si home si

"É unha pena que a estupidez non doa" (Anton LaVey)

O debate Della Rovere

4 comentarios

En 1959 Roberto Rossellini dirixiu El general Della Rovere,protagonizada por Vittorio De Sica. Estaba, como se di agora, baseada en feitos reais. Os nazis que tiñan a Italia collida do pescozo coa axuda de Mussolini, convenceron a un preso común, un ladrón pillabán de pouca monta, de que se fixese pasar no cárcere polo xeneral Della Rovere, un militar monárquico, mito da resistencia antifascista, e lles fixese de espía. O pillabán, De Sica, acepta e vaise metendo no papel, axudado polo recoñecemento que recibe dos outros presos. Tanto se mete, que acaba adoptando o carácter firme e as posturas políticas que serían propias da personaxe suplantada. Consecuentemente, os alemáns fusílano. Para os que non seguiron o debate do estado da autonomía, e máis os que escoitaron falar del e mesmo aqueles que viron cachos, teñen nesta sinopse unha mostra do que pasou, ou máis ben de como rematou, porque o debate en si, a altura que tivo foi a de Torrente 2, pero sen chistes.

En efecto, o debate foi o habitual reconto de logros do equipo de goberno, en casos coma este adobiado pola comparación do mal que o fixeron os que estaban antes, mentres a oposición acusa ós que están no poder de falta de realismo e de non pensar na xente. Pode ser certo todo, menos que o de que non pensen na xente. Os electores son sempre o obxecto pasivo. Pero ó final, non sei se porque todos tanta oferta fixeron de diálogo cos outros, e tanta mostra de talante exhibiron, que se produciu un acordo grande imprevisto e varios pequenos máis previsibles: O PP condenou, por primeira vez que eu recorde nunha cámara parlamentaria,o franquismo, as súas obras e sobre todo as súas pompas que aínda quedan ciscadas por aí, sobre todo na Coruña.

Un acordo imprevisto para todos, e probablemente para quen máis para o deputado Carlos Negreira, por moito que estea situado á dereita –falo simbólica, non politicamente- do xefe Feijoo. Dous días antes, que non son nada incluso en política, o grupo municipal que capitanea Negreira no Concello da Coruña negaba o seu apoio á proposta de comezar o proceso de desfranquización da Coruña (das rúas), escudándose en algo tan peregrino como que en 1936 aínda non era Franco xefe do Estado. Iso recórdame o caso dun amigo canario, Óscar, que se queixaba de ser o último militante do PCE detido por ondear unha bandeira da República… ignorando que horas antes Santiago Carrillo dera a súa aceptación á bandeira monárquica. Claro que Negreira non foi o único trasacordado en María Pita. O grupo socialista fixo a proposta de iniciar o proceso, logo de anos de rexeitar que se debía realizar. Tanta paixón puxo o portavoz, Miguel González Garcés, na defensa do asunto e no pioneiro que fora o goberno local no recoñecemento das vítimas, que incluíu entre os represaliados ós que se honrou dándolle unha rúa a Valle Inclán, que se adiantou ás posibles represalias falecendo de morte natural seis meses antes de que empezaran.

O acordo no Parlamento, que periodísticamente –e sólo periodísticamente- podemos cualificar de histórico, non deixa de ser unha certa corrección dunha anomalía si claramente histórica (que parte da clase política se declare equidistante entre unha ditadura e o réxime que eliminou). Outros, como declarar que hai que avanzar na normalización lingüística que se aprobara por unanimidade estando a agora oposición no poder, pégame que ó que se vai parecer máis e a La guerra de los Rose (aquela do matrimonio que non se reconciliaron nin  de mortos) que a outra cousa.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, 10 de outubro de 2008)

Escrito por sihomesi

13 de Outubro, 2008 ás 1:20 p.m.

Gardado en Si home si

4 Comentarios to 'O debate Della Rovere'

RSS dos comentarios

  1. Gran película a do xeneral Della Rovere. Aínda que só a vin unha vez, é destas que quedan (para ben) na memoria.

    Un apunte: Miguel Gonzalez Garcés era o pai, Carlos González Garcés é o fillo.

    mourullo

    13 Out 08 at 6:57 p.m.

  2. Non me mate que puxen Miguel. Menos mal que os bot están a todas. Na noticia correspondente de El País tamén lle chamei a Juan Carlos «presidente do Estado».

    sihomesi

    13 Out 08 at 9:44 p.m.

  3. A ver si podo deixar de dicir que vivo en Catro Camiños pola vergoña que me da dicir General Sanjurjo…

  4. Non hai que avergonzarse do que non é culpa propia… quitado que tomase decisións electorais incorrectas nos últimos anos.

    sihomesi

    16 Out 08 at 12:20 a.m.

Deixa un comentario

Switch to our mobile site