Progresismos
Lamento non ter noutra nesta ocasión que ir a favor de corrente e non poder deixar claro unha vez máis que son un tipo rabudo e insatisfeito, facendo unha demostración de heterodoxia, pero se as políticas e os xestos que está a facer o Goberno é progresismo, que o demo me leve (non se me alegre, estimada sogra, que como moito, para a semana xa se me pasa). Non vou cair na demagoxia de mencionar o que pensaría Pablo Iglesias se levantara a cabeza, pero non debe dar crédito ó que está pasando nin Carlos Solchaga, aquel home pequeno que constituía un exemplo grande do que era a socialdemocracia tirando a neoliberal.
Primeiro foi aquilo dos 2.500 euros por neno. Claro, como aquí non estamos afeitos a políticas de apoio á familia (á familia con fillos, non como institución sagrada e intocable), os santiños estes pensan que estas cousas se amañan dando cartos e non facendo garderías públicas, pensei. Logo veu o dos 400 euros a todo quisque en época preelectoral, e xa empezou a cheirar a cousa. Porque por moito que pensen os que participan ou consumen discusións televisivas nas que proliferan argumentos como “¡Mi opinión vale tanto como la de los demás!”, o avanzado non é tomar medidas iguais para todos, senón tendo en conta, como dixo un vello hai tempo, “a cada un segundo as súas necesidades, de cada un segundo as súas capacidades”. A situación virou a completamente fedorenta co apoio dos eurodeputados do PSOE (quitado os do PSC) á directiva europea chamada do retorno, que en realidade, como todas as infamias que se sabe que o son, bautízanse contrariamente ó que significan: poder encerrar ano e medio a calquera inmigrante que non se mostre entusiasmado en retornar a de ónde escapou.
Agora resulta que o noso executivo progresista vai tomar medidas na crise inmobiliaria, comprándolle terreos ós grandes grupos caídos en desgracia económica. Seica coa encomiable intención de facer vivendas sociais. Os grupos eses chegaron a ser grandes, fundamentalmente, facéndose cunha chea de terreos baratos, e logo téndoos parados á espera de que o mercado e/ou as vías de comunicación públicas (a Transcantábrica, por exemplo), cando non as decisións urbanísticas á marbellí, ou mediante a figura do “axente urbanizador” (un inmobiliario con licencia legal para cumprir un obxectivo construtor polo método que lle pete) os convertesen en solares. Moito do que se construía era para segunda vivenda de xente que xa tiña unha primeira, ou para quen non sabía de sitio mellor e máis seguro onde meter os aforros, ou tiña diñeiro sobre que tanto lle tiña compralas unha a unha ou de dez en dez. Pero tamén había moita xente que necesitaba a casa para vivir nela, e que si se aventuraba a pagar a animalada que custaba era porque os cartos estaban baratos, e de aluguer pagabas o mesmo.
Pois é agora, cando se desincha o globo inmobiliario (tampouco de todo, e se non xa o verán) é cando o goberno se acorda de que fan falta vivendas sociais. Cando hai que acudir en axuda dos solartenientes, e facelo para crear máis campos de golf quedaría feo. Quizais a “progresismo” lle estea pasando como lle pasou a “liberal”, que significa todo o contrario do que significou.
(para sábado, 26 de xullo de 08)



É que «todos son iguais»: ao chegaren ao poder, miran o que lles interese máis e logo poñen o nome que cadre máis a modo coa sua teórica ideoloxía.
A historia de sempre. Ó final darannos a razón aos que non votamos, non porque pasemos do sistema senón porque non hai alternativas, nin siquera o voto en branco, que sempre é logo un voto para alguén.
Fauve
30 Xul 08 at 9:35 p.m.
Sr.Fauve: Perdome por non estar de acordo con vostede. Se non encontra a quen votar no panorama electoral galego ou español e que vostede eche un pouco repunantiño como decimos polo sul.
As opinions son como os refrescos, agora que estamos neste vran poalleiro, a maioria gostalle a Cocacola ou a Psicola, e as minorias gostannos o trina, fanta, aquarius, casera, a alguns mais raros, gostamos de coller uns limons, exprimilos e mezclalos, en principio e sejun a hora do día, coa augiña do grifo.
Anímese vostede, lea os clásicos das distintas ideoloxias, e o mellor acaba votando o PP ou o PSOE, que é onde acaban votando todos os que opinan como vostede.Ou non vote, tanto ten.
Por certo, Sr. Sihomesí,¿ poderei leelo no novo Xornal de Galicia?
alvarez
31 Xul 08 at 5:28 p.m.
Fauve: Polo que recordo ter lido, a abstención é en realidade unha opción que matemáticamente favorece ó partido máis votado. O branco favorece o reparto. Pero pódome equivocar. Eu non lle dou tanta importancia ó meu voto como para gardarmo.
Álvarez: Fauve penso que é sra. Do que me di de ler aquí ou acolá, non sei nada, pero si que me teño que plantear baixar o pistón, non subilo.
sihomesi
31 Xul 08 at 6:00 p.m.
Perdón polo de Sr., Dona Fauve. Sr.Sihomesi, deixese de milindradas e a traballar e a aforrar, que os picariños non paran de dar gastos e non lle digo nada cando empecen como os meus que con 13 e 16 anos xa estan en plena época de pijo-marcas.A ruina de Palmira!!
alvarez
31 Xul 08 at 7:09 p.m.
que me vai contar a min de marcas, que un día escapouseme preguntarlle ó maior se estaba esponsorizado, porque tiña e mesma marca en enorme na camiseta e na perneira do pantalón
sihomesi
1 Ago 08 at 10:01 a.m.
Ten vostede razón.Vai ser que o tempo deixa sen forzas o impulso amatorio e tamén o impulso político progresista.Seguro que hoxe Žižek non piaría tanto a súa admiración ó leninismo zapateril.De todos os xeitos,Fauve,todos son iguais,pero algúns menos iguais ca outros,e de Agag a Borrell aínda vai unha carreiriña de can.
O que me preocupa,logo de ler o artigo de Martinsa e o remate deste,é a irreductible rabudez de sHs fronte ó centrismo liberal.Para facer fortuna política(e tamén da outra),debería,caro sHs, aprender de corrido A Sociedade Aberta,A Acción Humana,Camiño de Servidumbre e ,last but not least,os comentarios do benquerido camarada(caladiño nestes últimos tempos)eSedidió.
Alfonso Pardo
2 Ago 08 at 12:11 p.m.
Por certo… «para todo quisque»… pero eu non vos debo ser quisque deses, porque non os vin por ningures!
PP=PSOE, como Demócratas=Republicanos (vid. Chomsky), o mesmo partido, con dúas caras.
Casdeiro
2 Ago 08 at 1:00 p.m.
Ghei? u-lo meu anterior comentario? Non foi publicado porque contiña unha ligazón, ou? >:-(
Eu decíalle a Fauve que as alternativas, haber hainas. Só fai falla ter un pouco de ganas de as buscarmos. Para mostra un botón: busca acerca da Democracia Directa na Wikipedia
Casdeiro
2 Ago 08 at 1:01 p.m.
Xa vemos a onde lles leva ese pseudo-progresismo aos do Partido Supostamente Obreiro Español: o barómetro CIS xa os pon en empate técnico co PP. E aínda non tocamos fondo coa crise!!!
Casdeiro
2 Ago 08 at 1:08 p.m.