si home si

"El gallego no es ni un idioma, fue un invento de Pepe Domingo Castaño" (Intereconomía)

Gana Obama?

5 comentarios

Eu tamén penso que vai saír Barak Obama, naturalmente. Hai que ser un conservador moi encalecido (ata Fraga aposta por Obama) ou un antisistema moi disparatado para querer que gane McCain. Claro que estamos en Europa, e desde aquí vense as cousas doutra maneira, como á espera de recibir un labazada ou unha caricia do irmao maior. De aí que falemos do tema. E todos preferimos que non sexa labazada. Pero alí, onde as dan, as cousas son distintas, ademais de raras.

En primeiro lugar, os cartos. Desde que vin, na praza Damn de Amsterdan, uns paneis onde se pegaban os carteis dos distintos partidos como a única traza de que se estaba nunha campaña electoral, comprendín que deste lado do mar entendemos que o xogo limpo electoral será tanto máis limpo canto máis iguais sexan as armas. Enfronte supoño que se pensa que se alguén non dá xuntado cartos -é decir, vontades, confianza- para facer unha campaña multimillonaria, qué porra de presidente do país máis importante do mundo, e do mundo enteiro xa postos, vai ser un tipo do que non se fían nin lle fían. O segundo, o moito que representan os candidatos, e a forma tan curiosa en como o representan. Está claro que o martes que ven enfróntanse non tanto dúas maneiras de ver o mundo, tal e como o vemos ou queremos ver aquí, senón dúas persoas moi distintas que simbolizan mundos distintos, pero que no fondo non penso que farían unha política moi diferente.

Pero sobre de todo é completamente allea ós nosos usos electorais esa personalización absoluta do fenómeno político. Barak Obama non ganou a designación demócrata pola súa preparación, ou porque non había outro -que é o que adoita pasar aquí- senón porque mostrou unha personalidade esmagadora e seductora. A McCain non sei porque o elixiron -supoño que, ademais dun heroe de guerra, era o menos identificable con Bush, probablemete o presidente dos Estados Unidos a quen peor xulgará a historia-, pero é abraiante o sistema co que escolleu ó seu socio do que alí chaman ticket. A Sarah Palin elixiuna non porque soubera, senón porque era un fenómeno novo. Tan fenómeno e tan novo que se está revelando como un desastre para a campaña, pero xa está preparando -din- a súa carreira como candidata presidencial para dentro de catro anos. Nese lapso de tempo converterase definitivamente nunha superstar, que é do que se trata.

A personalización non é soamente dos candidatos, senón que acada extremos como a aparición en escena de Joe o Fontaneiro, e ultimamente Tito o Contratista, símbolos virtuais que se encarnan en seres reais, como se a nena de Rajoy -non sei si se acordan, queda todo tan lonxe- se chamase Nievitas ou Yerai e fose de Villaviciosa de Odón, e interviñera de teloneira nos mitins do PP. No que si nos parecemos é no valor relativo que lle damos ás enquisas. Obama gana por dez ou doce puntos, pero tamén aquí nas últimas autonómicas a Fraga dáballe 33 ou 34 e sacou 37. Iso quere dicir -ademais de que en todas partes cocen fabas- que o cidadán enquisado está cada vez máis avisado, ou non quere quedar mal opinando o contrario do que pensa que opina a maioría, ou do que está ben opinar. Ou sexa que non sei. Soamente que se vai o tipo ese que parecía parvo e resultou ser malo. Outra vez en que, se non alegría, polo menos haberá alivio.

(Faro de Vigo, 3 de novembro de 08)

Escrito por sihomesi

3 de Novembro, 2008 ás 11:17 a.m.

Gardado en Si home si

5 Comentarios to 'Gana Obama?'

RSS dos comentarios

  1. O máis importante pra min ao respecto da elección presidencial nos Estados Unidos de América é a evidencia de que a pesares do noso antimericanismo (as enquisas din que somos un dos países máis antiamericanos de Europa) o irmán maior (que non máis vello)exerce sobre nos unha fascinación co seu xeito de vivir, de actuar, de ser que nos engaiola loucamente. Tanto que ferve en nos o desexo de que gane “o noso Obama” pese a que “…no fondo non penso que farían unha política moi diferente.”

    Ao fin, eu síntome fatalmente atraido por os “loser” (merda, estou posuído pola linguaxe ianqui dos telefilmes), pra min isto é como o partido do domingo e casi sempre confio na sorpresa contra do favorito.
    A diferencia en votos non é importante, o importante é os lugares onde se produce (GW Bush tivo menos votos nas últimas, creo), e o efecto Bradley ese vai funcionar máis do previsto. Saberémolo cedo. En Florida a victoria republicana é segura. Se consegue ganar en outros estados do leste dubidosos coma Ohio, Georgia, N. Caroline e Indiana, ganará McCain.

    Saudiños agoiros.

    Chuzas

    4 Nov 08 at 11:54 p.m.

  2. Menos mal que a súa querencia “loser” quedou en querencia…

    sihomesi

    5 Nov 08 at 10:16 a.m.

  3. Non me sexa tan retranqueiro, sihomesi. Era só unha aposta temeraria do típico “loser”. Pra xogar sempre ten que haber algún vaqueiro. Se todos nos travestiramos de indios (ou negros)non habería xogo. Por certo, naqueles contos da miña infancia sempre me identificaba co explorador indio ao servizo dos soldados. Desprezado por estes e renegado para os outros. Quizáis me gustaba porque tentaba participar nos dous mundos e non atopaba acougo en ningún. Nunca me sentín cómodo cas explicacións simplistas e o maniqueismo facilón de bos e malos. Xa ve, a cousa ven de vello.

    O que me amola e ter botado por fora estrepitosamente o penalty na Florida. O símil domingueiro co noso aburrido futebol non era nada axeitado. Debín telo en conta.

    De calquera forma, as esperanzas as que aferrarse que eu propuña para os republicáns tampouco lle tiveran dado resultado. Según estou vendo, Ohio quedou lonxe para McCain, en Indiana perdeu e N. Caroline non ten ainda resultados definitivos. Ao fin, ainda ganando na Florida, Ohio, Indiana, N. Caroline e Georgia, no que eu baseaba as posibilidades para o vello, tería perdido igualmente. O oficio de augur semella que non é o meu.

    Esperemos que sexa para ben. Quizais este país, que é coma un rapaz: tan dinámico, fachendoso e violento como forte, idealista e xeneroso, por contraste ca acomplexada, temerosa, resignada e esclerótica Europa, baixo a presidencia de Obama, sexa quen de iniciar un camiño cara un mundo mellor en moitos sentidos, que boa falta lle fai.

    Queira Breogán que este home supere aquel noso escepticismo: “…pero que no fondo non penso que farían unha política moi diferente.”
    E digo, con todos eses tolos americáns: God bless Obama. God bless United States of América.

    Saúdos

    Chuzas

    5 Nov 08 at 10:06 p.m.

  4. Pois Palin creo eu que non foi tan desastrosa prá súa campaña (falo por falar) e dáme no fío do lombo que lle pasa un pouco como a Gallardón. É dicir, cantas persoas que realmente ían votar por McCain trasacordaron por culpa da Palin? Eses que din que votaron a Obama por culpa da Palin non son os mesmos que din que votarían por Gallardón se se presentase a presidente, pero que mentres tanto votan PSOE?

    Cesare

    5 Nov 08 at 11:25 p.m.

  5. Home, a bote pronto e falando por falar (e polo que se le por aí adiante), todo o que non suma, resta.

    sihomesi

    6 Nov 08 at 3:38 p.m.

Deixa un comentario

Switch to our mobile site