Arquivo Outubro 13th, 2008
O debate Della Rovere
En 1959 Roberto Rossellini dirixiu El general Della Rovere,protagonizada por Vittorio De Sica. Estaba, como se di agora, baseada en feitos reais. Os nazis que tiñan a Italia collida do pescozo coa axuda de Mussolini, convenceron a un preso común, un ladrón pillabán de pouca monta, de que se fixese pasar no cárcere polo xeneral Della Rovere, un militar monárquico, mito da resistencia antifascista, e lles fixese de espía. O pillabán, De Sica, acepta e vaise metendo no papel, axudado polo recoñecemento que recibe dos outros presos. Tanto se mete, que acaba adoptando o carácter firme e as posturas políticas que serían propias da personaxe suplantada. Consecuentemente, os alemáns fusílano. Para os que non seguiron o debate do estado da autonomía, e máis os que escoitaron falar del e mesmo aqueles que viron cachos, teñen nesta sinopse unha mostra do que pasou, ou máis ben de como rematou, porque o debate en si, a altura que tivo foi a de Torrente 2, pero sen chistes.


