categoría: Si home sisihomesi @ 1:19 am

A rotonda é o símbolo de en que se ten convertido Galicia. Tiñamos moi claro cómo facer as cousas tradicionalmente, pero non temos resolto de todo como afrontar os novos usos. Os cruces dos camiños era lugares de descanso e referencia, e neles construíronse cruceiros. Os sitios onde confluían as carreteras estaban chamados a progresar como asentamentos de poboación, e o primeiro que xurdían eran os bares. Pola contra, nas rotondas, ese invento para axilizar e distribuír o tráfico, está prohibido parar, e nelas medran cousas. Cousas varias porque as rotondas, igual que outro fenómeno recente e emerxente, os tanatorios, non atoparon aínda o seu estilo definitorio. O estilo tanatorio persegue que ninguén o confunda cunha casa, nin tampouco cun bar, nin cun edificio público, sexa centro de saúde ou central de correos, e de momento vai asentándose como unha mestura entre panteón neoclásico e chalé exipcio. O estilo da rotonda, dentro de redondez obrigada, é vario, pero tamén deriva a que no medio lle poñan algo, normalmente o que lle peta/presta ó alcalde. Así, dando voltas, chegamos á rotonda de Nirvana, Perillo, Oleiros, onde o goberno local instalou o Che Guevara que vén nas camisetas, pero en releve e de 8 metros de altura.

Continuar lendo “A rotonda como metáfora”


Xuñ 26 2008

Galicia vs. Galiza

Categoría: El Paíssihomesi @ 1:59 pm

Escribín o que escribín, pero eu estou coa liña correcta (na páxina 4)


Xuñ 21 2008

Se esta é a Europa aquela…

Categoría: Si home sisihomesi @ 11:46 pm

O desengano forma parte da vida, e mesmo hai quen asegura que a porcentaxe de felicidade está en relación directa coa capacidade para asumilo. Que tanto che teñan as cousas cando non veñen dadas como querías, noutras palabras. A min iso de Europa non é que me parecese unha panacea, pero tendo en conta de quen estivemos dependendo toda a vida, agradecíase un certo grado de a civilización e de educación no que ten collida a vara por onde non manca. Pois considérenme non como un desenganado, nin tampouco como un deses chamados euroescépticos (que, no fondo, o que son son uns pailáns atrincheirados). Métanme directamente no saco dos cabreados. Nestes momentos non teño a man os ensaios de Camilo Nogueira Galiza na Unión. A porta atlántica, ou Europa, o continente pensado (nin a paciencia precisa, caso de telos) para que os argumentos do optimismo eurocamilista contrapesen as ganas de mandar ás institucións europeas a rañala por aí. Desapúntenme, vamos.

Continuar lendo “Se esta é a Europa aquela…”


Xuñ 19 2008

Al-Padron

Categoría: Kinopravdasihomesi @ 12:10 am

Morro, sinceridade, manga normativa ben ancha?


Xuñ 15 2008

As mentiras e as desigualdades

Categoría: Si home sisihomesi @ 9:44 pm

Teño que confesar que, ás veces, en ocasións moi contadas, pero nalgunhas, éntranme ganas de matar a alguén. Por exemplo, cando á última rutilante e despampanante estrela lle preguntan que máis odia neste mundo e responde, todo sincera: “la mentira”. Claro que si, muller, debe ser gravísimo que lle preguntes a alguén que tal che senta o último bolso de Prada e che diga que moi ben, cando parece que o que levas na man é o resultado de cumprir un dos deberes cívicos de ter can. Non, prenda. O problema sempre foron as desigualdades, ou máis concretamente, as desigualdades abismais.

