Xuñ 10 2008
Os paus da luz
Hai unha chea de cousas que non acabo de entender de todo, ou máis ben non entendo nada. Pero das que menos, as que teñen que ver coa enerxía. Non da enerxía vital, senón da enerxía pola que cobran. A razón de por qué a enerxía eléctrica, que hoxe en día é un servizo público tanto ou máis necesario ca outros, é un negocio privado. Un negociazo, ou un negocísimo, que se fai con recursos aínda máis que públicos, como a auga ou o aire. A produción eléctrica foi sempre un asunto de Estado tal que se impuxeron as instalacións onde e como se quixo antes, hai pouco e mesmo agora (en Navia de Suarna levan medio século entre que se quedan baixo da auga ou non). Dos eólicos xa nin falamos.
Quero dicir que non vexo moita diferenza entre subministrar enerxía a unha sociedade ou equipala con vías de comunicación e transporte. Pero no primeiro dos casos, o único pito que lle queda tocar ó Estado é facer que fai e aparentar que se pon duro e soamente permite que suban as tarifas dúas veces o incremento do IPC. Parece ser que xa se implantou a competencia no sector, pero para min que a única conquista social real neste ámbito foi a obriga de que se detallara o recibo da luz e deixaran de facer como eses restaurantes de confianza (da que ti tés neles) nos que che cantan o que hai, e logo contan e cobran a ollo. Foi case unha revolución. Como o descanso semanal ou a xornada de oito horas, vamos. Non é raro que houbera resistencia. Así coñecemos estraños conceptos como que nos alugan o contador, un aparato que necesitan as compañías para saber canta electricidade che dan. Por min, non mo poñan, alá eles. (Oia, que é pouco máis que un euro, dirán, pero xa firmaba eu que me deran un euro por cada un de vostedes que le esta columna).
Agora, compañías esas que van amañar o futuro da humanidade a base de ter máis beneficios cada exercicio conseguiron do Goberno que nos defende arrearnos unha suba de agárrate. Xa conseguiran antes, non sei quen de quen, e en base a que, que a todos aqueles que convenceran de que gastaron un pastón nuns aparatos que podían usar de noite e electricidade máis barata, agora van ter que comer os aparatos con tarifa normal. Pero todo con medidas sociais. Eu en canto escoito o das medidas sociais, agacho a cabeza e boto man a carteira. En primeiro lugar porque subxectivamente non son obxectivo de medidas sociais nin obxectivamente me consideran suxeito axudable. Pero en segundo lugar porque cando anuncian medidas sociais é para contraprogramar outro tipo de medidas que non lle chaman así, pero que son antisociais. Antisocial é subir a luz, pero non é social facerlle unha rebaixiña a quen precisa menos de X potencia. Porque lla fan a un rico que viva só e non a unha familia numerosa, porque non se precisa a mesma potencia nun clima frío que nun cálido, e sobre todo porque non é que as eléctricas deixen de cobrar esa cantidade: é que llela imos pagar todos. Para variar.
(Faro de Vigo, 9 de xuño de 2008)


o 11 de Xuño, 2008 ás 5:43 pm
Frase para a reflexión (que non necesariamente certa) dun tertuliano televisivo:
“Os mesmos que hai uns anos fixeron subir o precio da vivenda, metéronse despois no sector eléctrico e, apenas un ano despóis, xa están a facer que suba tamén a electricidade.”
A enerxía, o transporte e a alimentación (a producción e distribución, non o que come cada un, claro) deberían estar controlados polo estado, claro que sí, pero non vou ser eu quen llo diga, non vaia ser que me chamen comunista, ou algo así.
o 11 de Xuño, 2008 ás 7:48 pm
Ve vostede,caro eSedidió,non hai que preocuparse por unha deriva people(que din os franceses),pola tentación do famoseo(que din agora),ou polo de querer figurar na caixa dos mistos(que dicía sempre miña nai)
sHs é un blog coa máxima garantía e de xente con conciencia social….
o 11 de Xuño, 2008 ás 7:55 pm
Non sei eu…. isto apesta a gauche divine….. E, ainda por riba, anda enredando para que nos suban a luz aos que vivimos sós….
o 11 de Xuño, 2008 ás 10:04 pm
Para afondar nas antisospeitas, direi que o dos paus da luz, ademais do seu doble sentido, é unha homenaxe a un tipo dun lugar chamado Piñeiro de Anos, aló por Bergantiños, que para demostrarme o mal que estaba o servizo eléctrico na súa aldea, colleu o pau da luz de onde viña a acometida, e abaneouno cunha mao soa como se fose unha vara das fabas, tendido e cableado incluido, claro.
o 12 de Xuño, 2008 ás 12:37 pm
Si señor!O POBO UNIDO XAMA….
Q conste q non quero facer de comisario polìtico,nin tan sequera de ideòlogo deste revolucionario e popular blog.
Hai que seguir escarabellando:baixo os croios està a praia…….Màis q nada porque por alà vai moito sol e non hai q facer ghasto en electricidade.
o 12 de Xuño, 2008 ás 3:36 pm
Sr. eSedidio: “isto apesta a gauche divine”. Eu vivo no autoengano pero vostede, faga o favor, non milite no “autentico” que para iso xa temos o seu benquerido Manu Chao, según lein nalgunha referencia que dil fixo nun anterior post.
Sr. Sihomesi, o meu pesar sigue vostede acertando e ademais de pleno. Anotese un dez …
o 12 de Xuño, 2008 ás 8:24 pm
Joder, sr. alvarez, ou eu non atino co punto sarcástico ou vostede anda un pouquiño espeso… será efecto da lei concursal?
o 14 de Xuño, 2008 ás 2:09 pm
O verdadeiro problema enerxético que temos ven do petróleo, pero verémolo espallarse a todos os eidos da enerxía e do economía. Xa empezou a costa abaixo! Agárrense!!
o 14 de Xuño, 2008 ás 9:24 pm
Sr. eSedidió: xa o fillo pequeno dime que non vou para vello,é que xa sou un puto vello, co cal non me faga moito caso.