Continuar lendo “As mentiras e as desigualdades”


Xuñ 11 2008

Esquirol

Categoría: Kinopravdasihomesi @ 10:16 pm

Octavilla contra un arrastreiro do Gran Sol que non quixo secundar a folga e avariou en alta mar

(Dársena de Oza, 9/6/08)


Xuñ 10 2008

Os paus da luz

Categoría: Si home sisihomesi @ 11:51 pm

Hai unha chea de cousas que non acabo de entender de todo, ou máis ben non entendo nada. Pero das que menos, as que teñen que ver coa enerxía. Non da enerxía vital, senón da enerxía pola que cobran. A razón de por qué a enerxía eléctrica, que hoxe en día é un servizo público tanto ou máis necesario ca outros, é un negocio privado. Un negociazo, ou un negocísimo, que se fai con recursos aínda máis que públicos, como a auga ou o aire. A produción eléctrica foi sempre un asunto de Estado tal que se impuxeron as instalacións onde e como se quixo antes, hai pouco e mesmo agora (en Navia de Suarna levan medio século entre que se quedan baixo da auga ou non). Dos eólicos xa nin falamos.

Continuar lendo “Os paus da luz”


Xuñ 09 2008

Os Xerais

Categoría: Non sei eu..., Xeralsihomesi @ 2:23 pm

Non sei como será o acto de entrega dos premios Xerais para os premiados, e se os finalistas se desapuntan no último momento, e esas cousas. Pero desde que se celebran en San Simón ademáis de ter un certo regusto a aquelas “xiras” culturais dos tempos da República (polo menos do que lin que eran). levan camiño de converterse nun deses acontecementos que se fan tradición en pouco tempo. Tradición a presenza de Beiras e Camilo (que nesta ocasión, compartiron o banco primeiro na cuberta superior do barco, tanto na ida como na volta). A maioría de mulleres entre as gañadoras. O gaiteiro tipo primixenio. Un grupo de Panxón, principalmente feminino, capitaneado polo fotógrafo Magar, que rabean por cantar. O moi animado séquito de María Xosé Queizán. Pawley destilando similar acidez á dos seus posts. Docampo ídem. Os modelos, desde as camisetas [a da foto pon Sa Martín de Trevelles. Ondi se fala falego (Caciris)] ós traxes de gala.

Este ano, as novidades foron a -de novo- bonhomía de Agustín Fernández Paz, a impresión estraña que teño vendo a Fran Alonso fóra da auga, as patillas de Bragado, entre Ferrín e Tom Jones, e Bernardino Graña (”rioja”, espetaba estricando o vaso en canto se achegaba ó mostrador) como planeta arredor do que xiraban unha chea de satélites. Tamén a posible estampida tipo “fuxida de Saigón” que puido provocar Margarita Ledo (non sei se na faceta de académica ou de nacionalpremiada) propagando a falsa alarma de que xa había unha tremenda cola para o barco de volta.

Polo demais, como eu non son crítico (literario) felicidades e cada seu bico á Mar e Marilar, amigas as dúas.

[Foto do autor e da sherpa viguesa, by María Bragado]


Xuñ 05 2008

Día do Orgullo Pailán

Categoría: El Paíssihomesi @ 11:41 am

A columna de EL PAIS, que non deixa de ser unha ranciada disimulada baixo o título Vergüenzas sin fronteras


Xuñ 02 2008

Publicidade

Categoría: Si home sisihomesi @ 11:59 am


A publicidade da era industrial viña consistindo en vender produtos /ou promocionar servizos. Segundo os vagos recordos que teño en xeral da maior parte do que estudei, e en concreto disto da publicidade, había técnicas como a Proposta Única de Venda (Unique Selling Proposition, USP) que consistía en destacar un elemento específico ou propiedade distinta dun producto sobre os da competencia, servise pra algo ou non (aquela marca de dentífrico que alardeaba de levar hexaclorofeno, que logo resultou ser nocivo). Hoxe esa visión cambiou e a publicidade o que fai é estimular o amor polas marcas e a identificación con elas, e crear novos estilos de vida. Debe ser por iso que non acabo de entendela.

Continuar lendo “Publicidade”